Operación Mundo: Filosofía 4 ESO (Galicia)

Page 1

D.Sánchez Meca, J. D. Mateu Alonso

FILOSOFÍA ESO
4 Operaciónmundo
12 MESES INCLÚE PROXECTO DIXITAL DEMO
LICENZA

Índice Os saberes básicos do curso

4. A estrutura

Como se estuda a personalidade en psicoloxía?

1. O saber filosófico

Por que estudamos filosofía?

A que lle chamamos pensamento?

1. Que é filosofía

2. Filosofía e outros modos de saber

3. O uso da razón

4. A filosofía e o noso mundo

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín

Retos da filosofía contemporánea: O uso correcto dos argumentos no diálogo

12

Que significa ser persoa?

1. A herdanza xenética e o aprendido

2. Teorías da personalidade

3. A estrutura psicosomática da personalidade

4. As emocións e a motivación

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: A responsabilidade dixital e as relacións humanas

valora

Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 23

2. Orixe e evolución da filosofía

Como xurdiu historicamente a filosofía occidental?

O coñecemento dá a felicidade?

1. O comezo da filosofía en Grecia

2. As grandes figuras da filosofía na historia

3. As mulleres e a filosofía

4. Tres mostras de pensamento filosófico en España

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín

Retos da filosofía contemporánea: A diversidade cultural e a diferenza

24

5. As distintas concepcións

O ser humano, un enigma Como se define o ser humano?

1. O ser humano segundo a filosofía antiga

2. O ser humano na filosofía medieval e renacentista

3. A filosofía moderna e a súa concepción do ser humano

Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 35

3. Racionalidade teórica e racionalidade práctica

Que é a racionalidade?

Fainos mellores o coñecemento?

1. A racionalidade teórica

2. A racionalidade práctica

3. Racionalidade e cultura

4. A crítica da racionalidade: os «mestres da sospeita»

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín

Retos da filosofía contemporánea: A loita contra a inxustiza para lograr a equidade

Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 47

4. A condición humana na filosofía contemporánea Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: A diversidade cultural e a diferenza

Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias

6. Unidade 6. Coñecemento, ciencia

Como se xera o coñecemento? Como avanza a ciencia?

1. A orixe do coñecemento e os seus límites

2. O razoamento e a argumentación

3. O coñecemento científico

4. Dimensión social e política do coñecemento Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: Manexo da incerteza e fomento da creatividade

Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 87

SITUACIÓN DE APRENDIZAXE
deixan
A filosofía como arte de vivir
Desafíos que
pegada:
10
36
personalidade
da
48
competencias 59 Situación de aprendizaxe. Portafolio...................................... 60 SITUACIÓN
APRENDIZAXE Desafíos que deixan pegada: Un modelo ideal de ser humano 62
Situación de aprendizaxe. Reflexiona,
e pon a proba as túas
DE
do ser humano 64
75
e información
76
2

7. A preocupación metafísica

1. Que é a realidade?

2. A metafísica e a orde natural

3. Saber metafísico e coñecemento científico

4. Metafísica e coñecemento relixioso

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: A diversidade cultural e a diferenza

8. A condición moral

ser humano

A liberdade, un valor fundamental Que é para ti a liberdade?

1. A acción humana: liberdade e responsabilidade

2. Os problemas dos que se ocupa a ética

3. Os dereitos humanos

4. Grandes problemas éticos do noso tempo Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: O consumo responsable para garantir a sostibilidade

Reflexiona, valora

10. Cultura e sociedade

Que é a cultura?

Por que importa adquirir cultura?

1. Antropoloxía, sociedade e cultura

2. Os elementos da cultura

3. O proceso de socialización

4. A orixe da sociedade e do Estado Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: A diversidade cultural e a diferenza

11. Ideoloxías e

Filosofía política e democracia

Problemas da filosofía política

1. O debate contemporáneo sobre o liberalismo

2. Conservadorismo, socialismo e nacionalismo

3. O sistema democrático

4. Os sistemas totalitarios e a fin das ideoloxías

128

140

DE APRENDIZAXE

9. Éticas aplicadas

A ética nas sociedades avanzadas Problemas éticos da tecnociencia

1. Ética e moral

2. A bioética

3. A ética dos negocios

4. Outros retos da ética aplicada Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: Respecto ao medio para preservar o planeta

Reflexiona, valora

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: Compromiso e participación na democracia Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 151

12. Cultura, arte e procesos creativos

A creatividade e o seu reflexo na arte

Que se considera unha obra de arte?

1. A estética como disciplina filosófica

2. O proceso creativo como capacidade humana

3. Que é a beleza?

4. A imaxe e a cultura audiovisual

152

Organizo a miña mente e Descubro o que aprendín Retos da filosofía contemporánea: Manexo da incerteza e fomento da creatividade Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 163

pola realidade 88
A natureza da realidade Que é o real?
e pon
Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora
a proba as túas competencias 99
100
do
e pon a proba as túas competencias 111 Situación de aprendizaxe. Portafolio 112 SITUACIÓN
deixan pegada: A filosofía e o seu papel na comunidade 114
Situación de aprendizaxe.
Desafíos que
116
Situación de aprendizaxe.
e pon a proba as túas competencias 127
Situación de aprendizaxe. Reflexiona, valora e pon a proba as túas competencias 139
sistemas políticos
Situación de aprendizaxe. Portafolio 164 Glosario 166 Figuras da filosofía 167 3

SITUACIÓN DE APRENDIZAXE

A FILOSOFÍA COMO ARTE DE VIVIR

O mundo contemporáneo caracterízase pola aceleración do noso modo de vida, pola falta de tempo e pola imposibilidade de dedicarnos ao coidado persoal e á actividade social.

