RESTAURACIÓN DUN VOITIRÓN ARTESANAL No pasado mes de xuño inaugurábase no Museo Etnolóxico de Ribadavia "A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico". Con motivo desta exposición levouse a cabo no laboratorio do Museo a restauración de diversos obxectos vinculados á actividade. De entre tódalas pezas escollemos este voitirón para exemplificar dunha forma xeral as intervencións que se levaron a cabo, en maior ou menor medida, segundo o estado de conservación de cada obxecto, sobre o conxunto expositivo. Os tratamentos varían en función dos materiais e as técnicas de fabricación pero en tódolos casos tense en conta moi especialmente, a súa vida e o seu uso. Por este motivo, o obxectivo da nosa intervención será eliminar ou frenar todas aquelas alteracións que supoñan un deterioro para a peza (suciedade, falta de cohesión, corrosión, ataque biolóxico...) coa finalidade de asegurar a súa conservación e estabilidade, deixando íntegras as pequenas reparacións, engadidos de material ou modificacións que, non formando parte da creación orixinal, aporten datos importantes, ou canto menos interesantes sobre a vida útil das pezas. Estas son pezas valiosas dende o punto de vista antropolóxico en canto a que foron as ferramentas de traballo de persoas. Eran obxectos cotiáns que pola natureza dos materiais que os compoñen poden considerarse fráxiles e pouco valiosos. Pero ao mesmo tempo eran obxectos moi valorados porque eran sinónimo de riqueza ou canto menos, de supervivencia e constancia disto son as numerosas reparacións que pudemos atopar en todos eles e que tentaban alargar ata o máximo a súa vida útil. IDENTIFICACIÓN DO OBXECTO Nº DE INVENTARIO 0570. OBXECTO Voitirón. PROCEDENCIA Francelos, Ribadavia (Ourense). MATERIAIS Fibra sintética, cordel, madeira de mimosa, ferro. TÉCNICA Redería artesanal. DIMENSIÓNS Diámetro máximo (boca) 73 cm; Profundidade 150 cm. DESCRICIÓN Voitirón de dous bozos fabricado en rede de material sintético. A estrutura ríxida consta dun arco de madeira pelada de mimosa e catro aros de ferro, aparte de dúas varas denominadas "estendidillas" tamén de mimosa que servirían para manter a rede estirada e tensa, quedando amarradas ao resto da estrutura por medio de cordeis. ESTADO DE CONSERVACIÓN A rede amosa suciedade xeneralizada. O tecido presenta certa rixidez e nel son visíbeis varias roturas, algunhas xa reparadas antigamente. Existen pequenos puntos de corrosión nos aros de ferro que puntualmente ensuciaron de ferruxe os elementos en contacto. Na unión dos extremos de cada aro hai enrolada cinta adhesiva, seguramente colocada ahí para protexer ao tecido do roce cos bordos das varillas de ferro. Esta cinta está hoxe deteriorada e algo despegada. Os elementos de madeira atópanse igualmente sucios e tamén deshidratados, perdendo flexibilidade e resistencia. Esta rixidez ou falta de elasticidade impropia dos materias que constitúen a rede é precisamente a que impide estirala na súa posición de uso e dificulta a súa visualización e diagnose, debido ao perigo de someter certos elementos a tanta tensión.