14 minute read

Que é filosofía

Textualmente

«Explicaría, en primeiro lugar, o que é a Filosofía, iniciando a exposición polos temas máis difundidos; este é o caso do que significa a palabra Filosofía, o estudo da Sabedoría; que por Sabedoría non só debemos entender a prudencia en obrar, senón un perfecto coñecemento de canto o home pode coñecer, ben en relación coa conduta que debe adoptar na vida, ben en relación coa conservación da saúde ou coa invención de todas as artes; que para que este coñecemento sexa tal, é necesario que sexa deducido das primeiras causas, de sorte que, para intentar adquirilos, ao cal se denomina filosofar, é preciso comezar pola investigación das primeiras causas, é dicir, dos Principios. […]

Vivir sen filosofar equivale a ter os ollos pechados sen alentar o desexo de abrilos; non obstante, o pracer de observar todas as cousas que a nosa vida descobre non é comparable en modo ningún á satisfacción que xera o coñecemento do que a Filosofía descobre; máis aínda, este estudo é máis necesario para regular os nosos costumes e a nosa conduta na vida do que é o uso dos sentidos para guiar os nosos pasos».

R. Descartes, Os principios da Filosofía, «Carta do autor ao tradutor».

1 Para que o coñecemento sexa tal, que é o que propón Descartes?

2 Que cres que quere dicir Descartes coa expresión: «Vivir sen filosofar equivale a ter os ollos pechados sen alentar o desexo de abrilos»?

1.1. A filosofía como teoría

De acordo co seu significado etimolóxico, as persoas que se dedican á filosofía, concepto de orixe grega, son ‘amantes ou namoradas do saber’.

Dentro da filosofía, podemos distinguir a filosofía teórica, que é a busca do saber polo saber, sen que estea subordinado á utilidade práctica.

Nese sentido, mediante a filosofía teórica trátase de satisfacer o de–sexo intelectual dun coñecemento coherente acerca da nosa existencia e sobre o mundo que nos rodea, do noso propio sistema de valores racionalmente fundamentado e para lograr unha noción adecuada do que podemos saber.

No pasado, durante moitos séculos, entendeuse a filosofía como o esforzo metódico do pensamento para construír unha teoría universal e racional sobre a realidade.

Na actualidade, non obstante, sabemos que esta definición ten algúns inconvenientes e que non existe unha definición única de filosofía sobre a que a maior parte das filósofas e dos filósofos estean de acordo.

Pero hai un aspecto que a distingue claramente de calquera outra forma de saber: a filosofía non busca a verdade para tratar de facer con ela algo útil ou para lograr un obxectivo rendible, senón, sinxelamente, porque é a verdade.

Para exemplificar este carácter teórico da filosofía, Pitágoras comparaba as distintas actitudes que se poden asumir ante a vida coas que adoptaban que asistían ás Olimpíadas que se celebraban na antiga Grecia.

Segundo a comparación de Pitágoras, a filosofía teórica consiste na contemplación da realidade coa actitude dos que presencian o espectáculo do deporte nas probas olímpicas.

Pitágoras comentaba que algunhas persoas acudían ás Olimpíadas para participar nas competicións deportivas; outras viaxaban a este evento para vender as súas mercadorías e dese xeito facer negocio, e aínda había outras que só ían para mirar o que sucedía durante a celebración dos Xogos.

Pois ben, a actitude de quen observa porque quere saber o que sucede, simplemente pola curiosidade de coñecelo, é a característica peculiar da filosofía.

Aristóteles dicía que a razón que leva os seres humanos a filosofar é a admiración, a sorpresa ou o estupor ante as cousas. Cando algo nos sorprende ou nos marabilla, queremos saber a explicación de por que é así.

De acordo con esa concepción, Aristóteles entendía que a filosofía teórica é un modo de coñecemento que non se contenta soamente con saber que certas cousas son dun determinado modo e non doutro.

O propio da filosofía teórica é, en definitiva, que se busca saber por que as cousas son do modo como son e se non poderían ser doutro xeito. É dicir, a filosofía é un saber que ten por obxecto o estudo das causas, das razóns e dos principios que explican por que existen as cousas.

1.2. A filosofía como arte de vivir

Pola súa banda, a filosofía práctica é o tipo de saber que serve para transformar a realidade e para orientar o noso xeito de actuar. Neste sentido, representa unha opción de vida, unha determinada forma de ser e de comportarse; é unha arte de vivir.

