Guía de lectura_Tras do Ceo

Page 1


https://axendacultural.aelg.gal/ tag/tras-do-ceo/

Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); Un millón de vacas (1989), Premio da Crítica Española; Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica Galicia; Que me queres, amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; Bala perdida (1996); O lapis do carpinteiro (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000); As chamadas perdidas (2002); Contos de Nadal (2003); Os libros arden mal (2006), novela, Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Todo é silencio (2010), As voces baixas (2012), O último día de Terranova (2015) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). Tras do Ceo (Xerais, 2024) é a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista Luzes

https://www.xerais.gal/autor/manuel-rivas/

Manuel Rivas galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024.

A boa nova ponlle ramo a esta Guía. Segundo informou o Ministerio de Cultura, o xurado salientou do autor a súa “extraordinaria calidade narrativa que concilia forza emocional e beleza formal e a solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e o idioma galego. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron acadar tal recoñecemento a nivel mundial”. Ademais, o xurado sinalou que a súa obra “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais”.

Verbo do premio, Manuel Rivas declara: “A miña idea da literatura non é distinta do campesiño que traballa a terra”.

TrasdoCeo

O Club de lectura ‘LeAcasa’ opina

“Tras do Ceo”, novela de Manuel Rivas, dá comezo nunha nubrada mañá de cacería. A néboa parece estenderse tamén sobre a historia e os e as personaxes facendo difícil seguir ben o papel de cada un e cada unha, polo menos ao principio.

A través do fío narrativo de Dombodán, que salta dun escenario a outro, o autor trata moitos temas e mestura moitos tópicos, por caso: caza, machismo, política, narcotráfico, trata de seres humanos, prostitución, corrupción policial, asasinato, emigración, inmigración ilegal, soidade, suicidio, homosexualidade, despoboamento rural, especulación urbanística... Canto á miña percepción como lectora, esta é a de que a novela parte dunha trama aparentemente sinxela que se vai dirixindo a pasaxes violentas, mesturadas con escuridade, que en ocasións parecen quedar inconclusas e quizais cargadas dun exceso de temática desapiadada e inesperada que non resultan fáciles de ler.

“Tras do Ceo” é un libro recomendábel para unha persoa adulta que sexa quen de entender a idiosincrasia do rural galego e o respecto polos animais, ao centrarse o devir da historia na caza e morte do xabaril Solitario, momento este que o autor elide concretar no discorrer narrativo. Por parte, para un lector moi concreto, que entenda tal xeito de pensar, o personaxe de Estanis semella un Trump de aldea.

Canto a personaxes, enganchoume, sobre todo, Dombodán, un aprendiz de macho, que vén a ser quen enlaza todos os temas, rebelándose ao cabo, e cambiando así o final, previsíbel, da historia. Verbo do cambio de Dombodán, este resulta inverosímil, en aparencia.

Susana Faílde (Notas a pé dun “Café literario”)

O primeiro capítulo de “Tras do Ceo” non engancha, ao mesturar o autor temas diversos, aínda así as rupturas temporais entre presente e pasado fano, en parte, atractivo. Quizais o fallo estea precisamente na pretensión de abranguer tanta diversidade temática sen profundar nela.

A salientar o comportamento de Dombodán que vai cambiando ao longo da novela, por caso a percepción clásica de xénero que ten das mulleres, sobre todo de súa irmá, ao deixar de lle dar importancia á homosexualidade desta.

Mar Vázquez (Notas a pé dun “Café literario”)

De “Tras do Ceo”, a última novela de Rivas, destacaría a asociación natureza-personaxes que se presenta xa no inicio mesmo da historia, cando a mañá neboenta impide aos homes cazar os dous solitarios que non seguen as normas da manda (sociedade humana actual?). Os personaxes mesmos aparecen animalizados, en palabras de Dombodán “queríame moito, queríame coma a un can” (páx. 12), amosando perfectamente esa relación de submisión que ten con Estanis. E os cazadores de xabarís e lobos acaban converténdose en metafóricos cazadores de persoas, no momento en que as dúas sendeiristas non se dobregan aos homes e ás súas ideas machistas e retrógradas. Unha crítica da sociedade actual, machista, corrupta, sen ética nin escrúpulos, na que o fío condutor, o gran Dombodán, só se rebela ante o poderoso cando se atacan animais queridos por el (a morte de Inverno, ou do corvo), ou ante un dos amores da súa vida “o único namorado de verdade (de súa irmá) era eu”, ata que chegou Estanis, “metéuselle na cabeza como a tiña metida eu” (páx. 82).

