Chévere 1987 - 2022 trinta e cinco anos de axitación cultural

Page 1

Río Bravo. Miguel de Lira, 1990.

CAPÍTULO PRIMEIRO

QUE CHÉVERE!

Anos oitenta. Un país por facer. Un país no que as distancias case sempre son curtas. Entre a cidade e a aldea. Entre a universidade e o rock and roll. Entre o acabado e o imperfecto. Entre o novo e o vello. Entre o profesional e o amador. Entre a arte e a vida. Entre o serio e o informal. Entre o centro e a periferia. A cultura como celebración. O teatro como festa. Como acontecemento. Neste contexto xorde Chévere, case por casualidade, nadando entre as ondas, achegándose á praia, pero sen chegar nunca a facer pé.

[1987-1991]
1987 Servizo Discrecional, ensaios en Casa Simeón. Mónica Palito, John, Mónica Redondel, Gabi, Miguel.

CHÉVERE ANTES DE SER CHÉVERE

MIGUEL DE LIRA: Na creación de Chévere non houbo premeditación nin aleivosía nin se albiscaba un futuro laboral ou profesional no grupo. Na orixe de todo está a gana de facer, de probar cousas. Chévere non foi o resultado previsible que segue a un período de formación previa, nin foi produto dunha vocación escénica. Chévere é diferente xa desde o principio porque nacemos da pura inconsciencia. Durante moito tempo asumimos que non eramos un grupo de teatro convencional porque no fondo tampouco nos interesaba selo. Simplemente eramos un grupo de persoas que se xuntaba para facer en colectivo cousas que nos prestaban e logo levalas a algún tipo de escenario. O que resultou ser Chévere despois de 35 anos foise definindo sobre a marcha sen ter nunca claro cal era o camiño a seguir.

PACO, JOHN E MIGUEL

Nos anos oitenta en Compostela había moita curiosidade polo que pasase ao teu arredor e moita gana de probar cousas. Moitas veces quedabas para tocar a batería con alguén que xa tiña un grupiño de música con outros colegas, ou xuntábaste para argallar un fanzine sobre calquera tema que che interesaba. Nunca dicías que non. Por iso, cando apareceu Paco Bixou, un grande argallante e amigo, contándome que coñecera un inglés que andaba por Compostela buscando xente para facer teatro, eu tampouco dixen que non.

O inglés do que me falara Paco era John Eastham. Despois de estudar literatura en Cambridge veu facer un lectorado de inglés na Universidade de Santiago. Paco presentoume a John nas Galerías Viacambre, na porta do Apolo, un bar onde se xuntaban ácratas, fumadores de marihuana e activistas de todo tipo. Quedamos ao día seguinte. Eramos nada máis que catro persoas: Ramón Bodaño, Paco, eu e John. Tiñas que saír, presentarte e contar por que estabas alí. As claves que usou John para motivarnos foron as que despois usariamos sempre: estar confortable en escena, escoitar e integrar todo o que pasa ao teu arredor, ter conciencia do teu corpo e da túa actitude en escena, non facer moito máis do que tes que facer... O básico do clown. Ao acabar aquel primeiro día John propuxo quedar outra vez, pero ningún dos outros quixo seguir. Eu dixen que si. Estivera relativamente a gusto, John caeume simpático, achegaba ideas e nese proceso de abrir a cabeciña no que estabamos todos el traía cousas das que nunca oíras falar.

9

SERVIZO DISCRECIONAL

Algarabía teatral composta por unha serie de sketchs situados no traxecto que vai da cidade de Santiago de Compostela á praia de Baroña.

Estrea: maio 1987, praza dos Bombeiros, Santiago de Compostela.

Equipo: John Eastham, Miguel de Lira, Cris Garabana, Mónica Fraga Palito, Mónica Redondel, Gabi, Raúl, Ana, Manuel, Rosa, Manoli, Carmen.

A ESCOLA MESTRE MATEO

MIGUEL DE LIRA: Case sen tempo a quedar outra vez máis, xorde a oportunidade de impartir un obradoiro de teatro na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. Eu non tiña nin idea, pero como John falaba moi pouco castelán e nada de galego, acabei facendo ás veces de tradutor, e iso que eu tampouco tiña nin idea de inglés. Eramos unha parella abocada ao éxito (risas). Como eu xa fixera algúns exercicios e máis ou menos sabía por onde ía John, daba para entenderse. Moitas veces á hora de facer un exercicio saía eu de primeiro. Por exemplo varrer. A vasoira era un elemento cotián, e varrer era unha idea de partida moi fácil de entender, moi válida para entrar na lóxica do clown. Por iso a vasoira sempre estaba alí presente.