A filosofía práctica tamén implica unha actitude, ben de crítica, ou ben de xustificación dos problemas sociais e culturais, pero sempre tendo en consideración a súa capacidade para modificar ou para conservar a sociedade.

A realidade humana é esencialmente social e activa. O ser humano coñece o mundo transformándoo e vive a súa vida sempre con outros individuos; logo o coñecemento humano, a acción e a sociedade son inseparables.

Ao abordar racionalmente non só como son as cousas, senón tamén como deben ser, entramos no terreo da filosofía práctica ou uso práctico da razón.

Sócrates, no século v a. C., insistía nesta finalidade e ensinaba que o primeiro deber de todo ser humano é coñecerse a si mesmo: «Unha vida sen reflexión —dicía— non é digna de ser vivida». Tamén é un obxectivo da filosofía práctica promover a mellora nas relacións sociais e humanas.

O filósofo Immanuel Kant resumiu, a finais do século xviii, a tarefa da filosofía no obxectivo de darlles resposta a estas catro grandes preguntas que, no fondo, van unidas: que podemos saber?, que debemos facer?, que podemos esperar? e que é o ser humano? Como vemos, a súa proposta segue sendo un bo punto de partida na actualidade.

Glosario

Filosofía: disciplina reflexiva e crítica na que se aspira a reformular e ofrecer propostas teóricas e prácticas sobre temas de diversa índole, desde o problema do coñecemento ata cuestións como o mellor goberno, pasando pola felicidade individual.

Filosofía teórica: rama da filosofía na que se analizan os problemas relacionados co coñecemento (epistemoloxía), coa estrutura da realidade (ontoloxía), coa ordenación do pensamento (lóxica), coa natureza e coa función da linguaxe (filosofía da linguaxe) ou coa análise do método científico e das súas implicacións (filosofía da ciencia). A filosofía teórica é neutral en cuestións valorativas como a moral, a política ou a estética. É moi necesaria para abordar os problemas relativos ao coñecemento humano.

Filosofía práctica: rama da filosofía na que se analiza a realidade co fin de transformala, tendo en conta non tanto como son as cousas, senón como deberían ser. O seu obxectivo é a transformación da realidade, normalmente mediante a aplicación dun conxunto de medidas que dependen dun marco teórico, e tamén a sabedoría vital, unha das aspiracións da filosofía tradicional. A filosofía política, a ética ou a filosofía da técnica son algunhas das súas disciplinas.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Que diferencia o saber filosófico dos saberes que buscan a utilidade?

2 En que sentido a orixe da filosofía é a admiración?

3 1-2-4. Comentade os obxectivos da filosofía práctica.

2

Filosofía e outros modos de saber

Glosario

Relixión: institución social e cultural propia das sociedades humanas. Ten unha vertente práctica, o culto (oracións, rituais...), así como un aspecto teórico (crenzas, dogmas, fe, mitos...). Mediante a relixión non só se pretende explicar as orixes do mundo e da humanidade, senón que tamén se traslada unha mensaxe moral. Malia a gran diversidade das experiencias e das institucións relixiosas, as relixións comparten algúns trazos comúns, como a crenza nunha transcendencia e o seu carácter compartido.

Ciencia: forma de saber con pretensión de universalidade acerca das causas que producen os fenómenos (naturais, históricos...) e sobre as súas posibles leis. A ciencia, desde a época moderna, está ligada á formalización e á matematización do coñecemento humano. Remite a experiencia sensible como o límite que non pode superar e baséase nun método que parte da detección de problemas, propóñense hipóteses, dedúcense efectos a partir destas e deséñanse experimentos para comprobar as hipóteses propostas.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Enumera as diferenzas máis importantes entre a filosofía e a relixión.

2 Explica as relacións entre a fe e a razón.

3 Por que a filosofía non poderá quedar superada nunca por ningunha das ciencias particulares?

4 Que importancia ten o saber común e en que se distingue do saber filosófico?

2.1. Filosofía e relixión

Talvez a resposta á terceira das preguntas kantianas, que podemos esperar?, supere os límites do exercicio puramente racional do saber e só poida ser contestada pola relixión, ou talvez non.

