8 minute read

Equipos

Next Article
Conselleiro

Conselleiro

Tornamos de novo á edición en papel da nosa revista Andaina! Esperemos que esto sexa sinal de que pouco a pouco, poidamos regresar á verdadeira normalidade no noso colexio e na vida de todos e todas.

Este curso contamos cunha auxiliar de conversa nada máis e nada menos que da India! Chámase Roopa, ven dende Nova Delhi e estivo colaborando con toda a rapazada de noso centro. Ademais de traballar nas sesións de plástica de primaria, Roopa tamén estivo cos cativos de infantil xunto coa mestra de psicomotricidade ou outros mestres da etapa. Como era de esperar, algún dos traballos realizados en arts and crafts tiveron relación cos costumes e tradicións propias da India, como foron as lámpadas para celebrar o Diwali. Tamén se fixo material para o distraz do Entroido e traballáronse artistas importantes como Keith Haring, Picasso, Frida Kahlo e Yayoi Kusama entre outros. Ademais contamos con ela para as horas de lectura onde compartiu co alumnado a vida na India e gozaron de contacontos e xogos.

Advertisement

Neste curso retomamos o plurilingüismo en infantil nas sesións de psicomotricidade. Estas sesións tiveron o inglés como principal lingua vehicular e desenvolvéronse da seguinte maneira:

Un warm-up para entrar en calor e presentación da actividade. Pasamos á tarefa principal, neste caso, un circuíto. Un momento de xogo libre para desfrutar do movemento e do material. Rematamos cun tempo de relaxación para volver á aula.

As restricións sufridas pola COVID dentro da escola non impediron que puideramos gozar de actividades como storytellings en inglés dende a aula, ou a celebración do Halloween.

Biblioteca suso cubeiro bibliomarquiños

Todos os 24 de outubro se celebra o día das Bibliotecas. O lema desta edición, “Bibliotecas, sempre ao teu carón”, resume perfectamente o espírito das bibliotecas escolares e desta nosa biblioteca, a Biblioteca Suso Cubeiro – Bibliomarquiños.

Como todas e todos sabedes este curso foi moi complicado á hora de poder levar a cabo determinadas accións debido ás restricións e medidas de seguridade postas en marcha nos protocolos Covid. Debibo a isto non puidemos abrir o espazo propio da biblioteca e tivemos que reinventar algunhas das actividades que máis nos gustan, as de interacción, de intercambio, … Pero o virus non nos ía parar e con máscara e hidroxel buscamos a maneira de poder “estar ao carón”. Houbo que mover os fondos ás aulas, modificar espazos, refacer dinámicas de actividades, … pero conseguímolo. A biblioteca seguiu o seu camiño, seguiu funcionando, aínda que fóra do seu espazo e con Marquiños repartido por todas as estancias do centro.

ÁMBITOS DE ACCIÓN

BIBLIOTECA SOLIDARIA

Tras dous recoñecementos do "Selo Biblioteca Escolar Solidaria", as accións van encamiñadas a través dos Plans Proxecta e inciden no voluntariado social e ecolóxico. A biblioteca aporta recursos, organiza actividades e adquire fondos e outros materiais.

Este curso, o alumnado voluntario e colaborador da biblioteca non puido facer a súa labor dentro da mesma por mor do protocolo Covid, e realizou a súa labor nas aulas e no mundo virtual. Así tampouco puidemos realizar “As familias contan”, que esperamos recuperar o curso que vén.

BIBLIOTECA CREATIVA

O noso espazo maker vai medrando paso a paso. Este curso ampliamos con xogos e diferentes materiais.

Leváronse a cabo tamén actividades cos scornabot nas aulas de infantil, actividades na impresaora 3D como o reto lector de 5º. Temos pendente para finais deste mes de maio un obradoiro de robótica con A Fundación.

Así mesmo dende o equipo e en colaboración co equipo TIC elaboráronse varias actividades Genially e con croma para traballar aspectos interdiciplinares referentes ao proxecto documental do centro.

PLAMBE

A covid fixo que as actividades das hora de ler foran reducidas aos grupos burbulla. Aínda así tivemos intercambios a través de vídeos. E tamén contamos con Roopa, a auxiliar de conversa, que pasou por todas as aulas do centro durante a hora de ler.

Pronto contactaremos con varios autores por videoconferencia para falar dos libros que se leron nas tito-rías dentro da proposta do Plan Anual de Lectura.

Dentro da alfabetización informacional traballamos coas novas tecnoloxías, a búsqueda e tratamento da información e organizamos obradoiros sobre o uso das redes sociais coa Fundación Abanca e o Plan Director da Garda Civil.

RADIO MARQUIÑOS A gran novidade este curso na biblioteca foi a radio.

Para nós participar no programa “Radio na Biblio” implica un novo reto, unha maneira de facer a aprendizaxe máis significativa e un recurso imprescindible para a oralidade e a lingua.

Houbo que formarse. Tanto o profesorado como o alumnado (recibimos formación de Radio Espora e Radio Lab), e sobre todo este curso covid, tomar moitas medidas de protección, pero consideramos que o resultado está sendo o axeitado e esperamos que os nosos programas vos estén gustando tanto como a nós nos gusta facelos.

O 26 de abril, inauguramos Radio Marquiños cun programa especial no que participaron representantes de todos os sectores educativos, así como invitados especiais da Biblioteca Suso Cubeiro, como o propio artista, María José e Miguel, dous membros activos do equipo da biblioteca até a súa xubilación.

“Radio na Biblio” é un programa da Asesoría de Bibliotecas Escolares, enmarcado dentro do Plan LÍA e que proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de actividades complexas, que involucran diversas habilidades e destrezas permitindo o tratamento de contidos curriculares a través de metodoloxías activas.

Así mesmo a radio permite a entrada de todos no seu mundo, dende infantil a sexto de primaria, e un importante recurso para traballar a oralidade.

Como puidestes escoitar, temos en marcha varios programas: - Micros de cores, espazo de entrevistas ao profesorado do centro. - Nós contamos, que é un espazo de relato de contos, historias, declamación de poesía, … Este espazo está ligado co Voluntariado miúdo, xa que estas gravacións fanse para animar aos avós e ás avoas da Residencia de Anciáns García Hermanos de Betanzos. - Os Galihits. Este é un espazo musical co obxectivo de achegar ao alumnado a diferentes estilos musicais en galego, poñéndoos en contacto cos grupos a través de entrevistas e debates. - Salón da fama, no que se afondará no coñecemento de persoeiros importantes en diferentes ámbitos. - Toliños pola ciencia no que aprenderemos sobre curiosidades científicas.

Para poder levar a cabo estas actuacións, tanto profesorado como alumnado pasou por un proceso de formación para o que contamos co aseoramento e presenza no centro de Luis Losada, de Radio Espora e con Sergio Pascual, de Laboratorio radiofónico.

Este é o primeiro curso que contamos coa radio, e a experiencia foi moi positiva para o alumnado, que participou con moitísima ilusión e descubriu un mundo novo; e para o profesorado, que viu nela un bo recurso pedagóxico. Esperamos que a vós tamén vos gusten os nosos programas e que para o próximo curso vaian mellorando.

This article is from: