Skip to main content

menstruacion-en-marcha-G

Page 1

4


Disto si se fala! A CHEGADA DA MENSTRUACIÓN é un dos moitos cambios que suceden na puberdade. Eses cambios relaciónanse coa túa idade, pero tamén cos teus xenes, co lugar en que vives, con como o fas, co que comes e coas actividades que realizas. Algúns deles serán comúns a case todos os teus amigos e amigas e outros sucederanlles só a algúns: medrar moito en altura, que saian pelos en partes do corpo onde antes non había, ter novas sensacións e moitos outros. Como con calquera asunto, á hora de compartir información, preguntas, dúbidas e temores é mellor facelo con algunha persoa con quen teñas confianza e saibas que te escoita e que te entende. Conversar con quen está a atravesar o mesmo momento da vida é unha grande oportunidade para aprender. Compartir experiencias, coñecementos e referencias, aínda que non sexan as mesmas nin esteas sempre de acordo, é unha maneira de ir formando as túas opinións e tomando as túas propias decisións, máis alá do que o resto faga ou diga. Outras veces pode resultar enriquecedor falar cos teus familiares, docentes, profesionais da saúde e outras persoas adultas. Poderás aproveitar a súa guía e a súa experiencia. É probable que non queiras falar de todas as cousas coas mesmas persoas e que vaias escollendo con quen facelo en cada caso. A idea deste libro é acompañarte nesta etapa tan importante e axudarche a entender algunhas das túas vivencias e a descubrir a forma en que che resulta mellor pensalas e experimentalas.

Vamos alá!

5


Que é a menstruación? A MENSTRUACIÓN É UN SANGRADO que se produce

periodicamente. En xeral, dura entre 3 e 7 días, orixínase no útero e sae pola vaxina. A primeira vez, chamada menarquía, adoita ocorrer entre os 9 e os 15 anos. Chámaselle ciclo menstrual ao proceso que se dá entre o primeiro día dunha menstruación e o primeiro día da seguinte. Cóntase como primeiro día do ciclo o día en que comeza o sangrado. Os ciclos adoitan durar entre 21 e 35 días, e repítense aproximadamente ata os 50 anos. En moitos casos, durante os primeiros anos de menstruación os ciclos son máis irregulares. Isto quere dicir que algunhas veces duran máis tempo e outras menos.

Sabías que…? As persoas que menstrúan poden ter entre 450 e 500 ciclos ao longo da súa vida. Isto daría un total de case 20 litros de sangue!

TRABALLO DE CAMPO

6

A experimentar! Pídelle a unha persoa máis vella que che conte como foi a súa primeira menstruación e convida as túas amigas e amigos a que fagan o mesmo. Comparade as historias: hai experiencias similares? Como se sentiron?


7


Que teñen que ver as hormonas coa menstruación? AS HORMONAS SON SUBSTANCIAS QUÍMICAS producidas polo corpo

que inflúen en diferentes procesos físicos. Por exemplo, a insulina regula a cantidade de azucre que hai no sangue e a melatonina dá sensación de sono e indica cando é hora de durmir. E que teñen que ver as hormonas coa menstruación? O ciclo menstrual ten lugar nun conxunto de órganos conectados: os ovarios, as trompas uterinas, o útero e a vaxina. Nos ovarios hai milleiros de células, chamadas óvulos, que están alí dende o nacemento. Nun momento da vida, o cerebro comeza a producir dúas hormonas, a FSH e a LH, que son fundamentais para a posta en marcha dos ciclos. A FSH, que é a que desencadea o circuíto, estimula o crecemento dos óvulos. Cando un óvulo (ou varios) completa o seu crecemento, a LH entra en acción e envía unha mensaxe que provoca que o óvulo saia cara a unha das trompas. O ovario, pola súa parte, libera outra hormona, a proxesterona, que fai que a parede interna do útero, o endometrio, se volva máis grosa. Logo de varios días, a proxesterona diminúe e isto fai que o endometrio se desprenda e saia pola vaxina xunto co sangue que foi necesario para facelo crecer e mais o ou os óvulos que liberou o ovario. Iso é a menstruación!

Sabías que…? Ao longo de todo o ciclo pode haber secrecións de fluídos con distintas consistencias e cores, que se engloban baixo o nome de fluxo. En particular, durante a ovulación pode aparecer un fluxo transparente e espeso que se estira como un moco.

8


O ENDOMETRIO DESPRÉNDESE E SAE POLA VAXINA

EN FORMA DE MENSTRUACIÓN

FASE FOLICULAR:

O ENDOMETRIO COMEZA A

ENGROSAR POUCO A POUCO

FASE LÚTEA: O ENDOMETRIO,

QUE SEGUIU CRECENDO, XA É UNHA PAREDE ESPONXOSA

OVULACIÓN: DUN DOS OVARIOS

SAEN UN OU MÁIS ÓVULOS

9


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
menstruacion-en-marcha-G by kalandraka.com - Issuu