Número 69
8 MARZO 2023
I.E.S. “San Paio” — Tui
B
O
L
E
T
Í
N
D
O
E
Q
U
I
P
O
D
A
B
I
B
L
I
O
T
E
C
A
EXTRA DÍA DA MULLER AFONSO ESTEVES, Cecilia, Elas, Kalandraka, Pontevedra, 2010, 36 pp. Mención especial do xurado do II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Un canto ao feminino. Un texto poético e cheo de musicalidade, que se complementa cunha linguaxe plástica limpa, clara e suxerente, de ilustracións sereas e delicadas, con cores suaves; imaxes de gran valor simbólico. Elas viven no fondo. No fondo do bosque, da montaña,do deserto, do río... ALEIXANDRE, Marilar, A filla do Minotauro, Galaxia, Vigo, 2018, 188 pp. O papel da muller na sociedade, a necesidade de preservar o patrimonio, a falta de valoración do que moitas persoas arriscaron para acadar bens para a humanidade, o poder da mafia, as violacións das mulleres, as folgas pola explotación e morte de nenos e nenas son algúns dos temas que trata esta novela na que se mesturan tempos mitolóxicos e tempos da 2ª Guerra Mundial. ALEIXANDRE, Marilar e PEDREIRA, Emma, Juana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo, Galaxia, Vigo 2022, 115 pp A historia de Juana de Vega é a dos repetidos intentos de revolución liberal ao longo do seculo XIX, da Constitución de 1812 aos pronunciamentos de Porlier, Del Riego, Torrijos e Solís e os mártires de Carral, que os seus protagonistas pagaron coa vida. Juana, o seu home, Francisco Espoz y Mina, e os seus pais, participaron nestes intentos, o que lles custou multas, cárcere e exilio. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro. CAJARAVILLE, Héctor, Denébola a Roxa, Baía Edicións, A Coruña, 2016, 197 pp. Cando fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza loitará por un futuro diferente. Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida. Ao longo da novela asistimos á transformación da protagonista nunha muller que se rebela contra os prexuízos, convencións e costumes do seu tempo. Nunha época en que as mulleres están subordinadas por completo aos designios masculinos e condenadas a un papel de submisión, Denébola agarra con forza o temón da súa vida e acaba sendo primeiro capitá dun barco pirata e logo propietaria dun dos maiores consorcios para o transporte de mercadorías entrambas as beiras do Atlántico. Esta novela reflicte o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.