Comezar polo neno G - Mario Lodi

Page 1

PREÁMBULO

Nestes últimos anos, tras a publicación do diario didáctico Il paese sbagliato,7 recibín moitas cartas, sobre todo de estudantes, mestres, pais e axentes culturais e sociais que, co fin de afondar na problemática educativa exposta no libro, querían ler outras publicacións, artigos, ensaios, tanto didáctico-pedagóxicos coma teóricos. A demanda segue vixente e intensifícase coincidindo cos exames de oposición e os cursos de capacitación docente. Para satisfacer tal esixencia de documentación, aceptei a proposta de recompilar nun volume boa parte do que publiquei dende 1970 até a actualidade en xornais, revistas e outros medios de comunicación cultural. Non se incluíron aquí artigos que abundan en conceptos e temas tratados de maneira máis extensa noutros lugares, pois xulguei apropiado alixeirar o libro, eliminando en parte esa superposición. Non cabe dúbida de que aínda quedan repeticións e duplicidades debidas aos diferentes destinos dos artigos e á súa estrutura, pero coido que poden resultar de utilidade para abordar un problema dende diferentes puntos de vista. En troques, si decidín manter aqueles traballos que recollen enfoques que hoxe se consideran obsoletos, para darlle a todo o mundo –eu incluído– a oportunidade de revisar criticamente o proceso da problemática educativa no marco político da realidade italiana en evolución.

7 Este diario de vida escolar nunha contorna rural do norte de Italia foi traducido en 1973 ao español co título El país errado, Barcelona, Laia. (N. de E.)

13

PARTE I A VELLA ESCOLA QUE HAI QUE TRANSFORMAR

As dúas escolas8

Nestes últimos tempos, cando participo en encontros de base con debate, decateime de que Diario di un maestro, o telefilme realizado por De Seta a partir do libro de Bernardini Un ano en Pietralata,9 e que contou con altísimos índices de audiencia, deixou pegada. Para moitos, sobre todo pais do rural con fillos

8 Artigo publicado en Paese Sera o 16 de maio de 1973. (N. de E. orix.)

9 Refírese ao telefilme dirixido por Vittorio De Seta (Palermo, 1923-Sellia Marina, 2011) en 1971 a partir do libro de Albino Bernardini (Siniscola, 1917-Bagni di Tivoli, 2015) Un anno a Pietralata (1968). De Seta realizou ao longo dun ano un traballo preliminar de investigación e despois rodou durante catro meses nunha escola popular romana situada no barrio Tiburtino III, onde a maioría do alumnado descendía de inmigrantes proletarios. O filme incorpora a posta en práctica dun programa alternativo baseado nos preceptos da «nova escola» de Célestin Freinet e explora as posibilidades emancipadoras do alumnado, o cal improvisaba as escenas a partir dunha ficción escrita día a día por De Seta en colaboración co pedagogo Francesco Tonucci. O modelo proposto testemuña a inclusión a partir da escoita e a toma de conciencia das capacidades propias. O filme emitiuse na televisión italiana en 1973, foi visto por máis de vinte millóns de espectadores e suscitou un debate nacional arredor do sistema de ensino público. O libro foi traducido ao español: Bernardini, A., Diario de un maestro. Un año en Pietralata. Barcelona: Fontanella, 1974. (N. da T.).

15

cargados de suspensos ou que case chegaran ao convencemento de que non adiantaban porque eran menos intelixentes ca os demais, descubrir que un mestre con actitude humana pode comprender os problemas dos rapaces e construír canda eles algo válido cultural e moralmente a partir dos seus intereses e das súas capacidades foi un feito revelador e impresionante.

De Seta fíxolles comprender algo natural pero difícil de entender para quen, pai ou mestre, ten interiorizado o modelo de escola autoritaria que viviu e no que se formou: que pode existir outra maneira de vivir a escola. Unha escola sen mestre que «mande» nin rapaces que deban obedecer, sen libros de texto iguais para todos, sen leccións que aprender e repetir, sen notas e, xa que logo, sen suspensos é aínda inconcibible para moita xente. Téñense escrito moitos libros teóricos e de experiencias sobre esta «revolución copernicana» do método de aprendizaxe, pero os libros só chegan a algúns miles de persoas; no entanto, a televisión chega a millóns. Millóns de persoas puideron ver unha clase formada polos denominados «descartados», fillos de pobres, recuperar pouco a pouco a confianza e traballar en común, a partir de episodios aparentemente insignificantes, para chegar a abordar temas de fondo e de actualidade: a non-violencia, o fascismo, o roubo, o reformatorio etcétera.

