Carta a galiza

Page 1

ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUCIÓN LUSÓFONA I 2014 7

Carta da Galiza Margarita Ledo Andión, Xosé López e María Salgueiro (AGACOM) A investigación lusófona en Comunicación conquista novos espazos. Esta nova edición do Anuário recolle, baixo o prisma dunha aproximación ás cartografías da investigación lusófona, un conxunto de achegas que reflicten o progresivo dinamismo que caracteriza o traballo de equipas consolidadas de investigación nos diferentes países. Exemplos disto son, por un lado, unha pesquisa bibliográfica centrada en analizar como a comunicade científica ten representado a produción de saberes na temática da lusofonia. E por outro lado, unha investigación centrada na constitución dunha cartografía vencellada á Comunicación, ao Turismo e ás súas transversalidades. O resultado das investigacións recollidas nesta edición amosa visións panorámicas tanto dos diferentes soportes como dalgunha das cuestións centrais dos procesos comunicativos nas sociedades actuais. A diversidade de enfoques e as achegas por parte de investigadores dos diferentes países constitúen síntomas do bo momento da investigación lusófona, que non só multiplica cuantitativamente a súa produción senón tamén no campo da calidade. A publicación desta edición coincide coa feliz nova de que o país que máis investigadores ten no ámbito da lusofonía, Brasil, en vinte anos pasou do posto vintecatro ao trece no ranking de pesquisa, segundo datos da base de datos de traballos científicos da empresa Thomson Reuters. O dato resulta alentador non só para o Brasil, senón para o conxunto da lusofonía pola repercusión de impacto no escenario mundial que implica e pola maior proxección interna e externa das achegas científicas que se fan no conxunto dos países da lusofonía. Desde o Anuário celebramos esta boa nova coa preparación e difusión dun número, o do ano 2014, no que hai un primeiro bloque de tres temas tratados desde a Galiza, que ocupa a primeira parte e no que se amosan as dimensións das relacións entre comunicación, identidade e cultura nas organizacións, a combinación de comunicación e diversidade cultural nun proxecto europeo como é campUSCulturae, e os efectos da publicidade institucional do Goberno galego sobre o destino Galiza. A publicidade tamén centra os argumentos do traballo sobre os novos sectores creativos de emprendemento do Brasil e no relativo á computación gráfica nos anuncios durante a copa do mundo 2014. Amais de identificar posibles nichos de mercado para os profesionais da comunicación tal como se pón de manifesto nos artigos centrados en analizar as estratexias de promoción das formacións musicais galegas e do Norte de Portugal ou en estudar o papel cada vez máis determinante da publicidade na industria creativa brasileira. Todos temas moi actuais e oportunos na hora da busca de novas perspectivas da investigación en comunicación no noso ámbito. Políticas culturais, políticas construtivistas, estratexias de comunicación, menores de idade e comunicación, a análise da relación entre as minorias inmigrantes e os medios, comunicación e turismo ou perfil social dos xornalistas portugueses completan un número no que hai froitos nacidos arredor dalgúns dos grandes eventos celebrados polos investigadores lusófonos (Confibercom, Lusocom, Ibercom, Mediacom…). Os investigadores, aínda que nun contexto adverso, traballan con toda a súa forza talentosa e van dando mostras do seu bo facer. Aquí só o constatamos mediante a difusión dalgún dos textos nos que se recollen resultados desde camiño ascendente. Alba de gloria, sen dúbida. Compostela, novembro de 2014


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.