Carta a galiza

Page 1

ANUARIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA I 2013 7

Carta da Galiza Margarita Ledo Andión (AGACOM) Unha efeméride singular ábrelle a porta a esta nova edición do Anuário: o recoñecemento institucional do galego como única lingua propia de Galiza, que foi condición para a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e que, nun volume que se artella a redor da diáspora, vén a conto para sermos conscientes das diferenzas, dos contextos históricos, do valor non so de uso como de representación deste axente fulcral na definición do espazo lusófono. De falarmos dende a comunicación, a lingua son os obxectos e é o pensamento que se expresa en determinada lingua, -para o caso, nas variantes do portugués e do galego-, e como advertía no Coloquio internacional sobre a lingua portuguesa na diáspora, celebrado en 2012 na cidade de Praia, a profesora da Universidade Federal da Bahía, Edelinde Mendes, a lingua é herdanza [e é construción] cultural e identitaria e temos, xa que logo, a capacidade e o deber de axir a través dela. Adicado á(s) Diáspora(s), este Anuário trae á tona a complexidade e actualidade dun termo que muda na conxuntura histórica e segundo as entradas teóricas, aspectos tratados no artigo de Vítor de Sousa. Ficar en contato [Riggs] e a notación de dispersão pela força [Lourenço] son dúas das constantes que emerxen nos diferentes textos que configuran o contido da primeira parte, coa súa localización en produtos do novo cinema galego ou na propaganda política da colonia portuguesa nos Estados Unidos, para alén das experiencias blogueiras, en tempo presente, que nos achegan Londres ou a cidade de Bos Aires. A comunicación da crise e as razóns da énfase na faciana económica da mesma –unha das causas das novas diásporas-, que analiza Ana Beatriz Cruz, resitúa a necesidade do pensamento crítico encol as narrativas mediáticas mentres que Antía López sitúa as políticas públicas –no caso, a política audiovisual europea- como un dos instrumentos de reforzo do modelo actual. A representación das minorías étnicas , tanto en xornais estándares como en redes sociais; a lectura atinada dos procesos de connotación a través da fotografía para codificar o que os autores chaman “identidades precarias”; o texto de Ferin sobre as formas de recepción da telenovela Gabriela, con outras nas que abrollan nesas cuestións nodais – interculturalidade, multiterritorialismo- que arrequecen o debate a propósito das migracións, secomasí un novo rol asignado ás relacións públicas ou o que está xa a xogar a e-diáspora. O azar quixo que dúas boas novas coincidan coa saída ao público do Anuário 2013: o I Congresso Caboverdiano de Ciências da Comunicação que so o título “Caminhos da Comunicação” decorrerá en Praia do 5 ao 7 de decembro de 2013 da man da súa nova asociación, Mediacom, e coincidindo con outra efeméride, os 50 anos de Ciencias da Comunicación no Brasil, o premio Jabuti 2013, da Câmara Brasileira do Livro (CBL) ao artífice deste encontro de asociacións de comunicación que é Lusocom, profesor José Marques de Melo, polo seu libro História do Jornalismo. Parabéns a Mediacom. Grazas por todo, profesor. Compostela, novembro de 2013


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.