UN CAMIÑO DE CENTO SESENTA E CINCO ANOS Notas sobre as etapas do Instituto de Tui Xosé María Lores, Departamento de Grego
A educación é a menos cara das defensas dunha nación Edmund Burke1
O trinta de outubro de 2010 cumpríronse cento sesenta e cinco anos da creación do primeiro instituto de ensino secundario en Tui. Aquel día comezaba unha andaina educativa que, interrompida apenas un lustro despois, retomada na época da II República e paralizada coa Guerra Civil, reiníciase de novo a mediados da pasada centuria para chegar, sen outras suspensións, aos nosos días. Isto en modo algún supón que, antes de 1845, non houbese certo tipo de ensino medio en Tui. Ao igual que noutras vilas galegas, con seguridade en Tui non faltaron preceptorías particulares ou algún tipo de escola catedralicia ou conventual encargadas da formación da xuventude que aspiraba a ocupar cargos na burocracia estatal e da diocese ou ao servizo das ordes (mendicantes: dominicos e franciscanos), non esquezamos o feito de ser Tui capital de provincia ata 1833 e da diocese unicéfala ata 1959. Un exemplo: por Real Orde do 12 de agosto de 1838 crease en Tui, co patrocinio do concello, un colexio de humanidades que ao ano seguinte ten 36 alumnos 2 Tampouco podemos desbotar fundacións educativas, financiadas con legados, bens ou rendas dun ou varios patróns, administradas -as veces- polos concellos. Para cubrir as prazas de profesorado destas institucións facíanse concursos-oposicións que, con anterioridade, se anunciaban nas principais universidades do reino e nas vilas próximas. Unha mostra: a mediados do século XVI o concello de Pontevedra limita este tipo de anuncios as vilas próximas de Santiago, Ourense, Tui e Vilagarcia1, a distancia longa e o soldo pequeno arredaba aos candidatos de lonxe. Moitas destas institucións entran nunha etapa decadente coa Guerra da Independencia, os vaivéns políticos do reinado de Fernando VII e a desamortización que obriga ao estado a cubrir servizos sociais, tal o ensino, antes monopolizados pola igrexa. Á morte deste monarca comezan a sentarse as bases das novas políticas educativas. O Plan Xeral de Instrución Pública (1836) do duque de Rivas dedica un apartado específico ao ensino secundario e fala, por primeira vez, dos institutos 2. O ensino secundario, a cargo das provincias, considérase non terminal, propio das clases medias e divídese en elemental e superior. Nin o Plan do duque de Rivas nin un posterior do marqués de Someruelos (1838) 1 Edmund Burke (1729-1797) escritor e pensador político angloirlandés liberal-conservador. 2 COSTA RICO, Antón, Historia da educación e cultura en Galicia, Xerais, Vigo, 2004, p. 768 1 FORTES BOUZÁN, Xosé, “O ensino medio en Pontevedra antes da fundación do Instituto” in O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia, Deputación Provincial, Pontevedra, 1997, p. 27 2 PRADO GÓMEZ, Antonio, “Unha visión do sistema educativo no primeiro liberalismo: 1842-1868” in CL Aniversario do Instituto Provincial de Lugo, Deputación Provincial, Lugo, 1994, p. 31