Xerais: Lingua Galega e Literatura 2 Bacharelato (demo)

Page 1

LINGUA E LITERATURA 2 BACHARELATO

INCLÚE

PROXECTO DIXITAL

LICENZA

12 MESES DEMO

Un proxecto que che ofrece todos os contidos do curso a través do libro dixital, xunto cunha gran diversidade de recursos.

Descubre outra maneira de aprender sinxela, intuitiva e compatible con calquera plataforma e dispositivo.

COMO ACCEDES?

Tes todas as indicacións necesarias para acceder xunto á primeira páxina do teu libro.

Este libro incorpora Edudynamic, un proxecto dixital que cobre todos os contidos do curso e que se adapta a calquera plataforma e dispositivo. Nel vas atopar un gran número de actividades recursos dixitais, gamificación, esquemas e resumos, apps recomendadas, vídeos, animacións, avaliacións, enlaces externos moito máis. É un proxecto actual e de navegación moi intuitiva, que che permitirá descubrir outras formas de aprender. O código que hai impreso xunto estas liñas dáche acceso ao proxecto A. Se o centro no que estudas dispón dunha plataforma educativa, introduce o código nela. B. Se teu centro educativo non dispón de plataforma, entra en www.anayaeducacion.es e sigue estes pasos: Fai clic na zona privada da nosa web. 2. Introduce o teu usuario e contrasinal. Se es menor, precisarás a axuda dun adulto. 3. Selecciona engadir licenza e introduce código que hai impreso xunto a estas liñas. 4. O proxecto dixital cargarase automaticamente na túa biblioteca. un ano de vixencia desde día da súa activación. COMO É O TEU LIBRO DIXITAL

QUE CHE OFRECE?

Contén diversidade de recursos; é moito máis que unha reprodución do libro en papel.

Con eles vas poder: Exercitar actividades interactivas

Estudar resumos e esquemas

Aprender audios, vídeos, presentacións...

Avaliar autoavaliación, portafolio

COMO É?

Unha resposta global para un contorno educativo diverso.

Intuitivo

Fácil de usar para ti.

Multidispositivo

Adátase e visualízase en calquera tipo de dispositivo (ordenador, tableta, móbil…) a calquera tamaño e resolución.

Descargable

Permíteche traballar sen conexión a Internet e descargalo en máis dun dispositivo.

Sincronizable

Os cambios que realices sincronízanse automaticamente ao conectar calquera dos dispositivos nos que o esteas usando.

Universal

Compatible con todos os sistemas operativos, os contornos virtuais de aprendizaxe (CVA) e as plataformas educativas (LMS) máis utlizadas nos centros escolares.

REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO LINGUA E SOCIEDADE ESTUDO DA LINGUA GRAMÁTICA DO TEXTO / LÉXICO E SEMÁNTICA PRÁCTICA DE LINGUA

Técnicas da escrita: o comentario crítico

• Antonio M. Fraga, santoamaro

A planificación lingüística: normalización e normativización

Técnicas da escrita: o tema e a idea principal Estereotipos e prexuízos lingüísticos

Fonética e Fonoloxía As propiedades do texto: coherencia, cohesión e adecuación

Actividades de ortografía e morfosintaxe

Introdución á sintaxe Procedementos de cohesión textual I Actividades de ortografía e morfosintaxe

Técnicas da escrita: o argumento

• Antía Yáñez, Non penses nun elefante rosa.

Técnicas da escrita: o título

• Ismael Ramos, Mentres tanto, dáme a man

A diversidade dialectal A frase Procedementos de cohesión textual II Actividades de ortografía e morfosintaxe

Bloques e áreas dialectais A cláusula Os conectores textuais Actividades de ortografía e morfosintaxe

Técnicas da escrita: o subliñado A construción da variante estándar do galego

Predicado e suxeito A progresión temática Oralidade. Como avaliar a comunicación verbal

Técnicas da escrita: o esquema As interferencias lingüísticas Complemento directo e indirecto Estrutura e formación de palabras Actividades de ortografía e morfosintaxe

Técnicas da escrita: o mapa conceptual

• Héctor Cajaraville, Xestas olímpicas

Técnicas da escrita: o resumo

• Xabier Vázquez Pumariño, Sermos Galiza, «Lume: por unha nova narrativa»

Técnicas da escrita: características formais e lingüísticas dos extos

• Sara Mandiá, nós diario, «Vrao»

Técnicas da escrita: as funcións da lingua

• Berta Dávila, Un elefante na sala de estar

O galego e a súa historia: de 1916 a 1936 Complemento circunstancial e suplemento

Tipos de morfemas e análise morfolóxica Actividades de cohesión, ortografía e morfosintaxe

O Galego A E Súa Historia: De 1936 A 1978 Atributo e predicativo Campos semánticos e definición de palabras Actividades de ortografía e morfosintaxe

O galego e a súa historia: de 1978 á actualidade As oracións bipolares Relacións de significado Actividades de cohesión, ortografía e morfosintaxe

O galego: lingua en vías de normalización As oracións coordinadas

Os cambios semánticos Oralidade. Como avaliar a comunicación non verbal

ÍNDICE
1 8 4 56 7 100 2 26 5 72 8 114 3 42 6 84 9 128 10 144 PÁX. LINGUA

COMENTARIO LITERARIO LITERATURA GUÍA DE LECTURA TEXTOS PARA ANALIZAR AUTOAVALIACIÓN

A lírica na xeira das Irmandades da fala. As vangardas

Ramón Cabanillas: Na noite estrelecida

Ramón Cabanillas, Luis Amado Carballo, Fermín Bouza-Brey, Manuel Antonio, Manuel Luís Acuña, Álvaro Cunqueiro, Federico García Lorca

Manuel Antonio, De catro a catro, «Descoberta»

Actividades de autoavaliación

A prosa do primeiro terzo do século xx

Ramón Otero Pedrayo: Os camiños da vida

Rafael Dieste, Alfonso R. Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco

Castelao, Cousas Actividades de autoavaliación

A poesía entre 1936 e 1975. Tendencias e autores

Celso Emilio Ferreiro: Longa noite de pedra

Aquilino Iglesia Alvariño, Bernardino Graña, Xosé María Díaz Castro, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xohana Torres, Luís Pimentel

Celso Emilio Ferreiro, O soño sulagado, «Dempois»

Actividades de autoavaliación

A prosa de 1936 a 1975: a narrativa do exilio. Os renovadores (Fole, Cunqueiro, Blanco Amor, Neira Vilas).

A nova narrativa

O teatro galego de 1900 a 1975: a escena no primeiro terzo do século xx.

O teatro do exilio. Os anos 50 e 60.

O grupo de ribadavia

A poesía de fins do século xx e comezos do xxi

Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais

Eduardo Blanco Amor: A esmorga

Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro

Ramón de Valenzuela, Era tempo de apandar

Actividades de autoavaliación

Castelao: Os vellos non deben de namorarse

Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro

Castelao: Os vellos non deben de namorarse

Actividades de autoavaliación

A prosa de fins do século xx e comezos do xxi: novos camiños da narrativa.

A narrativa da década de 1980.

A narrativa dos 90 e comezos do século xxi

O teatro de fins dos 80 e 90: dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

O ensaio: da posguerra á actualidade

X. L. Méndez Ferrín: Con pólvora e magnolias

X. L. Méndez Ferrín, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Xosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Lupe Gómez, Olga Novo

Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro Xosé Miranda, Diego Ameixeiras, Miguel Anxo Murado

Marta Dacosta, Pel de ameixa Actividades de autoavaliación

Carlos Casares, Xoguetes para un tempo prohibido

Actividades de autoavaliación

Raúl Dans: Lugar Xesús Pisón, Xosé Cid Cabido

Cándido Pazó, Raiñas de pedra. Actividades de autoavaliación

11 158 14 234 17 300 12 182 15 252 18 322 13 204 16 272 PÁX. LITERATURA

REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO »

• O comentario crítico » Antonio M. Fraga, santoamaro

LINGUA E SOCIEDADE »

• A planificación lingüística: a normalización e a normativización

ESTUDO DA LINGUA »

• Fonética e Fonoloxía

GRAMÁTICA DO TEXTO »

• As propiedades do texto: coherencia, cohesión e adecuación

PRÁCTICA DE LINGUA »

• Actividades de comprensión lectora, produción textual e funcionamento da lingua

1

Sábado, 13 de xullo

Ao fondo do escenario, na zona máis escura, unha sombra maldice pegada a uns fieitos. É Fer. Ten o pene entre as mans e, malia a enorme gana de ouriñar, non consegue verter nin unha pinga.

—Non te agoníes, non te agoníes... –trata de calmarse–. Agora vas ir falar con Alfonso e el dirache o que hai que facer.

Garda o membro e sobe a petrina. A continuación, desenrosca o tapón da botella e enxauga a boca. Ten moita sede, mais non quere beber e aumentar aínda máis a ansia por baleirar a vexiga.

Desde o paseo baixa dun chimpo á praia e aterra de bruzos na area, o que provoca as gargalladas de Marta e Iria, que conversan sentadas nas bancadas de pedra.

—Estás ben, Fercha? –interésase Marta.

Ferpectamente, queens!

O rapaz érguese do chan rebozado coma unha croqueta e observa o ceo, no que dúas gaivotas silandeiras danzan baixo o manto de estrelas.

—Ollade as estrelas. Non son fascinantes? É como se alguén picase un millón de veces a lona cun alfinete e iluminase o reverso cunha lanterna.

—Repito: estás ben, Fer?

O mar converteuse nunha colosal placa de xeo escuro que o atrapa. Sente como a calor corporal loita nos pés coa calor do océano.

Alfonso achégase nadando.

—Que pasa, neno? –pregúntalle.

—Que te botaba de menos, Pandiña. Mira esa barba.

Fer aloumíñalle a meixela coa palma da man e goza das cóxegas que lle produce o nacemento dos pelos.

—Fer, vas de M?

—Vou.

—Buah! Vaia cante. Pero non mo pediras para levar ao Marisquiño?

—Púidome a curiosidade. Oe, non podo mexar. Non me sae nin unha gota. Levo toda a noite bebendo zume de ananás e teño a vexiga coma un balón de praia.

—Zume de ananás? Interesante. A min co M dáseme polo Nestea.

—A ver, tío, que fago?

—O primeiro, non agoniarte. É habitual. Débese atascar algo aí abaixo. Tenta mexar agachado, coma as rapazas. Así é máis fácil. E cando acabes, ven onda min. Vou enlear un grelo de herba.

—Oh, non, non! Paso de mesturar.

—Pois alá ti. Co subidón que levas non vas durmir até o martes. Canto tomaches?

—Un par das bombiñas que preparaches. Unha no pub e outra de camiño.

—Tan tarde? Hai que ser cafre! Bah, non te raies. Ti vai mexar e logo falamos.

David sae repentinamente da auga e achégase a eles. Ao advertilo, Fer e mais Alfonso deteñen subitamente a conversa.

—A que andades, negros? –pregunta David, alegre.