Pero a filosofía, co seu método reflexivo, fomentando o sentido crítico, afondando no coñecemento persoal e favorecendo a toma de conciencia sobre o medio, ofrece múltiples posibilidades para desenvolver un estilo de vida saudable marcado polo universo dixital e pola infinidade de estímulos que recibimos de diferentes fontes.

Nas propostas das distintas correntes filosóficas achéganse solucións desde a Antigüidade clásica ata a actualidade para abordar problemas humanos, que son atemporais e universais.

Leva a termo a paisaxe de aprendizaxe e completa, deste modo, o proxecto que che permitirá coñecerte mediante un uso terapéutico da filosofía.

SECUENCIA DE APRENDIZAXE

Organizamos os grupos Distribuímos as funcións para realizar unha paisaxe de aprendizaxe

Unidade 1

Analizamos o saber filosófico Afondamos na filosofía e relacionámola con outras formas de saber

Indagamos sobre a orixe e sobre a evolución da filosofía Coñecemos a orixe, a evolución e algúns problemas da filosofía

Unidade 2

10

O DESAFÍO

Sabías que a filosofía, ademais de ser un saber teórico para coñecer a realidade, pode axudar a levar un estilo de vida máis saudable? Poderías contribuír coa reflexión a un ámbito mellor para a cidadanía? Sabías que moitos dos problemas que nos preocupan na actualidade xa foran tratados con anterioridade na historia da filosofía?

Grazas á situación de aprendizaxe «A filosofía como arte de vivir» serás capaz de axudar a que os modos de vida contemporáneos sexan compatibles coa vida humana e se adapten ás nosas necesidades.

Dá un paso á fronte e propón solucións filosóficas para os problemas actuais que melloren a nosa forma de vivir e que nos axuden a desenvolver unha personalidade equilibrada.

AO LEVAR A CABO ESTE DESAFÍO, APRENDERÁS...

• A contextualizar o aprendido no marco do saber filosófico e da formación da personalidade desde unha perspectiva filosófica.

• A acrecentar o desenvolvemento das diferentes competencias clave; de xeito particular, a persoal, social e de aprender a aprender.

• A reflexionar filosoficamente sobre a filosofía e sobre a personalidade dos seres humanos.

• A contextualizar o saber filosófico e a propiciar melloras na súa adquisición a través de dinámicas próximas aos teus intereses.

• A facilitar a participación do maior número posible de sectores da comunidade educativa na mellora da formación e da educación, e a promover un proxecto con aplicación real.

• A fomentar o uso das TIC no ámbito educativo establecendo un fundamento crítico mediante o que discriminar as fontes de información apoiado no traballo cooperativo entre iguais.

Diferenciamos os ámbitos teórico e práctico da filosofía Entendemos a filosofía como reflexión teórica e como arte de vivir

Unidade 3

Coñecémonos persoalmente Analizamos a nosa personalidade e os factores que inflúen na súa formación

Unidade 4

Difundimos as nosas paisaxes de aprendizaxe Publicamos as paisaxes de aprendizaxe nos espazos de comunicación do centro educativo

Consulta os pormenores deste proxecto en anayaeducacion.es

11

1 O saber filosófico

Pero, ademais, a filosofía tamén serve para que nos exercitemos no uso correcto da razón e para que examinemos os nosos coñecementos e as nosas crenzas co obxectivo de desenvolver un pensamento crítico e de alcanzar unha visión aberta e tolerante da realidade que nos rodea.

Estas actitudes (o pensamento crítico e a tolerancia) son importantes para lograr que se produza un diálogo construtivo e sereno entre as persoas e entre as culturas que actualmente compoñen e que conviven na nosa sociedade.

Aristóteles, un gran filósofo grego e un dos pensadores máis importantes de toda a historia da filosofía, dicía que os seres humanos tendemos por natureza ao saber; ou sexa, que sentimos a necesidade de preguntarnos sobre o porqué das cousas.

Seguindo a súa forma de pensar, podemos comprender a importancia e a actualidade da filosofía, pois mediante este saber aprendemos moito acerca do mundo, dos seus acontecementos e das diferentes interpretacións do que coñecemos acerca del.

Temas de reflexión

• A filosofía entendida como saber teórico e como razón práctica.

• As principais diferenzas da filosofía coa ciencia, coa relixión e co saber común.

• Os usos lóxico e práctico da filosofía.

• A filosofía actual e a súa actitude crítica.

12

A que lle chamamos pensamento?

O pensamento é o conxunto de procesos da nosa mente mediante os que traspasamos os límites do que percibimos, do que imaxinamos e do que recordamos, para penetrar no ámbito das ideas, dos conceptos e dos símbolos. Distínguese dos seguintes procesos mentais:

SITUACIÓN DE APRENDIZAXE

anayaeducacion.es Visualiza a presentación da unidade.

1 A percepción

É a captación por medio dos nosos sentidos dos estímulos que proveñen do exterior. O ser humano, ao percibir, dálle sentido ao que só é enerxía física, de modo que capta o que lle afecta como significando algo.

2 A imaxinación

É a facultade mediante a que producimos imaxes no noso cerebro. Estas imaxes ou representacións mentais cumpren unha importante función tanto no pensamento coma na creación artística.

3 A memoria

É a facultade mediante a que recordamos ideas, aprendizaxes ou experiencias adquiridas previamente. Temos unha memoria de imaxes concretas, de ideas abstractas e de hábitos ou de comportamentos.

4 O cálculo

É un procedemento operativo baseado na cuantificación e que ten validez xeral en virtude dunha combinación de leis estritamente formais. Aplícase nos ámbitos das matemáticas e da lóxica.

