Page 1


Dedicado á memoria de George Sidney Arundale,1 que me convidou a ir á India e me deu a oportunidade de coñecer a súa gran personalidade e coñecer aquel marabilloso país.

1

1. George Sidney Arundale (Inglaterra, 1878-Adyar, India, 1945) foi un destacado teósofo e masón. Baixo a influencia do espiritualismo hindú, foi un dos profesores de Krishnamurti e presidente da Sociedade Teosófica Adyar. En 1939 invitou a Maria Montessori a trasladarse a Adyar, onde durante tres anos exercería como directora da escola Montessori alí fundada.


Nota de edición A presente edición, traducida do texto orixinal, quere servir para dar a coñecer a figura de Maria Montessori como expresión radical de respecto pola infancia como futuro da humanidade. Vén acompañada por un epílogo, que serve de presentación desta grande educadora internacional, elaborado polo profesor Lois Ferradás Blanco, especialista no campo da educación infantil, un dos maiores impulsores da experiencia Preescolar na Casa, estudoso da pedagoxía montessoriana e coñecedor de diversas experiencias actuais de escolas montessorianas en Italia. Ao estar ante unha figura da primeira metade do século XX e diante dun texto con case setenta anos, introducíronse tanto no epílogo como no texto aquel número de notas ao rodapé consideradas oportunas para comprender mellor a lectura e a información que se proporciona. Tocante á bibliografía de Maria Montessori, adoptouse un criterio levemente selectivo, e sinaláronse o ano da edición orixinal ou primeira coñecida, e o da súa edición española.

7


Sobre o autor do epílogo Lois Ferradás Blanco é profesor titular de Didáctica e Organización Escolar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi decano desde 2006 ata 2014. Descubriu o mundo da educación infantil cando entrou a formar parte do equipo que en 1977 puxo en marcha o programa Preescolar na Casa, sobre o que tamén versou a súa tese de doutoramento. Na súa docencia universitaria e na súa investigación ocupouse preferentemente de temáticas relativas á Didáctica da Educación Infantil e Educación Familiar. Desde 2006 asesorou a implantación da rede de escolas infantís (0-3 anos) do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Nos últimos anos colabora coa Fondazione Montessori Italia, redescubrindo a figura de Maria Montessori e a actualidade da súa proposta educativa.

8


1. INTRODUCIÓN O propósito deste libro é o de mostrar e defender as grandes capacidades innatas no neno e orientar os docentes cara a un novo xeito de considerar o seu traballo, o que fará que o seu labor deixe de ser unha ingrata tarefa a ser un gozo; que pase de ser unha represión a unha colaboración coa natureza.2 O noso mundo quedou esnaquizado e agora cómpre reconstruílo: e neste sentido, un factor de capital importancia é a educación, da cal os pensadores actuais recomendan xeralmente unha práctica máis intensa, case como un retorno á relixión. Mais a humanidade aínda non está preparada para esa evolución que tan ardentemente anhela, isto é, a construción dunha sociedade pacífica e harmónica onde a guerra non teña lugar.3 Os homes non teñen a educación suficiente para controlaren os acontecementos, e por iso acaban sendo vítimas deles. As ideas nobres e os sentimentos elevados nunca deixan de manifestarse, mais as guerras xamais cesaron. Se a educación tivese que continuar polos 2

Idea presente no Emilio (1762) de Rousseau.

3

Logo das consecuencias desastrosas das dúas guerras mundiais do século XX, xurdiu unha reclamación moi viva expresada a finais dos anos corenta por múltiples sectores desde o campo político, desde o das ideas e desde o educativo. Neste sentido expresáronse, entre outros, Pierre Bovet, unha das grandes figuras do movemento internacional da Escola Nova, o filósofo Bertrand Russell, Célestin Freinet ou John Dewey.

9


vellos vieiros de sempre, cos vellos sistemas de simple transmisión de coñecementos, o problema sería irresoluble e non habería esperanza para o mundo. Soamente unha análise científica da personalidade humana pode conducirnos á salvación, e no neno temos unha entidade psíquica, un grupo social de enormes dimensións, unha auténtica potencia no mundo, sempre que se empregue da maneira correcta. Se para a humanidade hai algunha esperanza de salvación, a solución non poderá vir máis que do neno, porque a partir del se constrúe o home e, por tanto, a sociedade.4 O neno posúe un poder interior que pode guiarnos a un futuro mellor. A educación non debería limitarse xa a transmitir nocións, senón que debe tomar novos camiños con vistas ao desenvolvemento das capacidades potenciais do home. E cando debería comezar tal educación? A nosa resposta é que a grandeza da personalidade humana comeza no nacemento; e esta afirmación, mesmo sendo insolitamente mística, ten firmes raíces na realidade concreta. A vida psíquica do neonato xa suscitou o vivo interese dos científicos e dos psicólogos, que veñen observando as reaccións do neno entre as tres horas e os dez días tras o nacemento. E chegaron á conclusión de que os primeiros dous anos de vida son os máis importantes. A observación demostra que os cativos máis pequenos están dotados de características psíquicas especiais, e sinálanos novos camiños para desenvolvelas –para educalas literalmente– en colaboración coa natureza. A enerxía construtiva do neno, viva e dinámica, foi ignorada durante milenios, e constitúe unha mina de tesouros mentais, igual que os homes que pisaron por primeira vez a superficie da terra nada sabían das inmensas riquezas ocultas nas súas profundidades. O home está tan lonxe de decatarse das enerxías 4

Montessori, como tantos educadores e educadoras da súa xeración, manifesta aquí un idealista optimismo pedagóxico, sometido a análise crítica posteriormente.