Fer fica en transo ollando a David; admirando a súa pel, que brilla baixo o luar coma unha cota de malla; adorando os seus músculos definidos e as serpes de acibeche do seu cabelo; analizando os seus ollos, enormes hoxe, preñados dunha soberbia cruel e simulada; intuíndo baixo o calzón mollado o seu sexo, devezo de tantas noites e que tantas veces imaxinou noutros sexos.

—Es unha ostra, David, querido. Gardas no interior unha valiosísima perla. Pero a cuncha! A cuncha é preciosérrima!

E dito isto, Fer agarra coas dúas mans a cara de David e estámpalle un forte bico nos beizos, Tras o estupor inicial, David apártao con violencia e tírao ao chan.

—Es un imbécil, meu. Un puto imbécil –di con carraxe antes de marchar a fume de carozo.

Alfonso, aínda abraiado polo que acaba de presenciar, ofrécelle unha man a Fer e axúdao a erguerse.

—Estás ben? –pregunta.

—Hai moito tempo que non estou tan ben, Pandiña. Moito tempo. Veña, enlea ese grelo.

Devagar, deixando que nos recreemos nesa escena conformada por oito corpos xa inmóbiles, a luz esvaécese.

9 REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO | 1
[...]
5 10 15 20 25 30 35 40 45 50 55 60 65 70 75
antonio m. fraga, santoamaro.

Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) estudou Enxeñería Técnica Industrial, mais desenvolveu xa unha ampla carreira no eido das letras. Instalado no barrio coruñés de Monte Alto, en 2013 gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil con O castañeiro de Abril. Posteriormente publicou Tártarus (2016) e Escaquis e Romeu (2018). Coa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (2018) obtivo o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, e en 2020 acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa novela santoamaro. Algúns dos seus títulos foron traducidos a idiomas como o castelán, o inglés, o catalán ou o éuscaro.

Comprensión textual

1. Logo de ler o texto, organizade un faladoiro na aula para abordar as seguintes cuestións:

– Uso das drogas no tempo de ocio durante a adolescencia.

– Sexualidade non convencional: homosexualidade, bisexualidade...

Xerga xuvenil: termos e expresións propios do xeito de falar deste tramo de idade.

– A presenza no texto de elementos propios doutros xéneros literarios.

– Linguaxe figurada: comparacións e metáforas.

2. Explica o significado dos seguintes termos:

agoniarse (l. 42) chimpo (l. 11)

silandeiro (l. 17)

acibeche (l. 58)

de bruzos (l. 11-12)

ser unha ostra (l. 63)

ficar en transo (l. 56)

a fume de carozo (l. 69)

3. Explica o sentido das seguintes expresións extraídas da lectura inicial: Reflexión lingüística

4. Descompón morfoloxicamente as seguintes palabras tiradas do texto e indica se os morfemas son flexivos ou derivativos:

escenario (l. 1)

continuación (l. 7)

fascinantes (l. 19)

colosal (l. 24)

nacemento (l. 31)

inmóbiles (l. 76)

5. Localiza os pronomes átonos nos seguintes enunciados extraídos da lectura e xustifica a súa colocación.

Que te botaba de menos, Pandiña. (l. 29)

– Púidome a curiosidade. (l. 36)

– Bah, non te raies. (l. 51)

– Devagar [...], a luz esvaécese. (l. 75)

Léxico

6. Achega un termo equivalente a cada unha destas palabras da xerga xuvenil

7. No texto aparecen varios sinónimos do verbo ouriñar. Localízaos e indica en que contexto se empregaría cada un deles.

10  1 | REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO
grelo subidón bombiña cante meu raiarse

Análise e expresión textual

8. Nos textos escritos, sexan do tipo que sexan, é habitual o emprego dos seguintes marcadores discursivos ou conectores textuais:

PRINCIPAIS CONECTORES TEXTUAIS

• Iniciativos: pois ben, vexamos, a ver, imos ver...

• De expresión do punto de vista: ao meu xuízo, dende o meu punto de vista…

• De manifestación de certeza: é evidente que, é indubidable, de feito, en realidade, está claro que...

• De confirmación: en efecto, por suposto, dende logo, efectivamente…

• De exemplificación: por exemplo, a saber, así, en concreto

• Contrastivos ou contraargumentativos: de todos os xeitos, non obstante, con todo...

• De manifestación de acordo: perfecto, claro, ben, (pois) vale, de acordo…

• Organizadores do discurso: en primeiro lugar, primeiro, por último…

• De adición: ademais, tamén…

• De causa-consecuencia: posto que, polo tanto…

• De conclusión: en resumo, para concluír...

• Estes son algúns dos conectores empregados na lectura. Di de que tipo son e achega un sinónimo válido no contexto para cada un deles.

pois (l. 47) e dito isto (l. 65) a continuación (l. 7) devagar (l. 75)

11 REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO | 1

TÉCNICAS DA ESCRITA: O COMENTARIO CRÍTICO

O comentario crítico ten como finalidade emitir un xuízo crítico sobre o contido dun texto.

• Cando se nos pide facer un comentario crítico dun enunciado concreto extraído dun texto, debemos centrarnos en explicar e valorar desde un punto de vista persoal as ideas expostas no propio enunciado.

• Cando se nos pide facer un comentario crítico dun texto na súa totalidade, debemos analizar de xeito ordenado cada un dos aspectos que se detallan no seguinte cadro.

COMO SE FAI UN COMENTARIO CRÍTICO

• Comeza indicando ante que tipo de texto te atopas e cal é o tema, a idea principal ou a tese defendida.

• Resume brevemente o seu contido.

• Analiza a súa estrutura e características.

• Explica e valora desde o teu punto de vista as ideas expostas no texto. Para iso podes comentar a tese defendida, apoiar e ampliar ou refutar os argumentos que se empregan, relacionar o tema con outras lecturas, películas..., que axuden a reforzar a opinión, etc.

• Conclúe resaltando a vixencia ou o interese do tema ou xustificando razoadamente o seu desinterese.

9. Realiza un comentario crítico sobre o tema principal da lectura. O resultado debe ser un texto coherente e cohesionado que recolla cada unha das cuestións do cadro anterior.

12  1 | REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO

A PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA: NORMALIZACIÓN E NORMATIVIZACIÓN

A normalización lingüística

Ante unha situación de conflito lingüístico, na que as funcións sociais das linguas en contacto están a reorganizarse en favor da lingua en expansión (lingua dominante), existen tres posibles saídas:

• Que a lingua dominante acabe por substituír a outra en todos os ámbitos da sociedade, proceso gradual que, de culminarse, remata coa desaparición da lingua substituída (lingua minorizada).

• A volta á situación anterior ao conflito, na que unha lingua adoita desempeñar as funcións consideradas altas (Administración, ámbito laboral, educación, xustiza, Igrexa, etc.), e a outra as consideradas baixas (ámbito familiar e coloquial).

• A normalización da lingua minorizada, é dicir, a súa extensión parcial ou total a ámbitos ou espazos sociais dos que estivera afastada.

Polo tanto, a substitución e a normalización lingüísticas constitúen dous procesos contrapostos, de cuxa evolución depende o futuro das linguas implicadas. Calquera proceso de normalización dunha lingua persegue dous obxectivos fundamentais: ampliar os seus ámbitos de uso e aumentar o seu número de falantes.

Ademais, a normalización busca o recoñecemento legal da lingua en cuestión, así como o compromiso e implicación dos poderes públicos na súa protección e promoción.

A principal ferramenta que adoitan utilizar os gobernos nos procesos de normalización é o sistema educativo, posto que o primeiro paso reside en dotar da competencia lingüística necesaria a toda a cidadanía. Só deste xeito se pode abrir a posibilidade á xeneralización do seu uso.

Ademais, a presenza no ensino contribúe a aumentar o prestixio social das linguas, requisito fundamental para a súa revitalización. Non obstante, converter a lingua minorizada na lingua da educación é un paso necesario pero non suficiente.

Cómpre tamén propiciar a súa presenza noutros ámbitos de prestixio, como:

• A Administración pública.

• A literatura.

• O ocio (videoxogos, música, cine, deporte, etc.).

• As redes sociais.

• Os medios de comunicación de masas (prensa, radio, televisión, internet).

13 LINGUA E SOCIEDADE | 1

A normativización

Co fin de estender a lingua minorizada a todos os ámbitos da sociedade, cómpre dotala dos recursos necesarios para ser usada nas novas funcións, é dicir, provela dunha variedade estándar que sirva de medio de expresión común nos usos formais e escritos (medios de comunicación, ensino, institucións, etc.). Esta variedade será a que se lles ensine a través dos medios formais aos novos falantes (neofalantes) e aos que a aprendan como lingua estranxeira. Ademais, é necesario levar a cabo un esforzo para actualizar o seu vocabulario ás novas necesidades.

Todas as linguas posúen as mesmas capacidades para cumprir todas as funcións, pero loxicamente, unha lingua que nunca fose usada na xustiza carece do vocabulario característico dese ámbito. Este proceso, paralelo á normalización, denomínase normativización

Así, o proceso de normativización dunha lingua está estreitamente relacionado co da súa normalización, de xeito que ambos os dous se implican mutuamente, englobándose baixo a denominación común de planificación lingüística. Na normalización dunha lingua trátase de intervir sobre a súa situación social (planificación do status), pero, para acadar estes obxectivos, resulta imprescindible intervir tamén na estrutura interna da lingua (planificación do corpus).

Cómpre fixar un modelo lingüístico de referencia, unha normativa, e modernizar o seu léxico (cubrir lagoas léxicas e adaptala a toda clase de necesidades comunicativas), co fin de que os membros da comunidade lingüística poidan empregar a súa lingua en calquera situación e contexto cunha certa garantía de corrección. Ambos os procesos, intimamente ligados, traen consigo o aumento do prestixio da lingua e a mellora da súa imaxe social.

Do status (normalización)

Aumento do número de falantes

Extensión de usos e funcións

PLANIFICACIÓN

Do corpus (normativización)

Elaboración dunha variedade estándar

Modernización do léxico

Sen dúbida, o máis complexo dun proceso de normalización resulta incidir nas prácticas lingüísticas coloquiais e espontáneas dos falantes. En realidade, só se pode acceder a elas indirectamente, por medio de diferentes vías:

• Aumentando o prestixio social da lingua minorizada, a través da súa presenza nos ámbitos mencionados.

• Convertendo o seu coñecemento nunha necesidade, ao incluílo como mérito ou requisito para acceder ao mercado laboral.

• Apelando ao sentimento identitario dos grupos de falantes.

En todo este proceso resulta moi importante a colaboración das elites sociais, xa que os seus usos adoitan tomarse como modelos e, polo tanto, estenderse ao resto da sociedade.

14  1 | LINGUA E SOCIEDADE

En calquera caso, as medidas deben estar convenientemente planificadas e ter os seus obxectivos claros, de aí a necesidade de elaborar plans de normalización, organizados por ámbitos e nos que se especifiquen medidas concretas de actuación, así como os axentes implicados na súa posta en práctica, o tempo e o investimento necesarios.

