MARCO Memoria anual 2004

Page 26

A INSTITUCIÓN

Unha biblioteca especializada Unha das funcións do centro de documentación dun museo é rentabilizar os recursos humanos e cognitivos que se invisten nas exposicións converténdoos en información estable e recuperable. A maior parte dos contidos da biblioteca que se ven de inaugurar proceden da propia sinerxía do MARCO como centro de arte: a documentación que chega aos departamentos, as doazóns de múltiples artistas que teñen participado nas exposicións, e sobre todo, o intercambio con outras institucións da información que xera a actividade expositiva e que se recolle nos nosos catálogos. Dado que moitas das nosas exposicións foron verdadeiros traballos de investigación, este sistema está a dar grandes resultados. Por outra banda a biblioteca é unha ferramenta básica para os conservadores do museo, efectuando buscas bibliográficas relacionadas cos programas en curso. Este traballo tamén se concentra nas necesidades do público xeral e dos investigadores externos, para o cal levamos a cabo exposicións bibliográficas relacionadas coas actividades expositivas, como foi o caso, en novembro e decembro de 2004, da exposición sobre as coleccións dos FRAC (Fondos Rexionais de Arte Contemporánea en Francia), realizada co gallo da exposición O ESTADO DAS COUSAS. O obxectivo é procurar que as exposicións sexan unha fonte de enriquecemento cultural para a cidade, constituíndo, á beira das propias publicacións do museo, un fondo documental permanente, unha vez que a exposición, como evento, teña cumprido a súa duración temporal. Se ben a especialización da nosa biblioteca derívase directamente do proxecto museístico do MARCO, non esquecemos que, como servizo educador e divulgador, debemos proporcionar unha visión global tocante aos fundamentos do feito artístico e dos distintos eidos da creación contemporánea. Para isto temos fixemos unha rigorosa selección para crear un fondo xeral de teoría da arte, historia da arte contemporánea e dos movementos artísticos, fotografía, cine, deseño e novos medios, prestando gran atención a temas de máis candente actualidade como son as relacións entre arte e tecnoloxía, arte e xénero, teoría da comunicación e a imaxe. No campo da arte e o pensamento contemporáneos as publicacións periódicas son unha das principais fontes de información, xa que moitas áreas non contan coa óptima cobertura editorial debido á súa inmediatez. Na nosa hemeroteca pódense consultar revistas de actualidade artística, publicacións de museos, de teoría da arte, de deseño, cine, new media, revistas experimentais e de autor: unha selección de 53 títulos que nos informan da arte internacional do presente. A sección de hemeroteca é unha das máis consultadas polos nosos usuarios. A sala de lectura conta con tres equipos informáticos coa finalidade de facilitar as buscas concretas por autor ou por materia a través do interface de usuario do programa de catalogación, aínda que as persoas que queiran buscar directamente nos estantes poden facelo. Estes equipos tamén se destinan á reprodución de soportes multimedia e á navegación web dentro dos campos relacionados con este servizo que son a arte e a cultura contemporáneas. Ademais existen dúas salas anexas, específicas para o visionado de audiovisuais, que poden ser utilizadas cada una delas por dous usuarios.

MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO MARCO | 25


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.