Empezamos probando personaxes a partir de situacións moi simples, como chegar a unha praia ou andar nunha moto, pero o obradoiro xa foi orientado desde o comezo co obxectivo de facer un espectáculo. Por exemplo, cada un tiña que presentar a súa moto: unha Kawasaki, unha Vespa etc. As motos máis divertidas quedaban reservadas para incorporar despois a un sketch. Cando xa tiñamos algún material, creamos unha especie de fío condutor: medios de transporte que van da cidade á praia. Unha dramaturxia ben collida con pinzas, pero que resultou moi efectiva. Tamén houbo sinerxía con outros talleres da escola: nas aulas de metal fixeron o palco, algunha xente que estaba en pintura fixo a escenografía, en escultura fixeron parte do attrezzo, como as ás dun anxo que saía por unha ventá... Aínda non existía Chévere como tal, pero xa estaban aí moitas das características do que fariamos despois: alimentarse das sinerxías, facer accesible o teatro a calquera persoa que teña gana de subir a un escenario, rebotar dunhas artes a outras, a práctica do clown como base do traballo do actor, a importancia da música etc.

En Mestre Mateo traballabamos un par de horas á semana, pero o tempo non chegaba a nada porque xa estabamos montando escenas e o espazo non tiña as condicións necesarias. Houbo que buscar outro sitio. Foi cando apareceu a posibilidade de seguir traballando na Casa Simeón, que estaba preto da escola, onda a igrexa das Ánimas. Era un edificio de tres ou catro plantas que estaba abandonado. Circulaban unhas chaves para poder entrar e había xa varios colectivos que usaban o espazo para ensaiar ou como taller. Non custou moito conseguir unha chave da casa e acabou converténdose no noso primeiro local de ensaios, podiamos entrar e saír cando queriamos. Alí acabamos de montar o noso primeiro espectáculo, Servizo Discrecional.

10

A CASA SIMEÓN era un edificio construído no século xix que acolleu uns almacéns grosistas ata 1986. Eran propiedade dunha saga de empresarios e banqueiros establecida en Compostela en 1872, que ao longo dun século lograría espallarse por toda Galicia. Un ciclo de crecemento que rematou definitivamente na década dos oitenta, coincidindo con outro cambio de ciclo na historia da cidade. Este edificio representa o tipo de oportunidades que se abriron para o imposible nese momento de crise de finais dos 80: antes de converterse na sede do Arquivo Histórico da Universidade, coñeceu un breve período de funcionamento autónomo, que apuntaba a outros posibles usos da cidade. O edificio foi habitado e usado espontaneamente por colectivos de músicos, artistas, estudantes e xente da escena, entre os que estaba Chévere.

1987

1. Fachada de Casa Simeón.

2. Servizo Discrecional, ensaios en Casa Simeón.

Mónica Palito, John, Mónica Redondel, Gabi, Miguel.

3. Servizo Discrecional, estrea. Raúl.

4. Interior de Casa Simeón.

11
2. 4.3. 1.