13

Que é filosofía

TEXTUALMENTE

«Explicaría, en primeiro lugar, o que é a Filosofía, iniciando a exposición polos temas máis difundidos; este é o caso do que significa a palabra Filosofía, o estudo da Sabedoría; que por Sabedoría non só debemos entender a prudencia en obrar, senón un perfecto coñecemento de canto o home pode coñecer, ben en relación coa conduta que debe adoptar na vida, ben en relación coa conservación da saúde ou coa invención de todas as artes; que para que este coñecemento sexa tal, é necesario que sexa deducido das primeiras causas, de sorte que, para intentar adquirilos, ao cal se denomina filosofar, é preciso comezar pola investigación das primeiras causas, é dicir, dos Principios. […]

Vivir sen filosofar equivale a ter os ollos pechados sen alentar o desexo de abrilos; non obstante, o pracer de observar todas as cousas que a nosa vida descobre non é comparable en modo ningún á satisfacción que xera o coñecemento do que a Filosofía descobre; máis aínda, este estudo é máis necesario para regular os nosos costumes e a nosa conduta na vida do que é o uso dos sentidos para guiar os nosos pasos».

R. Descartes, Os principios da Filosofía, «Carta do autor ao tradutor».

1 Para que o coñecemento sexa tal, que é o que propón Descartes?

2 Que cres que quere dicir Descartes coa expresión: «Vivir sen filosofar equivale a ter os ollos pechados sen alentar o desexo de abrilos»?

1.1. A filosofía como teoría

De acordo co seu significado etimolóxico, as persoas que se dedican á filosofía, concepto de orixe grega, son ‘amantes ou namoradas do saber’.

Dentro da filosofía, podemos distinguir a filosofía teórica, que é a busca do saber polo saber, sen que estea subordinado á utilidade práctica.

Nese sentido, mediante a filosofía teórica trátase de satisfacer o de–sexo intelectual dun coñecemento coherente acerca da nosa existencia e sobre o mundo que nos rodea, do noso propio sistema de valores racionalmente fundamentado e para lograr unha noción adecuada do que podemos saber.

No pasado, durante moitos séculos, entendeuse a filosofía como o esforzo metódico do pensamento para construír unha teoría universal e racional sobre a realidade.

Na actualidade, non obstante, sabemos que esta definición ten algúns inconvenientes e que non existe unha definición única de filosofía sobre a que a maior parte das filósofas e dos filósofos estean de acordo.

Pero hai un aspecto que a distingue claramente de calquera outra forma de saber: a filosofía non busca a verdade para tratar de facer con ela algo útil ou para lograr un obxectivo rendible, senón, sinxelamente, porque é a verdade.

Para exemplificar este carácter teórico da filosofía, Pitágoras comparaba as distintas actitudes que se poden asumir ante a vida coas que adoptaban que asistían ás Olimpíadas que se celebraban na antiga Grecia.

Segundo a comparación de Pitágoras, a filosofía teórica consiste na contemplación da realidade coa actitude dos que presencian o espectáculo do deporte nas probas olímpicas.

1
14

Pitágoras comentaba que algunhas persoas acudían ás Olimpíadas para participar nas competicións deportivas; outras viaxaban a este evento para vender as súas mercadorías e dese xeito facer negocio, e aínda había outras que só ían para mirar o que sucedía durante a celebración dos Xogos.

Pois ben, a actitude de quen observa porque quere saber o que sucede, simplemente pola curiosidade de coñecelo, é a característica peculiar da filosofía.

Aristóteles dicía que a razón que leva os seres humanos a filosofar é a admiración, a sorpresa ou o estupor ante as cousas. Cando algo nos sorprende ou nos marabilla, queremos saber a explicación de por que é así.

De acordo con esa concepción, Aristóteles entendía que a filosofía teórica é un modo de coñecemento que non se contenta soamente con saber que certas cousas son dun determinado modo e non doutro.

O propio da filosofía teórica é, en definitiva, que se busca saber por que as cousas son do modo como son e se non poderían ser doutro xeito. É dicir, a filosofía é un saber que ten por obxecto o estudo das causas, das razóns e dos principios que explican por que existen as cousas.

1.2. A filosofía como arte de vivir

Pola súa banda, a filosofía práctica é o tipo de saber que serve para transformar a realidade e para orientar o noso xeito de actuar. Neste sentido, representa unha opción de vida, unha determinada forma de ser e de comportarse; é unha arte de vivir.

A filosofía práctica tamén implica unha actitude, ben de crítica, ou ben de xustificación dos problemas sociais e culturais, pero sempre tendo en consideración a súa capacidade para modificar ou para conservar a sociedade.

A realidade humana é esencialmente social e activa. O ser humano coñece o mundo transformándoo e vive a súa vida sempre con outros individuos; logo o coñecemento humano, a acción e a sociedade son inseparables.

Ao abordar racionalmente non só como son as cousas, senón tamén como deben ser, entramos no terreo da filosofía práctica ou uso práctico da razón.

Sócrates, no século v a. C., insistía nesta finalidade e ensinaba que o primeiro deber de todo ser humano é coñecerse a si mesmo: «Unha vida sen reflexión —dicía— non é digna de ser vivida». Tamén é un obxectivo da filosofía práctica promover a mellora nas relacións sociais e humanas.

O filósofo Immanuel Kant resumiu, a finais do século xviii, a tarefa da filosofía no obxectivo de darlles resposta a estas catro grandes preguntas que, no fondo, van unidas: que podemos saber?, que debemos facer?, que podemos esperar? e que é o ser humano? Como vemos, a súa proposta segue sendo un bo punto de partida na actualidade.

GLOSARIO

Filosofía: disciplina reflexiva e crítica na que se aspira a reformular e ofrecer propostas teóricas e prácticas sobre temas de diversa índole, desde o problema do coñecemento ata cuestións como o mellor goberno, pasando pola felicidade individual.

