Idea07

Page 42

Orig. Idea 7

6/7/01 14:09

Página 41

lles posibilitou medrar e madurar en moitísimos aspectos, todos eles moi positivos para a súa educación integral. Pénsese que os pequenos desenvólvense con dous códigos, a cada cal máis estimulante, e as ilustracións en relevo son unha experiencia plástica moi rica e completa. Pero tamén está o aspecto social, tan importante na educación coma persoas. Aproveitando a convocatoria do X Certame Ramalleira, sobre as discapacidades, rapaces e rapazas da parroquia, pais da escola e mesmo outra xente do concello, aprenderon braille. Os contos e traballos realizados foron en braille tamén. Houbo charlas e coloquios sobre as distintas discapacidades, e diálogos con xente discapacitada que axudaron a que na parroquia houbese maior sensibilización cara ás desigualdades. Os pais solicitaron o ciclo medio para a escola. Xa o houbera noutra ocasión e pensaban que era bo para a parroquia continuar con esta experiencia durante máis cursos. Pensaban tamén que era moi importante para Noelia, e algúns pais tamén crían que era moi importante para os seus fillos. Loitaron a brazo partido pero non o conseguiron e os alumnos maiores cambiaron de centro. Por iso este curso xa non está Noelia. Fixéronlle as probas necesarias e a nena promocionou de curso para o terceiro de primaria. Estaba ben preparada e madura e os pais querían que continuara co grupo de nenos que entraron con ela e cos que fixo grupo sempre, anque eran dun curso superior ó seu. Tanto cando se fixeron exposicións, coma na I Mostra-Ensino de Ferrol, no 1999, moita xente probou a escribir braille e comprobou que un cego pode participar, se se lle dá ocasión, en cousas que non imaxinaría. A xente en xeral e os nenos e nenas en particular foron moi receptivas. @s mestr@s foron máis cautelosos e interesáronse menos. Un mestre visitante da exposición en Valdoviño, charlando amigablemente, manifestoume as súas dúbidas sobre a integración, pensaba que a nena estaría mellor nun

centro especial e mesmo opinaba que a ONCE debía facer universidades para el@s pois consideraba que estarían mellor atendid@s. Tamén se preguntaba por que aprendían braille o resto dos compañeir@s. Non o entendía, nin entendía porque @s mestr@s tíñamos que enfrontarnos a iso se non nolo ensinaron nas escolas de maxisterio... Conto isto con respecto, pois cada quen ten dereito a pensar libremente e el faloume sen retranca; mais penso que seguiu sen o entender despois de que eu tratara de darlle os meus porqués. Non teño moita elocuencia e ás veces non resulta doado explica-las cousas aínda que ti as esteas vendo con toda claridade. Se cadra só se trata de ve-lo mundo con distinto enfoque e un espírito menos acomodaticio, pero quen sabe cal é a razón de posturas tan dispares... En fin, no meu entender, a integración é un dereito incuestionable, que ademais está na lei, e os mestres témonos que poñer ó día, coma calquera outro traballador. Eu imaxino que un fontaneiro aprende a usar novos materiais e novas máquinas, sen que lle quede máis remedio, ó longo da súa vida profesional, e non lle vale a desculpa de que non llo ensinaron cando de aprendiz ou na escola profesional. Pero que nós o fagamos (e non é tan difícil coma se teme) non obsta tampouco para non esixirmos medios adecuados para facelo dignamente, entre outras cousas porque traballamos con nen@s. Evidentemente, non se trata de que os discapacitados estean só fisicamente nas escolas con todos; é bastante máis, e iso non hai que esquecelo. Haberá que enfrontalas situacións sen fuxir pero sen renunciar a obte-los medios e condicións necesarias cousa que a Administración evita demasiado a miúdo. A nosa experiencia coido que foi enriquecedora para tód@los participantes. Quero recordar tamén a un voluntario e un obxector, que nos axudaron estupendamente durante algúns meses; e necesito aclarar que a súa axuda era necesaria non

41

por Noelia, nin concretada nela, senón polo conxunto de problemas que había na aula dos que todos eramos participantes). Polo que escoitei en xuntanzas da ONCE a outros mestres da provincia, que tamén tiñan alumnos cegos ou deficientes visuais, eles tamén o valoraban positivamente e estaban contentos coa súa experiencia malia ó medo que tiveron algúns ó principio, por non se sentiren preparados. E, polo que sei, a ONCE, despois de anos de experiencia quer en colexios propios quer agora coa integración, aposta por esta última pois os resultados parécenlle evidentes. Tamén cómpre reparar que a Constitución declarános a todos merecedores dos mesmos dereitos. Finalmente, dicir que a experiencia deunos ocasión a todos para estarmos na vida coma persoas, facendo camiño ó andar, e non coma meros peóns que pasan de todo. Claro que nos gustaría estar nun mundo no que a integración, entre outras cousas, fora un feito natural, perfectamente adecuado e vivido a fondo por tod@s. ¡Cantas enerxías nos tería aforrado! O que máis nos desgastou non foi o traballo na escola en si, senón todo o demais...! Pero se a integración estivera de certo asumida pola sociedade en xeral e pola Administración en concreto, levala adiante sería moito máis doado, pois contariamos con medios reais, non habería os rozamentos e problemas de ir contra corrente e tódolos camiños estarían facilitados, non habería que labralos. Agora, para chegar a esa situación non queda máis que implicármonos, cantos máis sexamos en asumilo, denantes acadaremos esa meta... E non esquezamos que a unha discapacidade podemos chegar tamén calquera de nós, ou fillos ou familiares...

Pantín, febreiro do 2001


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.