

Como o Osiño e o Ourizo limpaban as estrelas

Ía xa para un mes que o Ourizo gabeaba todas as noites por un piñeiro e limpaba as estrelas.
«Se non limpo as estrelas cada noite, seguro que desaparecerán», pensaba el. E, desde pola mañanciña, saía da casa, facía unha vasoira de xestas para sacudir o po das estrelas e lavaba o pano. Como só tiña un pano, lavábao e colgábao a secar no piñeiro todas as mañás.
Tras rematar cos preparativos, o Ourizo xantaba e deitábase a durmir.
Espertaba cando xa todo estaba cuberto de resío. Despois de cear, cunha pata collía o pano e, coa outra, a vasoira, e de póla en póla subía paseniño ao bico do piñeiro.
Aquí comezaba o máis importante.
Primeiro tiña que lles quitar o po coa vasoira, pero con moito coidado para que non lle caesen do ceo. Despois, tiña que pasar a vasoira á pata esquerda e coller o pano coa dereita, para darlles lustre ás estrelas. Era un traballo moi minucioso que lle levaba toda a noite.
–E que podemos facer? –murmuraba o Ourizo, falando para si no bico do piñeiro–. Se o Osiño non limpa as estrelas e eu tampouco as limpo, quen as vai limpar?
Nese momento, o Osiño estaba sentado no bico do piñeiro que había ao lado da súa casa, e limpaba tamén as estrelas e pensaba: «É incríbel a boa idea que tivo o Ourizo! Pois, se ao Ourizo non se lle ocorrese limpar as estrelas, xa habería tempo que ninguén as podería ver. Por aí estou vendo unha chea de po…».
Soprou na estrela e refregouna co pano…
O Osiño esmerábase, pero non sempre lle saía tan ben como ao Ourizo.
E, se do ceo caía unha estrela, todos no bosque sabían que o Osiño a tirara sen querer.