Filosofía teórica: rama da filosofía na que se analizan os problemas relacionados co coñecemento (epistemoloxía), coa estrutura da realidade (ontoloxía), coa ordenación do pensamento (lóxica), coa natureza e coa función da linguaxe (filosofía da linguaxe) ou coa análise do método científico e das súas implicacións (filosofía da ciencia). A filosofía teórica é neutral en cuestións valorativas como a moral, a política ou a estética. É moi necesaria para abordar os problemas relativos ao coñecemento humano.

Filosofía práctica: rama da filosofía na que se analiza a realidade co fin de transformala, tendo en conta non tanto como son as cousas, senón como deberían ser. O seu obxectivo é a transformación da realidade, normalmente mediante a aplicación dun conxunto de medidas que dependen dun marco teórico, e tamén a sabedoría vital, unha das aspiracións da filosofía tradicional. A filosofía política, a ética ou a filosofía da técnica son algunhas das súas disciplinas.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Que diferencia o saber filosófico dos saberes que buscan a utilidade?

2 En que sentido a orixe da filosofía é a admiración?

3 1-2-4. Comentade os obxectivos da filosofía práctica.

U 1
15

2

Filosofía e outros modos de saber

GLOSARIO

Relixión: institución social e cultural propia das sociedades humanas. Ten unha vertente práctica, o culto (oracións, rituais...), así como un aspecto teórico (crenzas, dogmas, fe, mitos...). Mediante a relixión non só se pretende explicar as orixes do mundo e da humanidade, senón que tamén se traslada unha mensaxe moral. Malia a gran diversidade das experiencias e das institucións relixiosas, as relixións comparten algúns trazos comúns, como a crenza nunha transcendencia e o seu carácter compartido.

Ciencia: forma de saber con pretensión de universalidade acerca das causas que producen os fenómenos (naturais, históricos...) e sobre as súas posibles leis. A ciencia, desde a época moderna, está ligada á formalización e á matematización do coñecemento humano. Remite a experiencia sensible como o límite que non pode superar e baséase nun método que parte da detección de problemas, propóñense hipóteses, dedúcense efectos a partir destas e deséñanse experimentos para comprobar as hipóteses propostas.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Enumera as diferenzas máis importantes entre a filosofía e a relixión.

2 Explica as relacións entre a fe e a razón.

3 Por que a filosofía non poderá quedar superada nunca por ningunha das ciencias particulares?

4 Que importancia ten o saber común e en que se distingue do saber filosófico?

2.1. Filosofía e relixión

Talvez a resposta á terceira das preguntas kantianas, que podemos esperar?, supere os límites do exercicio puramente racional do saber e só poida ser contestada pola relixión, ou talvez non.

Na filosofía non se nega que nas grandes tradicións espirituais da humanidade poida haber unha valiosa sabedoría para o ser humano; non obstante, o método e o ideal da filosofía é o debate e a argumentación racional compartida por todos os seres humanos á marxe de calquera revelación ou das diferentes tradicións espirituais.

As relixións de Occidente ás veces servíronse da filosofía para tratar de facer comprensibles as súas revelacións á razón humana ou para defenderse da incredulidade ou de interpretacións consideradas desviadas e heréticas. Neste uso, a filosofía é obrigada a servir como instrumento dunha relixión. Así foi, por exemplo, como se utilizou a filosofía en Europa durante a Idade Media.

A función da filosofía nesa época era conservar e defender as crenzas reveladas, non analizalas criticamente nin renovalas, xa que se consideraba que a fe contiña unha verdade inmutable, eterna e que non se podía modificar.

Actualmente, pola contra, distínguese entre a fe e o saber filosófico, pois o obxectivo da filosofía non é crer, senón coñecer racional e criticamente. Non obstante, cando se considera que un saber ten unha orixe divina, non se fala de coñecemento, senón de «revelación».

A revelación relixiosa está constituída polas ideas ou polos relatos que supostamente recibiron algunhas persoas concretas dunha divindade e que estas lles transmiten aos membros dunha igrexa ou a unha comunidade de crentes. A súa finalidade última adoita ser a salvación dos seus fieis, non a busca do coñecemento obxectivo por si mesmo.

2.2. Filosofía e ciencia

Desde a súa orixe na Antigüidade, as ciencias foron especializándose e separándose progresivamente a partir da filosofía para converterse en saberes autónomos sobre as distintas parcelas nas que dividimos a realidade.

Debido a esa diferenciación e ao seu éxito, poderíase preguntar se a filosofía non foi superada hai tempo polas ciencias. A resposta é que, non porque o que as ciencias estudan e o que lle achegan ao saber humano esgota o horizonte das preguntas filosóficas.

En ningunha ciencia concreta se estuda a realidade no seu conxunto, é dicir, en todos os seus aspectos e niveis de existencia e de concreción. Nin na física, nin na bioloxía, por exemplo, nos preguntamos cousas como que é a verdade ou que é o coñecemento científico.

Nas ciencias especializadas —que poden ser naturais, humanas, sociais...— non se formulan moitas cuestións xerais que lles afectan nin se cuestionan todos os conceptos que se empregan e, polo tanto, nin mediante cada unha delas por separado nin a partir de todas elas xuntas se pode establecer o sentido último de nocións como as de realidade ou de ben moral.

16

De feito, as ciencias particulares baséanse en definir e en recortar un aspecto parcial da realidade, e, a partir desta redución, desenvólvese unha forma de traballo e unha argumentación adecuadas para ese aspecto da realidade. Por iso, no ámbito das ciencias particulares, o coñecemento é o resultado da aplicación de métodos mediante os que se busca a exactitude e a funcionalidade técnica dos coñecementos.

Esa exactitude e esa eficacia son, sen dúbida, algunhas das principais calidades das verdades científicas e o que fai posible o seu emprego para favorecer o desenvolvemento técnico e para impulsar os avances do progreso.

Non obstante, a exactitude científica non é unha condición esencial a toda verdade. Só se pode lograr cando se fala de obxectos cuantitativos, é dicir, do que se pode contar e medir, ou convencionais, é dicir, definidos polo propio ser humano.