OS CHÉVERE POÑEN NOME A CHÉVERE

MIGUEL DE LIRA: Estreamos Servizo Discrecional en maio do 87 na praza dos Bombeiros, detrás da Escola Mestre Mateo, unha praza pechada polos catro lados que é un auténtico teatro ao aire libre en plena zona vella. Foi un éxito total. Despois da estrea xorde a necesidade de crear unha empresa, pois a uns tipos da Deputación da Coruña que a viñeron ver gustoulles e contrataron tres actuacións da obra. O único requisito é que había que ter un CIF para facturar, e nós aínda non tiñamos nin nome. Fixemos unha xuntanza. John suxeriu chamarse Yellow Theatre/Teatro Amarelo. A min pareceume moi ben e díxenlle: «Que nome tan chévere». El entendeu que eu estaba propoñendo Chévere como outro posible nome. Entón colleu un rotulador de tinta de prata que sempre levaba enriba, escribiu Chévere sobre unha cartolina negra e gustoulle. Eu opuxen un pouco de resistencia porque me parecía que Chévere era unha palabra bonita, pero non era galega e non tiña moito sentido chamarlle así a un grupo de aquí. Pero a John xa lle gustara e preguntou que significaba. Dixémoslle que Chévere era algo chachi, positivo, molón. E dixo que non entendía por que non me gustaba. Ao final daquela discusión votouse e saíu Chévere por maioría. Despois do nome había que resolver tamén o do CIF. Alguén dixo de ir a unha xestoría que coñecía na praza de Galicia, enriba da armería de Toribio. Chegamos alí e dixemos que queriamos montar unha empresa. O xestor díxonos que a que tiña menos custos era unha sociedade civil. Non fixo falta saber máis. «Perfecto», dixemos. O tipo saca uns impresos para encher e pregunta: «Como vos chamades?». «Grupo Chévere», dicimos. «Domicilio?», doulle o da miña casa. «Actividade?» «Representacións teatrais», dixemos así sen pensar moito. E alí quedaron os nosos datos. Cando nos chegou a ficha alucinamos. Poñía: «Grupo Chévere, Avenida de Lugo 4, 4.º dereita. Actividade: reparación de tractores». O tipo tiña unha letra horrible, como a dun médico, e cando foi ao rexistro da Coruña cos papeis non debeu entender o que poñía e improvisou. Total, que durante un tempo fomos unha empresa de reparación de tractores e tiñamos o taller nun cuarto piso (risas).

Naquel verán fixemos as tres actuacións, xa fóra do ámbito da Escola Mestre Mateo. A primeira foi no cine Carcamán de Muros. Eu pensei: «Aínda van vir os meus pais!». Porque eu facía teatro como unha actividade clandestina, non podía saberse, sobre todo non podía decatarse meu pai. Aquela segunda actuación tamén foi un éxito de público, pero pasou de todo. En medio da función un foco empezou a fumear e queimouse, pero nós seguimos, e iso que tiñamos só dous focos! Logo tamén fomos a Cariño. Esas primeiras actuacións foron un desfase, unha festa total. Era verán, non tiñamos moita máis cousa que facer e pagábannos cincuenta mil pesetas por cada actuación.

12

1. Gabi e John.

2. Cris e Miguel na zona vella.

O VW Escaravello de John.

1987
3.
1988 Primeiro
logotipo de Chévere. John Eastham.
1987 Servizo Discrecional. Programa de man orixinal feito con fotocopias. 1. 2. 3.

Despois do verán eu volvín matricularme en Dereito. John deixou de ter o lectorado, debatíase entre marchar ou quedar e decidiu seguir aquí. Non sei se foi iniciativa deles ou nosa, pero nese novo curso fixemos un obradoiro de teatro en colaboración coa Universidade, seguramente foi por Mercedes Rosón, que traballaba en Aula Aberta, no departamento cultural do reitorado. Por outro lado, a relación co grupo de Mestre Mateo pasou a ser de amizade e algunhas das persoas que coincidiramos alí empezamos a vivir xuntas nunha casa con horta que atopamos en Poza de Bar, ao lado do Pombal. John tamén vivía por alí, así que era perfecto.

O CURSO DO INEM

MARTÍN ADJEMIÁN

Cando rematou o curso do INEM todos querían seguir facendo teatro. Houbo unha reunión en Meixonfrío con Martín para lle dicir que se ía montar un grupo e propoñerlle que dirixise o primeiro espectáculo. El dixo que despois de nove meses vía un potencial de xente moi boa, pero que non había a amálgama suficiente. Propuxo que o grupo quedase e ensaiase pola súa conta, e pasado un tempo, se había un bo entendemento, el viña e dirixía o espectáculo. Quedouse dúas ou tres veces e aquilo esnaquizouse moi rápido. Non tiñan nada que ver en canto a disciplina de traballo, uns xa viñan querendo ser actores ou actrices desde cativos, outros seguían naquilo en construción. Chamouse a Martín para dicirlle que tiña razón, que aquel grupo non se ía amalgamar facilmente. Dera unha lección moi boa sen gastar nin un minuto de enerxía. E Chévere saíu reforzado porque aí había base para crear un grupo, había traballo colectivo e intereses comúns.

