5 minute read

4 A filosofía e o noso mundo

Next Article
Que é filosofía

Que é filosofía

Compromiso Ods

Educación de calidade

«De aquí a 2030, asegurar que todos os alumnos adquiran os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sostible e os estilos de vida sostibles, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non­violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible».

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, meta 4.7.

1 Asemblea de ideas. Pode axudar a filosofía a conseguir esta meta? Debatede sobre como podería servir para logralo.

4.1. A actitude crítica

Moitas persoas só aprenderon a actuar de acordo coas ideas comúns e seguindo os mesmos patróns mentais ca todo o mundo; ou sexa, evitan o esforzo de pensar por elas mesmas. Como talvez non se lles ocorren ideas propias, cando se lles pide agudizar a intelixencia e producir ideas novas adoptan unha actitude de indiferenza.

Pola contra, o individuo intelixente e culto non se limita a aceptar sen máis o que ve, o que oe ou o que le. Está sempre alerta para rexeitar o falso e para detectar as inconsistencias nos razoamentos, sexan propios ou alleos; é dicir, está alerta para «poñer pexas» se non lle convence o que se lle mostra, o que oe ou o que le. Mediante a filosofía apréndese a criticar o que recibimos e a ofrecer alternativas se non estamos de acordo; ou sexa, a filosofía implica ser capaces de detectar os erros e as falsidades nos feitos, nas mensaxes ou nos argumentos que nos resultan inaceptables ou que nos parezan pouco convincentes.

O uso «creativo» do pensamento consiste en construír bos razoamentos, aínda que saber pensar ten tamén outro uso que se pode chamar «defensivo». Este uso permítenos defendernos dese remuíño de ideas e de mensaxes co que continuamente se nos bombardea, para non os crer nin os aceptar inxenuamente sen un exame previo.

4.2. Funcións sociais da filosofía

O cultivo da filosofía debe servir para crear unha conciencia crítica na sociedade civil. Polo tanto, a filosofía ten que ver coa educación da cidadanía para que teña opinións fundamentadas sobre os acontecementos co fin de adoptar as decisións adecuadas.

Neste sentido, as funcións sociais da filosofía no noso mundo actual pódense resumir do seguinte modo:

Mediante o pensamento filosófico aprendemos a criticar o que non nos gusta e as ideas que outras persoas tratan de impoñernos, pero que non compartimos.

• Contribuír a pensar como debe ser a realidade e como se pode transformar. É importante pensar a realidade de novas formas, distintas das afeitas, e proxectar outros mundos mellores fronte á presión do dogmatismo, da inercia e da rutina.

• Unha importante función social da filosofía é, pois, iluminar diferentes facetas do acontecer social identificando problemas que se deben corrixir e situacións que se poden mellorar.

• Defender os criterios éticos de vida que deberían ser principios morais de referencia común.

• Por exemplo, calquera intelectual argumentaría a favor da paz e da xustiza, da individualidade (non do individualismo), da solidariedade e da sociabilidade, etc.

• Favorecer o cambio dos nosos hábitos para que cheguemos a vivir como pensamos que deberiamos facelo.

• Os filósofos non se instalan comodamente na realidade, senón que soñan con situacións e con formas de vida que nunca existiron; están en contra da idea de que as cousas son como son e non poden ser doutro xeito, porque as cousas son como as facemos.

• Fomentar a construción de espazos de convivencia e de diálogo.

• En vez de converter a sociedade nun campo de batalla, a filosofía serve para romper os guetos, os grupos ou as sociedades amuralladas, para recoñecer a riqueza que supón a diversidade e para combater o fundamentalismo dunha verdade e dun pensamento únicos.

4.3. As disciplinas filosóficas actuais

Actualmente, a filosofía subdivídese en diversas disciplinas. Algunhas das máis relevantes son as seguintes:

Metafísica

Significa estudo de ‘o que está máis alá da natureza’. Con esta disciplina preténdese explicar o ser, a realidade, non polas súas características concretas (como se fai mediante as ciencias), senón polos seus trazos máis xerais.

Epistemoloxía

Etimoloxicamente significa ‘estudo do coñecemento’. Céntrase nas condicións, nos límites, nas aplicacións e nos demais problemas relacionados coa capacidade humana de coñecer.

Filosofía teórica

Antropoloxía

Ocúpase do ser humano e da súa diversidade. Baséase nas ciencias, tanto naturais (antropoloxía física, paleoantropoloxía, etc.) coma sociais (antropoloxía social, historia, etc.). Pregúntase pola cuestión básica: «que somos os seres humanos?».

Estética

Nesta disciplina estúdase a arte, a súa definición e as súas relacións con conceptos como, por exemplo, o de beleza, tanto a artística coma a natural. Trátase de explicar que é o gusto estético, as condicións nas que se producen as obras de arte e como se poden interpretar.

Lóxica

Consiste no estudo das regras de razoamento, de argumentación e de dedución do entendemento humano. Estúdase a corrección formal dos argumentos e sérvese dunhas leis básicas e doutras derivadas.

Ética

Filosofía práctica

Filosofía política

É a reflexión filosófica sobre os hábitos, sobre os valores e sobre os xuízos acerca da conduta humana. Consiste en describir e en xulgar normas, códigos e conceptos morais.

Defínese e explícase que é a política. Inténtase, así mesmo, analizar en que consiste a institución do Estado e cales son as súas condicións e os seus límites, así como distinguir, definir e valorar as diversas formas de goberno.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 En que consiste a función crítica que lle corresponde realizar ao pensamento filosófico?

2 Poñede algúns exemplos do uso «defensivo» do pensamento crítico.

3 Explica, coas túas palabras, en que consiste a diferenza entre a metafísica e as ciencias.

4 Debatede sobre se debe existir algunha relación entre a ética e a política. Débeselles esixir un comportamento ético ás autoridades políticas ou ben poden actuar libremente, sen trabas morais, para conseguir os seus obxectivos políticos?

Textualmente

«A filosofía é un preguntar radical, a busca da verdade total ou última (e non, como nas ciencias, de tal ou cal verdade particular); creación e utilización de conceptos (aínda que esta práctica exista tamén noutras disciplinas); reflexividade (un volver do espírito ou da razón sobre si mesmos: pensamento do pensamento) ... Pero a filosofía é tamén, e quizais fundamentalmente, crítica das ilusións, dos prexuízos, das ideoloxías: Toda filosofía é unha loita. As súas armas? A razón. Os seus inimigos? A ignorancia, o fanatismo, o escurantismo —ou a filosofía dos demais—. Os seus aliados? As ciencias. O seu obxecto? A totalidade, co home no seu seo. Ou o home, pero no seo da totalidade. A súa meta? A sabedoría: a felicidade, pero no seo da verdade».

A. Comte­Sponville, Convite á filosofía.   1 Que diferenzas e que semellanzas establece o autor entre ciencia e filosofía?

2 Por que di que a filosofía é unha loita? Contra que? Con que fin?

3 Cres que son compatibles a verdade e a felicidade? Non é a ignorancia un requisito para a felicidade? Razoa a túa resposta.

Comproba o aprendido

ORGANIZO A MIÑA MENTE Mapa mental

Relixi N

Fe, crenza no sobrenatural

Como teoría

Coñecemento racional do mundo e da existencia humana

Filosofía teórica metafísica

Estudo do ser e dos ámbitos do que existe.

This article is from: