Fuck with Him (Pretendida presentación)

Page 1

“Fuck with Him” (Pretendida Presentación)” © Manuel M. Romón. 2022

Edición, limiar e anotacións © TH (Les E)

Impresión e Edición. A Madriña Edit_@ 2022

Vigo, PO. Xuño 2022

DL. Nin o ten ni falta que fai ISBN. Non me fagas rir

O presente texto leuno Manuel M. Romón o 9 de xuño do 2022 na presentación do libro “Folla con él”. Sentado a carón do autor, Julián Hernández, os dous homiños compartiron sorrisos e a calidez do Versus Revisited # 9 con máis de 50 extras entre “Famiglias” e Satélites da nosa signora, así como clientes/as de Versus e chusma variada.

A Madriña dixit

Agradecementos

Sabela “Versus” pola súa infinita amabilidade

A Madriña Asociados por cardar a la Alberto Casal polos seus movementos peristálticos Aos dous de gafas por ser eles como son

MANUEL M. ROMÓN

“FUCK WITH HIM”

(Pretendida presentación)

Versus Librería 9 de Xuño 2022 Vigo, PO

Limiar

Pois si. O 10 de Xullo do 80 todos eramos listos pero eles xa levaban gafas. Un ano antes do “accidente” do ST ... previous, previous, previous !!! Se non recordo mal aquel día coñecín -de vista- a Romón. Alí estaba -entre algúns gafotas máis- lidando con flores de amianto ... e un “xarrón” ? Unha Acción con maiúsculas e fóra dos tempos da cidade. Non hai dúbida. No acto había dous tipos máis con gafas. “Serán os intelectuais”, pensamos todos. E resultou que si. Todo un auténtico triunvirato, de gafotas. “Créetelo”.

Co tempo, e moitos anos despois, un dos tipos das gafas resultou ser quen de tocar dous días no “WeThink” ante a hostia de xente, pero no 80 ninguén alí o podía imaxinar. Aquilo tamén era unha broma? A cona que pariu ao humor da oliveira. Os outros dous das gafas resultaron ser un músico contemporáneo e un poeta activista -e non é un chiste-. E agora vén o mellor, no 2010 e no 2013, na Universidade de Santiago e na de Vigo respectivamente, fixéronse dúas teses doutorais sobre as “bromas” de dous dos gafotas. E aínda hai quen non é quen de mirar a trascendencia de todo aquilo. Será por cuestión de gafas? Insisto, carallo para o humor vigués. E volvemos ao principio, si. Todos somos listos, xa... pero non o esquezas, eles levan gafas.

TH (Les E)

5
6

Pretendida presentación

Boas tardes. Obrigado a Sabela1 por acollernos neste o seu templo da sabedoría que é Versus2, cumpridamente custodiado polos sacerdotes laicos da Madriña3, e obrigado a todos por vir. Serei breve.

Hai 3 razóns polas que non vou presentar «Folla con él»4, o ensaio:

1ª, porque é un libro impresentable… impresentable para min, que non teño nin idea de música, e resulta que este libro vai, en gran medida, diso, de música, de versións de temas máis ou menos orixinais de grupos e de artistas como Ramones, Sylvie Vartan, os Beatles ou Frank Zappa, entre outros, todos eles secundarios, secundarios de primeira, neste filme protagonizado por Siniestro Total, e dirixido -coa soltura de quen sabe do que fala, con prosa fluída, que diría algún crítico, con honestidade (nada aparente), con ironía (fina) e cun didactismo mamado (non por nada o leite é un líquido que impregna o libro máis alá da portada), mamado, digo, na mellor

1. Sabela Martínez, a.k.a “S”, xestiona desde 1998 a Librería Versus en Vigo, PO

2. “Versus”, Librería Amiga, é a referencia cultural e emocional obrigada en Casablanca, Vigo PO, e, ao mesmo tempo, centro neurálxico onde A Madriña Asociados desenvolve as súas accións no barrio alto da cidade olívica desde o SXX.

3. A Madriña Asociados ... mellor outro día, mentres: amadrinha.com

4. “Folla con él”. Julián Hernández, músico e fundador do grupo Siniestro Total.

7

tradición literaria anglonorteamericana-, por Julián Hernández, aquí presente.

2ª, porque «Folla con él» precisa dun presentador competente, dun home tranquilo como Barros5, a xenuína testemuña ocular, mesmo audiocular, de tantos e tantos ensaios e conversas informais entre bastidores. A súa aportación sería, non teño ningunha dúbida, un introito descacharrante á altura dos episodios cachaverosódicos6 que percorren as follas do «Folla…», exposto con cachaza e sen asomo de petulancia.

