21M20. Día da poesía

Page 1

Lendo a Celso Emilio e a Manuel María no Día da poesía 21-03-20 Comentarios elaborados polo alumnado de Literatura Galega do Século XX e da Actualidade, do IES Félix Muriel. Rianxo.


Camiños de luz e sombra Manuel María por Silvia Casal A etapa de posguerra (1936-1975) vén marcada pola Guerra Civil. A consecuente ditadura reprime tanto a cultura como a lingua e retén á literatura no fondo do caixón. Porén, cando os intelectuais comezan a preparar a bagaxe procuran levar un pouco da súa terra. Baleiran o roupeiro ata o fondo e almacenan todo o seu contido na maleta. A literatura, ata entón oculta na escuridade de onde a luz non alcanza, cruza o océano no interior dunha valixa ata chegar a terra firme. A literatura exiliouse. Esa viaxe en barco abriu unha vía de salvación para ela. Sobreviviu en América grazas á actividade cultural. Grazas á publicación de libros, ás representacións teatrais, ás emisións radiofónicas. Co paso dos anos os tempos acougan e a censura amaina. Aqueles portadores de maletas volven para a súa terra, e coa fundación en 1950 da Editorial Galaxia volven tamén a publicar. Con eles xorden tres xeracións diferentes: A Xeración do 36, a Promoción de Enlace e os poetas das “Festas Minervais”. Dentro destes últimos, nacidos entre os anos 40 e 50, atópase encadrado Manuel María. A súa produción literaria é das máis ricas e extensas da literatura galega. Podemos dividila en catro etapas. Comeza a súa carreira influenciado pola Escola da Tebra, poesía intimista de enfoque pesimista, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas; saborea a poesía paisaxística e percorre a denuncia, combatendo e afirmándose no nacionalismo, para finalmente chegar ao intimismo. Camiños de luz e sombra pertence á terceira etapa. O día 11 de novembro de 1959 asinaron Manuel María e Saleta Goi, Os carreiros do soño. Seguidamente puxéronse a escribir Os carreiros da morte, continuación do primeiro. Ambas series de poemas forman unha unidade titulada Camiños de luz e sombra que, ó xuízo dos autores, define o contido do poemario. O resultado das súas dúbidas, medos e temores foi este libro, que foi quedando inédito ata que no ano 2000, en edición privada e para celebrar a inauguración da "Galeria Sargadelos" de Monforte de Lemos, foi feita unha edición de Os carreiros do soño. O propio autor di que quizais os versos envelleceron de máis, pero que gardan parte do desasosego e tremor co que foran escritos hai corenta anos, xa que a problemática existencial e esencial do ser humano non muda doadamente. O poema presentado é o cuarto do primeiro dos poemarios, Os carreiros do soño . Os seus once primeiros versos alíñanse centrados, dispostos dun xeito dispar, con espazos e figuras distintas. Semella que a forma acompaña ao contido, xa que durante a infancia os versos achátanse e alónganse. Atópanse xogando. Pola contra, os catro últimos versos están xustificados. Semellan un bloque de pedra inamovible. Ese muro de formigón chamado realidade contra o que chocar ao espertar dun soño. Todo isto represéntase a páx. 2


través dunha lingua coidada, sinxeleza expresiva e un versolibrismo, que potencia o estilo narrativo do poema. A INFANCIA é a patria verdadeira, o país puro no que os soños se cumplen. Para un neno os homes son seres estranos e a morte non esiste. Esisten grandes ríos misteriosos, o medo que chega de súpeto coa noite, a ternura da nai e cecais Brancaneves e os Reis Magos. Cando ún é neno o soño mais sotil pode cumplirse. Despois da infancia é todo escuro e ún xa non comprende a maravilla sinxela e natural que hai no milagre.

