lotta g - Astrid Lindgren / Beatrice Alemagna

Page 1

8

Lotta é moi infantil

O meu irmán chámase Xonás, eu Mía-María e a nosa irmá pequena chámase Lotta e ten só catro anos. Papá di que antes de haber nenos na casa todo estaba moi tranquilo, pero agora hai moito balbordo. O meu irmán naceu antes ca min e papá di que daquela xa comezou a haber barullo na casa, foi tan pronto como Xonás medrou o suficiente para dar golpes co axóuxere no bordo da cama cando papá quería durmir algo máis os domingos pola mañá. Pouco a pouco, Xonás foi facendo cada vez máis barullo. Por iso papá lle chama Rebuldón. A min chámame Rebuldela. Aínda que eu non armo tanto barullo coma Xonás. Logo tivemos outra irmá, Lotta. Papá chámalle Fervelliño, pero non sei por que. Mamá chámanos polos nosos nomes:

Xonás, María e Lotta. Así e todo, ás veces dime MíaMaría, e tamén Xonás e Lotta o fan.

Vivimos nunha casa amarela nunha rúa pequena que se chama rúa dos Oleiros.

9

–Talvez noutros tempos viviron oleiros nesta rúa, pero agora só hai nenos e nenas algareiros por aquí –di o noso pai–. Vai ser mellor que lle chamemos doutra maneira: rúa Algareira.

Lotta anóxase porque non é tan maior coma Xonás e coma min. A nós déixannos ir sós ata a praza da vila, pero Lotta non pode. Os sábados imos á praza e mercamos caramelos onda as señoriñas que hai alí, e tamén lle traemos algúns para Lotta.

10

Un sábado que chovía moitísimo, case non puidemos ir á praza, pero papá deixounos o seu paraugas grande e fomos e mercamos caramelos vermellos. Volvemos á casa baixo o paraugas comendo caramelos e pasámolo moi ben. Lotta non puido saír sequera ao xardín nin unha vez porque chovía moito.

–Por que ten que chover así? –preguntou Lotta.

–Para que medre o centeo e as patacas e poidamos ter comida –contestoulle mamá.

–Entón por que chove na praza? –dixo Xonás–. É para que medren os caramelos?

11
12

Mamá botouse a rir.

Á noitiña, cando fomos para a cama Xonás díxome:

–Mía-María, cando vaiamos á casa dos avós, en lugar de plantar cenorias na horta, podemos plantar caramelos, que é moito mellor.

–Si, aínda que as cenorias son boas para os dentes –díxenlle–. Podemos regar coa regadeira verde. Os caramelos, digo.

Púxenme moi contenta ao lembrar a miña regadeira verde que teño na casa dos avós na aldea. Está nun andel no soto.

Sempre imos á casa dos avós no verán.

Sabedes o que fixo Lotta unha vez na casa dos avós? Detrás das cortes hai unha esterqueira grande onde o señor Johansson colle o esterco para botar nas leiras.

–Para que serve o esterco? –preguntou Lotta. Papá contestoulle que todo medraba mellor se lle botaban esterco enriba.

–Tamén fai falta chuvia –dixo Lotta ao lembrar o que dixera mamá aquel sábado que chovera tanto.

–Xusto –dixo papá.

Pola tarde comezou a chover.

13

–Alguén viu a Lotta por aí? –preguntou papá. Había xa tempo que non a viamos e comezamos a buscala. Primeiro miramos en todas as partes da casa e nos armarios, pero non había nin rastro de Lotta. Papá púxose nervioso porque lle prometera a mamá coidar dela. Logo, Xonás, papá e mais eu saímos fóra para ir na súa procura e miramos no alpendre, na palleira e por todas partes.

Despois fomos detrás das cortes e alí estaba Lotta baixo a chuvia e no medio da esterqueira, toda enchoupada.

–Lotta, meu ben, que fas aí? –preguntou papá.

Lotta botouse a chorar e dixo:

–Quero medrar e ser grande coma Xonás e Mía-María.

Que infantil é Lotta!

14
15

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.