3ª razón: porque non. Xa sei que esta debería se-la primeira razón, non a terceira, pero para iso eu tería que ter un sentido da orde tan estrito coma o de Julián, que é quen de «montar» un libro cun repertorio de cancións coma se dun concerto se tratase, establecendo unha lóxica interna vinculada ás emocións do público –das masas lectoras, neste caso-, ó que leva inexorablemente da man ata a mesma apoteose final. Porque «Folla con él» non é, non, obviamente, un receitario –algo que o mesmo Julián se encarga de sinalar-, ou sexa, un deses libros que podemos abrir pola páxina que máis nos apeteza, senón un libro con INTRO e OUTRO (isto que o explique logo Julián se quere), un libro que, coma se fose un labirinto sen rodeos, nos conduce a fío do comezo

5. Barros. Manager persoal de Siniestro Total.

6. Termo utilizado polo pai de Julián Hernández para referirse a cousas estrañas, pero o significado exacto só o sabía el e levouno consigo ao camposanto. Julián defíneo como “la realidad entendida como absurdo y lo absurdo como lo único real. Tu imagínate que le pasas un discurso a un orador y en dicho discurso hay acotaciones y el orador las lee”. Fin da cita.

8

ó remate, sen volta atrás posible; un libro, digo, e a ver se me aclaro, que é, como dicía, un concerto… «mudo», por dicilo dalgunha maneira, que hai que experimentar (con ese oído interior que todos levamos dentro) de pe a pa, para que os 48 pratos (con gornición) dos que consta o menú, debidamente destripados, despezados e esmiuzados polo autor, poidan conformar un festín do que ninguén saia en ningún caso empachado. Ós que cheguen a ese punto espéralles algún que outro descubrimento que non imos desvelar agora.

E non teño máis razóns, aínda que supoño que con estas abonda; o cal non quere dicir que chegado o caso non puidese tirar doutras razóns, en abstracto, para presenta-lo libro, no fin de contas Julián e mais eu compartimos unha prehistoria: os dous somos dos poucos –ou relativamente poucos- que pasamos polo Colexio Alemán7 de Vigo, e iso, ó lado das innumerables promocións de exalumnos dos jesuitas, maristas, salesianos, e das exalumnas das jesuitinas, carmelitas e calasancias, marca, queirámolo ou non.

E xa postos, ademais de prehistoria, e sempre pensando nalgunha hipotética razón que puidese xustifica-la miña presenza aquí, Julián e mais eu tamén compartimos unha historia (unha historia de historias) en gran parte «musical»: a nós presentounos (as palabras non son inocentes) un compositor, «o»

7. No Colexio Alemán coinciden desde os catro anos Julián Hernández e Alberto Torrado, dous dos fundadores de Siniestro Total. Moi interesante e recomendable o informe do seu titor daqueles anos, “Diese finsteren jungs” © R. Hess (fillo).

9

compositor Enrique Macías8, na súa casa, mentres soaba a todo volume «Doña Francisquita» no tocadiscos do pai (aínda que nisto último igual me traizoa algo a memoria). En calquera caso, aquilo foi só o principio. Logo, e antes de que Siniestro Total9 saíse a escena, e sempre cinguíndonos á nosa «relación estritamente musical», os dous coincidimos, ademais de no filme que se cita na lapela do libro, noutro no que Julián toca a guitarra española (!) formando dúo con Monchito10 (si, o de «Sonny Boy and The Williamsons»), que toca o clarinete, e nunha performance –improvisación chamabámoslle nós-, na que soaba o baixo (creo que era) de Julián xunto co clarinete de Monchito (o mesmo Monchito) e o piano de Jorge Peixinho, un dos grandes compositores do século xx, para quen non o coñeza, por non falar dos nosos pinitos nos protogrupos Banana Coat e The Bebra Brothers11, que a herdanza xermánica é moi mala de lavare.

E que dicir da nosa «acción musical» máis soada, a de agosto de 1981, amenizada pola canción dos Dead Kennedys (un dos poucos grupos con máis dunha versión no libro) «Too Drunk to Fuck». Como para follar estabamos nós naquel momento… pero como hai cousas que xorden ata debaixo das

8. Enrique Macías, (Vigo 1958-1995), foi un compositor de música contemporánea que colaborou en diversas accións con Julián Hernández e Manuel M. Romón, aos que lle unía unha grande amistade.

9. Siniestro Total. Grupo musical vigués.

10. Monchito, clarinetista que compartiu escenario con Julián Hernández e Manuel M. Romón nos inicios da súas accións creativas.

11. Banana Coat e The Bebra Brothers foron dous dos múltiples grupos musicais cos que Hernández e Romón amenizaron as noites do mítico “Satchmo” vigués, así como as de toda a veciñanza da r/ Joaquín Loriga 33.