MIGUEL DE LIRA: Nesa altura eu xa tiña tomada a decisión de dedicarme ao teatro. Era unha luz no fracaso dunha carreira de Dereito que non me gustaba. Estaba pensando marchar para Madrid a estudar Arte dramática cando vimos un cartel anunciando un curso de teatro organizado polo INEM e fomos preguntar. Isto do INEM era a hostia. Se entrabas a facer aqueles cursos facíanche un contrato de nove meses cobrando trinta mil pelas ao mes, cando a miña asignación entón era de vinte mil. De repente a túa preocupación por ese lado desaparecía, porque tiñas nove meses cubertos. Resultou que o director do curso era Eduardo Puceiro, un tipo ben relacionado co PSOE en Madrid, que tiña unha compañía que se chamaba Ítaca. Para entrar tiñas que pasar unha entrevista persoal. Eu contei que acababamos de estrear unha obriña na praza dos Bombeiros e vai o tipo e dime que el vira a obra e que lle gustara moito. Que fixésemos Servizo Discrecional foi fundamental para entrar no curso aquel do INEM, que foi clave para dedicarse a isto do teatro. Sen querer foron vasos comunicantes. Ese curso foi importante porque ademais coincidimos un lote de xente da mesma idade que logo acabou dedicándose profesionalmente ao teatro: María Pujalte, Víctor Mosqueira, Xavier Estévez, eu, John... Algunha vez falouse da xeración INEM para referirse a este grupo. Para case todos foi a nosa primeira formación teatral, viñeran profesores e profesionais de moitos lugares. Había un arxentino que nos caía especialmente ben a todos, Martín Adjemián. Tiña unha escola en Buenos Aires especializada no método Stanislavski onde tamén acudía xente como Robert de Niro. Martín era un tipo moi querido, que nos apreciaba, e aprendemos moito con el.

14

OS OUTROS CHÉVERE COÑECEN A CHÉVERE

XRON

O primeiro recordo que teño de Chévere precisamente é estar vendo a estrea de Servizo Discrecional na praza dos Bombeiros. Teño imaxes moi vagas da obra, pero teño moi presente aínda a sensación que tiven naquel momento de querer estar aí no escenario e compartir aquela festa. Eu chegara a estudar a Compostela no curso 83/84. Viña de Vigo, pero pasara case toda a miña infancia na Coruña. Con nove anos fixen a miña primeira obra de teatro, estaba nun colexio de curas, todos eramos rapaces e a min tocoume facer unha das personaxes femininas. Cando entrei no instituto de Zalaeta creamos unha revista (Fronte ao mar) e empecei a publicar algún texto. Tamén montamos un grupo de teatro e fixemos unhas farsas de Blanco-Amor. Ao chegar a Compostela fun contactando con xente que tiña as mesmas inquietudes. No ano 85 varios compañeiros mandamos unha carta ao vicerreitor dicíndolle que a vida cultural da universidade nos parecía unha merda e el contestou desafiándonos a facer algo para cambiar a situación. Así que un ano despois fixemos un proxecto titulado Uns galegos do tempo dos sputniks. Era un berro xeracional e unha resposta falcatrueira ao atlantismo dominante na cultura galega dos oitenta, unha reivindicación do trópico, da aldea, da paixón e dunha nova virilidade (!). No claustro da Facultade de Xeografía e Historia montamos unha exposición. Na praza de Mazarelos houbo happenings poéticas e concertos (alí actuou Opus Gay, xerme dos Diplomáticos de Monte Alto e foi a primeira vez que subiu a un escenario Miki Nervio, a garganta máis profunda do blues galego). Nas aulas da facultade organizamos un debate sobre o sentimento tropical na cultura galega, coordinado por Xurxo Souto, con quen xa coincidira no instituto. Con aquel proxecto descubrimos que se queres que cambien as cousas hai que moverse e tomar a iniciativa. Eu ademais acababa de saír do cárcere por unhas pintadas ridiculizadoras contra a monarquía española, polas que se nos aplicara a lei antiterrorista, e aquilo dos sputniks foi unha terapia para reconducir a miña carraxe.

Seguín estudando Historia da Arte, pero gran parte das miñas enerxías dedicábaas ao activismo poético. Contactei coa xente da Favorita , a revista de poesía que tiñan Xelís de Toro, Pepe Sendón e Anxo Rabuñal. Non conseguín publicar nada con eles, pero sumamos forzas para organizar unhas xornadas de poesía, música e performance que se fixeron en 1987 no Número K, un pub senlleiro dos oitenta cunha estética industrial feita a base de andamios e metracrilato.