O enfrontamento co director

Ao presentar estes rapaces dun barrio pobre no mesmo momento no que vivían as súas experiencias e facéndonos partícipes dos seus evidentes progresos conforme pasa o tem-

16

po, o filme conseguiu que os quixésemos como queremos a calquera persoa que, na relación confidencial da amizade (e tal foi a relación que quixo instaurar na aula o mestre D’Angelo), se mostra e se abre. Só así o individuo descoñecido que é polo xeral o escolar lle revela ao educador a súa personalidade e a súa humanidade. Para demasiados profesores, os escolares seguen a ser nomes escritos nunha listaxe aos que se chama para lles preguntar, no medio dun xélido silencio de espera.

Pero a película tivo outro mérito, ao estar ambientada entre eses «descartados»: dar a coñecer un problema que teñen todos os ensinantes cando entran nunha escola pública. En cada unha das clases baten sempre con dous tipos de nenos: os que medraron nunha casa chea de libros e de estímulos culturais, que falan ben italiano porque deprenderon a expresarse correctamente na casa e teñen un patrimonio lexical abondo rico que lles permite comprendelo todo consonte o explica o ensinante; e os fillos de xente humilde que traballa todo o día, en cuxas casas non hai libros e case nunca entra o xornal, e onde se fala en dialecto, de maneira que o italiano é case unha lingua estranxeira.

Evidentemente, estes rapaces teñen dificultades para escribir en italiano porque aínda non son capaces de falalo; son os que cometen moitas faltas e os que, a forza de equivocarse, poden chegar a convencerse de que son menos intelixentes ca os demais, en particular se recibiron suspensos. Ao ver estes rapaces no filme, moitos pais pensaron nos seus fillos, que non son tan aplicados coma os «fillos de papá», na humillación e a rabia contida que experimentan diante do boletín de notas ateigado de catros e de cincos, e entenderon a razón pola que un nú-

17

mero cada vez maior de docentes se nega a entregar notas. Comprenderon que facer desaparecer os pupitres individuais e xuntarse ao redor dunha mesa grande de traballo significa rexeitar aprenderlles aos rapaces a comportarse como egoístas e individualistas que só pensan en si mesmos, para organizar, pola contra, o estudo e o traballo de xeito colaborativo e cooperativo, axudándose de igual a igual como compañeiros, e poñendo en común, para a consecución dunha obra conxunta, as aptitudes de cadaquén.

Os obreiros comprenderon que este modo de vivir a escola era similar ao de estudar os problemas da fábrica e de organizar as loitas unitarias. Como é lóxico, o telefilme non pode contalo todo, e non o fixo. Mais logrou que a opinión pública concibise o gran tema da escola como un aspecto da sociedade en evolución. Non presenta o problema da organización dos mestres de vangarda nin da xestión democrática da escola, aínda que está implícito na escolla de fondo antiautoritaria do mestre. E abóndalle con mostrar o enfrontamento entre o mestre e o director didáctico para que se perciba con claridade o drama que reside nas dúas maneiras opostas e irreconciliables de ver a vida e o mundo.

18

Unha escola que hai que queimar10

Querida Lucia:

Lin dunha sentada a túa edición dos testemuños e quero contarche o que sentín durante a lectura. A primeira reacción foi retroceder no tempo, entre os amigos da infancia, para lembrar os meus primeiros anos de escola, vividos nun período histórico particular. De feito, nacín o ano no que o fascismo chegou ao poder e diplomeime como mestre o 10 de xuño de 1940, o mesmo día que estalou a guerra. A historia da miña experiencia desenvólvese pois en paralelo ao réxime fascista, o cal, tras conquistar o poder con violencia, aliándose con Hitler, apostou na súa política pola saída natural da guerra.

Recordoume esa época atopar, entre os testemuños que recolliches, feitos nos que se ve, por parte dos mestres e os profesores, a mesma arrogancia e indiferenza cara aos problemas de cada un de nós. Todo no marco dun contorno político que semella moi diferente do fascista, pero que en substancia non o é, pois a escola segue a ser un instrumento de clase que selecciona e rexeita calquera proposta de renovación radical en senso democrático.