Exemplos de planificación lingüística

• Intento de estender o suahili en Tanzania: desde 1967 a escolarización en primaria realizábase só nesta lingua, en lugar de en inglés. Hoxe en día, a maioría da poboación fala o suahili como segunda lingua, ademais das súas linguas vernáculas, que aprenden na familia, así como o inglés, que aprenden na escolarización secundaria.

• En Irlanda, cando se intentou recuperar o irlandés, o inglés xa cumpría todas as funcións comunicativas (o dominio inglés remóntase ao século xviii e foi en ocasións moi represivo). Así, o irlandés, aínda que goza de status oficial, só funciona desde un punto de vista simbólico (menos do 3% fala hoxe en día irlandés).

• En Noruega, actualmente o idioma oficial é o noruegués, pero nos séculos xv e xvi ocupou este status o danés, que era a lingua que empregaban as clases cultas e urbanas. Hoxe en día fálanse dúas linguas, coa mesma consideración legal e docente, o bokmal e o nynorsk.

– Bokmal: falado polo 80% da poboación, variedade de danés, con influencia do noruegués na pronuncia e nalgúns mecanismos gramaticais. Chamada tamén «lingua dos ricos».

– Nynorsk: falado polo 20% da poboación. Chamada tamén «lingua do campo». Entre o sueco, o danés e as dúas normas de noruegués hai intercomprensión.

Calquera proceso de planificación dunha lingua responde a uns obxectivos previamente establecidos: no noso caso o obxectivo é deter o proceso de substitución do galego polo castelán e recuperar a lingua propia de Galicia como lingua de uso cotián en todos os ámbitos.

Despois dun período de máis de tres séculos relegada aos ámbitos familiar e coloquial, a lingua galega iniciou o camiño da súa normalización co Rexurdimento, no século xix, accedendo progresivamente a distintos espazos sociais. Cando no último cuarto do século xx lle foi recoñecido o carácter de lingua cooficial, comezou unha nova etapa do proceso normalizador, mais o galego xa era lingua habitual das actividades culturais, políticas e sindicais en Galicia, e mesmo contaba cunha certa presenza, moi minoritaria, no ensino e nos medios de comunicación. Precisamente, o ámbito do ensino constituíu un dos eidos primordiais para a consecución da revitalización social do galego tras a recuperación da democracia en España a partir de 1975. A inserción da lingua galega nas prácticas educativas foi unha condición necesaria para acadar a súa normalidade social.

15 LINGUA E SOCIEDADE | 1

1. Expresa por escrito a túa opinión, debidamente argumentada, sobre os seguintes textos:

Os castigos físicos en centros académicos por falar en galego están documentados desde meados do século xvi e son unha constante até o último cuarto do século xx. «Azotan a los niños en la Gramática, a los quales se les suelta una voz gallega», protestaba Sarmiento, coa enerxía que podía, xa no século xviii [...]. O profesorado que mantiña o galego na oralidade vai ser reprendido por ese motivo no século xix, e outros docentes, tamén nesa centuria, non van conseguir traballo por faláreno.

Entre os prexuízos que existen sobre a lingua galega hai algúns que veñen xa de vello, pero hainos tamén modernos, resultado do proceso de estandarización. Vexamos algúns dos máis estendidos:

– O galego é lingua de pobres.

– O galego é lingua de aldeáns.

– O galego só o falan os nacionalistas.

– O galego non serve fóra de Galicia.

– O galego é un idioma imposto.

– O galego estándar é un idioma inventado

• Realizade un debate na clase no que defendades as vosas opinións.

2. Consideras que hoxe en día a lingua galega está plenamente normalizada?

• Xustifica a túa resposta.

3. Busca semellanzas e diferenzas entre o proceso de normalización aplicado en Galicia ata o momento e os levados a cabo en Tanzania, Irlanda e Noruega.

4. Define os seguintes conceptos, explicados con detalle en 1.º de bacharelato:

– lingua dominante fronte a minorizada

lingua maioritaria fronte a minoritaria

– bilingüismo (social e individual)

– diglosia

16  1 | LINGUA E SOCIEDADE

FONÉTICA E FONOLOXÍA

A Fonética é a disciplina da Lingüística que se encarga do estudo dos sons da lingua. Pola súa banda, a Fonoloxía encárgase do estudo do sistema constituído polos fonemas.

Sons, fonemas e grafemas

Mediante o aparello fonador, o ser humano pode emitir unha amplísima variedade de sons, pero cada lingua posúe un sistema limitado de unidades mínimas significativas denominadas fonemas. Cada fonema pode ter varias realizacións fonéticas ou sons, que se denominan alófonos

Os fonemas dunha lingua represéntanse na escritura a través das letras ou grafemas. Na lingua galega, igual que sucede noutros moitos idiomas, non existe unha correspondencia biunívoca entre os fonemas e as letras.

• O galego posúe sete fonemas vocálicos e en cambio unicamente dispón de cinco letras para a súa representación escrita:

FONEMAS /a/ /e/ /ɛ/ /i/ /o/ /ɔ/ /u/

GRAFEMAS a e i o u

• Por outro lado, dous grafemas como v e b, que nalgunhas linguas corresponden a fonemas distintos, en galego representan un único fonema.

• O grafema h da palabra hoxe, por exemplo, é simplemente gráfico e non corresponde a ningún fonema.

Hai fonemas que non se representan mediante unha única letra, senón a través de dúas letras combinadas (dígrafos), coma os que representan na escrita os fonemas consonánticos das palabras cheo, entullo, carreiro, que ou unha.

O galego posúe vinte e seis fonemas: sete vocálicos e dezanove consonánticos.

17 ESTUDO DA LINGUA | 1

A diferenza de abertura nas vogais de grao medio maniféstase con claridade en sílaba tónica (nove /ɔ/, tona /o/; sete /ɛ/, rede /e/).

As vogais

As vogais caracterízanse, fronte ás consoantes, por teren unha articulación libre, de maneira que o aire non atopa obstáculo para saír pola farinxe e a boca.

As vogais pódense clasificar segundo o grao de abertura ou a localización.

Hai parellas de palabras que se diferencian pola oposición dos fonemas de abertura media (pola / póla, presa / présa...). Este fenómeno ten especial rendemento na conxugación verbal:

• Imperativo: come /kóme/, bebe /bébe/.

• Presente de indicativo: come /kɔme/, bebe /bɛbe/.

GRAO DE ABERTURA

LOCALIZACIÓN

PECHADAS A lingua elévase considerablemente contra o padal /i/, /u/

semipechadas: /e/, /o/

DE ABERTURA MEDIA A lingua elévase un pouco contra o padal; divídense en semipechadas e semiabertas

semiabertas: /ɛ/, /ɔ/

ABERTAS A lingua non se eleva cara ao padal /a/

ANTERIORES ou PALATAIS Cando se pronuncian na parte anterior da boca, no padal duro /i/, /e/, /ɛ/

POSTERIORES ou VELARES Cando se pronuncian na parte posterior da boca, preto do veo do padal /u/, /o/, /ɔ/

CENTRAIS Cando se localizan no centro da boca /a/

TRIÁNGULO VOCÁLICO

18  1 | ESTUDO DA LINGUA
DE ABERTURA anteriores ou palatais central posteriores ou velares pechadas semipechadas abertas semiabertas /i/ /u/ /e/ /ɛ/ /ɔ/ /a/ /o/
LOCALIZACIÓN GRAO

Algúns fenómenos orais que afectan ao vocalismo

• No vocalismo tónico é característica a metafonía, que consiste no peche ou abertura das vogais medias tónicas por influencia dun fonema /o/ ou /a/ ao final da palabra (sogro /sogro/, sogra /sɔgra/).

• No vocalismo átono son comúns algúns fenómenos de vacilación vocálica:

– Harmonización vocálica: as vogais tónicas /ú/ e /í/ e mais o ditongo /éi/ tenden a pechar as vogais átonas de abertura media da sílaba precedente (fuciño, anduriña, pidir, rigueiro, cireixa, piquiniño por fociño, andoriña, pedir, regueiro, cereixa, pequeniño).

– Labialización: altérase en o unha vogal cando vai en contacto con consoante labial ou labiodental: lovar, somana, formento (por levar, semana, fermento).

OUTROS FENÓMENOS VOCÁLICOS COMÚNS NA LINGUA ORAL

AFÉRESE Perda dunha vogal ao principio da palabra inda, topar (por aínda, atopar)

SÍNCOPE Perda da vogal no medio da palabra espranza, vran, pra (por esperanza, verán, para)

APÓCOPE Perda dunha vogal ao final da palabra quer (por quere)

PRÓTESE Consiste en engadir unha vogal ao principio da palabra abidueiro, arradio, arremedar (por bidueiro, radio, remedar)

EPÉNTESE Intercalación dun iode entre dúas vogais que forman hiato a iauga, a ialma, comeraio (por a auga, a alma, comerao)

PARAGOXE Aparición dunha vogal ao final da palabra mullere, nose, fácile, corazonhe (por muller, nós, fácil, corazón)

1. Explica cal é a diferenza entre fonema, son e grafema.

2. Indica en que consisten os seguintes fenómenos vocálicos e pon exemplos de cada un (que non coincidan cos que xa veñen no libro).

metafonía aférese labialización epéntese apócope harmonización vocálica

3. Marca as vogais tónicas segundo sexan abertas (A) ou pechadas (P).

4. Marca as vogais tónicas segundo sexan abertas (A) ou pechadas (P).

5. Le en voz alta os seguintes enunciados diferenciando o timbre aberto ou pechado das vogais e, o

Hoxe entro cedo porque teño présa.

Sempre compro todo o que vexo de oferta.

19 ESTUDO DA LINGUA | 1
Desde que veño a este médico non teño apenas doenzas. brétema cadela certeza guerra medo papel perfecto riqueza tarefa técnica home morte mozo nora onte órgano pobo porco precioso terror
Quedo na escola para facer a proba de Galego.

As consoantes

Cando articulamos as consoantes, o aire si atopa obstáculos na súa saída. As consoantes defínense por tres trazos: o punto de articulación (lugar onde os órganos articulatorios interceptan a saída do aire), o modo de articulación (maneira de interceptar o aire) e a vibración ou non das cordas vocais.

ÓRGANOS FONADORES DO SER HUMANO

PUNTO DE ARTICULACIÓN

Bilabiais Achéganse os dous labios

Labiodentais O labio inferior toca os dentes superiores

Interdentais A lingua sitúase entre os dentes

Dentais A lingua apóiase nos dentes superiores

Alveolares A lingua toca os alvéolos

Palatais A lingua elévase contra o padal

Velares A parte posterior da lingua apóiase no veo do padal

Oclusivas Péchase por completo e logo ábrese a canle de saída do aire

Fricativas O aire sae rozando por unha canle estreita

MODO DE ARTICULACIÓN

Africadas Primeiro hai unha oclusión e inmediatamente unha fricación

Laterais O aire sae polos lados da lingua

ACCIÓN DAS CORDAS VOCAIS

Líquidas

Vibrantes Prodúcese unha ou varias oclusións breves, segundo sexa vibrante simple ou múltiple

Nasais Unha parte do aire sae polo nariz

Xordas Non hai vibración das cordas vocais

Sonoras As cordas vocais vibran

20  1 | ESTUDO DA LINGUA

Clasificación das consoantes

MODO DE ARTICULACIÓN

PUNTO DE ARTICULACIÓN

bilabiais labiodentais interdentais dentais alveolares palatais velares son. xor. son. xor. son. xor. son. xor. son. xor. son. xor. son. xor.

oclusivas [b] boi, ven [p] corpo [d] dúas [t] ruta [g] figo, erguer [k] casa, quen fricativas [f] fume [θ] cinza [s] paseo [ʃ] fuxir africadas [tʃ] rocha

nasais [m] man [n] cana [ɲ] leña [ŋ] unha

líquidas

laterais [l] levar [λ] ollo

vibrantes simple [ɾ] ouro

múltiple [r] raio, carro

Algúns fenómenos orais que afectan ás consoantes

• A gheada e o seseo son realizacións correntes dos fonemas /g/ e /θ/ como unha aspiración /h/ ou como /s/, respectivamente, que se dan en moitas partes de Galicia.