15
1987 Pegamento-i-medio. Performance. Número K. Xron.

1.

Por alí pasaron Ronseltz, Macromassa (o grupo de experimentación sonora de Víctor Nubla e Juan Crek), Suso de Toro, Antón Reixa, Favorita e os portugueses O Ó Que Som Tem? E tamén Javier Cinca e a xente do Sindicato de Trabajos Imaginarios de Zaragoza, que editaban K7 con música e poesía experimental. Antes de rematar os estudos aínda formei parte dun grupo de crítica de arte en acción con dous compañeiros, Miguel Suárez e Fernando Vales. Chamámonos Marat Morto e ademais de publicar críticas de arte en El Correo Gallego , faciamos accións como críticos. A primeira foi na Casa das Crechas, que acababa de abrir na zona vella. Enmarcamos os manuscritos das críticas publicadas, puxémoslles prezo e colgamos no teito unha chea de coitelos apuntando ás cabezas da xente. Manolo Allúe, un dos socios da Galería Trinta, quixo mercar unha das nosas críticas. Pedímoslle en troco que nos deixase unha das salas da galería. Aceptou e fixemos unha instalación sobre o desexo e a descomposición, partindo da iconografía barroca: un cuarto cheo de libros, repisas con froita podrecendo e nas paredes en lugar de fotos de virxes en éxtase portadas de revistas porno. Xa estando en Chévere, eu seguín coas performances poéticas, a última delas foi A Europa fáltalle un i latino, un discurso caótico-político sobre o impacto da entrada na Unión Europea, no que me acompañaba un percusionista (primeiro foi o compositor Manel Rodeiro e despois o batería Xavier Buján). Con esta peza fixen unha xira xunto ao colectivo Ronseltz durante o inverno. Ao mesmo tempo, apunteime aos obradoiros que Chévere organizou nun local do convento de San Francisco. Alí coincidimos John, Miguel, Blanca Cendán, Vicente Mohedano, Pitusa Paz, Cris Garabana e algunha outra xente. Esa foi a miña entrada en Chévere. Despois do verán do 88 empecei o meu doutoramento en Historia da Arte, alternando os estudos co traballo que ía saíndo no grupo.

2.

1. Pegamento-i-medio. Performance. Número K. Xron, Cristina F., 1987. 2. Marat Morto, Casa das Crechas. Miguel Suárez, Xron, Fernando Vales, 1988.

17

MANOLO

Eu cheguei ao grupo desde a poesía, seguindo a tradición de Chévere de aceptar xente sen ningunha experiencia teatral, de feito non ter experiencia daquela era un valor. A min nunca se me pasara pola cabeza facer teatro. Entre o 87, que vin de Coruña para Compostela, ata o 92 que entrei no grupo, eses cinco anos foron dunha intensa actividade nocturna onde os contactos á parte de etílicos eran culturais. Eu andaba moito con Pato e Parrocho (Xosé Castro e Carlos Ares), que despois foron guionistas de éxito na tele como Zopilote. E facía recitais de poesía con Ronseltz, onde coincidimos Xavier Cordal, Miki Nervio, Xoán Carlos Rodríguez, Serxio Iglesias e mais eu. Os recitais de Ronseltz basicamente consistían en emborracharnos en directo e empezar a dicir boutades. Recitar era unha comedia patética, pero desde o punto de vista da poesía. Despois cando montamos a xira conxunta con Xesús, decidimos que había que facer algo máis que emborracharse e recitar poesías. Ter que actuar por Galicia adiante foi o detonante para crear un novo recital: fixemos unha montaxe con diapositivas que narraban unha historia ficticia do grupo, que se proxectaba antes e se comentaba en directo e iso derivaba nun recital poético. A miña entrada definitiva no teatro foi a raíz dun recital no pub Joam Airas, nos últimos estertores de Ronseltz, convidados por Carlos Quiroga para a presentación dunha revista que se chamaba O Mono da Tinta. Xavier, que era un tipo con moita visión escénica, decatouse de que eu estaba inspirado, e deixou que levase o peso do recital. No público estaban Miguel e Xesús, e outra xente do teatro como María Bouzas. Gustou tanto o que eu fixen que aquela mesma noite xa me propuxestes facer teatro con Chévere e eu dixen que si. Catro ou cinco meses máis tarde estaba no escenario facendo funcións de Big Bang, e sendo a voz solista en dúas cancións, cunha banda de rock de la hostia detrás.

