Rosario Álvarez

Page 1

ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 9

A Lei de normalización lingüística. Galicia, 30 anos despois1 Rosario Álvarez (Instituto da Lingua Galega. Universidade de Santiago de Compostela) O ano 2013 é un ano de importantes efemérides. Celebramos, ou deberiamos estar celebrando, os 200 anos da publicación dos Rogos dun gallego de Manuel Pardo de Andrade (auténtico best-seller, integramente en galego, con máis de 10000 exemplares vendidos na época; e, por certo, o seu autor é unha gran figura dos albores do xornalismo galego). Celebramos, iso si, realmente, como unha gran festa nacional, os 150 anos da edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, aludida pola presidenta de AGACOM no arrinque do acto de inauguración deste congreso (para os participantes vidos de fóra, chamo a atención sobre a singularidade desta cultura cunha literatura fundada sobre obra e nome de muller); celebramos os 50 anos do nacemento da benemérita Fundación Penzol, do innovador Laboratorio de Formas de Galicia, da nova e ininterrompida andadura da revista Grial (todo un símbolo!), da compilación do dereito civil galego... O ano 1983 foi especialmente fértil, coma os primeiros anos de andadura do entón recentemente estreado Parlamento Galego: por iso, en 2013 cumpren 30 anos, entre outros, o Consello da Cultura Galega, a oficialización da normativa lingüística elaborada e aprobada conxuntamente pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (RAG/ILG, 1982) e a Lei de Normalización Lingüística. Centrarei a primeira e máis extensa parte da miña exposición nas efemérides máis estritamente lingüísticas. Dúas disposicións distintas, que non convén confundir, mais relacionadas: a Lei de Normalización (15 de xuño de 1983) e, un pouco antes, o Decreto de Normativización (de 1982, publicado en abril de 1983). Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG, 14/07/83) Esta é a regulamentación que procura devolver o estatus de dignidade e normalidade para a única lingua propia de Galicia, o galego, e instaurar o grao de oficialidade que se reclama, á vez que debe servir de marco xurídico para dereitos e deberes de toda a sociedade en relación coa lingua. A Lei de normalización consta dun preámbulo e de 25 artigos agrupados en VI títulos: Título I. Dos dereitos lingüísticos en Galicia (art. 1º-3º). Título II. Do uso oficial do galego (art. 4º-11º). Título III. Do uso do galego no ensino (art. 12º-17º). Título IV. Do uso do galego nos medios de comunicación (art. 18º-20º). Título V. Do galego exterior (art. 21º). Título VI. Da administración autonómica e a función normalizadora (art. 22º-25º). En liñas moi xerais, pois non é o tempo nin o lugar de se estender en consideracións particulares, o contido da LNL resúmese nos seguintes trazos: a) Recoñecemento do galego como única lingua propia de Galicia e da necesidade de accións positivas que anulen e invertan os efectos perniciosos provocados por decisións e feitos históricos. b) Os dereitos ao uso do galego circunscríbense ao ámbito territorial de Galicia (non alcanzan outros territorios galegófonos, non ten correspondencia no interior do estado). 1Intervención da Profesora Rosario Álvarez no XIII Congreso Internacional IBERCOM: Comunicación, Cultura e Esferas de Poder, celebrado en Santiago de Compostela do 29 ao 31 de maio de 2013.


