CEIP de Barouta | Patrimonio Material e Inmaterial

Page 1


BAROUTA: O PATRIMONIO MATERIAL E INMATERIAL Este foi o título do proxecto que presentamos a Voz Natura para o presente curso académico. Nel participou todo o Centro e tivemos axuda e asesoramento do Concello e persoas da Comunidade Educativa, sobre todo na parte de investigación. O que queriamos neste curso era botar unha ollada á nosa contorna máis próxima. Xa o iniciaramos o curso pasado coa intervención en Riamonte pero desta volta tiñamos a intención de coñecer e aprender algo máis do noso patrimonio e desas construcións que vemos a cotío pero que non nos paramos a pensar sobre a súa orixe. Estamos a falar de arquitectura popular, feita artesanalmente e empregando os materias da zona (pedra, madeira, barro...). Centrámonos en hórreos, fontes, muíños, pombais pero tamén vimos igrexas, cruceiros... Fixemos andainas, investigamos e preguntamos aos nosos maiores, comparamos con lugares próximos, buscamos na rede, expuxemos as imaxes no colexio… Recollemos moito material pero precisariamos seguir investigando para organizalo e sistematizalo antes de devolvelo á Comunidade. Esta sería a nosa idea para o ano que vén, se nos conceden o novo proxecto. Foi unha bonita experiencia ir descubrindo lugares tan próximos e cargados de historia!


PROPOSTA ANUAL DE ACTIVIDADES A DESENVOLVER DENTRO DO PROXECTO DE VOZ NATURA, EN COLABORACIÓN CO CONCELLO DE AMES ETAPA

5º e 6º E.P.

ACTIVIDADE

DATA

“Camiño de Fisterra” Augapesada, ponte e calzada romana, Mar de Ovellas, Carballo, novembro Amarelle, Trasmonte, Borgueiros e Ponte Maceira (bus de regreso) ........................ “Terra de Soneira” Castelo de Vimianzo, Torres do Allo e Muíños e Batáns do Mosquetín. 2º trimestre .......................... “Lourizán, lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo” Saída de un día. Pola mañá visitariamos a finca de Lourizán, grande riqueza en biodiversidade, e, pola tarde iriamos á zona de CastiñeirasCotorredondo (aula de medio ambiente) 3º trimestre

QUE VER Pontes, fontes, hórreos, reloxos de sol, aldeas, lavadoiros, muíños, pombal, monte escolar... ................. Castelo medieval, artesanía, pazo fidalgo, muíños de auga e batáns ................. O pazo, o xardín, a lagoa e a súa contorna, actividade dirixida no centro

“Rego Andoriña” (Tapia) 3º e 4º de Un ruta circular a pé: praia fluvial de Tapia, aldea de Tapia, capela da novembro E.P. Madalena, rego Andoriña e praia fluvial. (bus a Tapia e regreso) (2 días)

Muíños, aldea, hórreos, capela, pombal

“Petróglifo de Castelo” (Covas) 1º, 2º, 3º e Un paseo a pé por un camiño ata chegar á rocha debuxada. 2º trimestre 4º de E.P. Obradoiro (en papel ou en pedra) sobre a Prehistoria na Aula da (abril) Ameixenda.

Gravados da Idade do Ferro, aldeas e Monte San Marcos

“Muiñada e lavadoiro” 1º e 2º de Percorrido polo Rego dos Pasos, en Bertamiráns. Moer, amasar e lavar maio E.P. un pano no lavadoiro. (2 días) Infantil Logo poderán ir ao Pazo da Peregrina.

Muíño, lavadoiro, pozo das troitas, pombal e pazo


Que fomos sabendo? Neste mapa imos ir colocando as imaxes dalgunhas das construcións máis relevantes ou que nos chamaron a atención. Aínda nos quedan algunhas saídas que axudarán a ir completando. • Este ano descubrimos rutas novas para facer a pé: un anaco do Camiño de Santiago, a do rego Andoriña e a dos petróglifos. • Fixámonos nos pombais, nos pazos, no estilo dos hórreos, nas igrexas e ermida… ao redor do colexio hai 3 ermidas con moita zona: a de Oca, a de San Amaro e a de San Xoán, cun estilo semellante. • Aprendemos sobre a historia dos Altamira, dos Moscoso…, sobre a Prehistoria.


AS FONTES

Fonte do Acheiro, á beira da calzada que pasa por Augapesada.