2.3. O saber común

Ademais dos nosos coñecementos científicos e das nosas crenzas e das nosas conviccións sobre o sentido da realidade, existe unha forma de coñecemento que condiciona gran parte do que facemos e do que dicimos. É o saber natural ou da vida corrente, no que se fundan a seguridade e os costumes da nosa existencia persoal.

Este saber ordinario e inmediato conforma a nosa personalidade e é o fundamento da nosa existencia persoal e social. Non obstante, debe ser continuamente analizado para que non nos enganen nin nos manipulen os que queren aproveitarse da nosa boa fe.

A cultura na que nos socializamos, os coñecementos e os valores que incorporamos nese proceso, é o marco normal no que se desenvolve a nosa vida en sociedade. Polo tanto, por medio da cultura, o social oponse ao natural, tendo un carácter normativo para os seus membros.

Desde ese punto de vista, o pensamento filosófico debe realizar unha función crítica preguntándose polo deber ser de cada sector ou de cada aspecto da cultura (coñecementos, valores, costumes...). Neste sentido, a filosofía convértese nunha «crítica da cultura», ou sexa, nun traballo de análise co que se intenta impedir que se empregue a cultura como un instrumento de ideoloxización e de alienación. Mediante a filosofía trátase de fomentar a conciencia, ofrécese o «mapa» que permite orientarse na cultura que nos rodea. Non obstante, non se pretende dicir o que as cousas son dunha vez por todas. A filosofía é, máis ben, un xeito de preguntar, unha interrogación continua e crítica acerca do que existe e sobre os seus modos de ser.

A filosofía non ten a misión de proporcionarlle ao ser humano respostas seguras, verdadeiras e definitivas. Os que se dedican á filosofía non son guías das conciencias que formulen profecías e que receiten remedios máxicos de salvación, senón que son simplemente persoas que permanecen abertas á complexidade do real para pensar a raíz que teñen en común o coñecemento e a liberdade.

TEXTUALMENTE

«Dito doutra forma: para o físico é problema o que en principio se pode resolver, a solución élle en certo modo anterior ao problema, enténdese que vai chamar solución e coñecemento ao trato que o problema tolere. Así, das cores dos sons e dos cambios sensibles, en xeral, o físico só pode coñecer as relacións cuantitativas, e aínda estas —as situacións en espazo e tempo— só relativamente, e aínda estas relatividades só coa aproximación que os aparatos e os nosos sentidos permiten; pois ben, a este resultado, teoreticamente tan pouco satisfactorio, chamaralle solución e coñecemento. Viceversa considerará como problema físico só o que pode someterse a medidas e o que acepta ese tratamento metódico. Só o filósofo fai ingrediente esencial da súa actitude cognoscitiva a posibilidade de que o seu obxecto sexa indócil ao coñecemento.

Cando se pensa na ciencia, adóitase ver como un repertorio de solucións. No meu entender, isto é un erro. En primeiro lugar, porque falando rigorosamente e evitando, como esixe o tempero do noso tempo, o utopismo, é moi discutible se algún problema foi nunca plenamente resolto, polo tanto, non é na solución onde debemos cargar o acento ao definir a ciencia. En segundo lugar, a ciencia é un proceso sempre fluente e aberto cara á solución [...], é a navegación procelosa cara a ela. Pero, en terceiro e definitivo lugar, esquécese que ao ser a actividade teorética unha operación e marcha da conciencia dun problema á súa solución, o primeiro que é, precisamente, é conciencia do problema [...] ben obvio é que no problema está o corazón e o núcleo da ciencia».

J. Ortega y Gasset, Que é filosofía?, VI.   1 Por que a Ortega lle parece un erro que se considere a ciencia un «repertorio de solucións»?

2 Que cres ti que quere expresar o autor cando di que a solución antecede o problema?

U 1
17

O uso da razón

TEXTUALMENTE

«328. Bo, a que se lle chama “pensar”? Para que se aprendeu a utilizar esa palabra? Se digo que pensei, teño que estar sempre no correcto? Que clase de erro cabe aí? […]. Se alguén, no curso dunha secuencia de pensamentos, realiza unha medición: interrompeu o pensamento se non se di nada a si mesmo mentres mide? […]

330. É pensar unha especie de discurso? Quereríase dicir que é o que distingue o discurso con pensamento do discurso sen pensamento. E así parece ser un acompañamento do discurso. Un proceso que quizais pode tamén acompañar a algo distinto ou transcorrer por si só. […]

[...] Pero o que aquí constitúe o pensar non é un proceso que teña que acompañar as palabras para que non sexan pronunciadas sen pensamento.

332. Aínda que ás veces lle chamamos “pensar” a acompañar a oración cun proceso mental, non é, non obstante, ese acompañamento o que lle chamamos “pensamento”. […]».

L. Wittgenstein, Investigacións filosóficas, I.   1 A que non lle chama «pensar» o autor do texto?

2 Wittgenstein pregúntase se sempre que se pensa, se fai correctamente. Ti que cres?

3.1. Aprender a pensar correctamente

Pensamos para saber que é o que temos que crer, que é o que temos que decidir e con que medios temos que actuar. Para alcanzar estes obxectivos, é preciso que se dean as dúas condicións seguintes:

• Que as informacións das que partimos sexan adecuadas, suficientes e verdadeiras.

• Que o modo como as combinamos e como as elaboramos sexa o correcto.

Na filosofía trátase da segunda destas dúas condicións; é dicir, estúdase o aspecto normativo do pensamento: como debemos pensar para facelo correctamente.

Pola súa parte, a neurofisioloxía e a psicoloxía aplícanse ao estudo do aspecto descritivo do pensamento: como pensamos, como son os procesos neurolóxico e psicolóxico que se producen cando estamos pensando.