10

pedras, segundo sabemos por ciencia infusa, daquel aplanamento insólito naceu Siniestro Total.

E como the human being é ó parecer o unico animal que tropeza tropecientas veces (nunha pedra e no que se lle poña por diante), Julián, «abríndose de orellas», permitiu que Reixa12 e mais eu nos postulásemos para o posto –aínda vacante- de cantantes (sen comiñas) do Grupo (con gue maiúsculo), fose este o que fose. Certo que a proba tivo lugar no garaxe do chalé do pai de Reixa13, e que os locais de ensaio non chovían do ceo, así que, agora que o penso, pode que detrás da actitude resignada de Julián houbese algo así como unha estratexia de distracción: paz por territorio. De feito, no libro dise que Siniestro Total ensaiou alí, e non connosco… afortunadamente, digo eu, porque senón hoxe no mellor dos casos Siniestro Total sería, corenta anos despois da súa aparición/desaparición, «ese grupo del que usted me habla», e o libro que non estou presentando levaría por título «Qué cojones hice mal», por suposto, sen interrogacións de ningún tipo.

Pero o de Julián, como o de Ascón14, non tiña solución. Perseverou nas súas colaboracións con Reixa,

12. Antón Reixa, PNN reconvertido en poeta, frontman e dinamizador da escena olívica da transición e movida, atopa o seu universo referencial no mundo caótico de Hernández, Romón e outros. Así, e como quen no quere a cousa, e desde o IES Sta. Irene en Vigo, PO, dá o dobre salto mortal a Rompente e un triple salto cara Os Resentidos, con caída libre final na SGAE.

13. O chalé do pai de Reixa atopábase nalgún lugar que eles saberán.

14. Unha tese doutoral, aínda sen facer, mantén que as rimas fáciles dos temas de Siniestro Total poderían ter algunha relación subconsciente cos lemas coreados nas manifestacións dos asteleiros vigueses na loita obrera nos anos setenta. Nese senso, os asteleiros Ascón tiñan un “hit parade” coreado pola súas masas obreiras que dicía “O de Ascon ten solución”. Máis o menos...

11

e o que é peor, dedicouse a enriquecer coa súa música –e sen facer gala da súa lendaria xenerosidadeproxectos comúns como «Nadir», compartido co pintor e arquitecto Alberto de Sousa15, que algo, non, moito ten que ver con esta librería; como o «concerto» para máquinas de imprenta - «Borrón y cuenta nueva»16, chamábase-, que marcou un antes e un despois –despois aquelas máquinas desapareceron das imprentas substituídas por outras insonoras e sen personalidade propia-); como a campaña publicitaria dunha marca de… de que vai ser?, de leite, claro; como aquela «Música para unha exposición falada» xunto co pintor Lito Portela17; ou os nosos duetos: «Arte efémera», co que fomos á conquista de Al-Andalus… e volvimos, e «Opera aperta (en parte). Volumes I e II», unha especie de work in progress ambulante18.

En definitiva, que unha cousa leva a outra, e como non me vou poñer a falar agora das cancións que compartimos Julián e mais eu (como asinantes, quero dicir), nin da miña contribución como estilista á imaxe icónica de Siniestro Total, vai ser mellor que vaia rematando (ou non), ó tempo que fago algunhas

15. Alberto de Sousa, (Vigo 1957-2004) arquitecto e pintor vigués, colaborador con Julián Hernández e Manuel M. Romón no libro “Nadir”, e autor do proxecto de rehabilitación e deseño da librería Versus. As casualidades...

16. “Borrón y cuenta nueva” foi unha acción poético- sonora deseñada por Julián Hernández e Manuel M. Romón nunha imprenta de Santiago de Compostela coa colaboración de Antonio Durán “Morris” e outros.

17. Lito Portela, artista e pintor do Con, Moaña, colaborou en varias accións como a citada, e, entre outras “Música para unha exposición falada” presentada na sala de exposicións “A carón do Mar” en Cangas do Morrazo no 2007.

18. No século XXI, Romón e Hernández realizan diversas accións en Andalucía cun éxito de crítica notable, parello á incomprensión- tamén notable- do público presente nos actos.

12

consideracións que quizais merezan algún comentario.

O leite. O leite está demasiado presente ó longo da carreira de Siniestro como para non pensar que aí hai «gato encerrado». O leite aparece na portada e na contraportada do libro; do leite fálase, con intención, dentro do libro, e un vaso de leite comparte tamén portadas de discos do grupo: con Bob Hope e con Peter Sellers. E eu préguntome: haberá rastro de leite tamén nos outros libros do noso autor?, porque «Folla con él» non é o primeiro nin o segundo libro que escribe Julián, non. De momento a resposta… blowing in the wind.

