Xanela 2009

Page 47

XANELA

Feliz no teu día

Suso de Toro

- Pasa, Carlos, pasa. Quita a chaqueta, trae, trae. Estou morto de curiosidade por saber que é iso tan importante que me tes que dicir. Pasa, pasa á sala, que xa teño un café preparado. ¿Ou prefires un té? - Non, gracias. Un café xa me vale. - Ben, ben. Senta aí que é moi cómodo. Cómo o tomas, só ou con leite? - Un chisquiño de leite, por favor. - Como non. Bota ti o azucre. - Supoño que quererás saber que é o que che teño que dicir. - Pois si. Estou que morro de ganas. Non me dirás que me ofrecedes entrar na Academia… - He, he. Non, home. Algo mellor. - ¿Mellor? Non sei, mellor imposible. Xa sabes que o meu soño é ser académico. Ser un de vós, coma vós. - Hai honores máis altos. ¿Qué che parece se che digo que pensamos adicarche o Día das Letras galegas deste ano? ¿Non che fai ilusión? ¿Por que pos esa cara? - É un honor que nin soñaría. ¿Pero non está reservado aos mortos exclusivamente? - Si. Precisamente diso che quería falar. - Non entendo. - Verás, é doado de entender. Nós precisamos renovar o asunto este das “Letras Galegas”. Meter sangue novo, buscar a actualidade, a noticia. Ti es un home aínda novo. ¿Tes corenta e tres anos, non? - E catro. - Vale. Pois con corenta e catro anos xa tes unha obra bastante acabada. Tres libros de poemas. A un deles déronlle o premio “Esquío”, ¿non? - Si. A “Paseniño morre a noite”. Hai cinco anos.

47

- Efectivamente. E tes un libro de contos e unha novela que gañou o premio “Blanco Amor”. - Si. “A pegada dunha dúbida”. - Efectivamente. Así que nós valoramos que tiñas méritos abondos para adicarche o “Día”. - Xa, pero hai o detalle de que eu aínda estou vivo. - Si, claro. Efectivamente falta esa formalidade, pero xa sabes que o que algo quere algo lle custa. Precisamente teño aquí un frasquiño que contén un produto que, sen dor algunha, proporciona un apacible pasamento. Xa me entendes. Non lle teñas medo, non doe. Claro que se prefires unha pistola e unha bala como Larra tamén podemos… - Mira, non che pareza mal pero eu preferiría agardar uns aniños. Aínda son novo. - Pero home, eu estou a falarche da inmortalidade. ¿Ti estás seguro do que se vai dicir da túa obra dentro de oito anos ou vinte? ¿E cando morras? ¿Sabes se se vai acordar alguén dos teus libros? En cambio, se morres agora, en pleno pulo creador… Mira para Manoel Antonio. Ademais que nós xa te consagramos no momento. Pasas á Historia. Imaxina os títulos dos xornais, “Este ano o día das Letras adicado a Francisco Puga”


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.