O seu destinatario son os adultos, que nalgún tempo foron nenos. A voz que o narra faino dende un ton lírico e emocionado, mais sereno e nostálxico. Levada pola experiencia do pasado percorre cronoloxicamente o camiño da vida. Comeza pola infancia. Un carreiro de soños, un camiño de luz. Pasamos a nosa nenez co corpo neste mundo, pero coa mente noutra patria, a verdadeira. Inconscientes de que existen cousas tales como a morte, ou sen entender que nalgún momento os pais tamén foron fillos e os avós non naceron vellos. Procurando a fantasía nos ríos de día e o medo de noite na cama. Alimentados pola tenrura da nai e protexidos polas súas apertas. Dura moi pouco. A Luz vaise perdendo e impide aloumiñar a tebra. Son os anos os que a apagan. O tempo corre para todos. Non somos como Peter Pan. Os cimentos dos versos, afástannos do milagre, chántannos os pés na terra, aínda que nós mesmos saibamos que non temos salvación. Que chegados a ese punto todo está pecho ó noso redor. Perdemos a inocencia dos meniños. E berramos como tolos. E cuspímoslles ás estrelas. As mulleres e os homes senten nostalxia da infancia. Manuel María conta verdades nos seus poemas. Verdades sinxelas, pero transcendentes e universais. Figura exemplar da literatura galega da segunda metade do século XX, revélase de xeito singular, non só pola riqueza creativa e temática da súa obra, senón tamén polo compromiso íntimo coa cultura, lingua e pobo.

páx. 3


A fala Manuel María por Tamara Sóñora A fala é un poema de Manuel María, autor cunha produción literaria extensa. Manuel María destaca pola súa temática social comprometida, como é o caso do poema a comentar, desenvolvida ao igual que o descritivismo paisaxista logo da súa etapa na Escola da Tebra, sendo parte da Xeración das Festas Minervais, na Literatura galega de posguerra. O idioma é a chave coa que abrimos o mundo: o salouco máis feble, o pesar máis profundo.

O idioma é a vida, o coitelo da dor, o murmurio do vento, a palabra de amor.

O idioma é o tempo, é a voz dos avós e ese breve ronsel que deixaremos nós.

O idioma é un herdo, patrimonio do pobo, maxicamente vello, eternamente novo.

O idioma é a patria, a esencia máis nosa, a creación común meirande e poderosa.

páx. 4


O idioma é a forza que nos xungue e sostén. ¡Se perdemos a fala non seremos ninguén!

O idioma é o amor, o latexo, a verdade, a fonte da que agroma a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. ¡Precisamos a lingua se queremos vencer! No contido do poema pódense distinguir catro partes diferentes. Na primeira parte descríbese o galego como un medio para expresar os sentimentos, tanto tristes como alegres. Logo, na segunda parte fálase da lingua como un tributo histórico, como unha pegada que deixa todo individuo que a utiliza, sendo a parte máis importante da súa esencia. Na terceira parte maniféstase o galego como identidade, aquilo que crea a unión colectiva do pobo. Esta identidade non só une ás persoas, senón que é o que fai que o pobo xere lazos de afecto. Finalmente, na cuarta parte realízase unha conclusión na cal se expresa a necesidade de utilizar a fala propia para conseguir todas as cousas positivas que se foron enumerando. Con respecto á súa estrutura externa, trátase dun poema con oito estrofas, contando cada unha con catro versos. Estes últimos riman nos pares de forma consoante. Por outro lado, utilízase a última palabra do primeiro e do terceiro verso de cada estrofa de forma peculiar, uníndoas para crear unha ligazón entre termos como “tempo” e “ronsel”, “forza” e “fala” ou “patria” e “común”. En canto á estrutura interna, débese destacar primeiramente a continua repetición da frase “O idioma” como comezo de estrofa, ata que na última se conclúe con aquilo que pasaría se o abandonáramos. Durante todo o poema realízase un percorrido sobre o positivo do idioma comezando por expresar sentimentos melancólicos para chegar a un final na última estrofa no que se conclúe que o idioma é o amor na súa forma máis pura, do cal ninguén podería prescindir. Por todo isto, este poema resúmese nunha defensa absoluta e irrenunciable da lingua propia e, polo tanto, de todas as linguas.

páx. 5


En conclusión, este poema representa a loita pola libre expresión na lingua de cada persoa, como pode ser o galego, durante unha época de posguerra totalmente marcada pola represión, loita que aínda actualmente non acabou e incluso se vai facendo cada vez máis importante, xa que agora o galego por primeira vez enfróntase a un futuro sendo a lingua menos falada no seu territorio pola xente máis nova, debido á gran perda de falantes, quen van esquecendo esa herdanza que os convertía en pobo, para pasar a ser un grupo de individuos sen identidade propia.