E baixo esa luz reconsiderei a todos os meus profesores, os que aceptaron o fascismo ao consideralo un medio para

10 Esta carta a Lucia Tumiati utilizouse como introdución ao libro Una scuola da bruciare, Venecia: Editore Marsilio, 1973. (N. de E. orix.)

19

restaurar a orde e os que o padeceron. Na reconstrución da memoria do que sucedeu que só agora sabe situar con claridade os episodios individuais na liña do desenvolvemento histórico xeral, vinos impoñer o libro de texto único para todos no que se falsificaba por completo a historia; tomar o carné fascista e vestir o uniforme para continuar ensinando; obrigar os nenos a empuñar o mosquetón e habitualos a desfilar para convertelos nos soldados da guerra que o fascismo preparaba. Naquel clima, creado polas circulares ministeriais, nin nós, os nenos, nin os nosos proxenitores tiñamos dereito ningún. A nosa dignidade non existía. No centro da escola non estaba o home senón o réxime, e os docentes debían obedecer as súas directrices, que lles esixían ser executores de ordes no canto de educadores.

Ademais, no teu libro sentín o drama doutros rapaces, os nosos de hoxe en día, os cales, nun réxime que se define como democrático, regulado por unha Constitución antifascista que enumera dereitos e liberdades, son tratados en esencia nos pupitres (malia que sen uniformes, desfiles nin carnés obrigatorios) con idéntica prepotencia por ensinantes que non os respectan.

Moitas das situacións descritas nos testemuños que recolliches vivinas eu en primeira persoa na escola daquela época, ou ben escoitéillelas contar aos meus coetáneos. Pero entón polo menos existía a satisfacción de burlarse do mestre xerarca, identificándoo co poder que cumpría derrubar; na actualidade, esta identificación non é doada.

Os docentes que humillan os nenos, como demostra o teu libro, reciben a final de curso dos seus directores didácticos a

20

cualificación de sobresaliente, igual ca os demais, e se algún leva á escola unha nova pedagoxía liberadora das capacidades creativas e lóxicas ou un pouco de humanidade, sempre ten problemas (como ocorre cada vez con máis frecuencia nos últimos tempos), cando non é castigado co traslado ou o afastamento da escola.

Porén, neste punto acometeume unha dúbida e pensei: se ler estas páxinas leva a pensar só nos docentes, o libro pode ser perigoso, xa que podería canalizar as reaccións dos pais e dos homes libres cara ao fácil albo do mestre ou do profesor, pasando por alto os condicionamentos aos que están sometidos na Escola de Maxisterio, nas oposicións ou na propia escola, en cuxa estrutura autoritaria o director pode atemorizar o mestre mentres á súa vez teme o inspector, e o inspector, que non anuncia con antelación as visitas, provoca arrepíos en directores e mestres, pero pensa con medo no delegado provincial do Ministerio, e este é obsequioso co ministro, que o pode todo porque manda, en lugar de servir o pobo, que para iso o puxo no cargo. O pobo da escola son os rapaces coas súas familias, os cales non teñen poder ningún nos conflitos dos ensinantes que, coma os descritos no teu libro, non respectan os nenos nin acatan as directrices programáticas ministeriais.

Todo o teu libro documenta a violación impune dos programas que, no entanto, afirman, entre outras cousas: «… as indicacións… redúcense principalmente á nosa tradición educativa humanística e cristiá, é dicir, ao recoñecemento da dignidade do ser humano; ao respecto dos valores que a sustentan: espiritualidade e liberdade…» (do preámbulo aos programas do ensino primario); «… facer da escola unha verdadeira

21

comunidade, igualmente estimulante para todos, que compense eventuais diverxencias de partida entre alumnos provenientes de diversos ámbitos sociais e que leve a superar eventuais dificultades de desenvolvemento. No ensino secundario así concibido, o hábito de convivir, xa fomentado na escola primaria, torna, mediante a educación cívica, nunha iniciación consciente na convivencia democrática […] e debe crear un ambiente sereno na aula e en todo o centro que dea sensación de seguridade e estimule as iniciativas persoais e asociativas do alumnado…» (dos programas do ensino secundario).

