CanZine 2012

Page 20

xornal oficial do festival de Cans Maio 2012

A Cans-catarse Uxía (cantante)

@uxia_meucanto

O Festival de Cans é outra cousa, non se parece a ningún outro, e sabémolo ben a xente que somos adict@s ao ambiente que se crea eses días, ao 'agroglamour' que ten máis encanto que os tapetes vermellos do seu homólogo francés. Subir a unha limusina “chimpibús” dá máis cachet, onde imos parar... Pero vou centrarme no torreiro da festa, no centro neurálxico do festival, onde se entregan os premios e onde se coce a música e a festa ainda que non é só aí onde acontece. Os veciños fan un serán coas Feiticeiras e as Pandereteiras de Cans os días previos, que se prolonga despois coa harmónica incansábel de Moncho, o home orquestra, e se mistura cun tango 'Garufa' ao estilo porteño, entoado por unha de Mos. Iso só para abrir boca... Un dos momentos máis entrañábeis e intensos que eu vivín foi o do acordeonista de Torneiros Pablo Lorenzo no 'Aberto por Reformas' de Xurxo Souto, que nos deleitou con 'Amor na Cume' ou o momentazo da Banda de Música de O Porriño tocando pezas de cine na sesión vermú, Manqui cantando boleros a pé de barra con Xaime Diz e Tito Micro ou a sobremesa musical na casa de Rafa e Paz onde repoñemos forzas... Un día acompañei a Maseda para ir ver unha das curtas e acabamos co acordeón ao lombo na casa de Carreira. Ainda lembran en Cans o virtuosismo do Manolo. O que queda na retina, nas meniñas dos meus ollos, son moitas imaxes imborrábeis: unha tarde no canastro co meu querido e admirado Coyote ou sentindo canda él os bombos dos Bravos de São Vicente. Pura maxia tamén o toque 'indie' do jaliñeiro con Magín Blanco e Roger de Flor ou o delirio de Tony Lomba cos tirantes 'rojigualdas'. Cada ano é diferente e sorprendente. Lembro a Teté poñéndollo moi difícil a Kiko Veneno que tirou de 'hits' para aplacar o ciclón ou as vibrantes sesións do disco-chimpín. Se me preguntan cal é o segredo do éxito do Festival eu diría que son varios desde o meu humilde e apaixoado punto de vista: A creación comunitaria, o entusiasmo, o orgullo de ser de alí e mostralo ao mundo, a música de e para tod@s, o cine nos jalpóns e as pantallas manufacturadas polo vecindario. A catarse colectiva, onde a palabra acción non é precisa porque xa cadaquén prende a mecha para que a onda expansiva chegue desde o campo da festa ate calquera recuncho do mundo, mesmo da canle CNN que xa o colocou no mapa para sempre. O empeño do noso Pato e a súa cara de felicidade cando se produce cada ano o milagre de Cans e me di na filosofía de catro patacos que el di practicar: 'Eu son do local, local. O universal xa virá a nós se quere, que nós onda él non imos ir'. Mil primaveras máis...

As web series fanse un oco no Festival A necesidade de atopar novos soportes audiovisuais nos que amosar novas creacións fai que as web series cobren importancia e aparezan en escena como unha plataforma de lanzamento de creadores e de auténticas obras de arte. Por este motivo, o Festival de Cans crea por primeira vez unha sección especial para as web series. A través da rede, as web series chegan a todos os internautas levando ata o último extremo a creatividade e experimentando

todo tipo de técnicas, estéticas e montaxes. O Festival de Cans escolleu estas: a web romántica “Te quiero, pero” de Carlos Gulías e Ángel Seoane; “Entre Pipas” de Jorge Cassinello e protagonizada por Luis Zahera, Xúlio Abonjo e Helena Golden; a web serie de humor “Unha voz na miña cabeza” de Carlos Ares, Xosé Castro e Andrés Mahía; e “Angélica e Roberta” de Judas Diz e Óscar Chamorro tamén de humor.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.