10 ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 c) A oficialización do galego no ámbito autonómico e local (administración, ensino, xustiza...) non pode anular os dereitos atribuídos ao castelán (isto é, español), como única lingua oficial de todo o Estado. Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da Lingua Galega (DOG, 20/04/1983) Con anterioridade á LNL houbera un pronunciamento en relación coa norma oficial do galego moderno. A decisión, en forma de decreto, tentaba poñer fin a un longo contencioso entre distintas institucións, grupos máis ou menos organizados e incluso personalidades singulares, que viñan defendendo posicións encontradas tanto en ámbitos académicos coma nun acedo debate público. Os aspectos máis relevantes do Decreto son os seguintes: a) Por primeira vez na historia, unha instancia pública con capacidade lexislativa (o Parlamento de Galicia) regula a forma normativa da lingua galega. b) Non elabora unha norma nin a encarga, senón que acepta a autoridade de dúas institucións non gobernamentais (a RAG e o ILG), que chegaran previamente a un acordo recollido nun volume conxunto. O Parlamento recoñece e deposita nelas a “auctoritas” en materia de prescrición lingüística e deseño do corpus. Máis adiante, na súa disposición adicional, a LNL xa comentada, encargará especificamente de cara ao futuro a unha soa institución, obviamente a Real Academia Galega, o control da norma: “nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega”. c) Establece explicitamente a obrigatoriedade de usar esta norma no ensino e no material didáctico. Non debería ser preciso explicar e xustificar por que motivos un pobo reclama que sexan respectados e garantidos os seus dereitos lingüísticos, mais a teimuda realidade mostra que cómpre facelo unha e outra vez, e non só diante dos forasteiros que, coma moitos do presentes, descoñecen moito ou pouco a nosa historia e a nosa realidade presente. Non vou cansalos cun longo argumentario que se podería converter nun interminable manifesto. Vou só dar tres breves notas descritivas para que nos comprendan. 1ª. Como xa se dixo varias veces neste mesmo foro e os propios textos lexislativos recoñecen, o galego é a única lingua propia de Galicia. Ademais, di o preámbulo da LNL, a lingua é o “núcleo vital da nosa identidade”: Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por se-lo núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. E na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo. 2ª. Por principio, a reivindicación a prol dos dereitos do galego faise en positivo, non se fai contra ninguén. Reclamamos contra os lingüicidas que, por acción ou omisión, provocan ou consenten que a nosa lingua esmoreza; recoñecémonos como defensores das liberdades lingüísticas, pois son dereitos que atinxen a todos os humanos e a todas as linguas; somos partidarios da preservación das linguas, convencidos de que a diversidade é no medio lingüístico, coma no medio natural ou cultural, un ben en si mesmo. Dito doutro xeito, nós non


ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 11 loitamos contra o español: batémonos a prol e en defensa do galego. A máxima popular galega é “Vive e deixa vivir”; con demasiada frecuencia, non atopamos a xusta correspondencia. 3ª. A procura da normalización do galego non é unha actitude romántica de inmolación colectiva. Non estamos nun novo monte Medulio. Queremos ollar, interpretar e expresar o mundo na nosa lingua, plenamente normalizada, seguir construíndo e contando o futuro desde esta lingua para os nosos herdeiros; mais, asemade, somos conscientes e apreciamos en moi alto grao o saber lingüístico, as linguas dos demais, o plurilingüismo activo e pasivo, o interlingüismo activo. Esta última consideración lévame a outro asunto non menor, o da “independencia” do galego e a súa posición estratéxica. A forma estándar do galego moderno (isto é, o galego normativo) segue catro criterios básicos: (a) a fidelidade á lingua real falada polo pobo, depurada das posibles interferencias causadas pola presión do español; (b) o carácter supradialectal, de modo que todos os galegos e galegas se sintan representados por igual; (c) a continuidade da tradición; (d) a harmonía coas outras linguas romances e en particular coa portuguesa2. Estes principios son consoantes co valor estratéxico do galego no conxunto das linguas do mundo. Esta é unha dimensión que está presente no ánimo e preocupación dos lingüistas desde hai décadas, pero que a globalización puxo no centro de atención. Radica, sobre todo, no equilibro entre o cultivo da diferenza (a singularidade, a identidade, o que un pode ofrecer de propio e distintivo, o orixinal que non todos teñen...) e a garantía da similitude (o que permite o intercambio, a comunicación, a circulación...). Sen necesidade de renunciarmos á nosa lingua nin á súa forma de ser xenuína, os galegofalantes podemos aproveitar destas tres condicións: a) O feito de pertencer á familia lingüística románica A proximidade coas outras linguas románicas, maior nuns casos ca noutros, garante un nivel alto de intercomprensión espontánea (p. ex., con español, catalán ou italiano); con dedicación e medido esforzo adicional fanse accesibles neste nivel de intercomprensión mutua outras linguas románicas máis distantes (p. ex., o francés ou o romanés). Accións e movementos englobables baixo o rótulo “intercomprensión” (románica, xermánica, etc.), atopan cada vez maior eco en organizacións multinacionais como Unión Latina ou Festlatino, e sobre todo en proxectos articulados como EuroComRom, EuroComGerm e EuroComSlav. A alianza estratéxica dos falantes de linguas románicas doadamente intercomprensibles, e por tanto facilmente dominables a efectos prácticos (decodificación oral e/ou escrita), converte esta forza humana nunha das máis numerosas e espalladas por todo o mundo; de por parte, estas linguas están en contacto con numerosísimas linguas indíxenas, das que son interlocutoras privilexiadas, o que aumenta sen dúbida ao valor desta posición estratéxica. De aí a necesidade de cultivar a harmonía coas outras linguas románicas. b) A proximidade ao portugués Fronte a todas as outras linguas románicas, o galego caracterízase pola estreita similitude co portugués —ben é certo que máis sentida desde a perspectiva do galego ca desde a do portugués—, ao punto de formar parte do seu mesmo grupo lingüístico. Chamamos a atención, ademais, sobre o feito da contigüidade territorial, transfronteiriza, con Portugal, como un factor positivo que sumar nesa posición estratéxica.