Por exemplo, na neuroloxía analízanse os procesos cerebrais que se activan cando ten lugar a actividade de pensar. Para iso, sinálanse as áreas do cerebro ou os grupos de neuronas que interveñen durante a execución das operacións do pensamento. Neste sentido, pódese dicir que na neurofisioloxía se estuda o soporte físico do pensamento.

Os conceptos son representacións intelectuais mediante as que se simbolizan as cousas ou os procesos, pero non os representan tal como os percibimos a través dos sentidos, incluíndo as súas características individuais e concretas, senón que os representan por medio duns esquemas que se formaron na nosa mente por abstracción.

Por exemplo, co concepto de ser humano simbolízase a totalidade dos seres humanos só en tanto que son humanos; é dicir, dun modo xeral, seleccionando exclusivamente as características que comparten todos eles, pero sen ter en conta as súas diferenzas individuais e concretas.

Empregando estes conceptos, enunciamos xuízos, que son os actos polos que afirmamos a verdade ou a falsidade dunha proposición. Implican a relación de dous termos, un suxeito e un predicado, unidos polo verbo «é». Esíxese, pois, a afirmación ou a negación de algo. Por exemplo, cando dicimos «Todo animal é un ser vivo».

E os argumentos ou razoamentos son a expresión lingüística dos xuízos. Razoar non é outra cousa que deducir conclusións a partir do que se considera verdade. Polo tanto, pensar correctamente significa razoar conforme ás leis que rexen a validez da dedución.

A formación dos conceptos, a afirmación dos xuízos e as deducións ou inferencias non se encontran só nos libros de lóxica ou de ciencia, senón que son operacións que realizamos continuamente na nosa vida diaria. Encontrámolas nos consellos que nos dan as persoas maiores, na televisión, nas películas ou nas noticias dos medios de comunicación. E algunhas desas deducións son correctas, pero outras non.

3
[…]
18

3.2. Reflexionar sobre os nosos valores

O desenvolvemento do pensamento contribúe ao despregamento da capacidade de autodeterminación dun individuo ou dun grupo social, pois fomenta a posibilidade de elixir sen dependencias nin coaccións externas. Fortalece o eu para enfrontarse ao automatismo irreflexivo das reaccións estímulo­resposta ou á pulsionalidade das forzas inconscientes.

Un dos ámbitos aos que se aplica a reflexión filosófica é o dos valores, que constitúen a guía para a realización do noso proxecto existencial. Posto que todo ser humano está sempre oscilando entre o que comprende que é bo e a súa tendencia ou o seu impulso a deixarse levar, nalgunhas ocasións, polo malo, son necesarias conviccións morais que guíen a nosa vontade cara ao cumprimento do bo.

Desde este punto de vista, o sentido e o obxectivo da reflexión moral é que as nosas accións se realicen o máis posible de acordo coa nosa razón e obedecendo os seus principios, en lugar de estar motivadas polos nosos impulsos.

Kant dicía que só esta vontade de querer guiarse pola razón na realización do noso proxecto de vida é un ben para o ser humano en termos absolutos, pois os demais bens que podemos alcanzar (por exemplo, a intelixencia, as habilidades prácticas, as riquezas, a saúde...) poden ser mal empregados, e isto impide que se poidan considerar bens en sentido absoluto.

Na reflexión moral estúdanse, polo tanto, os valores mediante os que se debe guiar o proxecto existencial do ser humano para facer posible o desenvolvemento da súa liberdade. A liberdade é a característica principal dos seres humanos, e pertence estruturalmente ás condicións da nosa existencia.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Como se estuda na filosofía a acción de pensar e como se estuda na neurofisioloxía?

2 Define que son os conceptos, os xuízos e os razoamentos.

3 Cales son o sentido e os obxectivos da reflexión moral sobre os valores?

O ser humano é libre para desenvolver de forma autónoma o seu propio proxecto de vida, para o que nos guiamos polos nosos valores morais.

U 1
19

4 A filosofía e o noso mundo

COMPROMISO ODS

Educación de calidade

«De aquí a 2030, asegurar que todos os alumnos adquiran os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sostible e os estilos de vida sostibles, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non­violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible».

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, meta 4.7.

1 Asemblea de ideas. Pode axudar a filosofía a conseguir esta meta? Debatede sobre como podería servir para logralo.

4.1. A actitude crítica

Moitas persoas só aprenderon a actuar de acordo coas ideas comúns e seguindo os mesmos patróns mentais ca todo o mundo; ou sexa, evitan o esforzo de pensar por elas mesmas. Como talvez non se lles ocorren ideas propias, cando se lles pide agudizar a intelixencia e producir ideas novas adoptan unha actitude de indiferenza.

Pola contra, o individuo intelixente e culto non se limita a aceptar sen máis o que ve, o que oe ou o que le. Está sempre alerta para rexeitar o falso e para detectar as inconsistencias nos razoamentos, sexan propios ou alleos; é dicir, está alerta para «poñer pexas» se non lle convence o que se lle mostra, o que oe ou o que le. Mediante a filosofía apréndese a criticar o que recibimos e a ofrecer alternativas se non estamos de acordo; ou sexa, a filosofía implica ser capaces de detectar os erros e as falsidades nos feitos, nas mensaxes ou nos argumentos que nos resultan inaceptables ou que nos parezan pouco convincentes.

O uso «creativo» do pensamento consiste en construír bos razoamentos, aínda que saber pensar ten tamén outro uso que se pode chamar «defensivo». Este uso permítenos defendernos dese remuíño de ideas e de mensaxes co que continuamente se nos bombardea, para non os crer nin os aceptar inxenuamente sen un exame previo.

4.2. Funcións sociais da filosofía

O cultivo da filosofía debe servir para crear unha conciencia crítica na sociedade civil. Polo tanto, a filosofía ten que ver coa educación da cidadanía para que teña opinións fundamentadas sobre os acontecementos co fin de adoptar as decisións adecuadas.

