anuario lusocom 2012

Page 56

56 ANUÁRIO INTERNACIONAL DA COMUNICACIÓN LUSÓFONA

2012

Eliminación das Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW, 1981) e a Convención sobre os Dereitos do Neno (1989), entre outras de carácter internacional. Os tres grandes eixos dese segundo ámbito son: a) as teorías da responsabilidade social da prensa, plantexadas a partir do Informe da Comisión Hutchins (1947) dirixido polo rector da Universidade de Chicago, que promoven a autorregulación e converxencia na regulación e corregulación; b) a iniciativa do NOMIC (1970) dos países non aliñeados e do Informe MacBride (1980) para a democratización da comunicación e dos fluxos da información para a mundialización incluínte; c) e a eclosión da sociedade da información e o fracaso das políticas de control dos países que abandeiraban a Nova Orde Mundial da Información e a Comunicación dan paso a Internet. Nas dúas últimas décadas de tránsito dos séculos XX ao XXI, nas que se produce a aparición e desenvolvemento de Internet, as declaracións multilaterais sobre as políticas de comunicación da ONU, Unesco e outros organismos afíns dos distintos países da comunidade internacional, concéntranse nos valores da indepedencia, o pluralismo, a diversidade, a accesibilidade, a alfabetización e a gobernanza dos sistemas da radiotelevisión e dos novos medios da rede de redes. Neses aspectos inciden as Declaracións de Chapultepec (México, 1994), de Santiago de Chile (1994), de Quito (1995), de Johannesburgo sobre Seguridade Nacional, Liberdade de Expresión e Acceso á Información (1996), a Conferencia Hemisférica de Guatemala (1997), a Declaración da Comisión Africana de Dereitos Humanos e dos Povos (CADHP, 2000), os Protocolos de Comunicación e Desenvolvemento de Africa Austral sobre Cultura, Información, Deportes e TIC (2000 e 2001), a Carta Africana sobre Radiodifusión (2001), a Declaración de Principios sobre Liberdade de Expresión en África (2002), a Declaración Conxunta sobre a Diversidade na Radiodifusión (2006), o Foro Mundial para o Desenrolo Mediático (2006) e a Declaración Conxunta da ONU sobre Liberdade de Expresión e Internet (2011). A última resolución do Consello de Dereitos Humanos da ONU sobre a Liberdade de Expresión en Internet é unha declaración histórica porque é a primeira vez, 20 anos despois da presentación deste novo sistema de comunicación, que se recoñece explícita e multiralmente o direito básico de acceso á rede de redes, respaldado incluso –a pesares das reticencias iniciais- por China e Cuba. A declaración considera incuestionable o libre acceso e a liberdade de expresión en Internet, ao igual que en calqueira outro medio de comunicación, prohibindo a súa censura ou bloqueo; promovendo a regulación, a autorregulación e a alfabetización; delimitando a responsabilidade dos intermediarios, dos sistemas de filtrado e bloqueo así como a neutralidade da rede. Pola súa parte, os indicadores mediáticos da Unesco (2008) establecen os seguintes parámetros para a avaliación das políticas de comunicación: 1) Garantías e respeto das leis e prácticas sobre a liberdade de expresión, dereito da información, independencia editorial, proteción das fontes dos xornalistas e independencia para o pluralismo informativo. 2) Leis que protexan os dereitos da información e o seu deslinde da difamación, prohibindo a censura e regulando as garantías sobre os sistemas de filtrado en Internet. 3) Lexislación positiva dos Estados para promover a diversidade, evitar a concentración mediática contraria ao pluralismo, reparto transparente e concurrente do espectro radioeléctrico de carácter privado, público e comunitario. 4) Participación da cidadanía e das organizacións sociais na formación e control das políticas de comunicación e nos órganos de xestión dos medios públicos. 5) Políticas económicas e fiscais (axudas á prensa) de promoción da diversidade mediática e do uso non discriminatorio da publicidade estatal. As políticas nacionais de comunicación responden a catro fontes xenéricas de inspiración: a evolución dos propios sistemas lexislativos a partir das respectivas bases constitucionais, os principios e directivas de ámbito rexional continental, a influencia da tradición xeopolítica e cultural e as declaracións de carácter internacional e multilateral que subscriben os respectivos países e que, polo tanto, son de obrigada referencia. A inspiración xurídica das políticas de comunicación da Unión Europea é obrigada para a lexislación dos respectivos países membros, como é perceptible a influencia da súa tradición xeopolítica e cultural nos países lusófonos de África e Asia. As políticas europeas actuais sobre a televisión e o audiovisual pódense agrupar en dez ámbitos:


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.