páx. 6


Anceio Manuel María por Raúl Rey

Anceio é un dos poemas que contén o poemario Advento, de Manuel María. A súa primeira edición data de 1954 en Bos Aires, mediante a Editorial Galicia do Centro Galego de B. Aires. Esta obra obtivo o premio Castelao de Poesía en 1951. Quixera poder escribir un poema sinxelo, emocionado, puro e branco. Un poema perfecto, ausente de ritmo, case sen palabras. Un poema levo e fino que conteña todas as dimensiós imprecisas do meu ser. Se puidese escribir un gran poema -espírito, carne, lume- que pechase as miñas tristezas, as propias mágoas! Sei que nunca endexamais eu lograrei un poema puro, puro, total e misterioso. Se fose capaz de despir o meu espírito nun máxico poema feito só de amor, de luz e de nostalxia!

Primeiro, é preciso esclarecer o significado do título. Anceio é o título da obra e no significado da propia palabra obtemos o contido da obra. Pois un anceio é un desexo intenso, moitas veces melancólico, de algo ás veces abstracto. A idea central da obra é a procura dun poema perfecto, cheo de sentimento, pero o autor é consciente de que non chegará a conseguir crealo. Este poema desexado tería que presentar estas características: ser sinxelo, emocionado, puro e branco, perfecto, ausente de ritmo, puro. Que puidera abarcar as tristezas, os sentimentos do autor. Onde poder espir o espírito do autor no propio poema, que denomina máxico. Deste modo Manuel María fai esta obra para establecer como sería para el o mellor poema, o cal non sería capaz de crear pola súa conta. Ademais debería ter “Espírito, carne, lume”, facendo referencia á humanidade e harmonía que debería posuír.

páx. 7


Este poema está dividido en dúas partes, constituíndo a primeira parte as tres primeiras estrofas, debido á continuación do contido seguindo a descrición de como querería escribir un poema. Dende a cuarta estrofa ata o final, temos a segunda parte. Diferénciase da anterior debido a que nestas estrofas xa están falando do seu anceio cara un poema puro, de sentimento e trasfondo metafísico. Formalmente, o poema está divido en seis estrofas con versos libres e sen rima. Alternando versos longos e curtos, pero predominando os primeiros. Presenta un ritmo suave, lento, debido á predominancia de pausas, para dotar a obra dunha maior compresión e mellor transmisión de emocións. Pódense percibir numerosos encabalgamentos, na primeira, segunda, terceira e última estrofa. Tamén atopamos unha anáfora entre a segunda e terceira estrofa pola repetición de “Un poema”. Emprega exclamacións ao final da cuarta e última estrofa, xa que é un anceio e é preciso reiteralo e exaxeralo, hiperbolizalo. En canto ao nivel léxico presenta un rexistro culto e formal. Con cultismos e precisión léxica para definir os sentimentos de Manuel María. En conclusión, este poema expresa á perfección as intencións do autor de cara á creación dun poema perfecto. Poderiamos falar de metaliteratura ou mesmo de autopoética, xa que a través do propio poema o autor expón a súa concepción da arte poética.

páx. 8


Onde o mundo se chama Celanova

Celso Emilio Ferreiro por Paula Maroñas

Este poema pertence a obra de Celso Emilio Ferreiro Onde o mundo se chama Celanova , publicada en 1975. Celso Emilio é o autor máis importante da xeración do 36 e o principal representante da poesía social. A súa poesía comprometida foi un referente básico na resistencia antifranquista. Este poema é lírico e subxectivo e apártase da súa liña de combate social. Enmárcase na época final do franquismo, próxima xa a morte do ditador.

Xaneiro 1972, II O pan é máis útil que a poesía, pro ¿Cómo comer o pan sin o compango da poesía? A. S. Cando quero vivir digo Moraima. Digo Moraima cando semento a espranza. Digo Moraima e ponse azul a alba.