Eu xa fixera unha colaboración anterior con Chévere, consecuencia desa nocturnidade etílica, que nos levou a min, a Pato e a Parrocho a participar en Acibeche. Foi o primeiro contacto co audiovisual para nós os tres. Pero en realidade o meu debut no escenario con Chévere foi anterior a Big Bang. Mentres estabamos ensaiando, no verán do 92 saíu unha función en Arzúa de Río Bravo e non destes localizado a Vicente, que andaba currando na carpintería de seu pai. Eu aceptei substituílo e subín para facer Río Bravo, cunha semana escasa de ensaio. Pasástesme unha cinta en VHS coa gravación da estrea para que estudase, pero a obra fora cambiando moito. Para min a maior dificultade foi ensaiar o tótem, porque aparecía en dúas escenas. O segundo tecnicamente era complicado de facer porque era unha subida, unha baixada, unha mirada polo medio, outra subida e eu era o que estaba abaixo con Xesús sentado nos meus ombros. Aí empecei a entender o que era actuar: empecei a entender a linguaxe teatral propiamente dita ensaiando esta escena do tótem, porque me deu un lote de pistas: «Vale, podemos estar facendo que pase unha chea de cousas onde aparentemente non hai nada».

18
1. Manuel Cortés, Arzúa, 1990. 2. Ronseltz, no café Joam Airas. Xoán C. Rodríguez, Manuel Cortés, Xavier Cordal, 1991.
1. 2.

PATRICIA

Eu empecei a facer teatro na Coruña. Estaba estudando 2.º de BUP no Salvador de Madariaga (o antigo Masculino) e fun ver o grupo de teatro do instituto. Tanto me gustou que dixen: «Eu quero facer isto». Non tardei en entrar en contacto coa escola de teatro que tiña Manuel Lourenzo, a Escola Dramática Galega. Ao mesmo tempo empecei a ver teatro na Sala Luís Seoane. Como me gustaba aquilo! E un día fun ao Teatro Rosalía de Castro ver un espectáculo que se chamaba Salomé, foi a primeira vez que vin algo de Chévere, e flipei aínda máis. Porque se xa me gustaba tanto o teatro, tendo en conta as Electras e os Orestes todos que tragara, cando vin Salomé quedei alucinada. Aquela frescura, todas aquelas referencias que sentín tan próximas e que me encantaron, como a do paquete de Camel na escenografía. A min e á xente que viña comigo, xente que non procedía do mundo do teatro. Debeu de ser un par de anos máis tarde, porque eu xa fixera o que creo foi o primeiro espectáculo de Casa Hamlet con Manuel Lourenzo, A Canción do Deserto, que a través da Escola Dramática Galega nos informaron de que había un casting do CDG. E alá fun eu a Santiago, con 19 aniños. Seleccionáronme para o elenco de Yerma, dirixida por Xosé Blanco Gil, e empecei a traballar cun contrato de seis meses e un salario de cento vinte e tres mil pesetas mensuais, se non me falla a memoria, facendo de «Lavandeira cinco». Uns anos despois formei unha compañía con Susana Dans: Pífano. Foi a miña primeira experiencia como empresaria, un tanto inconsciente. Montar unha sociedade limitada carrexaba unha serie de gastos que nos superaron. Sumado a iso, non saía case ningunha función. Afortunadamente o de Pífano acabou coa proposta de Mela Casal e Gloria Ferreiro de comprarnos a sociedade. E volvín traballar no CDG varias veces seguidas. Aínda lembro o consello que me deu Pico (Xosé Olveira): «O obxectivo é estar unha vez ao ano no CDG, con iso e o paro xa conseguirás vivir do teatro». E así foi. Pero un día fun á Nasa ver Big Bang, con Laura Ponte, Susana Dans e Xan Cejudo. Despois empecei a ir pola miña conta. Lembro que me encantara aquela peza que fixestes para a presentación do libro de poemas de Bukowski, que editara Paco Macías en Positivas. Foi Miguel quen me propuxo facer algo nunha Ultranoite. Eu só coñecía a Mónica García e a Miguel, probablemente presentounos a actriz Marisa Soto, con quen tiña amizade.

