Cruceiros do Concello de Ribadavia

Page 15

Cruceiros do concello de Ribadavia

INTRODUCIÓN A riqueza artística do concello de Ribadavia xerouse no pasado do Ribeiro de Avia (GÓMEZ NIETO, et al., 1996) principalmente polo seu viño que como un río de ouro atravesou a comarca nunha época de gran prosperidade do que o patrimonio actual é vestixio (MERUÉNDANO, 1915: 89). Moitos loaron as excelencias do viño do Ribeiro como Cervantes na obra “El Licenciado Vidriera” mencionando expresamente o viño de Ribadavia ou Rosalía de Castro que cantaba as bondades do viño do Ribeiro na súa obra Cantares Gallegos: enche o xerro do canteiro, e non enchas co da Ulla que é tan sóo pra meter bulla señón co aquel do Ribeiro. Os cruceiros, obxecto deste estudo, conforman dentro do patrimonio ribadaviense un conxunto de monumentos de grande interese, a pesar de que o número deles non é moi grande nin posúen unha tipoloxía especial dentro da imaxinería galega (así non se observan aquí trazos específicos como por exemplo, os denominados de capeliña, GARCÍA PERMUY, 1994, nos que o capitel se substitúe por unha pequena capela). Entre os debuxos de Prada Losada (1891‐1966) atopamos representados algúns cruceiros do concello de Beade, pero ningún de Ribadavia, de onde porén, plasmou evocadoras panorámicas da vila. Ribadavia atópase por debaixo da media de cruceiros por concello en Galicia, comunidade na que estimamos, en base a traballos como os de ARRIBAS ARIAS & BLANCO PRADO (1998 e 1999), GARCÍA PATIÑO & JAR RAMOS (1998), PINO ÁLVAREZ in litt., RODRÍGUEZ PUENTES & ABAD GALLEGO (1990), GRADÍN (1996) e SÁNCHEZ CORA & MARTÍNEZ PLASENCIA (1990) entre outros, una cifra superior aos 15.000 cruceiros. Abordamos a catalogación dos cruceiros de Ribadavia como un vehículo para a súa protección facendo fincapé, na liña dos últimos inventarios sobre cruceiros, naqueles situados en lugares públicos, con independencia da súa titularidade, e daqueles situados en lugares privados pero que non sexan de construción recente. Como excepción, incluímos un cruceiro emprazado nunha finca privada, dada a súa singularidade, xa que é o único dos inventariados neste traballo que representa a Virxe do Portal, patroa de Ribadavia. AGRADECEMENTOS Esta obra non sería posible sen o esforzo de moitas persoas, ás que queremos manifestar a nosa gratitude. Deixamos constancia do noso recoñecemento tanto pola súa colaboración no traballo de campo como na achega de documentación a María Laura García Janeiro, Francisco Javier García Janeiro, Camilo Sotelo Diéguez e Dolores Sotelo Sobrino. É preciso mencionar a axuda prestada a nivel de asesoramento técnico e metodolóxico por Andrés Pino Pérez, Juan José Pino Pérez e Juan José Pino Álvarez. Non queremos esquecernos do esforzo na busca de cruceiros levado a cabo por Alba Pino García, autora tamén das fotografías deste traballo. Por último, salientamos a amabilidade e colaboración de moitos habitantes da vila de Ribadavia e contorno, que sempre animaron o noso labor. A todos, moitas grazas.

13


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.