• A metátese é outro fenómeno oral e consiste no cambio de lugar dunha consoante dentro dunha palabra: probe (por pobre), freba (por febra).

• A apócope ou perda da última sílaba dunha palabra: virtú (por virtude), verdá (por verdade).

• O rotacismo é o cambio de /θ/ ou /s/ por /r/ ante consoante sonora: rotacirmo (por rotacismo), en ver de (por en vez de).

• O uso de contraccións é un fenómeno común. A normativa acomoda a escrita á lingua oral nun número establecido de casos, pero na fala fanse moitas máis contraccións cando hai contacto de vogais na cadea falada (dille qu’espere).

O n velar

En galego existen dous tipos de consoante nasal ene: o alveolar (coma o de nube ou pena) e o velar (coma o de unha e pan). Este último aparece xeralmente a final de palabra (camión, non, chan, bebín), antes de consoante velar (domingo, angustia) e nalgúns casos en posición intervocálica, onde se representa co dígrafo nh (algunha). O n final dalgunhas palabras como non, quen, nin ou sen, que por regra é velar, realízase non obstante como alveolar cando esas palabras van seguidas do pronome persoal átono o, os, a, as. Así, «non o sei» ou «quen o di» pronúnciase como /nonoséj/, /kenodí/ e non como /noŋoséj/, /keŋodí/

21 ESTUDO DA LINGUA | 1

CORRESPONDENCIA ENTRE FONEMAS E GRAFEMAS

fonema grafemas exemplos

/b/ b v bóla virar

/

θ/ c (+ e, i) z (+ a, o ,u)

Agrupación de fonemas: sílaba, ditongo, tritongo, hiato

Os fonemas que se pronuncian nun mesmo golpe de voz constitúen unha sílaba. As palabras poden ser monosílabas ou polisílabas (bisílabas, trisílabas, cuadrisílabas...) segundo teñan unha ou máis sílabas.

/k/ c (+ a, o, u) qu (+ e, i)

cear recibir peza anzol zume

cabo branco culta queixo quince

En galego as sílabas conteñen unha ou dúas vogais, soas ou acompañadas por consoantes. O fonema esencial dunha sílaba, denominado núcleo silábico, está constituído sempre por unha vogal (co-me). Ademais do núcleo, a sílaba pode conter outros fonemas que constitúen a marxe silábica (co-me).

As sílabas poden ser libres ou abertas (cando rematan en vogal) ou ben trabadas ou pechadas (cando rematan en consoante). Nas palabras patrimoniais do galego só algunhas consoantes poden pechar sílaba (-l, -n, -r, -s, -z), pero nos cultismos son posibles moitas outras (admitir, ignorante, obxecto, adoptar, etnógrafo...).

/g/ g (+ a, o, u) gu (+ e, i)

galo agosto gume guerra anguía /ŋ/ nh n (+ velar) n (final)

unha tango can

Cando dúas vogais en contacto pertencen a sílabas distintas prodúcese un hiato (aéreo, día). Pola contra, cando dúas vogais forman parte da mesma sílaba, temos un ditongo (vou, canción, frecuencia, lei). Os ditongos son crecentes cando vai unha vogal pechada (i, u) seguida dunha aberta (a, e, o), e son decrecentes cando vai primeiro a aberta e logo a pechada. Un tritongo é unha secuencia de tres vogais nunha mesma sílaba. Dúas vogais abertas seguidas sempre forman hiato, é dicir, pertencen a sílabas distintas.

6. Cal é a principal diferenza entre as vogais e as consoantes á hora de pronuncialas?

7. Le con detemento o seguinte texto e define polos seus trazos fonéticos as vogais e as consoantes que conforman as palabras destacadas.

Este é un labor é trivial, básico. Só se necesitan dous brazos e dúas pernas para facer o que case calquera podería facer, que está ao alcance da maior parte dos humanos. A intelixencia non é requirida, nin o falar. Nin sequera o sorrir

Xabier Cid, 10 000 millas de andar na bici.

8. Cales son os grafemas e fonemas que forman o seguinte enunciado?

– Heladio é un artista punk que viste sempre cunha gabardina ata os xeonllos, pantalóns de camuflaxe e botas coas puntas ferradas.

9. Sinala os ditongos e tritongos das seguintes palabras. No caso dos ditongos, indica se son crecentes ou decrecentes.

adiou audiencia baixo colleu cousa cuadrilla cuestión incluíu noite outeiro queixo vieiro

10. Subliña as vogais que se encontran en hiato.

argüír arreo beirarrúa caín doeume guión muíño raiado río roer rúa vaian

11. Clasifica as sílabas das seguintes palabras segundo sexan libres ou trabadas.

acuario alma condición construír estado fiestra moito sinxelo tractor transporte verán zoupar

22  1 | ESTUDO DA LINGUA

AS PROPIEDADES DO TEXTO: COHERENCIA, COHESIÓN E ADECUACIÓN

Un texto é unha unidade comunicativa complexa composta por unidades lingüísticas máis simples: palabras, frases, cláusulas, oracións... Non obstante, non todo conxunto de palabras, cláusulas ou oracións pode considerarse un texto.

A coherencia é unha das propiedades fundamentais dun texto e regula a súa organización global. A coherencia determina a cantidade de información que un texto debe transmitir e tamén a forma de facelo: a orde dos elementos, a estrutura, o contido... É unha propiedade fundamentalmente semántica que afecta a como está organizado o texto e ao seu significado.

Ademais, para que un texto sexa coherente, deben cumprirse outras dúas propiedades fundamentais: a cohesión textual (as unidades que compoñen o texto deben estar cohesionadas, isto é, relacionadas entre si) e a adecuación (o texto debe estar adaptado ao contexto de fala).

PODEMOS DICIR QUE UN TEXTO É COHERENTE

• Cando o tema que trata está ben delimitado, sen excesos nin carencias de información, e non se repiten as ideas.

• Cando o contido está exposto de forma sinxela, clara e cohesionada.

• Cando a información está organizada e se desenvolve dunha maneira progresiva e ordenada.

• Cando as ideas que se expoñen non se contradín.

PODEMOS DICIR QUE UN TEXTO ESTÁ COHESIONADO

• Cando os elementos que o compoñen (as palabras, frases, oracións e parágrafos) están ben conectados entre si a través de recorrencias léxicas, de mecanismos de substitución e conexión, boa puntuación, etc.

PODEMOS DICIR QUE UN TEXTO É ADECUADO

• Cando a escolla lingüística se realiza tendo en conta o contexto de fala, a intención comunicativa, o tipo de destinatario e o soporte empregado.

Polo tanto, os mecanismos que garanten que un texto sexa coherente son:

a. Mecanismos semánticos: relacionados co tema do texto, co seu argumento e co xeito de estruturar e transmitir as ideas. Son os que lle dan coherencia ao texto.

b. Mecanismos de cohesión textual: procedementos de tipo lingüístico que permiten que os elementos do texto se relacionen entre si.

c. Mecanismos relacionados coa adecuación ao contexto comunicativo: dependendo do destinatario, o texto utilizará un rexistro máis ou menos formal; dependendo da intención comunicativa, será máis ou menos obxectivo; dependendo do xénero literario, terá unha estrutura determinada; dependendo do soporte empregado para difundilo, posuirá unhas características concretas, etc.

23 GRAMÁTICA DO TEXTO | 1

1. Pensas que este é un enunciado coherente? Trata de explicar por que.

Botou a man a tentas ao espertador. Agarrouno por fin. Premeu con forza no botón de stop e deixou quedar o aparello caído na mesiña de noite. Xa era día. Pero estábase tan quentiño na cama... Tapou a cara co embozo da saba. Que caloriña. Sentiu no cu os golpes que lle daba a muller cos xeonllos, veña de aí, que vas quedar a durmir coma o outro día. Contestoulle cun rosme e deixouse estar quedo. Había que erguerse, non fora ser que se durmise. Saíu dun golpe da cama. A muller rosmou algo que non entendeu. Calzou as zapatillas e tusiu un par de veces. Saíu arrastrando os pés e pechou a porta do cuarto, sempre lle berraba porque lla deixaba aberta e entraba o frío. Suso

2. Localiza os elementos que non son adecuados ao acto comunicativo en que se insire este texto.

Eu non vin o momento do accidente, señor xuíz. Pero xa que me preguntas, cóntoche... O caso é que a xente que estabamos alí oímos de súpeto un ruído, bumba!; e xa o seguinte foi aparecer os tres tipiños cada un máis escarallado ca o anterior. Os que ían no coche, digo. Os dous primeiros apenas tiñan manchas de sangue, pero o de atrás sangraba coma un porco... Si, si, coma un porco, como llo digo. E medio morto como estaba non se lle ocorre outra cousa ao descerebrado que baixar a petrina e poñerse a mexar alí mesmo, contra unha esquina. E claro, todo Cristo flipando. Que digo eu que a algún a cabeza lle anda coma unha nora desas que poñen nas feiras. E das grandes, ademais. Porque a do paisano aquel non era pequena precisamente. Estou seguro que calquera dos tres viñan de tomar algo máis ca viño...

24  1 | GRAMÁTICA DO TEXTO
de Toro, Polaroid.

A serea

Samuel botaba o día paseando polo porto, á espera de que algún patrón o levase canda el. Nada lle causaba maior pracer que saír de pesca e sentir na cara o vento nordés e o salitre dos salseiros.

O mozo tíñalle querenza ao mar pese a que a súa desgraza estaba relacionada con el: un golpe contra as rochas da praia con catro anos tivérao dúas semanas á morte e deixáralle un aquel de lentura que o converteu en Samueliño para toda a vida. Pero aquela mañá de maio a sorte sorriulle.

—Ven, rapaz!

Era Leonardo, dono dunha lancha xeiteira para ir á sardiña. Aínda que se amañaba ben só, ás veces levaba a Samuel consigo, por ter con quen conversar e porque sabía o moito que lle prestaba.

Comezaba a temporada da sardiña e a xornada transcorría cunha calma plácida, tanta que a media mañá Samuel foi botar unha soneca no pañol de proa. Foron os berros de Leonardo os que acabaron por espertalo pasados tan só uns minutos.

—Samuel, mira o que hai aquí!