Bob Dylan. Di Julián: «Y es que está por ver que el rock sea poesía (otro día hablamos del Nobel de Dylan),…». E digo eu: non podería ser hoxe ese día?

As discográficas. Por que non aproveitamos para falar un pouco delas hoxe tamén?

A guillotina. Ten a súa historia, ten a súa historia.

Os pais. É a presenza dos pais do autor no libro máis reveladora do que puidera parecer nunha primeira lectura ou a primeira vista? Si (diga o que diga Julián).

As versións. A versión de por que están as que son e son as que están xa a dá o autor no libro, e é a que vai a misa, como debe ser, pero hai unha que non está,

13

unha desas que Julián, con bo criterio, non incluiu, e que hoxe quero rescatar da invisibilidade na que se atopa, porque ocupa un lugar especial na miña memora afectiva. Trátase de «Galicia gran carajo de sal»19, a «versión punk» -así reza na contraportada do disco- que Siniestro Total gravou en 1986 do himno galego «Galicia gran carallo de sal» a partir da versión orixinal interpretada (e gravada ese mesmo ano) por un autodenominado «coro de voces atroces»: «Os cantores do Sil». A Xunta de Galicia foi un dos patrocinadores tanto da cara A como da cara B. «Qué tiempo tan feliz, sin una nube gris / y aquel cantar alegre del ayer», cantaba, en español, Gigliola Cinquetti20.

As citas... e as referencias. Podería facerse unha recensión do libro unicamente partindo delas, e chegar ó colofón sen ter que apearse delas. As citas -moitas e ben traídas (que diría o crítico de antes)-, xunto coas referencias -fontes de sorrisos, risas e/ ou dalgunha que outra gargallada estentórea (falo por min)-, son un exemplo de manual (este libro debería ser de lectura preceptiva nas escolas) daquel «ilustrar deleitando» horaciano que tanto se bota en falta nas letras (e na música) en xeral. En fin, nesa case casa de citas que é «Folla con él», hai dúas… citas que quero salientar: a que encabeza

19. “Galicia gran carajo de sal” publicouse como cara b do single “Galicia gran carallo de sal”. No single da citada referencia -mostrada en petit komitern por Romón ás portas de Versus o día D -fotografada con avidez por un espontáneo sen identificar-. Damos fe, xa que puidemos comprobar a veracidade da propia autocita.

20. En contra do apuntado por algún indocumentado o día de autos, aclaremos dunha puta vez que Gigliola Cinquetti nin pertence ni pertenceu nunca aos “Cantores do Sil”.

14

a INTRO do libro, e que mostra as cartas, sen marcar, desde o principio: «Sólo hay una cosa mejor que la música: hablar de música». A cita é do musicólogo e compositor lugués Jesús Bal y Gay21 e di Julián que non sabe de onde a tirou, así que se alguén lle pode botar unha man… e a que encabeza a OUTRO, do humanista Erasmo de Rotterdam, que non vou citar, pero que inclúe dentro dela unha dun dos epigramas de Marcial (o poeta latino, non o avó de Julián, que tamén sae citado no «Folla…»), que di así: «Dixérache onte á noite, Procilo, creo que despois de beber cinco netos de viño, que ceases comigo hoxe. E ti axiña pensaches que era cousa feita e aceptáche-las palabras dun borracho, co que sentabas un precedente demasiado perigoso: detesto un convidado con tan boa memoria.»

Ladies and gentlemen, con todos vostedes… o pupilo predilecto de Marilar Aleixandre22… o auténtico Hoochie Coochie Man23… Julián «Folla con él» Hernández!!!

Manuel M. Romón24

9 de xuño do 2022

Versus, Vigo, PO

21. Jesús Bal y Gay (1905-1993) foi un compositor e músico “español de orixe galega” ? Cousas da wikipedia.

22. Marilar Aleixandre é unha escritora, tradutora e bióloga española, profesora no Instituto do Calvario de Vigo nos anos 70, da que pouca cousa podemos apuntar, salvo sospeitar que algo ten que ver coa formación literaria do “susojicho” also called JH.

23. Rapás ou rapasa, se tamén che temos que explicar isto, case vai ser mellor que lle devolvas o item a quen cho deu. Anda, e non sexas “Hoochie Coochie Man” (or Woman). Risas e fundido a nejro do Con 24. N.P.I.

15

JUSTIFICACION DU TIRAGE

Il a été tiré de cet ouvrage: cinque exemplaires sur papier Midwood Offset, numéroté de 1 à 5.

Exemplaire No. / 5

Printed in Casablanca, Maroc by Mohamm-ed, Inc. Vigo, PO

Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.