Txano e Óscar 2 - Operación Sabuxo (Cap.1-2)

Page 1


Copyright © 2020 Julio Santos García e Patricia Pérez Redondo © Texto: Julio Santos García, 2017 © Ilustracións: Patricia Pérez Redondo, 2017 Tradución: Antía Veres Gesto Corrección de textos: María López Suárez Maquetación e deseño: Julio Santos e Patricia Pérez Colección: As aventuras de Txano e Óscar Título: Operación Sabuxo Número: 2 www.txanoyoscar.com julioypatri@txanoyoscar.com Xarpa Books Obra registrada en SafeCreative

A obra As aventuras de Txano e Óscar - Operación Sabuxo, foi creada por Patricia Pérez e por Julio Santos, e está suxeita a unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional. Pode consultar as condicións da licenza no seguinte URL: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl


Operación Sabuxo Ilustracións Texto Patricia Pérez Julio Santos


Óscar Txano Ola! Eu son Txano, e este de aquí ao lado é o meu irmán Óscar. Somos xemelgos fraternais e, na nosa primeira aventura, un estraño meteorito verde converteunos en telépatas.

Sonia Raúl Velaquí están Raúl e Sonia, os nosos supercolegas. Con el e con ela vivimos case todas as nosas aventuras. Os catro xuntos podemos con todo!


A máis pequena da familia é a nosa irmá Sara-Li. Ela atopou a Maxi nunha caixa de cartón na rúa e convenceu a mamá para traela á casa. O noso pequeno amigo chámase Flash e é un esquío moi especial.

Sara-Li

Flash

Maxi O do pelo rubio e a barba rara é o noso pai. O seu nome é Alexandre, pero todo o mundo lle chama Álex. Ten unha tenda de antigüidades na cidade.

Bárbara

Álex

A nosa nai chámase Bárbara e é tradutora. Cando se anoxa, o seu nome queda curto.


Nun parque de Twin City, unha figura escura agardaba agochada detrás dunhas matogueiras. A poucos metros, un grupo de rapazas xogaban contentas mentres o can que estaba con elas rebulía polos arredores. De súpeto, unha apetitosa galleta con forma de óso aterrou no chan diante do animal e comezou a moverse cara aos arbustos. O can botou a correr detrás dela, pero, cando estaba a piques de collela, apreixárono unhas mans fortes.


Cando as cativas se decataron, o can xa estaba moi lonxe de alí e, durante os seguintes días, moitas outras mascotas correrían a mesma sorte. En todas esas desaparicións estaba a clave para construír o cuartel xeral da tropa de Txano e de Óscar, aínda que eles aínda non o sabían.



Adestramento

Despois de pasarmos un par de semanas tolas tras a descuberta do meteorito, incluída unha mañá enteira quitando plantas do cuarto de Sara Li, os últimos días permitírannos recuperar a normalidade. Se é que se lle pode chamar normalidade a dedicarnos a xogar coa nosa telepatía a maior parte do tempo... Imaxinas que, de socato, un día podes falar co teu irmán e coas túas mascotas usando só a mente? Abraiante, non si? Pois nesa situación estabamos nós. Esa mañá levabamos un cacho practicando e tocáballe a Óscar, que se concentrou para enviarme o seu pensamento. Enseguida empezou a cobrar forma unha imaxe na miña cabeza. —Eh? Unha moza que baila sobre a herba á beira dun lago con paxariños e con musiquiña?

9


—preguntei mentres fitaba o meu irmán con estrañeza—. A ti non te abducirían, ou? Extraterrestre, sae do corpo de Óscar! —Acouga, acouga... Aínda non rematei. De súpeto, mudou a musiquiña e da auga xurdiu un monstro, coma o do lago Ness, que se achegou á ribeira e estirou o seu longo pescozo para engulir a rapariga dun bocado. E todo rematou cun eructo sonoro en versión «dinosauro con gases».