Fonte Santa, na capela da Madalena en Tapia. Moi visitada e moi coidada pola veciñanza. Crese que é milagreira para doenzas dos ósos, por exemplo.

Fonte do Breixo, no alto de Mar de Ovellas. Serve de lugar de refresco aos camiñantes que van a Fisterra. Está un pouco abandonada e deita pouca auga.


Fonte en Leboráns, na entrada da aldea, no muro do pazo, propiedade de Pilar Fajín. Parroquia de Trasmonte. Actualmente non a usa ninguén pero antes bebía a xente que pasaba e os animais. Está en bo estado pero xa non bota auga. Unha copla: Aldeíña de Leboráns todo é costas arriba. Ten unha fonte na entrada que boas rapazas cría.

Fonte de San Amaro (Barouta) situada á esquerda da ermida. Fonte milagreira para doenzas reumáticas. Sábese que no 1564, xa se daba culto ao san Amaro, polo que a fonte debe ser anterior. A ermida actual data de 1789. Fermoso monumento, hoxe algo deteriorado. Ata mediados do s XX os canos da fonte deitaban auga; na fornalla de riba, tiña a figura do santo e remataba nunha cruz, todo en pedra. Pero roubaron as dúas pezas e agora ademais desviaron a auga para outra fonte máis recente no mesmo muro, un pouco máis á esquerda. A pía redonda que recolle a auga da fonte era a pía bautismal da igrexa parroquial que foi cambiada no 1930 e trouxeron a vella para aquí. Este campo de Barouta estaba cheo de carballos. Era o lugar da feira e das romarías. Ademais da ermida e a fonte, ten un cruceiro fermoso e unha alfóndega, construción que fixeron os emigrantes, para a venda de produtos da zona. Tamén había un palco da música.


OS MUÍÑOS

Muíño de Piñeiro, lugar de As Covas. Este muíño usábano os veciños para moer o millo. Foi restaurado polo Concello pero está pechado. Está na ruta do rego Andoriña, nun antigo Castro. Neste mesmo lugar hai outro, derrubado, pero que aproveitaba a auga dun para moer o outro. Copla recollida nesta aldea: Durme, meu meniño, durme que teño que ir ao muíño. Teño que ir pola fariña, Para facer o panciño.

Os muíños de auga son para moer o millo e o pan. Hai moitos na nosa zona, algúns restaurados pero moitos abandonados pola falta de uso. Son construcións fermosas que falan dun pasado ligado á terra.

Muíño de Vilar, no inicio da “ruta da auga” Está moi ben reconstruído pero non moe. Muíño de Lamas, parroquia de Ames. Silvestre, un veciño, é o que leva conta del, ensínao e pono a funcionar cando llo pedimos. Muíño da pontella, un dos dez muíños de Riamonte. Pero tamén hai muíños nas outras parroquias.


OS FORNOS Forno da familia Traba

Trátase dun forno privado, na aldea de Ventosa. Contounos Iria, que a derradeira persoa que coceu nel foi a súa bisavoa. Hoxe está fóra de uso a pesar da restauración. A maioría dos fornos desta zona están dentro, no lar, e non son visibles por fóra. Mais esta casa presenta un saínte redondeado para albergar o forno.

Forno de Vilouta

Chama a atención ver este forno nunha praciña restaurada na aldea de Vilouta, Tapia, para encontro da veciñanza. O motivo é que neste espazo había dúas casas vellas, tiraron as paredes para facer a praza e deixaron a mostra dos fornos. Hoxe serven para facer as festas locais. Unha boa maneira de darlle uso!


Para que se usaban os pombais? Un pombal é unha construción rural para a cría de pombas. Pódese ver como un signo de prestixio xa que, polo xeral, aparecen nos pazos ou casas grandes. Hainos de moitas formas pero o habitual é que teñan unha planta circular co tellado en cono e construídos en cachotaría. Sábese que xa había pombais en Galicia na Idade Media. Aínda quedan algúns pero precisarían de axudas para o seu coidado. Na nosa contorna temos varios. Aquí vai unha mostra.

Pombal de Lens

Pombal de Villaverde

Fermosa construción pero que precisaría unha reparación. Está na aldea de Proupín e pertence á familia Villaverde.

Pombal en Vilouta

No Pazo de Lens atópase este pombal. Abaixo, unha imaxe do interior. Na aldea de Vilouta, Tapia, atópase este pombal, con restos de caleado. Está nunha propiedade privada: a casa de Batalla.


OS HÓRREOS

Hórreo de San Mamede, Piñeiro

Dous hórreos na mesma parroquia pero ben diferentes. O de arriba, feito en pedra ao estilo fisterrá, mide uns 17 m. O de abaixo, ten 3 claros e está feito en pedra e madeira coma os da Maía. Para que se usaban? Pois para gardar o millo. Estaban illados do chan para que non subisen os ratos e ventilados para que non podrecese o cereal. Algúns pechaban a parte de abaixo para botaren alí as patacas ou a leña. En Vimianzo a estes chámanlles celeiros.

Hórreo de Rúa, Piñeiro


Cantos hórreos hai aquí? Estes dous son o mesmo. Polo lado do vendaval, puxéronlle ladrillo e, polo outro, ten a madeira tradicional.

Estes dous hórreos están no lugar de Rúa, Piñeiro.

Este tamén é un só hórreo que ten máis de 100 anos. É máis antigo que o de arriba.

Polo lado do sur está moi deteriorado. Está nunha vivenda particular en Rúa. Antigamente pertencía á familia “Neto”; o hórreo está na eira da casa.


As graneiras son hórreos? As graneiras son coma hórreos dobres. Ao entrar, teñen un corredor para acceder ás dúas zonas de almacenamento do cereal. Na parroquia de Tapia atopamos varios hórreos deste tipo, o que fala dunha zona de labregos fortes, con colleitas de millo grandes. Propiedade da casa Mariño

Vista do interior.


TRES ERMIDAS CON FESTA PROPIA Capela de San Xoanciño, en Pousada, Ames. Data do 1.740 aínda que se fixeron reformas posteriores. Moi coidada pola veciñanza de Pousada, Castiñeiro de Lobo, Pegariños…

Capela do Corpiño, Oca-Ames. Data de 1880 e foi construída pola veciñanza. Lugar de romaría con ofrendas á santa.

San Amaro de Barouta, Ames. De estilo barroco, feita en 1789. está no campo da festa e forma un conxunto coa fonte e o cruceiro. Ben privado.


TOPONIMIA, os nomes de lugar • Ames/a Maía: territorio dos amaeos, tribo prerromana. • Agro do Mestre: unha leira pechada, que recibían os mestres en pago da súa actividade. • Augapesada :“auga empezada”, “auga empozada”. Neste lugar hai moita auga, está no baixo e aquí empozábase a auga para que moesen os muíños. • Barouta: aldea de Ames, no alto. (Outa significa alto) • Castelo: este nome fálanos dun antigo castelo que houbo preto do pico de San Marcos. • Castiñeiro de Lobo: unha aldea da parroquia de Ames, situada na ladeira do Mar de Ovellas. (lobo-ovellas?) • Fonteola, no lugar chamado Salgueirón, na aldea de Cortegada (Ameixenda). Certamente neste sitio hai auga. Hoxe en día aínda verte fóra a sobrante da traída. Este era un sitio que se prestaba aos xogos e ás conversas entre a veciñanza. Hoxe está abandonada. • Mar de ovellas: monte con pastos onde pacían moitos rabaños de ovellas que, vistas desde o alto, parecían un mar. • “Oca” ten probablemente orixe no topónimo euskera Oka que significa río. Tamén nos atopamos con algúns derivados formados por oca+ ondo, “oquendo” que significaría xunto ao río, ou tamén meandro


Augapesada

Ponte Maceira

“Camiño de Fisterra-Muxía”


Augapesada: “auga empezada”, “auga empozada”. Aquí nacen dúas fontes e pasan dous regos, polo tanto é un lugar de auga que servía para facer moer os muíños da zona. Foi capital do Concello e por ela pasa o Camiño Real a Fisterra-Muxía. A ponte medieval sobre o Rego dos Pasos, de cantería, cun arco central de medio punto rebaixado e dous aliviadoiros. Alombada, de trazado curvo e calzada de grandes laxes. Esta ponte quedou fóra de servizo cando se fixo a concentración parcelaria pero foi restaurada. O camiño pasa ao seu pé. Neste entorno natural pasou Rosalía de Castro os seus primeiros anos da infancia.

Fonte do Acheiro: Pasada a ponte, á man dereita, atópase esta fonte, hoxe media soterrada pola estrada. Á esquerda, queda unha casa cun espazo diante e un pozo; gravada na pedra a data, 1920, xunto cuns trísquelos. Contan que era unha taberna onde paraban as recuas antes de subir a costa. Aínda conserva a anela de ferro para amarraren as mulas.


Augapesada

Ponte medieval e calzada real.

Fonte do Acheiro


Subindo polo Mar de Ovellas, na aldea de CastiĂąeiro de Lobo.

Patricia, amosounos un peido de lobo, cheo de esporas.


Costa do Mar de ovellas (Mor de Obellias no s XII). Antigamente era unha zona de pastoreo. Aquí viñan pacer as ovellas e vacas da redonda. E había tantas, que se mirabas desde o cimo, parecía un mar branco. De aí o nome <<mar de ovellas>>. Rosalía de Castro dedicoulle un poemiña a este lugar: ¡A probiña, que está xorda...! Leváime aló, miñas pernas Paseniño, paseniño, Aquí paras, aló te sentas, Irás chegando, Xuana, A donde as casas fomegan. I a vella vai, sube, sube a costa de mar de ovellas, cun ollo posto no chan i outro onde as casas fomegan.


Fonte do Breixo. Parada obrigada despois da pronunciada subida. Pasamos de 180 a 272 m en pouco treito.

Monte escolar de Ames. Hai 10 anos, fixemos unha plantación de castaños e carballos. Participamos varios centros do Concello. E xa dá gusto velos!


Susavila de Carballo, Trasmonte

Casa de Breixo ou do Patiño. Antiga casa de posta, onde paraban os arrieiros.

Amarelle

Cruz a un veciño de Fisterra que morreu aquí no 1857.

Hórreos típicos da Maía, combinando a cantería dos penais coa madeira nos claros.


Merenda no campo da festa de Trasmonte. Hai que repoĂąer forzas!

Trasmonte, un cruceiro con pousadoiro. Ao fondo, a escola feita polos emigrantes en Cuba.


A forxa de Caramés, lembranzas dun ferreiro.

Esta é a forxa de Avelino Caramés. Recibiunos Fernando, o fillo, e contounos moitas cousas de como facían os ferreiros cando non había electricidade. Todo á man e con moita maña. Traballaban arreo para facer machadas, coitelos, fouciños, sachos... Grazas, Fernando e Julia por nolo contar.


Que ten que haber nunha forxa?

Martelo mecĂĄnico.

PĂ­a con auga para arrefriar.

Formas, para copiar. A fornalla co ventilador. (antes tiĂąan un fol)

A moa, para afiar a ferramenta.

A zafra para martelar e dar forma ao ferro.

A trade para furar.


Reloxo de sol en Burgueiros.

Hรณrreos de Reino e Ponte Maceira (abaixo)

Pazo de Lens


Ponte Maceira

Alpendre con pía

Pontella, ponte medieval e muíño na Ponte Maceira, conxunto histórico cunha arquitectura popular moi importante.


Un bo lugar para rematar este percorrido! Cansos pero tamĂŠn coa cabeza chea de historias fermosas, lugares con encanto e moito para contar.


Ruta polo Rego Andoriña Alumnado de 3º e 4º de E.P. 17 de novembro de 2016 1 de decembro de 2016


A Ruta do Andoriña é circular; percorre a contorna da capela da Magdalena, varios muíños, os restos do Castro de Piñeiro, o conxunto parroquial de San Mamede e as cascadas que forma o regato do Andoriña. Iníciase na praia fluvial de Tapia, á beira do río Tambre. Ten uns seis quilómetros de lonxitude; é unha senda chea de beleza e cunha dificultade baixa. Está sinalizada con paneis informativos que falan da riqueza natural e arquitectónica da zona.

Nós comezamos a andaina na capela de Vilouta, onda o cruceiro e a Fonte Santa, e rematamos no “muíño de Insua”, na praia fluvial. Pasamos por regos cheos de auga cos seus muíños (hoxe xa sen uso), bosques de carballos e castiñeiros, pontellas de pedra, pisamos o terreo do antigo castro de Piñeiro e ata nos imaxinabamos alí, na Idade do Ferro, vixiando desde o alto! Vimos os hórreos de Rúa, a igrexa de San Mamede (antigo mosteiro) e que aínda conserva un hórreo de boas dimensións. Seguimos baixando cara ao Tambre, xa de volta, pasando pola “devesa de Sequeiros”, cun cheiro a loureiro marabilloso. E, por fin, a beira do gran río, o Tambre, que tantas veces visitamos no verán para refrescarnos. Cansos, si! Pois a andaina foi moita. Pero pagou a pena.