Cando o mozo saíu ao exterior, o único que viu foi unha rede ateigada de sardiña.

—Boa pesca, patrón –dixo Samuel–. Pero tanta présa... As sardiñas non ían escapar...

Comprensión lectora

1. No texto aparecen as intervencións dos personaxes en estilo directo, é dicir, a modo de diálogo. Converte eses fragmentos a estilo indirecto (expresados pola voz narrativa).

2. Explica o significado dos seguintes termos procedentes do léxico mariñeiro:

salseiro xeiteira pañol proa peirao

Produción textual

3. Realiza un breve resumo deste relato.

4. Por que pensas que Samuel confirma a historia de Leonardo? (100-150 palabras).

Funcionamento da lingua

5. Identifica os conectores que aparecen neste relato e indica de que tipo son.

—Non, home, non! –negou Leonardo–. Na rede viña tamén unha muller con cola de peixe. Tivo que che dar tempo a vela, aínda acaba de saltar de novo á auga... Mira como sacode a cola!

—Eu non vexo nada –asegurou o mozo.

De volta no peirao, Leonardo relatoulles o acontecido aos outros mariñeiros.

—Xúrovos que era talmente unha muller, agás da cintura para abaixo!

Os que escoitaban o relato comezaron a facer chanzas.

—Si, tamén eu unha vez pillei outra parecida, pero con cabeza de peixe e pernas de muller.

—Levaría maquillaxe a proba de auga, digo eu...

—Tanto que levas buscado moza en terra e mira onde estaba o amor agardando por ti!

Entón un deles, por continuar a burla, preguntoulle a Samuel:

—E logo ti tamén a verías, non si?

O rapaz, con xesto serio e voz firme, respondeu:

—Pois claro que a vin! Andaría polos vinte anos, tiña o cabelo negro e a pel branquísima, e a súa cola era longa e fina coma a dunha anguía.

6. «Mira como sacode a cola» (l. 26-27). Conxuga na persoa correspondente o presente de indicativo

– (Mentir) máis que falas.

– Nada máis erguerse vai á corte e (muxir) as vacas.

– Que ben (ulir) estas flores!

– Se (subir) ao faiado ten coidado polas escaleiras.

– Estará un tempo de baixa porque (sufrir) unha doenza hepática.

– Van deixar o equipo porque non se (sentir) valorados.

7. «Pracer» (l. 2-3), «plácida» (l. 16), «branquísima» (l. 44). Escribe -l- ou -r- segundo corresponda para completar as seguintes palabras:

25 PRÁCTICA DE LINGUA | 1
ac arar c avo esc avo f aco f or g oria nob e p aca p anta p eito p uma p ural
5 10 15 20 25 30 35 40 45

2

REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO »

• O tema e a idea principal » Nós Diario, «As refuxiadas tamén xogan ao gaélico»

LINGUA E SOCIEDADE »

• Estereotipos e prexuízos lingüísticos ESTUDO DA LINGUA »

• Introdución á sintaxe

GRAMÁTICA DO TEXTO »

• Procedementos de cohesión textual I PRÁCTICA DE LINGUA »

• Actividades de comprensión lectora, produción textual e funcionamento da lingua

O fútbol gaélico chegou ao campo de refuxiadas de Ioannina, en Grecia, este mes de setembro. Faino da man do adestrador nacional galego Alexandre Sanmartín, 'Jano', co obxectivo de que os seus habitantes esquezan por unhas horas a súa dura situación. O deporte demostra, unha vez máis, o seu valor social.

Odeporte na sociedade cumpre moitas funcións. Ademais de achegar múltiples beneficios físicos e ser unha actividade formadora, é unha potente ferramenta psicolóxica. En determinados contextos xeográficos e sociais pode ir máis alá e servir como punto de apoio en situacións difíciles.

Por este motivo é habitual a súa presenza como unha das actividades prácticas que empregan as ONG que traballan en escenarios con múltiples carencias de todo tipo. Un deses escenarios son os campos de persoas refuxiadas, cada vez máis numerosos, que acollen persoas desprazadas, sobre todo como consecuencia de conflitos bélicos.

Este mes de setembro ao de Ioannina, situado no oeste de Grecia e a poucos quilómetros da fronteira con Albania, chegou o fútbol gaélico da man do adestrador da selección nacional galega deste deporte, Alexandre Sanmartín, 'Jano'.

Como responsábel europeo dos técnicos de deportes de orixe irlandesa no organismo Gaelic Games Europe desde 2019, ten participado en numerosas actividades en varios países e este ano resolveu dar un paso máis e participar nun proxecto solidario e de cooperación. Na decisión de introducir o fútbol gaélico nun campo de refuxiadas influíu o contacto irlandés que atoparon en Grecia na organización que xa traballaba nese país: a Sport for Refugees Coalition.

Desde o país heleno e vía telefónica, o adestrador galego explica que o primeiro paso para iniciar esta actividade foi contar con material deportivo axeitado para enviar previamente a Grecia. «Aproveitamos o Campionato Europeo que tivo lugar en Pontevedra para realizar unha colecta e conseguimos reunir máis de 50 pares de botas», relata Jano a Nós Diario.

Xogar entre as pedras

O campo de persoas refuxiadas de Ioannina non conta sempre coa mesma poboación. Na actualidade viven nel aproximadamente unhas 500 persoas, sen chegar polo de agora á metade da súa capacidade, que están de paso cara a outros destinos.

A súa procedencia é, nunha grande parte, do Afganistán como consecuencia da represión talibán mais tamén hai familias do Irán, Kurdistán e Somalia. As ONG están situadas nun centro

social diante do propio campo e a actividade de fútbol gaélico ten que realizarse tres tardes á semana, nun prado ao carón das propias instalacións. «Non é un campo axeitado e está cheo de pedras mais é o espazo que hai», indica o adestrador.

O achegamento a este deporte, descoñecido nos países das persoas refuxiadas do campo, faise dunha maneira lúdica mesmo mudándolle o nome por «fútbol irlandés» para situalo xeograficamente. Cunha media de entre quince e vinte participantes a idea é «facer xogos para que o pasen ben nunha situación tan complicada como a que viven». Ao inicio da actividade eran rapaces mais co paso dos días conseguiuse que se sumaran rapazas até crear un grupo de idades moi variadas.

A outra función do deporte e o fútbol gaélico «Están como nun cárcere e vénlles moi ben facer unha actividade deportiva», asegura Jano. Nestes días descubriu que moitas das persoas que viven no campo de refuxiadas de Ioannina levan moitos meses «paradas e sen ter acceso a nada». A actividade deportiva é «unha saída» que lles motiva coa colaboración das voluntarias e voluntarios das ONG. «Montaron un pequeno ximnasio grazas á xente anónima que enviou material deportivo e xa se creou un club de boxeo no que tamén participo», explica.

Cando hai posibilidade organizan algún campionato como o que estes días dedican ao baloncesto. «Desconectan coa realidade que teñen, como o muro que lles construíron hai pouco», sinala. Desta primeira experiencia entre o fútbol gaélico e a cooperación solidaria nacerán outras que terán en conta a evolución da situación nos campos de refuxiadas. Alén da recuperación anímica do momento, a intención de Gaelic Games Europe é que as persoas que pasan por estas instalacións camiño doutros países europeos teñan a seguridade de que no lugar de destino tamén hai clubs deste deporte no que poden ter acollida.

«É outra motivación, saber que co fútbol gaélico terán acceso a entidades que o practican en lugares tan distantes como París ou Marsella», indica o seleccionador galego. Cando remate a súa estancia en Grecia, Jano ten por diante preparar a selección galega para os Xogos Mundiais.

REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO | 2
5 10 15 20 25 30 35 40 45 50 55 60 65 70
Nós Diario, 09/09/2022.
As refuxiadas tamén xogan ao gaélico

Comprensión textual

1. Busca un titular alternativo para esta noticia.

2. «O deporte na sociedade cumpre moitas funcións. Ademais de achegar múltiples beneficios físicos e ser unha actividade formadora, é unha potente ferramenta psicolóxica. En determinados contextos xeográficos e sociais pode ir máis alá e servir como punto de apoio en situacións difíciles». Explica o que quere dicir a persoa autora do texto con este enunciado.

Reflexión lingüística

3. Indica a categoría gramatical das palabras que conforman este fragmento do texto: «O campo de persoas refuxiadas de Ioannina non conta sempre coa mesma poboación. Na actualidade viven nel aproximadamente unhas cincocentas persoas».

4. «Lugares tan distantes como París» (l. 70), «están como nun cárcere» (l. 51). Completa os seguintes enunciados coa conxunción comparativa axeitada e realizando as contraccións necesarias. Se é posible empregar máis dunha conxunción, indícao.

– É máis alto eu pensaba, a tele moito engana...

– Fixo tanto os demais, así que ben merece o premio.

– Non resulta tan doado parece a primeira vista.

– Non hai xeito de pillalo, é moito máis rápido nós.

– O peixe fresco é máis saboroso o conxelado.

– Teño eu máis gana ti de coller as vacacións.

5. «Persoas estranxeiras desprazadas». Indica se as seguintes palabras se escriben con s ou x. En caso de que ambas sexan correctas, sinálao.

Léxico

e tender gra a o í eno estado / país campo / prado testemuño / testemuña música / canción rapaz / mozo estremo / extremo

6. «En varios países» (l. 18), «nun prado a carón das propias instalacións» (l. 39-40). Explica a diferenza entre estes pares de palabras, que en certos contextos poden crear dúbidas pola proximidade dos seus significados.

7. «Persoas» (l. 33). Escribe a familia léxica das seguintes palabras e indica se son regulares ou irregulares.

vixiar orde cheo

28  2 | REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO
cón u e corni a e a erar persoa espazo
e cavar e i ir e polio graza

Análise e expresión textual

8. Ante que tipo de texto nos atopamos? É unha noticia ou unha reportaxe? Xustifica a resposta.

9. O primeiro parágrafo, debaixo do titular, está destacado en letra máis grosa. Pescuda como se denomina este elemento informativo e que función cumpre.

10. Identifica o tema deste texto (le antes o contido do seguinte apartado do libro).

TÉCNICAS DA ESCRITA:

O TEMA E A IDEA PRINCIPAL

O tema dun texto é o asunto fundamental de que trata. Adoita expresarse cunha frase breve que recolla a idea central.

COMO DETERMINAR O TEMA DUN TEXTO

• O tema dun texto é unha formulación breve e clara que responde á pregunta «de que trata o texto?» A resposta é xeralmente un sintagma nominal que conteña un substantivo abstracto complementado cun adxectivo ou cun sintagma: O respecto ao medio ambiente, A violencia no deporte…O tema pode aparecer recollido no título do escrito, pero non sempre é así.

• Pódese chegar a identificar o tema formulando algunha das seguintes preguntas:

– Que di o texto?

– Que pretende dicir o autor ou autora?

Por que o di?

– Para que o di?

O QUE DEBES FACER

• Ler en profundidade o texto.

• Formular a pregunta: «de que trata o texto?»

• A resposta adoita ser un substantivo que pode estar seguido doutros elementos que precisen o seu significado.