10


—Vale! Monstro come moza e arrota. Iso xa me cadra máis cos teus miolos trastornados —comentei namentres Óscar escachaba de risa coa súa escenificación. —Recoñece que me quedou chulo —dixo, con cara de interesante. —O certo é que non estivo mal —admitín—. Pero agora tócame a min. Atento, que vai! Concentreime e empecei a proxectar a miña idea. Gustárame a escena de Óscar, pero quería preparar outra versión. A imaxe apracible da herba e do lago seguían aí, pero Nessie xa non presentaba unha pinta tan arrepiante e parecía ter problemas. De súpeto, elevouse varios metros sobre a auga e púxose a xirar sobre el mesmo sen control. Tras unha boa ración de viraxes, foi freando aos poucos, coa expresión desencaixada e coa lingua de fóra. Con todo, aínda non acabaran aí os tormentos do pobre monstro. Entón, empezou a incharse coma se algo o inflase dende dentro, e a cousa chegou ata tal punto que case lle saen os ollos das órbitas. Cando xa era unha bóla xigantesca da que só sobresaían as patas e o pescozo, rebentou e desintegrouse en mil anaquiños con forma de confeti que caeron a cámara lenta sobre a auga.

11


No centro da explosión, libre de novo, aboiaba a moza de antes, que, satisfeita, brillaba coma se tivese unha lanterna dentro do corpo. —Toma! Superácheste! Moza luminosa desintegra monstro dende dentro e convérteo en confeti. Gústame! —dixo Óscar. Xa ves a que nos dedicabamos! Despois de varios días de práctica, podiamos proxectar case calquera cousa na mente do outro. O máis complicado era que tiñamos que facelo ás agachadas, pois non queriamos que nin a nosa nai nin o noso pai soubesen nada. Ao primeiro, só dabamos transmitido palabras ou números; logo, conseguimos enviar imaxes, pero agora xa aprenderamos a mandalo todo xunto. Mesmo probaramos a transmitir sons cantaruxando mentalmente as bandas sonoras das películas que nos gustaban, e tamén funcionaba. Así e todo, non foi tan doado conseguir o mesmo con Maxi e con Flash. Se usabamos ordes simples, coma «ven» ou «senta», a cousa resultaba. Non obstante, cando tentabamos transmitirlles algo máis complexo, as máis das veces mirábannos sen entender. De todos os xeitos, axiña nos decatamos de que, se lles mandabamos as palabras cunha imaxe que as

12


describise, logo captaban a idea e comezaban a usala. Con este truco puidemos entendernos sen problemas e, conforme avanzaban os días, a comunicación tornaba máis sinxela. Con todo, non era normal que botásemos tantos días seguidos xogando tranquilamente no noso cuarto, e a nosa nai, que ás veces parecía que sabía ler o pensamento, sen meteorito nin farrapos de gaita, estaba un pouco estrañada. Xa sabes... Ás nais

13


non se lles pode agochar nada durante moito tempo, e eu notáballe na mirada que cheiraba algo. Ata entón, o meu irmán e mais eu estiveramos de acordo en mantelo todo en segredo, pero, agora que tiñamos controlada a nosa nova facultade, comezamos a preguntarnos cando sería o momento axeitado para contarlles o ocorrido a papá e a mamá. Óscar opinaba que era un pouco pronto, aínda que eu non o tiña tan claro. Coñecía os «poderes» da nosa nai e sabía que non ía tardar demasiado en darse conta, e sempre valía máis dicirllo nós antes de que ela o descubrise de seu. Pola contra, a Raúl e a Sonia si que deveciamos por contárllelo. Son o noso mellor amigo e a nosa mellor amiga e, no verán, adoitamos botar unha chea de tempo xuntos, aínda que desta vez deu a casualidade de que, nada máis acabaren as clases, Sonia foi pasar un par de semanas á casa dos avós e Raúl marchou de vacacións coa familia. Imos os catro á mesma escola e coñecémonos dende que eramos ben pequenos. Levamos unha morea de anos compartindo xogos. Somos moi diferentes, pero se cadra por iso nos levamos tan ben. Sonia é filla única. Os seus pais separáronse e ela vive coa nai. É lista coma un raio e posúe unha memoria prodixiosa. E , para iso, ela non precisa pedra

14


verde ningunha. Se lle preguntas por unha cousa calquera que oíse nalgunha ocasión, é raro que non a lembre. Cando xogamos a adiviñar películas escoitando só unha frase, ela gaña case sempre. A Sonia os ordenadores dánselle de marabilla. O certo é que, en xeral, toda a tecnoloxía se lle dá de marabilla. Sen dúbida, é algo que lle vén de familia, porque a súa nai traballa coa nosa tía Laura nunha empresa de desenvolvemento de videoxogos e é moi boa. Óscar e ela teñen unha relación de amor odio moi especial. Sempre andan rifando por chilindradas, pero, cando se poñen a traballar xuntos en algo, o resultado é case sempre incrible. A miña teoría é que ao meu irmán lle chista un pouco, aínda que, se llo preguntas, ponche cara de póker e cambia de tema á velocidade da luz. Raúl non ten a memoria de Sonia nin tampouco é un friki da tecnoloxía coma Óscar, pero quítanos unha cabeza de altura aos tres. O mellor é que, malia ser superalto e superforte para a súa idade, nunca o vin abusar de ninguén. Encántanlle os trucos de maxia e é un gran mago afeccionado. Raúl tamén é moi bo en todos os deportes e, cando hai que facer equipos na escola, todo o mundo quere elixilo a el.

15


Que gana de xuntĂĄrmonos de novo! TiĂąamos tantas cousas que contarlles que non iamos saber nin por onde comezar!

16


A tropa reúnese de novo

Así que Sonia e Raúl volveron das súas vacacións, démoslles unha chamada e quedamos para ir ao parque. Vivían a uns poucos bloques de distancia e, como a nosa casa lles quedaba de paso, acostumabamos agardalos xogando ata que viñan buscarnos e, así, faciamos o resto do camiño xuntos. Con todo, aquel non era un día normal, conque media hora antes de que chegasen xa estabamos nós agardando sentados nas escaleiras do soportal, e bastante nerviosos, por certo. Maxi quedara coa nosa irmá, pero Flash, o esquío, viña connosco. O pobre ía todo apachocado no peto do suadoiro que Óscar vestira para a ocasión. Pedirámoslle que esperase alí agochado ata que o presentásemos.

17


Queriamos ir por partes, e presentar a Flash ía ser o primeiro. Despois xa buscariamos o xeito de contarlles o da telepatía. Á parte do profesor Antonov e de Sara Li, Sonia e Raúl ían ser as primeiras persoas

18


en sabelo e, aínda que eran colegas de toda a vida, dábanos un pouco de medo a súa reacción. —Como llelo podemos contar? —preguntei, recostado nos chanzos das escaleiras. —A ver que che parece isto: «Ola! Un meteorito verde e explosivo volveunos telépatas» —dixo Óscar, que confirmou así as miñas sospeitas de que non me ía ser de moita axuda. —Non sexas brután! —bufei—. Non podemos espetárllelo así. —Pois xa me dirás ti como facemos —rosmou—. Contámosllelo cantando un rap? —moqueouse mentres xesticulaba coas mans coma un rapeiro. —Aínda non o sei, pero, sobre todo, nada de soltalo cando cheguen aquí, porque seguro que se poñen a berrar e, se a mamá lle dá por asomarse, pode descubrilo. —Vale, vale! Déixoo nas túas mans. Pero xa podes ir pensando en algo, que veñen aí —dixo Óscar ao tempo que se erguía para coller a bicicleta e saudaba coa man. Eu tamén me levantei dun pulo e, inquedo, seguín o meu irmán, aínda que, despois dun choque de puños e dun par de comentarios sobre a bici nova de Sonia, desapareceron os nervios e fomos ao parque coma se levásemos xuntos todo o verán.

19


Chegamos ao noso banco habitual, que estaba xunta o parque de skate, e, aínda sentado na sela, botei unha ollada ao meu arredor. Alí estabamos nós, a nosa amiga e o noso amigo, o noso parque e o noso banco, e pensei que, de non ser polo pequeno detalle de que nos estoupara un meteorito verde nos fociños, todo seguiría igual ca sempre. —Aaah! —suspirou Raúl, estricándose—. Encántame que a miña familia colla vacacións nada máis rematar a escola, porque agora teño todo o verán por diante para estar convosco —comentou ao tempo que sentaba no respaldo do banco. —Que tal as vosas vacacións? —pregunteille mentres sentaba ao seu lado. —O cámping onde estivemos era superchulo — respondeu el—. Tiña unha piscina xigante con dous tobogáns enormes e unha illa pequeniña no centro. —Ala! Encántanme as piscinas con illa —dixo Óscar—, pero só se é unha illa á que se poida subir. —Pois a esta podíase subir, e ata tiña unha palmeira e todo —contestou Raúl—. Eu enredaba alí o día enteiro cos meus curmáns e curmás. O único malo foi que, na segunda semana, veu á parcela do lado unha familia cun cativo pequeno que teimaba en estar comigo a todas as horas. Ao primeiro, tiña a súa graza, pero logo empezou a poñerse pesado