Cando quero soñar digo Moraima. Digo Moraima cando a noite é pechada. Digo Moraima e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar digo Moraima. Digo Moraima cando a anguria me abafa. Digo Moraima e ponse a mar en calma.

páx. 9


Cando quero surrir digo Moraima. Digo Moraima cando a mañá é crara. Digo Moraima e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer non digo nada. E mátame o silencio de non decir Moraima. Para comezar, chama a atención a cita que introduce o poema: O pan é máis útil que a poesía, pro ¿Cómo comer o pan sin o compagno da poesía? A.S. As letras que aparecen ao final fan referencia ao pseudónimo do propio autor, Arístides Silveira. En si, é unha pregunta existencial que enuncia o propio autor para que reflexionemos a cerca do que a cita di. Isto fai referencia a que é para nós útil é o que non o é. Para alimentar o corpo fai falta o pan, mais tamén a poesía. O vínculo desta cita co poema é que el utiliza a poesía para evadirse e para sentirse el mesmo. Xa que como ben observamos no poema, a través de Moraima séntese completo. Precisa da poesía para expresar o seu amor por Moraima. E ese amor é tan necesario para a vida como o pan ou o aire que respira. A estrutura deste poema consiste en cinco estrofas con seis versos cada unha agás a última que ten catro. O que fai a un poema que este o sexa é a súa musicalidade. Neste poema conséguese a través do encabalgamento que se produce en cada par de versos de cada estrofa, agás na última que é máis curta (“Cando quero vivir digo Moraima,Digo Moraima cando semento a espranza”). Outro recurso é a anáfora, coa repetición da primeira palabra do verso, neste caso resalta a repetición de “cando”. O eu lírico está presente neste poema coa utilización dos verbos en primeira persoa. O destinatario deste poema é a súa muller, Moraima, como confidente da súa intimidade. En consecuencia, o tema deste poema é sen dúbida a necesidade de Moraima na súa vida, xa que está presente en todo tipo de situacións: ”cando quero surrir, cando quero chorar, cando quero soñar”. O nome tráelle esperanza e paz, morrendo cando non a pronuncia. Aínda así, con respecto ao tema, podemos observar dúas partes claras: unha positiva, con Moraima, que corresponden ás catro primeiras estrofas, e unha negativa, sen ela, que corresponde á última estrofa. En definitiva, este é un poema de amor; unha mostra de amor do autor á súa muller. É considerado un dos poemas de amor máis fermosos da poesía contemporánea. Mais tamén é a memoria viva das cantigas de amor medievais.

páx. 10


Xaneiro 1972

por Ana Figueira

Celso Emilio Ferreiro foi un escritor e político galego que participou na “Constitución da Federación de Mocedades Galeguistas” polo que xa deixa clara a sua posición como intelectual do século. Situase no medio do franquismo sendo un dos moitos sentenciados a ter que emigrar, neste caso a Venezuela onde non parou de colaborar con outros galeguistas fundando o patronato da cultura galega. Este Poema pertence a un libro de poemas publicado en 1975 polo autor, tratándose do libro máis intimista da lírica ferreirá e ten como tema fundamental a evocación da súa mocidade, aínda que nos últimos poemas se desenvolve máis a súa lírica amorosa, o poema tratado neste comentario entrará nos últimos poemas escritos, sendo polo tanto de carácter amoroso. A cita inicial que aparece no poema “O pan é máis útil que a poesía, pro ¿Cómo comer o pan sin o compango da poesía? A.S”, foi escrita por Arístides Silveira pseudónimo do propio Celso Emilio, a frase en si resalta a “arte do inútil” pois a poesía é sentir, seguir o ritmo das letras e palabras, pois sentir é o que fai bonita á vida. O esquema de rima é distinto según a división das partes, os primeiros versos son positivos mentres que os restantes fúndense na desesperación e na angustia. Todo o poema segue un ritmo marcado o que fai fácil a súa lectura e interpretación, ten tamén recursos que aportan sonodirade ao poema como a repetición de consoantes nasais en ambas partes, as cales tamén comparten un continuo encabalgamento. A anáfora é constante: “Cando”. Dentro do contido do tema cabe destacar a palabra Moraima como tema principal que se repite 13 veces, para o autor “Moraima” é a súa utopía, o seu mundo perfecto, pero non é só un soño no cal nunca podes sentirte triste ou desesperanzado, senón que acada un dobre sentido, Moraima era a súa esposa coa que emigrou a Venezuela, para el ela significábao todo, sobre todo representaba a esperanza. Isto fai posible a división do poema en dúas partes: na primeira parte atopámonos nun mundo de “cor rosa” pola presenza da encantadora Moraima, que acada os primeiras 4 estrofas e deixa a última apartada, a cal representaría a segunda parte do poema, na que a esperanza se vai cando non pronuncia o nome da súa amada, pois sen ela non é nada. Moraima é a vida, a que converte a esperanza en alba azul, a noite en luz e a anguria en mar en calma, pero a súa ausencia é a morte. Presenta así un avance temporal dende o comezo do día ata a tarde mansa que representaría a madurez da vida. A marca deste autor aínda segue sendo importante a día de hoxe, mesmo por esta obra a cal foi representada en forma de canción por María do Ceo. Celso Emilio Ferreiro pode considerarse, xunto a Manuel Curros Enriquez e Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes e destacadas da historia da poesía galega. páx. 11