Na filosofía non se nega que nas grandes tradicións espirituais da humanidade poida haber unha valiosa sabedoría para o ser humano; non obstante, o método e o ideal da filosofía é o debate e a argumentación racional compartida por todos os seres humanos á marxe de calquera revelación ou das diferentes tradicións espirituais.

As relixións de Occidente ás veces servíronse da filosofía para tratar de facer comprensibles as súas revelacións á razón humana ou para defenderse da incredulidade ou de interpretacións consideradas desviadas e heréticas. Neste uso, a filosofía é obrigada a servir como instrumento dunha relixión. Así foi, por exemplo, como se utilizou a filosofía en Europa durante a Idade Media.

A función da filosofía nesa época era conservar e defender as crenzas reveladas, non analizalas criticamente nin renovalas, xa que se consideraba que a fe contiña unha verdade inmutable, eterna e que non se podía modificar.

Actualmente, pola contra, distínguese entre a fe e o saber filosófico, pois o obxectivo da filosofía non é crer, senón coñecer racional e criticamente. Non obstante, cando se considera que un saber ten unha orixe divina, non se fala de coñecemento, senón de «revelación».

A revelación relixiosa está constituída polas ideas ou polos relatos que supostamente recibiron algunhas persoas concretas dunha divindade e que estas lles transmiten aos membros dunha igrexa ou a unha comunidade de crentes. A súa finalidade última adoita ser a salvación dos seus fieis, non a busca do coñecemento obxectivo por si mesmo.

2.2. Filosofía e ciencia

Desde a súa orixe na Antigüidade, as ciencias foron especializándose e separándose progresivamente a partir da filosofía para converterse en saberes autónomos sobre as distintas parcelas nas que dividimos a realidade.

Debido a esa diferenciación e ao seu éxito, poderíase preguntar se a filosofía non foi superada hai tempo polas ciencias. A resposta é que, non porque o que as ciencias estudan e o que lle achegan ao saber humano esgota o horizonte das preguntas filosóficas.

En ningunha ciencia concreta se estuda a realidade no seu conxunto, é dicir, en todos os seus aspectos e niveis de existencia e de concreción. Nin na física, nin na bioloxía, por exemplo, nos preguntamos cousas como que é a verdade ou que é o coñecemento científico.

Nas ciencias especializadas —que poden ser naturais, humanas, sociais...— non se formulan moitas cuestións xerais que lles afectan nin se cuestionan todos os conceptos que se empregan e, polo tanto, nin mediante cada unha delas por separado nin a partir de todas elas xuntas se pode establecer o sentido último de nocións como as de realidade ou de ben moral.

De feito, as ciencias particulares baséanse en definir e en recortar un aspecto parcial da realidade, e, a partir desta redución, desenvólvese unha forma de traballo e unha argumentación adecuadas para ese aspecto da realidade. Por iso, no ámbito das ciencias particulares, o coñecemento é o resultado da aplicación de métodos mediante os que se busca a exactitude e a funcionalidade técnica dos coñecementos.

Esa exactitude e esa eficacia son, sen dúbida, algunhas das principais calidades das verdades científicas e o que fai posible o seu emprego para favorecer o desenvolvemento técnico e para impulsar os avances do progreso.

Non obstante, a exactitude científica non é unha condición esencial a toda verdade. Só se pode lograr cando se fala de obxectos cuantitativos, é dicir, do que se pode contar e medir, ou convencionais, é dicir, definidos polo propio ser humano.

2.3. O saber común

Ademais dos nosos coñecementos científicos e das nosas crenzas e das nosas conviccións sobre o sentido da realidade, existe unha forma de coñecemento que condiciona gran parte do que facemos e do que dicimos. É o saber natural ou da vida corrente, no que se fundan a seguridade e os costumes da nosa existencia persoal.

Este saber ordinario e inmediato conforma a nosa personalidade e é o fundamento da nosa existencia persoal e social. Non obstante, debe ser continuamente analizado para que non nos enganen nin nos manipulen os que queren aproveitarse da nosa boa fe.

A cultura na que nos socializamos, os coñecementos e os valores que incorporamos nese proceso, é o marco normal no que se desenvolve a nosa vida en sociedade. Polo tanto, por medio da cultura, o social oponse ao natural, tendo un carácter normativo para os seus membros.