Entón pregunteime: se o lector non ve todo isto, non ar remeterá contra os docentes perdendo de vista o contexto político no que actúan, e que permaneceu inalterable, cun ministro no alto da cadea que ordena e uns sarxentos e cabos por debaixo que obedecen? Confésoche que fiquei perplexo un bocado, pero despois, por eses camiños inescrutables da intuición que aplacan calquera dúbida, pensei: si, todo isto é certo, as autoridades teñen poder, a estrutura segue a ser coma a do fascismo, continúa en mans da mesma clase dominante; pero que educador sería aquel que non fixese nada? Porque hai dúas alternativas: se o sabe e o acepta, incumpre o principio constitucional que garante os dereitos inviolables do home, non respecta os programas ministeriais (os cales, malia estaren baseados en macroscópicas contradicións, conteñen certos principios que introduciu o lexislador) e, sobre todo, non respecta esa persoa encantadora que é o neno, coa súa pureza de sentimentos e a súa desconcertante sinceridade. Se non o sabe, non ten escusas: como pode ser educador quen non ten antenas para recibir as mensaxes dos novos tempos, quen non posúe ese mínimo de

22

humanidade que lle faga interpretar os problemas dos rapaces e dos mozos como problemas de toda a sociedade, e quen utiliza o seu pequeno poder para destruír os seus dereitos? Pagado cos cartos de todos, ao servizo do pobo, debe posuír ou adquirir, xunto cos seus alumnos, a actitude aberta do estimulador de ideas, do produtor de sociabilidade. Doutro modo convértese nun escuálido déspota da cátedra que afianza as cadeas espirituais e materiais que aínda persisten na escola.

Non pode haber coartada para os educadores. Ninguén coma eles ten o deber de esixir de si mesmo e dos demais a procura continua da verdade. Se un docente obra de boa fe, non pode calar e mandar calar os mozos que se abren á vida nun mundo cheo de delitos cometidos por quen cala ou falsea a verdade para defender privilexios e poder. Debe entrar en crise e rexenerarse coa instauración de novas relacións cos rapaces, as familias e a sociedade.

Se non o fai é porque optou por manterse ao lado dos carcereiros, dos perseguidores, dos pulidores de cadeas, por traballar con empeño para que a impetuosa ventada das ideas novas e «perigosas» (que algún día serán o orgullo da humanidade) non entre na fortaleza medieval da súa escola. Por iso, tal como está, pensei, como un nu e cru elenco das violencias e estupideces que aínda acontecen na nosa escola, este libro é un acto de acusación terrible, porque toda palabra alí presente foi dita, cada feito aconteceu, cada humillación tivo lugar. Vénme ao acordo Giancarlo, un antigo alumno meu, de especial sensibilidade, que no bacharelato axudou a un amigo seu a facer os deberes e foi castigado cun catro. Nunca quixo volver. Buscou emprego na fábrica e traballa oito horas nun

23

ambiente malsán. A quen lle pregunta como lle vai, respóndelle que a fábrica é mellor ca a escola. Alí, como obreiro, na loita sindical, atopou unha saída para o seu sentido da xustiza e a solidariedade que na escola non podía expresar.

É triste, pero se a fábrica é mellor ca a escola, podemos dicir con seguridade que esta é «unha escola para queimar». Para facer outra no seu lugar.

24

Como a escola «decapita» os nenos11

Avecíñase o comezo da escola e moitos pais, sobre todo os dos nenos que irán por vez primeira, se cadra non son conscientes do que lles vai pasar aos seus fillos, que nestes últimos días de liberdade xogan felices cos amigos. Polo xeral, na escola italiana a condición do escolar é triste e mesmo, nalgúns casos, dramática: nas aulas, de feito, prodúcese a «ruptura da unidade da persoa física».

Recentemente celebrouse en Châtillon un encontro internacional, organizado pola Rexión Valdostana en colaboración coa fimem (Fédération Internationale des Mouvements d’École Moderne)12 e co Movimento di Cooperazione Educativa (mce), sobre este problema que afecta de forma tan negativa ao crecemento do individuo. O tema foi: «O neno e o mestre teñen corpo». Nel participaron máis de cen educadores italianos, franceses, suízos, españois e alxerinos que abordaron a cuestión a nivel teórico (coa contribución de Andrea Canevaro e Fiorenzo Alfieri) e práctico (coa presenza de Franco Passatore, Francesco Tonucci e Fabio Guindani). O tema, que é serio, enmarcouse na evolución que leva o neno á representación do eu como personalidade.

11 Artigo publicado en Paese Sera o 18 de setembro de 1973. (N. de E. orix.)

12 Da que actualmente forma parte Nova Escola Galega. (N. de E.)

25

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.