Longa noite de pedra

Celso Emilio Ferreiro por Alonso Garrido Longa noite de pedra é unha das mellores obras poéticas de Celso Emilio Ferreiro, publicada durante a posguerra, no 1962, por medio da Editorial Galaxia, pertencente á Colección Salnés. Celso Emilio Ferreiro foi un dos autores galegos máis importantes da posguerra. Naceu en Celanova no ano 1912 e morreu en Vigo no ano 1979. É considerado un dos máis grandes representantes da literatura contemporánea galega e o pai da poesía social. O teito é de pedra. De pedra son os muros i as tebras. De pedra o chan i as reixas. As portas, as cadeas, o aire, as fenestras, as olladas, son de pedra. Os corazós dos homes que ao lonxe espreitan, feitos están tamén de pedra. I eu, morrendo nesta longa noite de pedra.

Primeiramente, o poema, respecto á súa estrutura externa, non ten un modelo estrutural tradicional, senón que é un exemplo de versolibrismo, presentando versos de diferentes tamaños. Por outra parte tampouco ten unha rima fixa, senón que algúns dos versos, teñen unha rima consoante e outros carecen de rima. En consecuencia, formalmente carece de composición estrófica.

páx. 12


Con respecto ao contido, a voz lírica do poema comeza na primeira estrofa cunha pequena descrición da cela do cárcere no que parece atoparse. E afirma que todo o que o rodea é de pedra. A continuación, desenvólvese unha enumeración dos obxectos que o rodean, elementos sinxelos, mínimos, pero que se detén na súa descrición: a fiestra de ferro, como a ollada, que tamén é de ferro, as cales posiblemente fagan referencia á imposibilidade de ollar o mundo de fóra do cárcere sen ser a través dos ferros que protexen a fiestra e, polo tanto, entorpecen, tapan, a ollada do eu lírico. Todo o poema fai referencia á dureza e á soidade que viviu o propio autor no cárcere e, por outra parte, nestes versos denúnciase tamén a situación na que se atopa o resto de sociedade, que está vivindo, como el, a posguerra, na que moitas persoas foron perseguidas, tiveron que exiliarse ou foron asasinadas polas súas ideas, polos seus ideais. Na penúltima parte do poema, fai referencia aos homes que fan que esta etapa da historia de España e de Galicia, sexa unha das peores que tivo o país. Dos que o eu poético afirma que teñen o corazón de pedra, xa que é inhumano todo o dano que están a causar os golpistas e o ditador. Finalmente, a voz lírica vólvese cara si mesma e expresa emocionada que, mentres todo iso pasa fóra do cárcere, porque toda a sociedade é un enorme cárcere, niso foi convertida pola ditadura; dentro do cárcere, de onde non sabe se vai a escapar algún día, séntese morrer. En conclusión vemos como o labor de moitos autores da época, entre eles Celso Emilio Ferreiro, foi clave para acabar coa censura exercida polo bando franquista. Seguramente, se estes homes non loitaran polos seus dereitos no seu momento, hoxe en día non viviríamos nunha sociedade democrática.

páx. 13


Eu en ti

Celso Emilio Ferreiro por Laura Nine

O poema obxecto de comentario pertence a Celso Emilio Ferreiro Míguez, escritor e político nado en Celanova. É un dos máximos expoñentes de poesía social en lingua galega, e foille dedicado o Día das Letras Galegas en 1989. O acontecemento histórico que máis influíu neste autor foi a Guerra Civil e, sobre todo a posterior ditadura que duraría até 1975. Foi esa unha situación de gran represión cultural e lingüística. Nesta etapa, cobra unha importancia vital para a supervivencia a actividade levada a cabo no exilio americano, pero xa a mediados do século XX prodúcese unha progresiva recuperación da actividade cultural e comezan a chegar os influxos das correntes sociais e filosóficas europeas. Eu en ti pertence ao conxunto de 31 poemas do autor co título de O soño sulagado. Onde teñen gran importancia a memoria da guerra, a situación que se vive no momento cando escribe os poemas e o amor. O último citado é o que sobresae na composición, máis concretamente a eternidade do amor. É un poema con título, cinco estrofas, con catro versos cada unha, agás a última que conta só con tres. As estrofas son moi simétricas, cada unha ten dous versos curtos nos extremos, e os dous centrais de maior extensión. Dita estrutura é a encargada de darlle ritmo ao poema, pero axúdase tamén doutros elementos como as anáforas presentes en todos os versos das primeiras catro estrofas (Eu xa te busquei- eu xa te procuréi) (cando o silenzo chamaba polas verbas- cando a lúa namoraba as outras cumes) (eu xa te namoraba- eu xa te chamaba). Polo xa comentado podemos relacionalo co neotrobadorismo, lembrándonos as súas estruturas as cantigas galego medievais, por ese refrán final, similar en todas.

páx. 14


Eu xa te busquei cando o mundo era unha pedra intaita. Cando as cousas buscaban os seus nomes, eu xa te buscaba.

Eu xa te procurei no comezo dos mares e das chairas. Cando Dios procuraba compañía eu xa te procuraba.

Eu xa te chamei cando soio a voz do vento soaba. Cando o silenzo chamaba polas verbas, eu xa te chamaba.

Eu xa te namorei cando o amor era unha folla branca. Cando a lúa namoraba as outas cumes, eu xa te namoraba.

Sempre, dende a neve dos tempos, eu, na túa ialma. O eu lírico do poema é un namorado en primeira persoa (eu busquei, procurei...), que dirixe as súas palabras á súa amada (unha segunda persoa: te, tú...). Quérelle facer saber que o amor que sente ben dado desde un pasado cada vez máis remoto. Emprega metáforas para irse alonxando en cada estrofa, un pouco máis do momento presente: pasa do momento onde non existía o paisaxe, a cando o mundo se creaba, cando tan só existía o vento, cando aínda ninguén vivira o amor e cando a lúa non iluminaba a terra, pois esta aínda non existía. Na última estrofa (a máis curta) do poema resalta esa atemporalidade, deixando a palabra “Sempre” ocupando ela soa un verso, e rompendo ademais cos paralelismos repetidos até este punto da composición.

páx. 15


O título do poema podemos relacionalo precisamente co final “Eu en ti”, “Eu, na túa ialma”, facendo referencia ao amor que sente por ela, a modo de conclusión resumindo todo o anterior. En conclusión, a voz poética busca o amor dende o principio dos tempos. Na miña opinión esa é a verdadeira importancia do poema, e non a atemporalidade do devandito amor. Pois o importante non é telo, senón buscalo, e nunca pensar que xa foi conseguido, logrado, porque os sentimentos é preciso alimentalos cada día, nunca o amor é para sempre, a non ser que se regue a semente.

páx. 16


Compromiso Celso Emilio Ferreiro por Iván Fernández Celso Emilio Ferreiro é un dos principais representantes da poesía social. Naceu en Celanova o 4 de xaneiro de 1912. A súa poesía comprometida foi moi importante na resistencia antifranquista. Os cantautores de Voces Ceibes divulgaron a súa poesía, axudando á súa popularización. A parte desta liña social presenta unha poesía de tipo intimista, nesta manifesta desacougo existencial, inconformismo, a fugacidade da vida, a saudade da infancia e a vivencia do amor. Outro tipo de poesía na obra deste autor é a de tipo satírica, esta última segue a tradición medieval das cantigas de escarnio. Estóu entre vós e de vós falo, homes. Non me importan as derradeiras modas nin os modos snob dos poetisos que proclaman o estrume por divisa. Eu canto dende dentro do meu pobo. Tido, metido, prometido, comprometido cos homes, meus irmáus, meus camaradas na loita pola libertá. Non me importa o que digan mañá os aduaneiros da poesía. Si un intre só conquiro darvos folgos co meu canto, ficaréi moi contente e non perciso máis nada.