Desde ese punto de vista, o pensamento filosófico debe realizar unha función crítica preguntándose polo deber ser de cada sector ou de cada aspecto da cultura (coñecementos, valores, costumes...). Neste sentido, a filosofía convértese nunha «crítica da cultura», ou sexa, nun traballo de análise co que se intenta impedir que se empregue a cultura como un instrumento de ideoloxización e de alienación. Mediante a filosofía trátase de fomentar a conciencia, ofrécese o «mapa» que permite orientarse na cultura que nos rodea. Non obstante, non se pretende dicir o que as cousas son dunha vez por todas. A filosofía é, máis ben, un xeito de preguntar, unha interrogación continua e crítica acerca do que existe e sobre os seus modos de ser.

A filosofía non ten a misión de proporcionarlle ao ser humano respostas seguras, verdadeiras e definitivas. Os que se dedican á filosofía non son guías das conciencias que formulen profecías e que receiten remedios máxicos de salvación, senón que son simplemente persoas que permanecen abertas á complexidade do real para pensar a raíz que teñen en común o coñecemento e a liberdade.

Textualmente

«Dito doutra forma: para o físico é problema o que en principio se pode resolver, a solución élle en certo modo anterior ao problema, enténdese que vai chamar solución e coñecemento ao trato que o problema tolere. Así, das cores dos sons e dos cambios sensibles, en xeral, o físico só pode coñecer as relacións cuantitativas, e aínda estas —as situacións en espazo e tempo— só relativamente, e aínda estas relatividades só coa aproximación que os aparatos e os nosos sentidos permiten; pois ben, a este resultado, teoreticamente tan pouco satisfactorio, chamaralle solución e coñecemento. Viceversa considerará como problema físico só o que pode someterse a medidas e o que acepta ese tratamento metódico. Só o filósofo fai ingrediente esencial da súa actitude cognoscitiva a posibilidade de que o seu obxecto sexa indócil ao coñecemento.

Cando se pensa na ciencia, adóitase ver como un repertorio de solucións. No meu entender, isto é un erro. En primeiro lugar, porque falando rigorosamente e evitando, como esixe o tempero do noso tempo, o utopismo, é moi discutible se algún problema foi nunca plenamente resolto, polo tanto, non é na solución onde debemos cargar o acento ao definir a ciencia. En segundo lugar, a ciencia é un proceso sempre fluente e aberto cara á solución [...], é a navegación procelosa cara a ela. Pero, en terceiro e definitivo lugar, esquécese que ao ser a actividade teorética unha operación e marcha da conciencia dun problema á súa solución, o primeiro que é, precisamente, é conciencia do problema [...] ben obvio é que no problema está o corazón e o núcleo da ciencia».

J. Ortega y Gasset, Que é filosofía?, VI.   1 Por que a Ortega lle parece un erro que se considere a ciencia un «repertorio de solucións»?

2 Que cres ti que quere expresar o autor cando di que a solución antecede o problema?

O uso da razón

Textualmente

«328. Bo, a que se lle chama “pensar”? Para que se aprendeu a utilizar esa palabra? Se digo que pensei, teño que estar sempre no correcto? Que clase de erro cabe aí? […]. Se alguén, no curso dunha secuencia de pensamentos, realiza unha medición: interrompeu o pensamento se non se di nada a si mesmo mentres mide? […]

330. É pensar unha especie de discurso? Quereríase dicir que é o que distingue o discurso con pensamento do discurso sen pensamento. E así parece ser un acompañamento do discurso. Un proceso que quizais pode tamén acompañar a algo distinto ou transcorrer por si só. […]

[...] Pero o que aquí constitúe o pensar non é un proceso que teña que acompañar as palabras para que non sexan pronunciadas sen pensamento.

332. Aínda que ás veces lle chamamos “pensar” a acompañar a oración cun proceso mental, non é, non obstante, ese acompañamento o que lle chamamos “pensamento”. […]».

L. Wittgenstein, Investigacións filosóficas, I.   1 A que non lle chama «pensar» o autor do texto?

2 Wittgenstein pregúntase se sempre que se pensa, se fai correctamente. Ti que cres?

3.1. Aprender a pensar correctamente

Pensamos para saber que é o que temos que crer, que é o que temos que decidir e con que medios temos que actuar. Para alcanzar estes obxectivos, é preciso que se dean as dúas condicións seguintes:

• Que as informacións das que partimos sexan adecuadas, suficientes e verdadeiras.

• Que o modo como as combinamos e como as elaboramos sexa o correcto.

