Restauración dos retablos da Capela Xeral de Ánimas en Santiago de Compostela

Page 49

A capa pictórica: definición dunha problemática

As análises químicas efectuadas ás pezas pola empresa restauradora Alfa Arte levan a dar creto a certas referencias documentais espalladas referidas ao retablo maior e formulan como hipótese plausible que os retablos se concibisen orixinalmente en cor branca, “albaialde”, un procedemento estilisticamente acorde co gusto clasicista da época. A capa pictórica polícroma sería, polo tanto, unha intervención posterior, á súa vez repintada en varias ocasións, como certifica sen lugar a dúbidas a análise química citada, na cal se puideron identificar varias capas distintas superpostas. Non obstante, esta interpretación debe ser, polo momento, contemplada con cautela pois as particulares vicisitudes sufridas polo fondo documental da Confraría de Ánimas, en ocasións perdido, dificultaron, ata a data, a localización de testemuños fidedignos destes procesos de repintado, se ben non é descartable que aparezan no futuro. En ausencia de testemuños incontestables, resulta arriscado aventurar que os relevos se ideasen orixinariamente para ser monócromos. Unha decisión destas características non só pode estar motivada por unha formulación estética e de gusto, senón tamén por razóns de economía á hora de concluír as pezas. Puido darse unha capa branca aos estucos, coa intención de darlles un aspecto acabado e pensando en abordar a policromía máis adiante, e non necesariamente coa idea de que esa solución fose definitiva. Por outra parte, o xa citado testemuño documental da autoría da pintura de albaialde do retablo maior, a cargo de Manuel García en 1813, tampouco resulta concluínte xa que se circunscribe a esa única peza, sen mencionar se as oito restantes correron a mesma sorte. Probablemente, en vista de que este documento só trata do pago da pintura para o retablo maior, os demáis non se rematasen naquel momento pois, do contrario, o referido Manuel García recibiría o pago completo, e como tal se consignaría no documento. Por todo isto concluímos que, no tocante á definición e delimitación das intervencións pictóricas sobre os retablos, estamos ante un problema específico, pendente de resolución a partir de futuros estudos técnicos das pezas.

49


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.