páx. 17


O poema ten unha forma irregular, os seus versos poden ter dende dúas sílabas ata ser hendecasílabos, pasando da arte menor á maior. Está separado en dúas partes, se ben chama a tención o seu versolibrismo e o uso dunha rima absolutamente irregular, tanto asonante como consonante. A dúas partes do poema son ben diferentes entre elas, mesmo polo contido. A primeira semella unha introdución. A segunda é toda unha declaración de principios: o eu poético declárase un poeta comprometido co seu pobo, é un poeta social, forma parte do pobo, está entre a xente do seu pobo, é pobo. Apréciase xa dende o primeiro verso a posición do poeta, que se sitúa entre o pobo cunha actitude rebelde, animándoo e apoiándoo para que os homes do seu pobo loiten pola liberdade que lles pertence. Ademais, despreza os “poetisos”, aqueles escritores que non se ocupan de loitar pola liberdade, aqueles que non fan poesía social en tempos de ditadura, senón que só procuran publicar e vivir do seu oficio de poetas, de aí o despectivo “poetisos”. Tampouco lle importan ao eu poético as modas ou correntes literarias, pois a situación na que vive só lle permite preocuparse por unha cousa: a liberdade, o que máis falta nunha ditadura. A poesía é para o eu poético un instrumento ao servizo da loita social e política, un canto co que darlle forzas ao seu pobo, co que estimulalo á loita contra á ditadura. En conclusión, o poeta transmite o que el quere dunha maneira moi eficaz, case coma se dun manifesto ou proclama se tratase, xa que chama continuamente aos homes aos que se dirixe, ao pobo galego, que sempre será representado e protexido polo eu poético.

páx. 18


Prá mocedade Celso Emilio Ferreiro por Claudia González

Prá mocedade é un poema pertencente á obra de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos, publicada en 1968. Celso Emilio Ferreiro foi un autor nado en Celanova, foi a máxima figura da poesía social e politicamente comprometida ca cultura galega e coa loita antifranquista. Esta obra publicada tras exiliarse a Venezuela, é unha obra satírica de denuncia da acomodación de certos sectores da emigración galega en Venezuela. Celso Emilio Ferreiro marcha a América fuxindo da persecución do réxime franquista e acepta un posto no seo da Irmandade Galega de Caracas, se bem, posteriormente, comunicáselle a súa expulsión, dando lugar a un longo percorrido na procura de traballo, debido ao enfrontamento cos directivos da Irmandade. Algúns directivos da Irmandade chegan a filtrar a xornais galegos falsas novas e, como reacción, Celso Emilio publica a obra Viaxe ao país dos ananos. Tendes que alcender un facho de baril inconformismo. Non, non, diredes decote aos profesores de mitos que queren de contrabando pasar falsos paradisos.

Non, non, diredes arreo aos que van no seu machiño cabalgando moi contentos entre nubes de outimismo.

Non, non, debedes decir aos que minten por oficio. A verdá, soio a verdá da terra na que vivimos, labrada en berros de lume, nascida en berce cativo. A verdá, soio a verdá da terra na que nacimos.

páx. 19


Se nos fixamos na forma, atopamos unha rima asonante nos versos pares que proporciona un ritmo rápido e con movemento ao poema. É posible observar elementos característicos de Celso Emilio Ferreiro, como é o paralelismo, no comezo dos versos 3-7-11 na expresión “Non,non,”. Tamén é posible atopar elementos naturais como o lume, no verso 15, ou a terra, no verso 14, imaxes deformadas como “profesores de mitos” (verso 4). Como xa se indica no título a obra vai dirixida cara á mocidade (é a segunda persoa destinataria do poema). Atopámonos cun poema social, crítico, no que denuncia a necesidade do inconformismo. Nel predominan os sentimentos negativos fronte a necesidade de reimvindicación por parte da mocidade. Atendendo o contido do poema, pódense diferenciar claramente tres partes sinaladas por tres estrofas. Na primeira estrofa destacan os dous primeiros versos a modo de inicio, e na última estrofa os seis últimos versos semellando unha conclusión. Nos dous primeiros versos da primeira estrofa fai o chamamento á mocidade, esixíndolles aos máis novos que non sexan conformistas. Nos catro seguintes versos presenta o primeiro grupo social o que a mocidade debe dicir que non, aos profesores de mitos. Na segunda estrofa sinala o segundo grupo ao que debe dicir que non, eses que van no seu machiño cabalgando moi contentos. Finalmente, na terceira estrofa sinala o terceiro grupo ao que dicir que non, nos dous primeiros versos, eses que menten por oficio; posteriormente sinala que a verdade atópase na terra na que vivimos, na que nacemos. É dicir, a xente nova debe non atender os cantos de sereas do profesorado creadores de mitos, dos mentireiros nin dos que viven para encher o bandullo. Pode dicirse a modo de conclusión que Celso Emilio Ferreiro impulsa a mocidade a pensar por si mesma, sen atoparse influenciada por ningún terceiro. Incita a mocidade a reivindicar os seus dereitos ao “alcender ese facho de baril inconformismo” e que atope a súa verdade na propia terra, pois a emigración é un “falso paradiso”.

páx. 20


Deitado frente ao mar Celso Emilio Ferreiro por María Villanustre

Deitado frente ao mar é un dos poemas que compón o poemario de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962). Este poema foi musicalizado polo grupo Dios ke te crew en 2008 (aquí engado un enlace no que se pode escoitar a mencionada anteriormente: https://www.youtube.com/watch?v=KRfREFi3eqk). Da estrutura externa pódense destacar os versos de arte maior (11-12 sílabas) e a ausencia de rima, mais non de ritmo. Ademais do uso de algúns recursos literarios como a antítese (''doce mágoa'') e o paralelismo (''Non falo pra os...''). O tema principal no que se centra o poema é defensa tano da lingua como do pobo galego. Cunha voz atemporal, pois fala do presente (a voz poética) ao tempo que do pasado (referíndose aos devanceiros), nun espazo marítimo ao redor da cuestión migratoria. Na primeira parte do poema, do verso un ao dezaoito, conta por que fala galego (porque sí), a lingua proletaria, é dicir, a lingua da clase desfavorecida, oprimida. Unha lingua que foi pasando de xeración en xeración (''os devanceiros'', ''falar a fala nai''), a que se fala simplemente por ser a lingua propia. Na segunda parte, do verso dezanove ao trinta, explica a quen se dirixe e fala para aqueles aos que lles pertence a mesma lingua (''falo pra os que agoantan rexamente'', ''tódolos que sofren neste mundo''), isto é, o proletario. Ao final do poema, do verso trinta e un ao trinta e catro, fai referencia á emigración, a como a xente tiña que parir da súa terra, viaxando por mar cara a outro continente (''Galicia, doce mágoa das Españas,/deitada frente ao mar, ise camiño...''). Ademais, podemos apreciar como Celso Emilio pecha o poema nunha estructura circular ao empregar o título do mesmo no último verso (''deitado frente ao mar''). Neste poema Celso Emilio Ferreiro manifesta a súa defensa de Galicia ao tempo que expresa as penas do pobo oprimido na propia terra e eda xente que se ve obrigada a emigrar.

páx. 21


Lingoa proletaria do meu pobo eu fáloa porque sí, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gaña porque me sai de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue ao ver tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sin raíces que ao pór a garabata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros, falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta e quero estar cos meus, coa xente miña, perto dos homes bos que sofren longo unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios, non falo pra os ruís e poderosos non falo pra os finchados, non falo pra os estúpidos, non falo pra os valeiros, que falo pra os que agoantan rexamente mentiras e inxusticias de cotío; pra os que súan e choran un pranto cotidián de volvoretas, de lume e vento sobre os ollos núos. Eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña, berce da miña estirpe, Galicia, doce mágoa das Españas, deitada rente ao mar, ise camiño... páx. 22


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.