O certame ecolóxico máis grande do mundo celebra o seu 25 aniversario O Craega asistiu á edición de 2014 de BioFach, celebrada do 12 ao 15 de febreiro en Nuremberg (Alemaña), con cinco empresas galegas e a visita do secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e do secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro.
O
sector ecolóxico internacional reúnese unha vez ao ano con motivo de BioFach, a feira líder mundial de alimentos ecolóxicos, que se celebra na cidade alemá de Nuremberg. Desta volta, BioFach conmemoraba o 25 aniversario da súa creación amosando o desenvolvemento que está acadando a produción ecolóxica certificada. Do 12 ao 15 de febreiro, este salón e mais o de cosmética ecolóxica Vivaness reuniron máis de 2.200 expositores chegados de 76 países dos cinco continentes, e máis de 42.000 visitantes profesionais procedentes de 134 países, nun evento que ocupou 78.000 metros cadrados de superficie. BioFach naceu ao abeiro de IFOAM, a Federación Mundial de Movementos Orgánicos, que xunta a organismos e entidades certificadoras dun cento de países. O 25 aniversario da súa feira mundial de referencia serviu para referendar que a tendencia ecolóxica é duradeira.
As cifras do ecolóxico Manuel Cruz Director de O Agro-Labranza
Na actualidade, 37 millóns de hectáreas son cultivadas baixo os criterios da agricultura ecolóxica certificada, en 164 países dos 198 que hai na Terra. A elas habería que engadir outros 31
millóns de hectáreas de terras non agrarias nas que se practica a recolección salvaxe. Por países, Australia é o que ten unha maior superficie certificada como ecolóxica, 12 millóns de hectáreas, seguida da Arxentina, con 3.600.000, e os Estados Unidos, con máis de 2 millóns de hectáreas. Malia todo, estas terras son apenas o un por cento de toda a superficie agraria mundial, polo que aínda queda moito camiño por percorrer. Os expertos reunidos en BioFach coincidiron en que para seguir acadando un crecemento estable en todos os países é necesario promover liñas de axuda desde os ámbitos públicos para facilitarlles as cousas aos agricultores que queren converter as súas terras a cultivo ecolóxico e para seguir apoiando a aqueles que xa deron este paso. As cifras de negocio da agricultura ecolóxica están a avalar as decisións destes agricultores: as vendas de produtos eco chegaron a mover o ano pasado máis de 50.000 millóns de euros a nivel global en transaccións comerciais. A demanda mundial non se viu tan afectada pola crise económica dos últimos anos coma noutros sectores. O crecente compromiso da xente de todo o mundo coa ecoloxía e a sustentabilidade está a ter un efecto positivo no posicionamento destes CRAEGA
> 3