• Escribir un resumo breve.

O QUE NON DEBES FACER

• Identificar o tema co título.

• Coller as primeiras palabras do texto sen lelo previamente.

Todas as ideas dun texto se subordinan ao tema ou idea central do escrito, nunha gradación que adoita ir do máis xeral ao máis particular. Por outra parte, cada parágrafo adoita desenvolver unha idea principal relacionada co tema e pode conter unha ou varias ideas secundarias.

A idea principal exprésase xeralmente a través dunha oración simple e abarca máis información que a que nos ofrece a formulación do tema. Unha boa maneira de determinar a idea principal é resumila nesta fórmula:

Idea principal = tema + o que se di do tema

29 REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO | 2

11. Indica (cunha única palabra, se é posible) o tema do seguinte texto.

12. Establece tamén cal é a idea principal de cada un dos parágrafos.

A TAXA DE MORTES POR TABAQUISMO AUMENTA EN MULLERES E DESCENDE EN HOMES

O tabaco causou 1 717 150 mortes en todo o Estado español no período 1990-2018. Pero o impacto foi diferente por sexo e estase observando unha mudanza que fará que a mortalidade atribuíble ao tabaquismo «aumente drasticamente nas mulleres nos próximos anos», advirten investigadores nun estudo liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o impacto do tabaco na poboación a partir dos 35 anos.

Segundo este estudo, entre os homes, a mediados dos anos 90, os cancros substituíron as enfermidades cardiovasculares como o principal grupo de causas de morte relacionadas co tabaco. No caso das mulleres, as enfermidades cardiovasculares e a diabetes continuaron sendo a principal causa de morte, aínda que medrou o cancro de pulmón.

Pero talvez o máis rechamante dos resultados deste estudo é que mostran unha diminución na mortalidade atribuíble ao tabaquismo nos homes e un aumento nas mulleres. É por isto polo que estes investigadores cren «importante incluír unha perspectiva de xénero nas análises de mortalidade atribuíble ao tabaquismo, no deseño de intervencións de saúde pública máis eficaces e completas e no desenvolvemento de políticas de control do tabaco específicas de xénero para frear o seu consumo».

30  2 | REFLEXIÓN SOBRE O TEXTO
Galicia Confidencial, 06/12/2020.

ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Co fin de comprender o tipo de bilingüismo que se dá nunha sociedade, á parte de estudar os factores demográficos das linguas implicadas (número de falantes e distribución), resulta fundamental analizar os estereotipos e prexuízos existentes cara a elas.

Os prexuízos non son máis que un tipo de actitude e, como tales, o grande interese que espertan débese á súa suposta capacidade de influír no comportamento, tamén no lingüístico. En efecto, en moitos casos os motivos do proceso de substitución dunha lingua por outra cómpre buscalos na formación de prexuízos cara á lingua desprazada.

Por exemplo, os pais galegofalantes que deixan de transmitirlles a súa lingua aos fillos e fillas poden facelo porque consideren que o uso do galego pecha portas á hora de estudar e buscar traballo. Se pretendemos inverter este comportamento, co obxectivo de que os pais volvan utilizar o galego para educar os fillos, un dos camiños máis inmediatos consistirá en identificar os prexuízos e eliminalos.

En definitiva, os prexuízos e as actitudes en xeral, dado que se consideran unha das principais causas da conduta humana, percíbense tamén como un poderoso instrumento para modificala. De aí o gran poder que se lles atribúe. De todos os xeitos, como veremos, esta capacidade de incidencia tense sobrevalorado, desprezando a influencia doutros factores tamén determinantes do comportamento.

A formación de prexuízos

No proceso de formación dun prexuízo o primeiro paso é a creación do estereotipo, isto é, a división dun grupo en clases en función de diversos criterios e a asignación a cada clase de determinadas características en oposición ás outras. Así, en función do xénero, dividimos o mundo en dúas clases, homes e mulleres, e a cada unha aplicámoslle uns atributos distintos. Este proceso, que se coñece como categorización, supón sempre algún tipo de xeneralización e, como tal, unha simplificación da realidade. Non obstante, constitúe o único xeito de abranguer a complexidade do mundo que nos rodea e, neste sentido, trátase dun proceso útil e necesario para o coñecemento humano. Polo tanto, os estereotipos reflicten a realidade, pero sempre dun xeito simplificado. Precisamente, o paso do estereotipo ao prexuízo prodúcese cando se obvia este feito. O prexuízo aparece cando se leva a cabo unha interpretación errónea dos estereotipos, xeralmente por dous motivos:

• Porque non se aceptan as excepcións, de xeito que ou ben se aplican as propiedades dun grupo a todos e cada un dos seus membros, ou ben as características dun individuo esténdense á totalidade do grupo de pertenza. É dicir, en lugar de concibir os estereotipos como o que son, tendencias máis ou menos maioritarias, interprétanse de maneira tallante e categórica. Ao non admitírense as excepcións, estas xustifícanse en clave negativa. No caso do galegofalante típico (estereotipo), o prexuízo xurdiría ao rexeitar calquera galegofalante que non encaixase nese perfil, por exemplo unha rapaza nova que fale galego nunha cidade como Vigo. Para manter intacto o estereotipo, estes casos, excepcionais pero cada vez máis frecuentes, cárganse de connotacións pexorativas, do tipo:

«se non é da aldea, seguro que fala galego para presumir de nacionalista, pero nótase que non é unha galegofalante auténtica, das de sempre».

31 LINGUA E SOCIEDADE | 2

• Porque parten dunha percepción causal errónea, de xeito que as características dun grupo se perciben como inherentes a este e non debidas a unhas determinadas circunstancias históricas, sociais, políticas ou económicas, que constitúen sempre o motivo real da situación de inferioridade dun grupo con respecto a outro. Así, se os galegofalantes pertenceron tradicionalmente ás clases máis atrasadas cultural e economicamente, non é porque o feito de falar galego implique ser ignorante e pobre, senón porque a lingua galega estivo marxinada da escrita e dos usos formais durante séculos e, en consecuencia, da educación formal e a cultura. Daquela os que estudaban eran os que dispoñían de recursos económicos e estudábase sempre o castelán e en castelán. Estas circunstancias, entre outras, provocaron a separación de linguas en función das clases sociais, así como a crenza de que para ascender socialmente (ser máis rico e/ou máis culto) era necesario abandonar o galego e falar o castelán. En concreto, o prexuízo lingüístico xorde no momento en que as características aplicadas ao grupo de falantes se estenden á lingua en si mesma e, posteriormente, a cada un dos falantes individuais desa lingua.

Nos prexuízos, o estereotipo vai sempre acompañado de sentimentos de rexeitamento e dunha tendencia á discriminación. Ademais, os prexuízos cumpren unha función defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos grupos sobre outros (a oposición clásica NÓS fronte a ELES). De aí que se acentúen nas épocas de cambios sociais, nas que o estado de cousas imperante se ve ameazado.

No caso que nos ocupa, o grupo dominante e privilexiado en Galicia foi tradicionalmente o dos castelanfalantes.

Entre outros «privilexios», estes podían manterse no monolingüismo, mentres que eran os galegofalantes os que se vían obrigados a aprender e utilizar, polo menos en determinadas ocasións, a outra lingua, o castelán. Isto é o que se denomina bilingüismo asimétrico

A raíz da transición democrática e o inicio do proceso de normalización, os castelanfalantes senten perigar os seus vellos privilexios, véndose obrigados por primeira vez, por exemplo, a aprender a outra lingua da comunidade, o galego. De aí o rexeitamento que se ten producido ás veces ante medidas que supoñen unha perda de espazos para o castelán, como por exemplo o aumento de materias en galego no ensino, que implica necesariamente a diminución das materias impartidas en castelán.

32  2 | LINGUA E SOCIEDADE

A TRANSMISIÓN DE ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS

• Os estereotipos e prexuízos non son innatos, senón aprendidos.

• Apréndense ao longo do proceso de socialización do individuo, no que a infancia e a adolescencia constitúen períodos críticos.

• Os principais axentes na transmisión de prexuízos son: pais, profesores, medios de comunicación de masas (en especial a televisión) e grupo de iguais. Uns van substituíndo os anteriores a medida que o individuo medra. Así, mentres na primeira infancia os pais e despois os profesores desempeñan un papel preponderante, este dilúese en gran medida na adolescencia, onde cobra maior relevancia o grupo de iguais.

• O principal xeito de transmisión, aínda que non o único, é o discurso. Os prexuízos tamén se forman a través da experiencia directa e, de feito, este é o xeito máis intenso de adquirilos, pero o menos frecuente. Non esquezamos que temos prexuízos mesmo daquilo que non coñecemos persoalmente, senón unicamente «de oídas».

A formación de prexuízos

A maioría das investigacións sociolingüísticas levadas a cabo en Galicia inclúen o estudo das actitudes e prexuízos, proba da importancia que se lles concede a estes factores. En xeral, os resultados son positivos, pois poñen de manifesto a superación dos antigos prexuízos cara ao galego e que as actitudes cara a esta lingua melloran a medida que diminúe a idade.

Como se pode ver no gráfico 1, unicamente nos maiores de 41 anos castelanfalantes as actitudes descenden lixeiramente por debaixo do 3. Isto invitaba ao optimismo, pero o problema xurdía ao comparar os resultados actitudinais co uso da lingua. En efecto, en contra do esperado, semellaban seguir camiños diverxentes, o que poñía sobre a mesa a cuestión da importancia das actitudes á hora de influír nos comportamentos, incluído o uso lingüístico.

Para entendermos a diverxencia entre as actitudes cara ao galego e o seu uso, cómpre recorrer a diversos tipos de causas. En primeiro lugar, as conclusións que acabamos de comentar hai que matizalas. En efecto, máis que actitudes positivas, o que reflicten os estudos cuantitativos son actitudes neutrais ou indiferentes.

O prexuízo lingüístico xorde cando as características aplicadas ao grupo de falantes se estenden á lingua en si mesma e, posteriormente, a cada un dos falantes individuais desa lingua.

33 LINGUA E SOCIEDADE | 2
0 1 2 4 3 5 Só castelán Máis castelán Máis galego Só galego de 16 a 25 anos de 26 a 40 anos de 41 a 65 anos máis de 65 anos 3,24 3,68 3,89 4,09 3,13 3,56 3,78 3,96 2,85 3,26 3,53 3,73 2,72 2,98 3,41 3,59
0 10 20 30 40 50 60 70 80 Máis ca o galego Igual ca o galego Menos ca o galego Só castelán Máis castelán Máis galego Só galego 33,8 21,1 17,0 14,9 60,6 72,1 68,6 63,3 5,5 6,8 14,5 21,8
Gráfico 1: Medias de actitude lingüística xeral segundo a lingua habitual e a idade. Gráfico 2: Utilidade do castelán respecto do galego nas persoas entrevistadas de 16 a 25 anos segundo a lingua habitual.

Na actualidade sabemos que o privilexio radica en ser bilingüe e plurilingüe. Considerar que a aprendizaxe dunha lingua é un inconveniente agocha unha visión monolingüe da realidade, totalmente desfasada na sociedade global en que vivimos.