Neste sentido, as funcións sociais da filosofía no noso mundo actual pódense resumir do seguinte modo:

Mediante o pensamento filosófico aprendemos a criticar o que non nos gusta e as ideas que outras persoas tratan de impoñernos, pero que non compartimos.

• Contribuír a pensar como debe ser a realidade e como se pode transformar. É importante pensar a realidade de novas formas, distintas das afeitas, e proxectar outros mundos mellores fronte á presión do dogmatismo, da inercia e da rutina.

• Unha importante función social da filosofía é, pois, iluminar diferentes facetas do acontecer social identificando problemas que se deben corrixir e situacións que se poden mellorar.

• Defender os criterios éticos de vida que deberían ser principios morais de referencia común.

• Por exemplo, calquera intelectual argumentaría a favor da paz e da xustiza, da individualidade (non do individualismo), da solidariedade e da sociabilidade, etc.

• Favorecer o cambio dos nosos hábitos para que cheguemos a vivir como pensamos que deberiamos facelo.

• Os filósofos non se instalan comodamente na realidade, senón que soñan con situacións e con formas de vida que nunca existiron; están en contra da idea de que as cousas son como son e non poden ser doutro xeito, porque as cousas son como as facemos.

20

• Fomentar a construción de espazos de convivencia e de diálogo.

• En vez de converter a sociedade nun campo de batalla, a filosofía serve para romper os guetos, os grupos ou as sociedades amuralladas, para recoñecer a riqueza que supón a diversidade e para combater o fundamentalismo dunha verdade e dun pensamento únicos.

4.3. As disciplinas filosóficas actuais

Actualmente, a filosofía subdivídese en diversas disciplinas. Algunhas das máis relevantes son as seguintes:

Metafísica

Significa estudo de ‘o que está máis alá da natureza’. Con esta disciplina preténdese explicar o ser, a realidade, non polas súas características concretas (como se fai mediante as ciencias), senón polos seus trazos máis xerais.

Epistemoloxía

Etimoloxicamente significa ‘estudo do coñecemento’. Céntrase nas condicións, nos límites, nas aplicacións e nos demais problemas relacionados coa capacidade humana de coñecer.

Filosofía teórica

Antropoloxía

Ocúpase do ser humano e da súa diversidade. Baséase nas ciencias, tanto naturais (antropoloxía física, paleoantropoloxía, etc.) coma sociais (antropoloxía social, historia, etc.). Pregúntase pola cuestión básica: «que somos os seres humanos?».

Estética

Nesta disciplina estúdase a arte, a súa definición e as súas relacións con conceptos como, por exemplo, o de beleza, tanto a artística coma a natural. Trátase de explicar que é o gusto estético, as condicións nas que se producen as obras de arte e como se poden interpretar.

Lóxica

Consiste no estudo das regras de razoamento, de argumentación e de dedución do entendemento humano. Estúdase a corrección formal dos argumentos e sérvese dunhas leis básicas e doutras derivadas.

Ética

Filosofía práctica

Filosofía política

É a reflexión filosófica sobre os hábitos, sobre os valores e sobre os xuízos acerca da conduta humana. Consiste en describir e en xulgar normas, códigos e conceptos morais.

Defínese e explícase que é a política. Inténtase, así mesmo, analizar en que consiste a institución do Estado e cales son as súas condicións e os seus límites, así como distinguir, definir e valorar as diversas formas de goberno.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 En que consiste a función crítica que lle corresponde realizar ao pensamento filosófico?

2 Poñede algúns exemplos do uso «defensivo» do pensamento crítico.

3 Explica, coas túas palabras, en que consiste a diferenza entre a metafísica e as ciencias.

4 Debatede sobre se debe existir algunha relación entre a ética e a política. Débeselles esixir un comportamento ético ás autoridades políticas ou ben poden actuar libremente, sen trabas morais, para conseguir os seus obxectivos políticos?

TEXTUALMENTE

«A filosofía é un preguntar radical, a busca da verdade total ou última (e non, como nas ciencias, de tal ou cal verdade particular); creación e utilización de conceptos (aínda que esta práctica exista tamén noutras disciplinas); reflexividade (un volver do espírito ou da razón sobre si mesmos: pensamento do pensamento) ... Pero a filosofía é tamén, e quizais fundamentalmente, crítica das ilusións, dos prexuízos, das ideoloxías: Toda filosofía é unha loita. As súas armas? A razón. Os seus inimigos? A ignorancia, o fanatismo, o escurantismo —ou a filosofía dos demais—. Os seus aliados? As ciencias. O seu obxecto? A totalidade, co home no seu seo. Ou o home, pero no seo da totalidade. A súa meta? A sabedoría: a felicidade, pero no seo da verdade».

A. Comte­Sponville, Convite á filosofía.   1 Que diferenzas e que semellanzas establece o autor entre ciencia e filosofía?

2 Por que di que a filosofía é unha loita? Contra que? Con que fin?

3 Cres que son compatibles a verdade e a felicidade? Non é a ignorancia un requisito para a felicidade? Razoa a túa resposta.

U 1
21

Comproba o aprendido

ORGANIZO A MIÑA MENTE Mapa mental

RELIXIÓN

Fe, crenza no sobrenatural

Como teoría

Coñecemento racional do mundo e da existencia humana

Filosofía teórica

metafísica

Estudo do ser e dos ámbitos do que existe.

A Filosofía

CIENCIA

Saberes especializados aplicables á técnica

O que non é filosofía

FILOSOFÍA

AMOR Á SABEDORÍA

SABER COMÚN

O que a experiencia da vida nos ensina

Aplicacións prácticas

Regras morais, crítica política, etc.