20


—continuou Raúl, con cara de fastío—. Ao final, tiven que inventar que estaba en tratamento porque tiña unha enfermidade moi contaxiosa, e el colleu e marchou todo asustado a contárllelo ao pai e á nai. Menos mal que non lle deixaron achegarse máis... Que repugnante! —Pois eu tiña unha gana de volver... —dixo Sonia, aínda sentada na bici en fronte de nós—. Morría co aburrimento na casa dos avós. Creo que, nesa vila, ao chegar o verán, marcha toda a xente da miña idade, e as rapazas e os rapaces que quedan son ou moi pequenos ou moi maiores —queixouse—. E, como coas cuadrillas de maiores non me deixaban andar, farteime de facer crebacabezas de corenta pezas coa cativería da casa do lado. Unha leria! Óscar deixou a bici apoiada e sentou a carón de min. —Polo menos, a miña avoa aprendeume a xogar ás cartas —seguiu Sonia, sen moito entusiasmo—. Polas tardes adoitaban vir as súas amigas botar unha partida e, cando faltaba algunha, deixábanme xogar a min. Ao principio, parecíanme unhas avoíñas entrañables, pero se as vísedes xogando... buf! Non había maneira de gañarlles. Case parecía que tiñan telepatía! —dixo Sonia, que puxo os dedos nas tempas e fixo coma quen que se concentraba.

21


«Vaia, ho! Parece que nos persigue o demo da palabra», pensei. —En fin! E vós que tal? Aínda non destes unha fala —dixo Raúl, que interrompeu os meus pensamentos—. Cales son todas esas cousas que nos tiñades que contar? Mirei a Óscar en busca de axuda, pero el encolleu os ombros e, cun sorrisiño na cara, fíxome un aceno para convidarme a empezar cando quixese. Respirei fondo, inclineime cara ao grupo e comecei: —Pois o primeiro é…, é… —tatexei— presentarvos o novo membro desta nosa tropa. —anunciei, e sinalei cara a Óscar, agardando que Flash fixese a súa aparición. Non obstante, Flash non apareceu e, en troques, o suadoiro do meu irmán empezou a moverse coma se tivese vida propia. Sonia e Raúl sorprendéronse e botáronse para atrás, e Óscar, que aproveitou para poñerlle moito teatro ao asunto, fixo que se asustaba. —Socorro! Auxilio! Teño un alieníxena dentro! —berraba mentres o seu peto non paraba de moverse—. Socorrooo! Flash estaba bordando o seu papel antes de saír. Seguro que se puxera de acordo con Óscar. Eses dous son tal para cal.

22


A nosa amiga e o noso amigo, que xa o coñecían, fóronse achegando con coidado ata que o meu irmán considerou que estaban preto dabondo. Daquela , soltou un berro e deixouse caer no banco, onde se remexeu coma se lle estivesen esmagando as tripas. Puxo as mans derredor do peto e, mentres daba outro par de alaridos, apareceu Flash entre elas dun chimpo. Sonia e Raúl pegaron tal bote que pouco lles faltou para caeren de cu.

23


—Pero ti toleaches ou que? —berrou Sonia mentres recuperaba os folgos—. Case me matas do susto! O meu irmán incorporouse no banco, escachando coa risa. Vaia numeriño montaran entre os dous e sen dicirme nada! Isto da telepatía en mans de Óscar tiña moito perigo... Raúl tamén se repuxo, e el e mais Sonia aproximáronse ao noso esquío con curiosidade. Óscar sostíñao na man, orgulloso, e achegóullelo para que o visen. —Preséntovos a Flash! —exclamou—. Un novo amigo.

24


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.