Isto lévanos a reflexionar sobre a propia natureza deste tipo de estudos, xa que en xeral contestamos as enquisas coma se dun exame se tratase, intentando ofrecer unha imaxe positiva de nós mesmos. Así, o que se recolle nas enquisas non son tanto as actitudes internas dos individuos, senón o que está ben considerado socialmente nunha época e cultura determinadas, isto é, o «politicamente correcto». De aí que os prexuízos queden ocultos.

Con todo, estes estudos ofrecen unha información fundamental, que pon de relevo os cambios producidos a raíz da fin da ditadura e a chegada da democracia. En efecto, hoxe en día non é aceptable socialmente expresar de xeito explícito prexuízos contra a lingua galega, como por exemplo, cualificala como inferior á castelá, e isto, sen dúbida, supón un avance moi importante con respecto a épocas pasadas, aínda que, por suposto, insuficiente.

Por último, debemos outorgarlles ás actitudes o papel que realmente desempeñan na determinación dun comportamento, pois hai outros factores que tamén inflúen decisivamente e, nalgúns casos, cun peso maior aínda. En Galicia hai moitos factores que nos empurran a utilizar unha lingua e non outra. Así, un rapaz que intente falar galego na cidade vai atopar toda unha serie de obstáculos, polo que terá que realizar un esforzo extra, cousa que non ocorre no caso do castelán, a lingua non marcada socialmente. De aí que resulte como mínimo cuestionable a liberdade de elección lingüística, pois para que esta se faga efectiva cómpre dispor de dúas opcións en igualdade de oportunidades.

O principal xeito de transmisión dos prexuízos é o discurso.

1. Describe os trazos do teu prototipo de galegofalante, neofalante e castelanfalante. Compara as túas respostas coas dos compañeiros e compañeiras. Coincidides en xeral nas vosas respostas? Reflexionade sobre os motivos que vos levan a establecer as asociacións que se repiten de forma maioritaria.

2. Atendendo á túa contorna, contesta as seguintes preguntas. Cando teñas as respostas, ponas en común co resto da clase.

• Cal é a actitude maioritaria da sociedade cara ao galego?

• De que xeito inflúen a idade, o sexo ou o nivel de formación nas actitudes cara ao galego?

• Pensas que o ensino en galego nas novas xeracións implica un grao de uso maior?

• Cal pensas que será a situación do galego dentro de cincuenta anos?

3. Analiza estes fragmentos discursivos e trata de descubrir os prexuízos que agochan.

Para falar galego mal, mellor non falalo. Ademais, non se me dá nada ben...

– Hai estilos musicais que quedan ben en galego, como as muiñeiras ou a música folk, pero rock en galego? Non o vexo... E xa non che digo salsa, cumbia, trap ou reguetón!

– O galego pode servirche de algo aquí, pero fóra de Galicia non vale para nada.

4. Proxectade na aula o vídeo O galego e a galegofobia en Gran Hermano (que podedes atopar en YouTube) e analizade as opinións sobre o galego que expresan as dúas persoas que participan na conversa.

5. Expón os argumentos necesarios para rebater o seguinte prexuízo: «O uso do galego pecha portas á hora de estudar e buscar traballo».

34  2 | LINGUA E SOCIEDADE

INTRODUCIÓN Á SINTAXE

Unidades e funcións

A sintaxe é a parte da gramática que estuda o xeito de se relacionaren as palabras entre si e de se combinaren con outras para formar unidades máis complexas. As unidades sintácticas, ordenadas de menor a maior grao de complexidade, son: a palabra (unidade mínima do nivel sintáctico), a frase, a cláusula e a oración

Un enunciado está constituído por unha palabra ou conxunto de palabras que posúan independencia sintáctica (é dicir, que poidan ser consideradas por si mesmas como unha unidade), que teñan significado e que estean delimitadas por pausas, cunha entoación pechada e independente.

A análise sintáctica consiste en descompoñer un enunciado nas partes que o conforman e en estudar as relacións entre esas partes e as que cada unha mantén co conxunto.

As partes que poden conformar un enunciado (oracións, cláusulas, frases ou palabras) son as unidades sintácticas. As relacións entre esas partes e as que cada unha mantén co conxunto en que se insiren son as funcións sintácticas. No caso dun enunciado como: Elas traen a pintura mañá pola tarde, podemos diferenciar as seguintes funcións e unidades:

1. Explica a diferenza entre frase e cláusula.

2. Di que tipo de unidades son e que función desempeñan os termos subliñados nestes enunciados.

– Isto é dalgún de vós

– Diso prefiro non falar.

Empurrouno cun pé

35 ESTUDO DA LINGUA | 2
cláusula SUXEITO PREDICADO CD CCT fr. nominal DET NOMINAL fr. adverbial NÚCLEO MODIFICADOR fr. preposicional RELATOR TERMO pronome verbo artigo substantivo adv. prep. art. subst. fr. nominal DET NOMINAL Elas traen a pintura mañá pola tarde unidades unidades unidades unidades unidades FUNCIÓNS FUNCIÓNS FUNCIÓNS FUNCIÓNS

O fenómeno da recursividade tamén se pode dar na cláusula. Pensei que estudabas é unha cláusula que contén outra no seu interior.

cláusula

PRED CD cláusula

NEXO PRED

verbo conx. verbo pensei que estudabas

Fenómenos da análise sintáctica

Na análise sintáctica pódense dar dous fenómenos:

• Recursividade, ou posibilidade de inserir nunha unidade outra do mesmo tipo. Por exemplo, un caderno de notas é unha frase nominal que ten no interior unha frase substantiva na cal á súa vez hai inserida unha frase preposicional.

frase nominal

DET NOM

frase substantiva NÚC MOD

art. subst. prep. subst. un caderno de notas

A recursividade permite que se poidan diferenciar as unidades simples das unidades complexas. As unidades simples son as que non teñen no seu interior outra unidade do mesmo nivel. As unidades complexas levan inserida outra unidade do mesmo nivel ou incluso dun nivel superior.

• Salto de nivel: desígnase así o fenómeno que ten lugar cando unha unidade está formada por outra ou outras dun nivel que non é o inmediatamente inferior.

cláusula

SUX PRED CD

subst. verbo subst.

Heladio escribe novelas

Unha xornada máis a noite achegábase, silente, coa intención de tinxir de escuro as rúas baleiras da abandonada Prípiat. No ceo, unha alfombra de nubes quebradas formaba un pano que, en cuestión de minutos, somerxería a cidade baixo o seu manto de protección, coma se esta fose un moble vello esquecido baixo unha saba despois dunha mudanza. O vento, lixeiro, coábase polas fiestras abertas dos ruinosos edificios; internábase en cuartos baleiros e salas de estar desleixadas, e penetraba, a través de fantasmais corredores, en cociñas de mobles sen portas e baldosas ennegrecidas polo paso do tempo

Iria Misa, A cidade do átomo.

36  2 | ESTUDO DA LINGUA
3. Clasifica as frases e cláusulas subliñadas deste texto en simples e complexas. No caso das complexas, indica cales son as unidades que as conforman.
frase preposicional DIR TERMO

As relacións entre as unidades

Entre as unidades pódense dar dúas clases de relacións:

• Relacións paradigmáticas: son as establecidas entre unha unidade lingüística pertencente a unha cadea e todas aquelas unidades que poderían desempeñar a súa mesma función nun enunciado determinado.

María quere eses libros

María quere libros de filosofía

María quere mercar eses libros

*María quere hoxe pola mañá

Entre as unidades eses libros (frase nominal), libros de filosofía (frase substantiva) e mercar eses libros (cláusula) establécese unha relación paradigmática, xa que todas elas (e moitas máis que aquí non están) poden desempeñar a función de complemento directo neste tipo de enunciado. Pola contra, hoxe pola mañá (frase adverbial) non se relaciona paradigmaticamente con ningunha das unidades anteriores porque non desenvolve a función de complemento directo, senón de complemento circunstancial

• Relacións sintagmáticas: son as que se producen entre as unidades presentes nunha cadea lingüística.

– As relacións todo-parte danse cando unha unidade está constituída por outras unidades de nivel inferior. O enunciado María trouxo os libros é unha cláusula formada por tres unidades de nivel inferior: un substantivo (María), un verbo (trouxo) e unha frase nominal (os libros). Así mesmo, os libros é unha frase nominal formada por dúas unidades de nivel inferior: un artigo (os) e un substantivo (libros).

As relacións todo-parte son relacións verticais

– As relacións parte-parte son as que se establecen entre constituíntes directos dunha mesma unidade, isto é, unidades do mesmo nivel xerárquico que forman outra superior. Poden ser de tres tipos, segundo a dependencia entre os constituíntes da unidade:

– Interdependencia: é necesaria a presenza de cada un dos constituíntes para que exista o outro.

Estou sen chaqueta e teño frío

– Determinación ou subordinación: é precisa a existencia dun dos constituíntes para que poida existir o outro, pero non ao revés.

A miña casa ten portas verdes

– Constelación ou coordinación: ningún dos constituíntes é necesario para que exista o outro.

Fixen unha ensalada con leituga, cenoria, tomate e cebola

As relacións parte-parte son relacións horizontais

37 ESTUDO DA LINGUA | 2

A análise sintáctica

Analizar sintacticamente unha expresión consiste en descompoñela ou desarticulala nos elementos que a constitúen e estes nos seus ata chegar á separación das palabras que forman a cadea en cuestión. Loxicamente, este proceso consistente en segmentacións sucesivas non pode realizarse de forma caprichosa ou aleatoria, senón de acordo cuns criterios que posúan unha validez xustificada pola teoría previa á análise […]

A análise sintáctica consiste en contestar tantas veces como sexa preciso a unicamente dúas preguntas acerca da secuencia coa que esteamos a traballar. Na primeira delas debemos indicar a clase da unidade que temos diante, isto é, o tipo e, se é preciso, o subtipo de unidade a que pertence. Ao contestar a esta pregunta, a cadea en cuestión será caracterizada como unha cláusula, unha frase nominal, unha frase preposicional, un adxectivo (é dicir, unha palabra pertencente ao subtipo que chamamos adxectivo), etc. Na segunda trátase de marcar os elementos funcionais que a constitúen, isto é, as cadeas que desempeñan unha función sintáctica con respecto á secuencia que estamos analizando e, naturalmente, a función que realizan. Aquí é, pois, onde identificamos o suxeito ou o complemento directo dunha cláusula, o núcleo e o modificador dunha frase adxectiva, etc.

4. Completa cada un destes enunciados con tres unidades lingüísticas de diferente tipo que manteñan entre elas unha relación paradigmática.

– Aurora espera

– Heladio perdeu

• Indica de que tipo é cada unha das unidades propostas e que función desempeña.

5. Localiza no seguinte texto exemplos de interdependencia, determinación/subordinación e constelación/coordinación.

Un home sen roupa saíu do vello portal e atravesou a rúa esquivando coches, autobuses, motos, peóns... Ía completamente espido e mentres corría ía berrando: «Ladróns, bandidos, delincuentes!».

Pola esquina apareceu o vehículo azul da policía e o individuo púxose a berrar aínda máis forte.