2

Remitimos os interesados ao limiar das NOMIG (=Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego), publicadas por RAG/ILG, accesibles en aberto no enderezo http://www.realacademiagalega.org/recursos.


12 ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 Este é un activo que engade un gran valor estratéxico ao galego, xa que o portugués é unha das dez linguas máis faladas do planeta en número de falantes nativos (a sétima, segundo algunhas estimacións, a quinta segundo outras); para que se comprenda a magnitude hai que ter en conta que ese grupo de linguas máis faladas supón a lingua materna de máis da metade da poboación mundial e que estas son, de por parte, as linguas máis estendidas tamén en ‘número de falantes (primeira+segunda lingua)’. A práctica diaria mostra que as posibilidades de interacción dos galegofalantes con Brasil, baseándonos na intercomprensión lingüística, son aínda maiores ca con Portugal; por razóns fonéticas coñecidas, prodúcese con frecuencia unha aparencia de maior proximidade fónica, en termos de intelixibilidade, entre galego e PB ca entre calquera combinación co PE. O galego e o portugués son, con todo, linguas diferentes. Nós sabemos que non falamos portugués, eles non nos recoñecen como falantes de portugués. De por parte, para o mundo lusófono, Galicia e o galego non serían moito máis interesantes polo feito de nos “convertermos” en falantes de portugués (¿que lles fan tres millóns escasos, máis ou menos?); sería máis efectivo, por exemplo, que se abrise o mercado á circulación de a produtos en portugués. Somos máis interesantes exhibindo e proporcionado o que temos de diferentes, o que é exclusivo noso, o que ningún outro ten. Eu son lingüista e dedícome, sobre todo, ao estudo da mudanza lingüística (no espazo, no tempo, na sociedade...), con frecuencia á variación dentro do espazo histórico e territorial do galego e portugués. Pertenzo a un instituto de investigación da USC, o Instituto da Lingua Galega que desde hai máis de corenta anos mantén continuas relacións con institucións, equipos e persoas de Portugal e Brasil. En Portugal, por poñer un exemplo, a relación co CLUL é de irmandade, ininterrompida desde antes da data de nacemento do noso Centro. En Brasil eu mesma participo en dous proxectos: un deles liderado por min, con equipos en Galicia, Portugal e Brasil, este con coordinadores en cada unha das cinco rexións, integrado 26 investigadores e 21 estudantes, de 19 institucións universitarias repartidas por todo el ámbito federal; outro formado por 10 investigadores, cinco galegos e cinco brasileiros (USP e UFF); e temos a maiores relacións estreitas con outros grupos e universidades. Digo isto non por lucir currículo, senón para contextualizar a afirmación que segue. O interese crecente que os nosos colegas brasileiros mostran por nós, a nosa concorrencia, o noso traballo... débese en boa medida ao noso factor diferencial; dito doutro xeito, non estarían tan interesados nunha réplica de si mesmos. Acollen con curiosidade e simpatía unha realidade distinta, próxima pero diferente, que por complementariedade ou por espello lles proporciona información sobre si mesmos, sobre o seu presente e o seu pasado. c) A actitude plurilingüística Fálase moito das condicións, predisposicións e aptitudes lingüísticas dos falantes bilingües. Quixera hoxe poñer o acento sobre a actitude verbo da variación e da pluralidade lingüística dos falantes e comunidades que se atopan nesta situación. Como lingüistas só podemos afirmar que a distancia obxectiva entre dúas linguas (galego e portugués, galego e español, p. ex.) é, obviamente, a mesma tanto se tomamos como base de comparación A coma se tomamos B. Mais a percepción suxeitiva, en cambio, non é a mesma: os falantes de comunidades monolingües (tanto ten que sexan de Madrid ou Toledo, coma de Porto ou Lisboa) ven moita máis distancia lingüística ca un falante de Santiago ou de Vigo. ¿Por que? Porque teñen unha actitude lingüística diferente: uns, instalados no monolingüismo, converten esa situación (non normal, se miramos ben o mapa do mundo) nun ideal, a variación estorba, problematiza a comunicación; outros, instalados de maneira natural na variación, no


ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 13 plurilingüismo, resolven a situación de interacción en dúas ou máis linguas sen problematizala, están abertos á comprensión e á alternancia de códigos. Os galegos temos aí tamén un activo, que reforza a nosa posición estratéxica como ponte entre dúas das cinco linguas máis faladas do planeta: o español e o portugués (xuntas suman o dobre de falantes nativos do inglés; contando falantes, xuntas igualan o número de persoas que falan esa lingua). Finalmente, para finalizar esta breve intervención referirémonos moi brevemente ao estándar empregado ou desexado hai 30 anos, naquel ambiente de segundo rexurdimento, e ao modelo de lingua empregado actualmente. Referirémonos tamén ás expectativas creadas en 1983 polo Título IV da LNL e á realidade percibida na Galicia de 2013. Non é infrecuente escoitar críticas explícitas ou veladas ao galego usado nos medios de comunicación, sobre todo audiovisuais. Por iso é indispensable que nos refiramos, ben que sexa con moitísima brevidade, ao estándar empregado ou desexado hai 30 anos, naquel ambiente de segundo rexurdimento, e ao modelo de lingua empregado actualmente. Queixámonos con frecuencia, e con razón, lingüistas e non lingüistas, de certo tipo de galego usado nos medios, sobre todo orais (seguiremos facéndoo, aínda que quizais conveña comezar a poñer o foco sobre os políticos!). Con todo, sería inxusto dar a impresión de que todos os programas son iguais, de que todos os profesionais son igualmente censurables: por fortuna, son moitos os que só merecen eloxio e recoñecemento. Chamamos a atención sobre o feito de que, por primeira vez na historia, se detecta en certos grupos de falantes (‘urbanos’ + ‘novos’) un forte deterioro do nivel oral, que se evidencia na pronuncia pola perda das características esenciais do sistema fonolóxico galego (non sete vogais; non nasal velar en unha; non fricativa palatal en xouba...); non pretendemos establecer unha relación de causa-efecto entre a lingua dos medios e este fenómeno sociolingüístico, mais si é certo que a baixa calidade fonética dalgúns profesionais dos medios audiovisuais públicos non axuda a corrixir ou inverter a situación. Ora ben, respecto da escrita, é preciso romper unha lanza polo nivel lingüístico xeral: convídoos a comparar cunha simple vista de ollos os textos publicados nos xornais hai trinta anos e os actuais, para que poidan apreciar o salto de xigantes dado. Coas inevitables excepcións dos que militan na heterodoxia normativa, o estándar previsto nas NOMIG está funcionando plenamente. No Título IV, Do uso do galego nos medios de comunicación (art. 18º-20º), dise que o galego será “a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma”, e que o goberno galego “prestará apoio económico e material ós medios de comunicación non incluídos no artigo anterior que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo”. Establécense, ademais, como obrigas da Xunta de Galicia: fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega; estimular as manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega; contribuír ó fomento do libro en galego, con medidas que potencien a produción editorial e a súa difusión”. Visto con ollos actuais, o panorama “lingüístico” creado despois da aplicación do previsto neste título ofrece —como non?— un efecto de luces e sombras. Entre os principais efectos positivos sinalaremos tres: o establecemento do galego como “lingua usual” nas emisoras de radio e televisión e demais medios de comunicación social que sexan de xestión ou competencia da Comunidade Autónoma, isto é, a Radio Galega e a TVG; o innegable efecto normalizador producido pola emisión ininterrompida de distinto tipo de programas en galego, sexa na radio sexa na televisión (informativos, folletíns, retransmisións deportivas, documentais, series, filmes, debates...); e a presión a que foi sometido o proceso de estandarización para atender con rigor e dilixencia as novas necesidades do medio


14 ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 (terminoloxía, codificación de rexistros, discriminación de estilos, etc.). O principal efecto negativo foi, ao noso xuízo, que o “apoio económico e material ós medios de comunicación” que non son de xestión ou competencia da Comunidade Autónoma (que existiu e existe!!) non foi utilizado con criterios consoantes co previsto na lei: non contribuíu ao emprego “habitual e progresivo” do galego en medios controlados por grupos empresariais reticentes, cando non contrarios, á normalización do galego; tampouco serviu para salvar os escasos medios escritos en galego, non pertencentes a estes grandes grupos empresariais e por iso máis necesitados de accións en positivo que os salvasen da precarización ou, peor aínda, da extinción.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.