Na filosofía trátase da segunda destas dúas condicións; é dicir, estúdase o aspecto normativo do pensamento: como debemos pensar para facelo correctamente.

Pola súa parte, a neurofisioloxía e a psicoloxía aplícanse ao estudo do aspecto descritivo do pensamento: como pensamos, como son os procesos neurolóxico e psicolóxico que se producen cando estamos pensando.

Por exemplo, na neuroloxía analízanse os procesos cerebrais que se activan cando ten lugar a actividade de pensar. Para iso, sinálanse as áreas do cerebro ou os grupos de neuronas que interveñen durante a execución das operacións do pensamento. Neste sentido, pódese dicir que na neurofisioloxía se estuda o soporte físico do pensamento.

Os conceptos son representacións intelectuais mediante as que se simbolizan as cousas ou os procesos, pero non os representan tal como os percibimos a través dos sentidos, incluíndo as súas características individuais e concretas, senón que os representan por medio duns esquemas que se formaron na nosa mente por abstracción.

Por exemplo, co concepto de ser humano simbolízase a totalidade dos seres humanos só en tanto que son humanos; é dicir, dun modo xeral, seleccionando exclusivamente as características que comparten todos eles, pero sen ter en conta as súas diferenzas individuais e concretas.

Empregando estes conceptos, enunciamos xuízos, que son os actos polos que afirmamos a verdade ou a falsidade dunha proposición. Implican a relación de dous termos, un suxeito e un predicado, unidos polo verbo «é». Esíxese, pois, a afirmación ou a negación de algo. Por exemplo, cando dicimos «Todo animal é un ser vivo».

E os argumentos ou razoamentos son a expresión lingüística dos xuízos. Razoar non é outra cousa que deducir conclusións a partir do que se considera verdade. Polo tanto, pensar correctamente significa razoar conforme ás leis que rexen a validez da dedución.

A formación dos conceptos, a afirmación dos xuízos e as deducións ou inferencias non se encontran só nos libros de lóxica ou de ciencia, senón que son operacións que realizamos continuamente na nosa vida diaria. Encontrámolas nos consellos que nos dan as persoas maiores, na televisión, nas películas ou nas noticias dos medios de comunicación. E algunhas desas deducións son correctas, pero outras non.

3.2. Reflexionar sobre os nosos valores

O desenvolvemento do pensamento contribúe ao despregamento da capacidade de autodeterminación dun individuo ou dun grupo social, pois fomenta a posibilidade de elixir sen dependencias nin coaccións externas. Fortalece o eu para enfrontarse ao automatismo irreflexivo das reaccións estímulo­resposta ou á pulsionalidade das forzas inconscientes.

Un dos ámbitos aos que se aplica a reflexión filosófica é o dos valores, que constitúen a guía para a realización do noso proxecto existencial. Posto que todo ser humano está sempre oscilando entre o que comprende que é bo e a súa tendencia ou o seu impulso a deixarse levar, nalgunhas ocasións, polo malo, son necesarias conviccións morais que guíen a nosa vontade cara ao cumprimento do bo.

Desde este punto de vista, o sentido e o obxectivo da reflexión moral é que as nosas accións se realicen o máis posible de acordo coa nosa razón e obedecendo os seus principios, en lugar de estar motivadas polos nosos impulsos.

Kant dicía que só esta vontade de querer guiarse pola razón na realización do noso proxecto de vida é un ben para o ser humano en termos absolutos, pois os demais bens que podemos alcanzar (por exemplo, a intelixencia, as habilidades prácticas, as riquezas, a saúde...) poden ser mal empregados, e isto impide que se poidan considerar bens en sentido absoluto.

Na reflexión moral estúdanse, polo tanto, os valores mediante os que se debe guiar o proxecto existencial do ser humano para facer posible o desenvolvemento da súa liberdade. A liberdade é a característica principal dos seres humanos, e pertence estruturalmente ás condicións da nosa existencia.

COMPRENDE, PENSA, INVESTIGA...

1 O espello. Como se estuda na filosofía a acción de pensar e como se estuda na neurofisioloxía?

2 Define que son os conceptos, os xuízos e os razoamentos.

3 Cales son o sentido e os obxectivos da reflexión moral sobre os valores?

O ser humano é libre para desenvolver de forma autónoma o seu propio proxecto de vida, para o que nos guiamos polos nosos valores morais.

This article is from: