XANELA
editorial
a
brimos de novo esta XANELA para compartir con todos vós unha serie de traballos de creación literaria e artística, de investigación e de divulgación que alumnos e alumnas do noso IES foron facendo ao longo do presente curso. Nada máis que asomarnos podemos ler unha interesante entrevista que, en exclusiva, nos ofreceu o escritor Agustín Fernández Paz, flamante Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Como non podía ser doutro xeito reservamos un espazo importante a Ramón Piñeiro, escritor ao cal se lle adica este ano o Día das Letras Galegas; un dobre traballo adéntranos na súa vida e na súa obra: un baseado nuns cartaces que se fixeron por iniciativa do ENDL e do Departamento de Educación Plástica e Visual e outro a través dun cómic feito por dous alumnos de 1º C. Non esquecemos este ano o bicentenario do naturalista inglés Charles Darwin. Seguimos presentando destacados artistas da comarca en Xentes do Barbanza, este ano co fotógrafo Martín Casanova. En O Espello das Verbas, ademais da colaboración especial do escritor e profesor Agustín Agra, introducimos dous textos de Sechu Sende e Suso de Toro. Unha breve reportaxe sobre a parroquia de Cespón tenta darlle continuidade á sección iniciada no número
pasado con Nacemento dun Concello: Boiro. Non podían faltar os mellores traballos premiados nos concursos artísticos e literarios que se convocaron no instituto. Por suposto que a Biblioteca ten unhas interesantes páxinas. As festas de carácter popular que celebramos tiñan que ter o seu espazo: o magosto e o entroido. Ademais de publicar noticias e outros acontecementos que se foron desenvolvendo ao longo do curso. E como non!, non nos podíamos esquecer da nosa querida Loli, que este curso “colga o xiz” para dedicarse en corpo e alma a outros praceres da vida, ben merecidos por certo. Todo isto fixémolo coa luz que desprende o facho da nosa lingua, esteo imperecedoiro da nosa cultura. Esa lingua que tenta resistir estoicamente os vendavais que tratan de derrubala. Esa lingua que moitas veces ao longo da súa historia foi agredida, e que algúns tratan de presentala como agresora. Esa lingua que é o patrimonio máis importante que herdamos dos nosos devanceiros Esa lingua a que todos os galegos debemos manter viva, aínda que só sexa pola dignidade colectiva dun pobo que debe manter a súa identidade se quere, de verdade, ser universal. 1