

animal O sono
Preguntácheste algunha vez para que durmimos?
Durmir é unha actividade (ou unha inactividade?) que ocupa gran parte da nosa vida. Se calculamos que as persoas durmimos de media unhas oito horas ao día, poderiamos dicir que, ao chegar aos cincuenta anos, levaremos durmido case dezasete! Isto é, máis dun terzo da nosa vida.
Podemos intuír que algo ao que lle dedicamos tanto tempo debería ter funcións moi importantes. E así é. Durmir axúdanos en tarefas vitais como conservar a nosa enerxía, fixar a memoria, favorecer o bo funcionamento do noso cerebro e tamén o das defensas.
A privación de sono é, de feito, unha das cousas máis desagradables que nos pode acontecer. Ademais de poñernos de mal humor e causarnos estrés, en casos prolongados pode provocarnos enfermidades. Así, coidar as nosas horas de sono é vital para estarmos saudables, poder aprender e desenvolver a nosa vida.
Que é o sono?
As e os científicos definen o sono como un estado de inmobilidade que pode reverterse rapidamente ao espertar. Cando durmimos, adoptamos unha postura do corpo típica e tardamos máis en responder aos estímulos externos, por exemplo, a un ruído estraño.
A medias En grupo Vertical Á luz do sol
Un hemisferio cerebral dorme, mentres o outro continúa coas súas funcións.
Congréganse para estaren a salvo do frío e dos depredadores.
Dormen de pé para manteren a súa temperatura ou escapar ante os perigos.
Descansan durante o día e realizan as súas actividades pola noite.
O noso cerebro durmido funciona de xeito diferente a cando está esperto, e vai pasando por ciclos de sono que se repiten durante a noite. O sono é moi complexo de estudar e, por este motivo, coñecemos mellor como durmimos as persoas que como o fai o resto da natureza.
Pero como durmirán outros animais?
Durmiremos todos da mesma maneira?
Durmir non é unha cuestión tan sinxela para os animais salvaxes. A súa vida está repleta de incerteza, e durmir pode ser, ás veces, arriscado. O clima, os depredadores, os ciclos de vida, a dispoñibilidade de alimento e os lugares onde habitan contribuíron ao
desenvolvemento dunha gran variedade de formas de descanso. Ademais, os cerebros dos animais, os seus sistemas nerviosos e as súas maneiras de percibir o mundo son moi diversos. E, polo tanto, tamén o son as súas formas de funcionar e de durmir.
Como durmirán os animais que voan durante días cruzando océanos e continentes? Ou aqueles que poden ser devorados se non están atentos? Ou os que dormen baixo a auga e deben saír á superficie para respirar?
Neste libro, entenderemos o sono como unha forma de descanso tan diversa como a natureza mesma! Un sono cheo de suspense, sorpresas e rarezas. Un sono animal!
Estacional Descanso floral Baixo a auga Nun niño
Entran en repouso prolongado para gardaren enerxías en condicións extremas.
Fan das flores o seu refuxio, fonte de alimento e lugar de descanso.
Casulos, area e corais son o acubillo perfecto para estes animais acuáticos.
Preparan cálidos niños que lles brindan protección fronte ás ameazas.
Fragata peláxica (Fregata minor)
Durante o seu voo sobre o océano Pacífico ao longo de máis de dez días seguidos, a fragata peláxica debe estar moi atenta ao que acontece ao seu redor. Suspendida voando, pode durmir uns intres e unicamente coa metade do seu cerebro. Cun ollo aberto, apunta cara ao seu destino para así non perder o rumbo.

A medias
Anatureza encontrou algunhas solucións para afrontar estes tremendos desafíos do sono. Algúns animais poden durmir coa metade do seu cerebro, isto é, mentres un lado do cerebro descansa, o outro queda en estado activo. Desta maneira, o animal pode realizar tarefas como voar ou saír da auga para respirar. As dúas metades do cerebro van aquendándose para que ambas reciban os beneficios de durmir. Mesmo algúns poden manter un ollo aberto e así controlar os posibles perigos. Este tipo de sono chámase unihemisférico e é común en mamíferos mariños e aves.
Como farías se tiveses que durmir mentres cruzas o océano voando?
Arroaz (Tursiops truncatus)
Dorme doce horas e é capaz de facelo coa metade do cerebro, mentres nada en grupo baixo o mar. Ás veces, pode deixar un ollo aberto para vixiar a contorna e manterse unido ao resto da manda. Así, medio durmido, medio esperto, sae de cando en vez á superficie para respirar.

Guaracava de crista branca (Elaenia albiceps)


Esta pequena ave é, en realidade, unha fabulosa viaxeira. Cada ano cruza o continente suramericano de norte a sur e de sur a norte, na busca de temperaturas cálidas. Para descansar, pecha un ollo e deixa o outro aberto en estado de alerta.
Oso do mar (Callorhinus ursinus)
Para durmir, flota na superficie coa cabeza fóra da auga. Unha das súas aletas funciona como remo grazas á actividade da metade do cerebro que se encontra esperta. Desta maneira, o oso do mar non se afunde e mantén a calor corporal.
Lontra mariña (Enhydra lutris)
Dorme aboiando nas frías augas da costa do Pacífico norte. Para non separarse, os membros dunha mesma familia cóllense da man. As crías adoitan durmir sobre as nais e, cando elas van procurar alimento, enrólanas nas longas algas para evitar que as leve a corrente.

En grupo
Durmiches algunha vez cos teus pais, coas túas irmás ou irmáns?
Durmir en grupo pode ser reconfortante cando temos frío, medo ou estamos tristes. Fainos sentir a salvo. Algúns animais dormen en grupo para manteren a calor ou para defenderse dos seus depredadores. Así, acurrunchados uns cos outros, séntense protexidos e resgardados. Uns descansan en tobos baixo terra, outros flotan sobre a auga e outros mesmo se xuntan nunha cova. En grupo, todo é posible!