10


agochadas no mundo psíquico do neno que desde o principio non fixo máis ca reprimilas e reducilas a po. Mais agora, por primeira vez, hai uns poucos que chegaron a intuír a existencia deste tesouro, que xamais foi aproveitado, un tesouro máis precioso ca o ouro: a alma5 mesma do home. A atenta observación dos dous primeiros anos de vida botou nova luz sobre as leis do desenvolvemento psíquico, e mostrou que a psicoloxía da infancia é substancialmente diferente da da idade adulta. E de aí parte o novo camiño, un camiño onde xa non será o profesor quen lle ensine ao rapaz, senón que será o rapaz quen lle ensine ao profesor.6 Isto pode semellar absurdo, pero logo quedará claro cando nos decatemos da especial natureza da mente infantil, que absorbe as cognicións e dese xeito se instrúe. Demóstrao facilmente o xeito en que o neno aprende a falar: unha ardua e admirable empresa intelectual. O neno de dous anos fala a lingua dos seus pais, malia que ninguén lla aprendese. Os estudosos que se interesaron por este fenómeno admiten que, en determinado período da súa vida, o neno comeza a empregar os nomes e palabras en relación co seu ambiente, e ben cedo aprende a usar coa máxima desenvoltura todas as construcións sintácticas e as formas irregulares que tan difíciles lles resultan aos adultos cando estudan unha lingua estranxeira. En resumo, 5

Dito sen unha connotación relixiosa específica e dogmática.

6

Discat a puero magister, «o mestre ten que aprender (aínda moito) do neno», foi a expresión con que Édouard Claparède, o gran psicólogo infantil xenebrino, impulsor desde 1912 con Pierre Bovet do Instituto Jean-Jacques Rousseau de pedagoxía, rematou unha conferencia impartida en 1913 para mestres suízos. A expresión era tamén o lema do instituto ao que acudirían para a súa formación ata finais dos anos trinta un importante número de profesores españois, entre eles algúns galegos, a través das bolsas da Xunta de ampliación de estudos.

11


o neno leva dentro de si un severo e esixente mestre, que mesmo cumpre unha auténtica folla de ruta; aos tres anos xa adquiriu un acervo de coñecementos que a un adulto –segundo afirman os psicólogos– lle custaría non menos de sesenta anos de duro traballo. A observación científica tamén deixou claro que a verdadeira educación non é a que imparte o mestre: a educación é un proceso natural que se desenvolve espontaneamente no individuo, e que non se adquire escoitando as palabras dos demais, senón mediante a experiencia directa do mundo circundante. Daquela, a tarefa do mestre consistirá en preparar unha serie de impulsos e incentivos á actividade cultural, fornecidos nun ambiente preparado a tal propósito, para despois absterse de calquera intervención demasiado directa e invasora. Os mestres humanos non poden facer máis ca axudar na grande obra mentres esta se desenvolve diante dos seus ollos, igual que os servos axudan os amos. Deste xeito, asistirán ao desenvolvemento da alma humana e á aparición do Home Novo,7 que xa non será máis vítima dos acontecementos, senón que terá a clarividencia necesaria para dirixir e moldear o futuro da sociedade humana.

7

Séntese aquí a influencia profunda, que sentiron tantos pensadores occidentais, do pensamento educativo do agostinismo, formulado en De magistro por Agostiño de Hipona nos comezos do século V.

12


2. DESCUBERTA E DESENVOLVEMENTO DO SISTEMA MONTESSORI Se hai que reformar o sistema educativo, cómpre basealo no propio neno. Hoxe non abonda con estudar os grandes pedagogos dos séculos pasados como Rousseau, Pestalozzi ou Fröbel, xa non é tempo de remontarse ao pasado. Aínda máis, nin sequera eu mesma quero que me consideren a grande educadora deste século: eu non fixen máis ca estudar o neno, e recibir e aproveitar todo canto el me deu, cousa que recibe o nome de método Montessori. Se acaso, eu son a intérprete do neno. Levo corenta anos de experiencia ás costas, nos que partín do estudo médico e psicolóxico de nenos con discapacidade, aos cales tratei de axudar. Deste xeito puiden ver que eses nenos, dirixidos sobre a base do novo método de colaboración coas súas mentes subconscientes, desenvolvían capacidades verdadeiramente notables, ata tal punto que se decidiu ampliar o experimento a todos os nenos: nalgúns dos barrios máis pobres de Roma fundáronse Case dei Bambini8 (Casas dos Nenos) destinadas a recoller cativos desde os tres anos de idade. Os que visitaban aquelas casas quedaban estupefactos ao encontraren rapaciños de catro anos que xa sabían ler e escribir, e preguntaban: «Quen che aprendeu a escribir?». E o neno, 8

Desde 1907, ano en que se abriu a primeira delas.

13


Educación para un mundo novo G - Maria Montessori  

Kalandraka. Biblioteca de pedagoxía Nº 3. Galego

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you