República

Page 1

PEQUENA PEZA TEATRAL “REPÚBLICA”

Autora: Esther F. Carrodeguas


ACTO I Escena 1

Apágase a luz de sala completamente, ábrese o pano. O escenario está escuro (moi escuro, non se ve nada de nada). Escoitamos camiñar a alguén dende a bambolina esquerda (do espectador) de cara ao centro (ten marcado con cinta fosforescente onde se ten que parar exactamente). Párase. Acéndese un recorte sen filtrar, pechado de carro, enriba do actor. Luz case cenital (o clásico foco para un só actor). É o Rei/Raíña de España (Juan Carlos I, agora mesmo).

REI/RAÍÑA Acabou a monarquía española. Pode dicilo como queira, improvisando. Que quede ben, natural: orgánico. Que o diga como o diría un Rei/Raíña (O máis probable é que sobreactúe, xa que non é actor, e ademais fai de si mesmo, o cal é difícil. Hai que traballar con el concienzudamente). Apágase o recorte. Escoitamos ao Rei/Raíña de españa camiñando cara á dereita (do espectador) e saír por bambolinas. A xente flipa (iso é seguro), pregúntanse se viron o que viron ou se era alguén que se parecía moito ao que lles pareceu ver. O máis importante é que o actor sexa verdadeiramente o Rei/Raíña de España. É imprescindible porque é unha obra de corte contemporáneo que mestura a realidade coa ficción, e se non o efecto dramatúrxico vaise ao carallo e a obra non ten sentido e os espectadores sentiríanse estafados xa que ademais a obra é moi pequena pero queremos cobrala coma se durase hora e media. O máis difícil é decidir en que momento pechar de novo o pano e acender as luces de sala. Hai que ter en conta que o actor non vai saír a


saudar a pesar de que de seguro iso lle gustaría moito á xente, e quererían aplaudilo e todo iso. Pode que chegue un minuto pero pode que non cheguen nin cinco. Fai falta que todo o público ou polo menos unha grande maioría chegue a pensar verdadeiramente que se ese era o Rei/Raíña de España daquela que carallo significa que o Rei/Raíña de España diga que a Monarquía se acabou, poño por caso, no Teatro Principal de Santiago de Compostela e vaia dicíndoo por aí adiante no Festival de Outono en Primavera e na Bienal de Venecia (supoñendo que a obra teña boa acollida de público e crítica). Acabouse a monarquía dentro da ficción? De que ficción? Acabouse de verdade a monarquía? E sobre todo, pode o Rei/Raíña de España facer ficción sobre si mesmo ou non se pode xogar con estas cousas? O importante e darlle o tempo suficiente ao público para que pense na sala, para que saque conclusións sen conversar con ninguén, para o cal é imprescindible que o negro sexa absoluto: que non se sintan arroupados polos seus amigos, coñecidos ou familiares. Hai que explicarlle todo isto ao técnico do teatro, e dicirlle que cando el considere que xa a maioría da xente pasou por este proceso mental, que peche o pano e acenda as luces de sala, que a obra rematou.

Nota para a distribución: Trátase dunha obra de pequeno formato (apenas dura dez minutos) perfecta para facer sesións dobres ou triples ou cuádruples, etc (cada 15 minutos, por exemplo), de maneira que aproveitemos que lle pagamos ao actor unha soa sesión, pero tentamos encher o teatro máis dunha vez. Polas características da peza pode ser habitual que moita xente queira volver a vela automaticamente ao saír. É aí onde é importante para a distribución da peza que se faga cada quince minutos, para aproveitarse dese público potencial que querería volver a vela, xusto no momento en que quere volver a vela. Así gáñanse dúas entradas no canto de unha (ou tres, no caso de espectadores especialmente interesados na peza). Polo pequeno do formato, podería parecer unha boa peza para distribuírse nas salas de microteatro que abondan ultimamente, pero habería un serio conflito económico por culpa do caché do actor, que a pesar de non ser actor, seguro que pretende cobrar un salario desmesurado.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.