38  2 | ESTUDO DA LINGUA
GUILLERMO ROJO e T. JIMÉNEZ JULIÁ, Fundamentos da análise sintáctica funcional.

PROCEDEMENTOS DE COHESIÓN TEXTUAL I

A cohesión textual conséguese mediante unha serie de procedementos lingüísticos que serven para relacionar os distintos elementos dun texto.

Entre estes procedementos diferéncianse os mecanismos de referencia interna e os conectores textuais.

A recorrencia interna: reiteración e paráfrase

A recorrencia é un mecanismo de referencia interna que consiste na repetición dun elemento do texto dentro do propio texto. Pode ser de varios tipos:

REITERACIÓN LÉXICA

Consiste na simple repetición dun mesmo termo.

De súpeto Xoana virouse e buscou o moedeiro enriba do mostrador. Daquela xa era tarde: o moedeiro desaparecera.

Mediante os mecanismos de referencia interna é posible referirse, de maneira cohesionada, a unha mesma realidade dentro do discurso. Os máis habituais son a recorrencia, a paráfrase, a substitución e a elipse

A recorrencia mediante sinónimos e hiperónimos tamén se ten considerado un tipo de mecanismo de substitución.

REPETICIÓN MEDIANTE SINÓNIMOS

RECORRENCIA HIPERONÍMICA

Recórrese a un sinónimo, perfecto ou non, para referir un elemento anterior.

Consiste no emprego de hiperónimos do elemento léxico que se pretende repetir.

Á exposición de arte galega deste ano déuselle moito apoio dende as institucións. Iso axudou a que a mostra tivese máis éxito ca en edicións anteriores.

As laranxeiras e os limoeiros hainos que protexer da xeada xa que estas árbores son moi delicadas.

A paráfrase baséase na reiteración dun elemento do texto mediante unha frase que o define:

Os cidadáns visitan as bibliotecas cada vez con maior asiduidade. Estes berces de cultura deberían estar mellor atendidos polo Concello.

1. Identifica os procedementos de cohesión textual presentes no seguinte fragmento e indica de que tipo son.

Co paso do tempo, Vigo foi xerando unha importante fonte de ingresos arredor dos cruceiros que atracan no seu porto. Este tipo de embarcacións deixan na cidade olívica moitos millóns de euros cada ano, o que xustifica que ao seu abeiro fosen xurdindo negocios de todo tipo, desde restaurantes ou postos de degustación dos produtos locais ata venda de recordos ou alugueiro de medios de transporte para percorrer a localidade. Algúns destes transatlánticos superan os cinco mil pasaxeiros, o que os converte en auténticas cidades flotantes. Ademais, o perfil do turista que visita Vigo por vía marítima é moi variado: xubilados, familias con nenos, parellas acabadas de casar, turistas gastronómicos... Máis dun cuarto de millón de viaxeiros fai escala cada ano na que desde hai uns anos é coñecida tamén como «a cidade das luces».

39 GRAMÁTICA DO TEXTO | 2

Edson Arantes do Nascimento, nome do futbolista que pasou á Historia co sobrenome de Pelé, faleceu no seu Brasil natal o 29 de decembro de 2022, á idade de 82 anos. Pelé é o único futbolista do mundo en gañar tres campionatos mundiais coa súa selección, alén doutros moitos títulos e récords que o converteron, para moitos expertos no deporte rei, no futbolista máis grande de todos os tempos. Non cabe dúbida de que no balompé hai un antes e un despois do tamén denominado O Rei, alcume do que o xogador de Minas Gerais non gustaba en exceso. Por todo isto tras a morte de Pelé, o deportista máis destacado do seu país, o goberno do xigante suramericano declarou tres días de loito oficial.

En 2024 a cidade estadounidense de Nova York celebra o seu cuarto centenario, tras a súa fundación en 1624 por parte de mariñeiros holandeses que inicialmente lle puxeron o nome de Nova Ámsterdam. Tras caer en mans británicas a partir de 1664, a incipiente urbe foi rebautizada co seu nome definitivo. A tamén coñecida como Gran Mazá acadou o millón de habitantes a mediados do s. xix, e desde entón non parou de medrar de xeito exponencial, ata os case vinte millóns de de habitantes actuais, o que a converte nunha das maiores megalópoles do mundo. A Cidade que Nunca Dorme, nome co que tamén é denominada, é sen dúbida unha das capitais do mundo, e os seus rañaceos e avenidas son xa un símbolo universal.

40  2 | GRAMÁTICA DO TEXTO
2. Sinala neste texto os mecanismos de cohesión baseados na recorrencia. 3. Localiza no seguinte fragmento os casos de paráfrase e indica cal é o elemento parafraseado.

Últimas vontades

Cando fixo os oitenta anos, o barón de Seavia decidiu que ía sendo hora de outorgar testamento. Non porque sentise próxima a presenza da morte, senón por ir sacando cousas da súa cabeza sempre ateigada de cuestións por resolver, pois os seus vastos dominios, variadas actividades e cumprida facenda precisaban dun enorme esforzo para as atender. Vinculeiro como era, recibira todas as propiedades do seu antecesor.

Sete anos despois, o barón morreu. Como nunca casara nin tivera descendencia coñecida, quedaba por resolver o misterio de quen serían os beneficiarios da súa enorme riqueza, un patrimonio que a cada ano que pasaba non facía máis que aumentar polos atinados investimentos e tamén, como era de sobra sabido, porque o nobre era moi pouco amigo de gastar.

A falta de familiares directos, acudiron á notaría as forzas vivas da localidade: o alcalde, o cura e mais o médico da vila. Eles os tres ían ser as testemuñas de que todo se desenvolvía consonte a lei. Xa no despacho de reunións, o notario procedeu a ler no caderno notarial o breve documento en que se recollía o testamento do acabado de falecer:

Comprensión lectora

1. A que vai referida a expresión «forzas vivas»? Pode axudarnos a situar cronoloxicamente este relato?

2. Explica o significado dos seguintes termos procedentes do léxico legal:

testamento notario herdanza vinculeiro legatario

Produción textual

3. Indica cunha única palabra cal é o tema deste relato. Confronta a túa resposta coas de compañeiros e compañeiras.

4. Expresa a túa opinión sobre o acordo tomado polos personaxes do relato (100-150 palabras).

drado drilátero ndo ntioso renta resma rtel rto rto rzo ta tía 5 10 15 20 25 30 35

Funcionamento da lingua

5. «Pérez de Xácome» (l. 20), «barón de Seavia» (l. 1). Escribe con maiúscula inicial as palabras que o precisen nestas frases.

– bo día, señora, pode indicarme onde está a rúa costa vella?

– nesta localidade todos os domingos de febreiro hai celebracións do entroido.

O Sr. D. Eusebio Bartolomé Pérez de Xácome, segundo barón de Seavia, designa como legatarias universais as monxas do convento de Santa Lucía, para que destinen o valor das vivendas, propiedades e diñeiro recibidos a obras de caridade en prol da veciñanza.

Cando o notario levantou a vista do caderno, foi mirando en fite a cada un dos presentes.

—Vostedes dirán.

Logo duns instantes de silencio, o alcalde tomou a palabra:

—A min o diñeiro tanto me ten, por esa parte xa estou ben fornecido. Pero debe ser un privilexio levantarse pola mañá e ver a ría toda desde o cuarto do pazo. Ademais, sería unha mágoa que un edificio tan fermoso acabase nas mans de calquera... —Pois o pazo para o señor alcalde, adxudicado! —dixo o notario con rexouba—. Pero faltan aínda as terras, os cartos e máis as numerosas obras de arte, así que hai de sobra para marcharmos todos satisfeitos —engadiu mentres arrancaba a folla co testamento do barón e quedaba á vista outra que, intencionadamente, deixara en branco sete anos atrás.

– o alcalde e os concelleiros reuníronse no salón de plenos do concello.

– a conselleira de medio ambiente visitou os encoros dos ríos miño e sil.

juan carlos da costa martínez, pase vostede á consulta número cinco.

6. «Cuarto» (l. 30), «caderno» (l. 18). Escribe as seguintes palabras con cua-, ca- ou co- segundo corresponda.

7. «Barón» (l. 1), «vasto» (l. 5). Explica o significado de cada elemento dos seguintes pares de palabras homófonas.

botar / votar bou / vou e / eh PRÁCTICA DE LINGUA | 2

ai / hai bago / vago bela / vela 41

Edición: Valentina Veiga.

Ilustración: Carlos Gallego.

Deseño de cuberta e interiores: Rubén González García.

Edición gráfica: Rocío Álvarez e Nuria González Castillo.

Maquetación: Santiago Avilés.

Fotografías: AGÁLIA Revista de Estudos na Cultura, Album, Alfonso Pexegueiro (foto autoría de Lois López Rico), Arquivo Anaya (Ashok, B.; Candel, C.; Canto, M.; Cosano, P.; Escofet, J.M.; García Pelayo, A.; Hernández, B.; Jove, V.R.; Leiva, Á.; Lezama, D.; Lucas, J.; Martin, J.; Martín, J.A.; Mori, S.; Ortega, Á.; Ortiz, J.; Rico, J.J.; Ruiz, J.B.; Steel, M.), Arquivo da biblioteca da Fundación Penzol, Arquivo da Real Academia Galega, Arquivo Xerais, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Distrito Xermar; Mark Zlick; Santos Díez), Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Deputación da Coruña / Sección de Normalización Lingüística, Europa Press / ContactoPhoto, Fundación Luis Seoane, Herdeiros de Antón Avilés de Taramancos, Herdeiros de Celso Emilio Ferreiro, J. Worker / Alamy / Cordon Press, Nós Diario, Real Academia Galega, Susana Rodríguez Gacio (fotos autoría de Berta Ballesteros) / Federación Española de Triatlón (FETRI), X. Rey / Agencia EFE, 123RF e colaboradores.

Asesoramento editorial: X. M. Moo Pedrosa.

Agradecementos:

Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

Casa Museo Álvaro Cunqueiro

Deputación da Coruña / Sección de Normalización Lingüística

Herdeiros de Antón Avilés de Taramancos

Susana Rodríguez Gacio / Federación Española de Triatlón (FETRI)

Fundación Luis Seoane

Lingua e Literatura 2 BachiLLerato - gaLicia - LoMLoe - código 1309026 - Xt001245

© Do texto: Héctor Cajaraville Araújo, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Ramón Pena Sánchez, Manuel Rosales Cereixo, 2023.

© Do conxunto desta edición: EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, S.A., 2023 - Dr. Marañón, 12, baixo - 36211 Vigo

ISBN: 978-84-1110-205-6 - Depósito Legal: VG-186-2023 - Printed in Spain.

Reservados todos os dereitos. O contido desta obra está protexido pola Lei, que establece penas de prisión e/ou multas, amais das correspondentes indemnizacións por perdas e danos, para quen reproduza, plaxie, distribúa ou comunique publicamente, en todo ou en parte, unha obra literaria, artística ou científica, ou a súa transformación, interpretación ou execución artística fixada en calquera tipo de soporte ou comunicada a través de calquera medio, sen a preceptiva autorización.

Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.