THE MUROS TIMES - Nº 2 - MAIO - 2013

Page 28

O SEÑOR FACUNDO ALCUMADO “COLLÓN”, E OS RAPACIÑOS CANTORES Permitídenos que acheguemos un relato que non é noso, pero que si é dun muradán que, a pesar de ter vivido a meirande parte da súa vida afastado de Muros, nunca tivo á Vila lonxe do corazón. -José María García Rodríguez, naceu en Muros e residiu durante moitos anos en San Juan de Puerto Rico. Foi escritor, xuíz e diplomático. Estudou dereito en Deusto e Valladolid e exerceu como xuíz en diversas cidades españolas. Foi Canciller do Consulado de España en República Dominicana e en Puerto Rico.Ahí vai o conto: “O señor Facundo estaba casado coa señora Merexilda. Tiñan unha tendiña que se achegaba a taberna. En fronte deles vivían as Rulas; unha vella, súa nora e un rapaciño, neto da primeira e fillo da segunda. O señor Facundo e a señora Merexilda tamén eran vellos. El regordecho. Ela fraquiña; o pelexo da cara engurrado, guedellas brancas e os ollos negros. Ben puidera asemellarse a unha bruxa. As Rulas dicían que o era. E non entraban nin saían da casa, sen ter moito coidado en darlle o cu a porta da tenda dos seus veciños. A máis de facerlle a figa. A figa sabedes que non son os corniños. Os cornos danse, endereitando na man o furabolos e o dedo meñique e recollendo os outros dous. -Toma, toma, cornos para ti, dicían as mulleres ao berrar. E batían as dúas mans cos cornos dados. A figa faise cos dedos pechados nun puño e metido o gordo entre o furabolos e o maior. Esa é a figa que lle facían as Rulas a señora Merexilda, que andaba por elo queimada, frixida e refrixida coa rabia. Case que doente. Un pouquiño mais alá tiña a súa casa don Santiago Loxo, cos seus soportais. Embaixo deles protexíanse os rapaces e poñianse a cantar: Collín, collín, collín, toxos e flores en pensamé e pensamé, e pensamentos, palá, palá, palabras amorosas que leva o ve, que leva o ve, que leva o vento. Ai quéreme, Maruxa, quéreme, que che vai ben, chas, pun!

O señor cura de Esteiro ten a camisa rachada, que a rachou na silveira ao correr tras a criada... Ai quéreme, Maruxa, quéreme, que che vai ben, chas, pun! E unha volta e outra, E máis os días de chuvia. O señor facundo, que se enrabechaba que o levaba o demo co alcume que lle tiñan, dende que comezaba a oír iso de "collín, collín, collín toxos e flores..." poñía unha cadeira na porta da tenda, enriba dela unha bulsa chea de croios e pelouros, e nas mans ou na faldriqueira as pesas da libra, media libra e tres cuartos. E esperaba. porque aqueles condenados dos rapaces cantores, máis cedo ou máis tarde, finaban cambiando a letra do cantariño. E ouvíase un "collón, collón, collón toxos e flores..." tan fortemente berrado que até no inferno, o mesmo Arrenégote o escoitaría. O señor Facundo a súa vez, berráballes nun castelán severo e hiperbólico:

The Muros Times


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.