A primeira vez que actuei na Nasa foi na Ultranoite Só ante o perigo, sería o ano 93 ou 94. Preparei o número con Mónica na súa casa da rúa do Home Santo, axudoume a vestirme cun mantel de Nadal que tiña a súa historia, e tiven éxito. Daquela eu traballaba con outra compañía profesional, O Moucho Clerk, substituíndo a María Pujalte, que acababa de marchar para Madrid. Pouco despois sondástesme para facer Annus Horríbilis. Lembro que estabamos tomando algo naquel pub que había indo para Vidán, A Casa do Patín, e Fran Pérez preguntoume se eu podería cantar nun espectáculo de Chévere. Para demostrarlle que afinaba perfectamente canteille na orella My Funny Valentine. Eu nin sabía o que estaba dicindo, nunca vira escrita a letra e cantei pronunciando o que me parecía que debía dicir. Aí empecei a traballar en Chévere.

20
21 1. Ultranoite, Sala Nasa. Patricia de Lorenzo, 1994. 2. Yerma, CDG, Patricia de Lorenzo, 1991. 2. 1.

SUPERSONIC

CHÉVERE APRENDE A SER CHÉVERE

O MAL NON ACOUGA

Obra en formato cómic sobre heroes e viláns, adaptación libre dun texto de Benet i Jornet, unha crítica paródica das aventuras de superheroes.

Estrea: xuño 1988, praza do Toural, Santiago de Compostela.

Equipo: John Eastham, Miguel de Lira, Blanca Cendán, Cris Garabana, Vicente Mohedano, Xron, Elena, Rosana.

XRON: Para empezar, convertemos o Supertot en Supersonic e planeamos a obra como teatro de rúa, facendo unha adaptación a cada espazo para buscar as localizacións de cada escena. A estrea foi na praza do Toural de Santiago. O escenario principal era a fachada barroca do pazo de Bendaña. Pero como era domingo alí non apareceu ninguén, tampouco nos deixaran as chaves e non puidemos entrar. Tivemos que improvisar algo para poder actuar. Puxemos unhas escaleiras desde a rúa para acceder aos balcóns e uns taboleiros sobre as varandas para pasar dun a outro. Un era o laboratorio, outro a oficina e tiñamos que pasar polos taboleiros antes ou despois de cada escena e baixar e subir polas escaleiras apoiadas na parede. Era todo un pouco acrobático e non exento de perigo. Ademais tamén usamos como escenario a fonte, John tirábase desde o tellado do edificio da farmacia que había do outro lado da praza, para imitar o voo do superheroe, e o seu VW Escaravello facía varias pasadas entrando pola rúa Nova.

MIGUEL DE LIRA: Acórdome que Martín Adjemián, ao acabar a función, tiña o corazón acelerado e non deixaba de repetir: «Una cosa les digo, no hace falta correr tanto peligro para hacer teatro». Estaba escandalizado de que xogásemos a pel dese xeito. Despois actuamos en Lalín e tamén foi un espectáculo. Xesús montou o laboratorio do doutor Llóns na copa dunha árbore e John tirouse desde o alto da estatua do aviador Loriga. Todos os vellos pensando que ía caer a estatua. Recordo que pola tarde eu andaba xa por alí vestido de munipa, metido en personaxe e facendo un pouco de axitación de rúa antes de empezar, e alguén me dixo que por alí viña o alcalde coa súa muller. Daquela o alcalde era Cuíña, o que foi vicepresidente con Fraga. Achegueime para informalo das últimas incidencias e o tipo nada máis ver que ía cara a el con pouco aspecto de policía, colleu e deu volta. Eu aínda piei un par de veces, pero el foise.

XRON: A actuación foi na festa da Algarabía que organizaba en Lalín unha asociación cultural. Daquela as asociacións eran as principais contratantes, xeraban moita actividade cultural e no verán traballábase moito facendo teatro. Pero o certo é que se cobraba pouco, fomos polos gastos e polo gusto de ser parte daquela festa.

22
23 1988-89 | SUPERSONIC 1. Transformación de John. 2. Daily Planet, xornal-programa de man. 3. Saúdo: Miguel, Rosana, Helena, John, Blanca, Xron, Vicente e Cris. 3. 2. 1.

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.