Frenza, Tapia

Fonte santa, capela da Madalena e cruceiro.

Fonte milagreira. A ela acoden as persoas con doenzas dos รณsos.


CamiĂąo do Rego AndoriĂąa

Bordeamos regos, cruzamos pontellas, subimos montes e gozamos do outono.


Muíños do Rego Andoriña

No “castro de Piñeiro” hai dous muíños, un reconstruído e outro en mal estado que aínda conserva a moa e o rodicio.


Os dous muíños, colocados a diferente altura, aproveitaban a auga dun para moer no outro antes de devolvela ao río. Toda unha lección de aforro enerxético.


Castro de Piñeiro

O espazo do castro, hoxe, é un souto fermoso á beira do rego Andoriña no que merendamos tranquilamente.


Tempo para observar, aprender e repoĂąer forzas antes de seguir o camiĂąo.


Remontando a ladeira do monte ata o cimo, onde estarĂ­a a muralla defensiva.


Hórreo de Rúa, Piñeiro

Hórreo de San Mamede, Piñeiro De estilo fisterrá, todo de cachote, a diferenza dos da Maía, que levan pedra e madeira.

Pombal de Vilouta, Tapia

Igrexa e priorado de San Mamede


Bosque de loureiros na “Devesa de Sequeiros”

Ínsua do Tambre

Finaliza o percorrido na praia fluvial de Tapia, co seu muíño reconstruído pero acondicionado para un uso diferente.


O PETRÓGLIFO DE CASTELO Na busca dos vestixios prehistóricos. Moi preto do colexio, na aldea de Castelo (ao pé do monte San Marcos) hai un petróglifo de fácil acceso para poder visitalo co noso alumnado. Esta proposta saíu do propio Concello e encaixaba moi ben co noso proxecto de coñecer o patrimonio da nosa contorna.



Gustounos moito aprender cousas sobre os petróglifos. Queremos investigar máis.

O pasado 6 de abril, os nenos e nenas de 1º saímos do cole para coñecer os Petróglifos de Castelo. Fomos con Patricia, a técnica do Concello, que sempre nos acompaña e xa é a nosa amiga. E despois de percorrer un camiño a pé, chegamos ao monte onde se atopas as pedras. Víanse moi ben os debuxos. Alí fixemos hipóteses sobre o que podían significar: <<Será un plano? Será un plan de ataque? Será un calendario?>> Patricia explicounos que as pedras estaban de cor gris porque tiñan un tratamento para protexelas dos liques e fungos. Logo, xa na aula de natureza, reflexionamos sobre a forma de vida dos homes e mulleres da Prehistoria. Pasámolo moi ben imitando ó seu xeito de camiñar, de se mover, de falar ... Merendamos e despois fixemos os nosos debuxos con ceras de cores que nos quedaron chulísimos. Foi un día moi bonito! Aulas de 1º



Alumnado de 2ยบ



O alumnado de 4º B, xa na aula, xogando a ser artistas prehistóricos.

Os petróglifos de Castelo están nunhas rochas nun terreo elevado. Hai que protexelas porque levan moitos séculos e son parte do noso patrimonio. Non se sabe de certo para que servían pero pénsase que poden ser: marcas de territorio, lugar de ofrendas de rituais, decoración artística e tamén punto de vixilancia posto que dende os petróglifos de Castelo vénse ben zonas onde hai outros.


Petróglifo de Monte Castelo na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas. As nenas e nenos de 4ºA inspirámonos neste marabilloso petróglifo para deixar voar a nosa imaxinación e plasmala no papel a través do xogo “vexo, vexo… ti que ves?



O alumnado de 5º e 6º, visitou as terras de Soneira para ver parte do seu patrimonio, que está moi ligado coas terras de Altamira, zona da Maía. A familia Moscoso tiña propiedades nas dúas zonas. Un castelo medieval, un pazo fidalgo e, para finalizar, os muíños e batáns do Mosquetín. Se comparamos, na nosa zona tamén temos as ruínas medievais de Altamira, pazos coma o de Lens e muíños ben interesantes coma os de Riamonte, por exemplo.

Torres de Altamira

Os batáns e os muíños funcionan coa enerxía hidráulica pero con uso diferente. Os muíños moen o gran mentres que os batáns baten os tecidos de liño, feitos no tear, para facelos máis compactos Pazo de Lens


O alumnado de 5º e 6º visita as terras de Soneira para coñecer o seu patrimonio.