Ramas da filosofía ética

epistemOloxía

Estudo do saber e da ciencia, das súas posibilidades e dos seus límites.

Estética Lóxica

Estudo da arte e da beleza.

ANTROPOLOXÍA

Estudo do ser humano, da súa natureza e da súa diversidade.

Estudo sobre as regras de razoamento, de argumentación e de dedución do entendemento humano.

DESCUBRO O QUE APRENDÍN

1 Cal é o sentido da filosofía como teoría?

2 Para que serve a filosofía práctica e que actitude implica?

3 Para que se usaba a filosofía na Idade Media e, pola contra, que relación manteñen na actualidade o saber filosófico e a fe?

4 Cal é a tarefa da filosofía que as ciencias non poden asumir? Por que teñen esa limitación?

5 Que nos achega o saber que obtemos da vida cotiá e cales son as súas limitacións desde o punto de vista da filosofía?

6 Para pensar ben debemos formar conceptos, afirmar xuízos e deducir razoamentos. En que consisten e como se relacionan estes procesos?

7 Cales son o sentido e os obxectivos da reflexión moral sobre os valores?

8 Existe algunha relación entre a actitude crítica e a creatividade? Que ten que ver a capacidade de formular preguntas co desenvolvemento das potencialidades individuais?

Filosofía práctica

Estudo sobre a orixe e sobre a xustificación dos códigos morais e da moralidade en xeral.

Filosofía Política

Estudo da política, do Estado e das formas de goberno.

9 Explica en que consiste a lóxica e argumenta se esta disciplina ten algunha utilidade para pensar correctamente ou se, pola contra, é innecesaria.

10 Por que, segundo Gilles Deleuze, a filosofía converte a estupidez nunha «cousa vergonzosa»? Cres que as liberdades de pensamento, de conciencia e de expresión fan que as persoas se comporten de forma máis madura e responsable?

«Cando alguén pregunta para que serve a filosofía, a resposta debe ser agresiva, xa que a pregunta se ten por irónica e mordaz. A filosofía non serve a ningún poder establecido. A filosofía serve para detestar a estupidez, fai da estupidez unha cousa vergonzosa. Só ten este uso: denunciar a baixeza do pensamento baixo todas as súas formas. Facer homes libres. Combater o resentimento, a mala conciencia, que ocupan o lugar do pensamento. Vencer o negativo e os seus falsos prestixios. Quen, a excepción da filosofía, se interesa por todo isto?».

G. Deleuze, Nietzsche e a filosofía.
22
Recorda seleccionar o material de traballo desta unidade para o teu portafolio.

O USO CORRECTO DOS ARGUMENTOS NO DIÁLOGO

Como podemos argumentar as nosas opinións?

Cando mantemos un debate ou un diálogo con alguén, o obxectivo debería ser convencer a outra persoa mediante a razón. O fin non tería que ser impoñer as propias preferencias, convertendo as ocorrencias ou os desexos particulares en razóns. A argumentación é unha tarefa cooperativa na que as distintas posicións poden modificarse ao longo do discurso.

Desde a lóxica informal contemporánea, propuxéronse algúns principios básicos da argumentación correcta. Estes son algúns deles:

• A claridade na exposición dos argumentos.

• A busca da verdade, máis alá dos propios intereses.

• A relevancia para o tema da información e dos argumentos presentados.

• A honestidade ante os posibles fallos que se detecten na argumentación.

Se estes criterios mínimos da boa argumentación non se respectan, entón podemos caer en falacias.

• Que outros principios se deberían cumprir nun debate razoable?

Que son as falacias?

Unha falacia é un argumento non razoable no que se vulneran algúns criterios da boa argumentación. Adoitan diferenciarse as falacias formais, que se deben a algún erro na estrutura lóxica do argumento, das falacias informais, que se producen por unha información ou por un contido falso ou impreciso.

Exemplos de falacias formais son: a afirmación do consecuente, a negación do antecedente ou a xeneralización, entre outras. Exemplos de falacias informais son: a falacia ad hominem, a falacia ad misericordiam ou a falacia ad nauseam, ademais de moitas máis.

1 Por parellas, investigade e definide estes tipos de falacias.

2 Buscade outros tipos de falacias, tanto formais coma informais.

3 Poñede algún exemplo propio das falacias que encontrastes.

Análise dun debate

Formade grupos compostos por tres ou por catro membros e buscade un debate sobre un tema que vos interese.

O debate puido producirse na radio, na televisión, nas redes sociais ou en calquera outro medio de comunicación.

Preparade unha exposición, na que analicedes polo menos un fragmento do debate. Podedes seguir estes pasos:

• Contexto do debate: presentade o tema que se trata, as persoas que participan e as súas posicións.

• Análise: fixádevos en se nalgún momento se vulnera algún principio da boa argumentación ou en se se emprega algunha falacia.

• Proposta de corrección: podedes presentar algún argumento válido alternativo que poderían ter utilizado os que participan no debate.

• Exposición do grupo: mostrade a vosa posición sobre o tema acerca do que se debate utilizando algún argumento propio.

SITUACIÓN DE APRENDIZAXE

PON A PROBA AS TÚAS COMPETENCIAS

Realiza a autoavaliación competencial incluída en anayaeducacion.es

U 1
1 2 3
23
Retos da filosofía contemporánea

© GRUPO ANAYA, S.A., 2023 - C/ Valentín Beato, nº 21 - 28037 Madrid.

Reservados todos los derechos. El contenido de esta obra está protegido por la Ley, que establece penas de prisión y/o multas, además de las correspondientes indemnizaciones por daños y perjuicios, para quienes reprodujeren, plagiaren, distribuyeren o comunicaren públicamente, en todo o en parte, una obra literaria, artística o científica, o su transformación, interpretación o ejecución artística fijada en cualquier tipo de soporte o comunicada a través de cualquier medio, sin la preceptiva autorización.

Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.