O noso poder como lectores é universal e universalmente temido [Roberto Manguel]

A marela tarabela

TrasdoCeo

Desde o primeiro capítulo “Operación Solitario” ata o derradeiro “O anel de Mya”, a novela Tras do Ceo vai destilando toda unha amálgama de temas subxacentes do nuclear, “a caza do home polo home”, resultando unha achega ao xénero negro con grandes doses de narrativa violenta, que afonda nas máis crueis miserias humanas, o que sen dúbida a achega tamén ao realismo sociolóxico, ao desenvolver unha análise que logra reflectir os conflitos da sociedade de hoxe ao nos mergullar no problema ecolóxico da desfeita do medio natural, como unha das meirandes lacras do capitalismo, alicerzado isto no devir futuro de Tras do Ceo, ou no exterminio das especies, debido á agresividade do comportamento humano, cuestionando a caza por pracer como motora da degradación natural da fauna ou da violencia agochada en supostos accidentes durante unha batida, tapadeira perfecta para axustes de contas; ou a falta de ética democrática, amosándosenos a fachenda e a vaidade relacionada con certa clase política corrupta, sometida ao influente poder do gremio dos cazadores e do diñeiro fácil do narcotráfico, ao que moitos mozos estaban ou están abertos, e de cara a sufragar campañas electorais; ou o problema da soidade; ou a emigración, a galega, e a actual inmigración, reflectida esta no drama das pateras ou en persoas formadas que se teñen que adaptar ao novo status para sobrevivir, aturando o feito de seren explotadas; ou o fundamentalismo relixioso, mesturado coas crenzas panteístas aínda vivas ou reavivadas por determinadas seitas que comezan a se espallar socialmente; ou a lacra do cancro, exemplificado en Mirta, facendo fincapé na autosuperación, malia a depresión derivada do mesmo e da ruptura coa parella; ou a hipocrisía; ou o turismo de masas... Mais, tamén podemos considerala narrativa de evocación, ao nos describir un mundo rural tradicional galego en transo de desaparición. Por caso, a perda de riqueza cultural da nosa fraseoloxía, ou da tradi-

ción dos alcumes, caracterizadores sociais ponderativos ou pexorativos.

Por parte, a novela preséntanos, en xeral, características propias da narrativa feminista e realista con elos de violencia sistémica ao abeiro do machismo, Por canto ofrece unha denuncia da sociedade patriarcal, deshumanizada e individualista. Por caso, a depredación social ao abeiro do machismo máis rancio e homófobo, cunha actitude intolerante coa diversidade sexual; ou a supremacía da sociedade patriarcal e a explotación laboral da muller, como traballadora labrega simbiótica sen salario, dentro e fóra da casa, ou como asalariada, sometida á plusvalía en beneficio da riqueza empresarial, emporiso unha vía á independencia económica da muller, malia a precariedade; ou a liberación da muller, reflectida en Chelo...

Para saber máis:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rivas

https://www.youtube.com/watch?v=nTGC5te-xzI

https://www.youtube.com/watch?v=NjLW3_INNb0

Así mesmo, Manuel Rivas achéganos á narrativa propiamente realista, en liña co realismo suxo ou narrativa violenta, fronteirizo co xénero negro; e co realismo formalista, polo esencial coidado da lingua e a elaboración estilística, que ten como precedentes Os comedores de patacas, As chamadas perdidas ou Todo é silencio En suma, Tras do Ceo vén sendo unha novela alicerzada nunha máis que coidada eficacia comunicativa e estrutura narrativa, amosándonos unha atmosfera que destila violencia consonte uns personaxes enleados no tema da degradación moral, que ten o seu clímax na violenta persecución da que son vítimas dúas mulleres, Mirta e India, nai e filla. Xosé Payo

Esta guía

Esta guía non pretende ser unha guía exhaustiva, nin meterse en análises técnicas ou estilísticas.

Con ela só queremos facer unha serie de suxestións (prescindíbeis)

para que o texto se converta nun pretexto para a comunicación. Comunicarse cun libro na man ou cos seus ecos na memoria...

Boletín da Biblioteca Mario Pereira do Instituto “Ramón María Aller Ulloa”
Guía

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.