Escudo familiar

Castelo de Vimianzo ou Torres de Martelo, fortaleza medieval que controlaba o comercio marítimo da sardiña e do sal.


As Torres do Allo, un pazo galego de estilo renacentista, iniciado no s. XVI

As casas dos caseiros do pazo.


Muíños e batáns do Mosquetín. Unha industria familiar, hoxe reconstruída pero sen uso.


Traballo no horto escolar Foi unha continuación do iniciado en anos anteriores. Sempre resulta unha actividade moi gratificante polo que ten de diferente, realízase fóra e podes aplicar contidos aprendidos. É algo vivo xa que vai variando ao longo do tempo.


Ao longo do outono, recollemos a folla do patio para ir facendo compost xunto cos restos da froita das merendas. Un bo abono para o noso horto.

Xa no inverno, preparamos o terreo para comezar a plantar: chícharos, cebolas, acelgas,allos amorodos‌


Contacto coa terra: unha tarefa diferente no currĂ­culo escolar.

Tarefas: 1. Facer un rego ben dereito. 2. Escoller as mellores sementes.

Sementando con delicadeza.


O orgullo do traballo ben feito!

3. Sementar con moito cariĂąo cada semente. 4. Tapar con terra fĂŠrtil.


Os grupos de 3Âş, poĂąendo os allos e os amorodos


Preparando as sementeiras: chĂ­charos, allo porro, berenxena, cabaciĂąo...















Quenda de rega das รกrbores plantadas no mes pasado.

E chegou a hora de levar as leitugas ao horto. A rapazada de infantil anotouse encantada. Deixรกmolas entre o cebolo porque se asocian moi ben estes cultivos.


Unha árbore senlleira no noso xardín: un aguacate. Todo comezou hai uns 14 anos. Veu para o colexio un alumno colombiano cando estabamos iniciando 1º de Primaria. Para favorecer a súa acollida, quixemos saber cousas do seu país e unha das actividades foi probar algúns dos froitos que se dan alí. Así soubemos do mango e do aguacate. A croia dun aguacate puxémola e auga e fomos observando que pasaba. Pasou tempo e tempo (uns seis meses case) ata que saíu a raíz e logo puxémola en maceta. Ao ano seguinte, plantámola no xardín o 21 de marzo. E foi medrando ... Ata que fai dous anos vimos que floreaba! Un acontecemento! Aquel ano probamos o seu froito. Este ano deu moitos aguacates. Son grandes e están moi moi ricos. Leva todo o ano dando froito e agora mesmo ten froitos pequenos, algún case maduro e está a botar flor. Vai ser a nosa mascota vexetal!


CONCLUÍNDO Unha vez máis temos que dicir que o proxecto foi de grande interese para toda a comunidade. Talvez demasiado ambicioso para desenvolver nun só curso e por iso pensamos en amplialo para o curso que vén. • Descubrimos novas rotas • Aprendemos a observar as diferentes construcións tradicionais. • Soubemos un pouco máis dos seus usos e actividades • Recollemos información en ámbitos diferentes: falando cos maiores, escoitando expertos ou buscando na rede • Gozamos das andainas polo que teñen de encontro entre gruposde idades diferentes e pola posibilidade de aprender do mundo real • Coñecemos un pouco máis o noso medio natural Respecto do horto, continuamos co labor de anos anteriores. Sementamos, transplantamos, observamos o crecemento das plantas, regamos, abonamos… A valoración global é positiva. Contamos coa participación de todo o Centro e para o curso que vén solicitamos un novo proxecto, ampliando este.


AGRADECEMENTOS • A todo o profesorado e alumnado do colexio, desde Educación Infantil a Primaria. • Á ANPA San Mauro, que nos anima e axuda no que precisamos. • Ás familias que colaboraron con información. • Ao Concello de Ames e a Patricia, técnica en medio ambiente, que nos acompaña nas viaxes, nos propón obradoiros e asesora no que precisamos. • A Maximino Viaño, que comparte o seu saber con nós sempre que llo solicitamos. • A Luísa, co seu blogue http:/www.hortagalega.eu/, no que buscamos información relativa ás plantas. • E, por suposto, a Voz Natura, que nos subvencionou o proxecto.

Grazas! CEIP Barouta – Ames, 27 de abril de 2017


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.