Page 1


I

FOGONAZO


And death shall have no dominion. E a morte non terรก dominio. Dylan Thomas


Coma se caera unha pedra no centro do mundo e o seu eco se sentira máis aló dos sentidos. Coma se un xesto dun antepasado meu de súpeto volvera á existencia a engrandecela anulando o tempo e tódalas campás tocasen a vida nos altos campanarios do sangue. Coma se o mundo caera no centro dunha pedra e o seu sentido se sentira máis aló do eco e a poesía perdera o coñecemento nos brazos do amor. Coma se de súpeto eu fose máis humana e por iso entendera a débil constitución da mente que treme coma unha avelaíña ante unha bombilla de 40 vatios. Igual que se caera un pozo no centro de min e o fogonazo que produce un milímetro de vida me propulsase ao centro dun milímetro de min caendo nun pozo tan só porque unha diminuta esfera grandiosa se me está a formar dentro

15


e os meus tímpanos imperfectos non poden oír aínda a súa rotación ao redor do bosque de cromosomas. Coma se Deméter amarrada ás miñas entrañas arrastrase coa grade do amor a Perséfone á superficie e a primavera vencese para sempre e o Inferno xa non terá dominio e o Inferno xa non terá dominio. Porque un rabaño de lobos te pasean ao lombo do meu ventre eu son un omphalos só no medio do universo facéndote feliz criatura. Coma se caera unha pedra no centro do mundo retumba toda a miña materia individual a conciencia astral da persoa que se asoma a un fogonazo e ve máis a poder de luz que de sombra.

16


Porque vou en min catapultada a un misterio coma un pole transportado por abellas á matriz da existencia absorta no quietismo absoluto de todo canto se move. Déitome sobre a herba da aira pensando en Mitrídates rei do Ponto no labirinto de Borges na Dánae de Klimt e no ciclón somático que é o meu soño. E así sentada agarrada ás arandelas da miña córnea contemplas só o profundo e báteche o corazón por primeira vez coma se caera unha pedra no centro do mundo.

17


II

POESÍA EN POSICIÓN FETAL

Para Xosé Maceda, concibindo contigo a Feliz Idade.


In chaos, there is fertility. No caos hai fertilidade. AnaĂŻs Nin


ANUNCIACIÓN dun milímetro de vida A ti non veu anunciarte ningún anxo de pan de ouro non nin tiña eu a fermosura febril dunha virxe nin fun atravesada pola linguaxe flamíxera dun mandato divino nin descendeu sobre min a graza coma un canon de contratenores que podería rebentarme coma un cristal a alma se a tivera... Non. Eu só entrei cos meus pequenos poros na solemnidade do amor e agarrada a unha raíz milenaria desexei que te enroscases aos enxertos do pracer e medrases coma unha planta carnívora de min. Non te anunciaron trompetas celestes non falaron de ti os profetas porque tería que retorcérselles a lingua cara atrás onde o padal regresa á vogal primeira e aí dicirte a ti

21


tan extraordinariamente humana tan grandiosamente pequeniña que inda ningún idioma ten palabra do teu tamaño. Agás o paxaro que te albiscou en pleno voo cando te concibimos e sabía que un milagre cotián estaba a producirse nos condutos entre a súa epiglote e o meu óvulo. Ah e agora que teño dous corazóns vou saber por fin como latexa un leiro en primavera cando rompe a herba e tódalas substancias subterráneas poñen a funcionar a poesía de verdade os seus ventrículos que non se ven o sistema circulatorio da rima interna tan profunda coma o corazón do tubérculo agora que teño dous corazóns. A ti non veu anunciarte ningún anxo de pan de ouro non a ti non te anunciou ningún ser inefable e infeliz que aterece ao amencer coas ás molladas pola chuvia do limbo.

22


A ti anuncioute a harmonía humilde dunha gota de esperma entrando no limiar mortal da música e uníndose para sempre ao silencio dun angazo que peitea a palla do que xa non existe uníndose para sempre a todo canto fomos por amor ao que eramos porque un milímetro de vida abonda para saber que un milímetro de vida abonda para que continúe a vida. A ti non veu anunciarte ningún anxo de pan de ouro.

23


Profile for kalandraka.com

Feliz Idade G - Olga Novo  

Kalandraka. Faktoría K de Libros. Colección Tambo. Galego

Feliz Idade G - Olga Novo  

Kalandraka. Faktoría K de Libros. Colección Tambo. Galego