Cartas desde a terra

Page 1

Traducion de Carlos Acevedo


SAMUEL LANGHORNE CLEMENS (1835 - 1910), máis coñecido polo pseudónimo de Mark Twain, naceu na localidade de Florida (Missouri, Estados Unidos). Cando tiña catro anos, a súa familia mudouse a Hannibal, un porto fluvial do río Mississippi. Á morte do seu pai, Mark Twain tivo que deixar os estudos e comezou a traballar de aprendiz nunha imprenta. Ao facer os dezaseis anos xa era tipógrafo no Hannibal Journal, propiedade do seu irmán máis vello Orion, e alí publicou os seus primeiros artigos xornalísticos. Dous anos despois comezou a súa xeira por imprentas de diferentes cidades dos Estados Unidos, entre elas Nova York e Filadelfia. Máis adiante traballou de piloto nun barco de vapor do río Mississippi, experiencia que o marcou moitísimo; despois foi mineiro en Nevada, soldado da Confederación e, por fin, xornalista. Mark Twain é un dos grandes autores da literatura norteamericana. Na súa escrita combínanse o humor e a sátira coa crítica social e a descrición realista do mundo en que vive. As súas obras máis recoñecidas son As aventuras de Tom Sawyer (1876), Adventures of Huckleberry Finn (1884), considerada «a gran novela americana», e Un ianqui na corte do rei Artur (1889). As súas ideas políticas, de corte progresista, fixéronse máis radicais co paso do tempo e aparecen reflectidas en Cartas desde a Terra, publicada postumamente no ano 1962.




Cartas desde a Terra


Título orixinal: Letters from the Earth © da edición orixinal: Mark Twain Company, 1962 © da tradución: Carlos Acevedo Díaz, 2011 © desta edición: Kalandraka Editora, 2011 Italia, 37 - 36162 Pontevedra Telf.: 986 860 276 faktoria@faktoriakdelibros.com www.faktoriakdelibros.com

Ilustración e deseño de portada: Marc Taeger Corrección: Carme Pereiro Directores de colección: Xosé Ballesteros e Silvia Pérez Tato Faktoría K é un selo editorial de Kalandraka Primeira edición: novembro, 2011 ISBN: 978-84-15250-26-5 DL: PO 512-2011 Reservados todos os dereitos


Cartas desde a Terra Mark Twain

Traduci贸n de Carlos Acevedo



C A R TA S D E S D E A T E R RA

O Creador sentou no trono, a pensar. Detrás del espallábase o ilimitado continente do ceo, sumido nunha gloria de luz e cor. Diante del alzábase a negra noite do espazo, coma un muro. A súa impoñente figura erixíase firme coma unha montaña na dirección do cénit, e a súa divina cabeza resplandecía tal que un sol distante. Aos seus pés erguíanse tres corpos colosais, empequenecidos, por contraste, case ata a desaparición: eran arcanxos, cuxas cabezas lle daban pola altura do nocello. Cando o Creador terminou de pensar, dixo: –Acabei de pensar. Contemplade! Alzou a man, e dela saíu disparado un chorro de lume, coma un millón de formidables soles, que atravesaron a escuridade e correron cada vez máis e máis lonxe, perdendo forza e intensidade segundo perforaban as remotas fronteiras do espazo, ata non seren máis ca uns puntiños diamantinos brillando baixo a vasta bóveda do universo. Logo dunha hora disolveuse o gran consello. Despedíronse da Presenza impresionados e pensativos, e retiráronse a unha estancia privada onde puidesen falar libremente. Ningún dos tres parecía disposto a comezar, aínda que querían que alguén o fixese. Os tres devecían por tratar sobre aquel grande acontecemento, mais preferían non comprometerse mentres non soubesen como o xulgaban os demais.

7


Conque aínda se entretiveron nunha distraída e vacilante charla sobre asuntos intranscendentes que se arrastrou tediosamente, sen chegar a ningures, ata que por fin o arcanxo Satán reuniu toda a súa bravura –que non era pouca– e arrancou dicindo: –Ben sabemos cal é o asunto que viñemos tratar aquí, meus señores, conque podemos deixar de lado os finximentos e comezar de vez. Se este consello é da mesma opinión... –É, é! –interromperon Gabriel e Miguel, agradecidos. –Pois ben, falemos. Fomos testemuñas dun feito marabilloso; niso temos que concordar necesariamente. Canto ao seu valor, se o ten, é algo que non nos atinxe a nós. Podemos opinar o que queiramos, mais ese é o noso límite. Non temos voto. Eu creo que o espazo estaba ben como estaba, e ademais era útil. Frío e escuro, era un lugar tranquilo para ir de cando en vez despois dunha tempada no clima tan suave do ceo, coas súas esgotadoras delicias. Mais estes son detalles sen importancia; a novidade, a gran novidade, cal é, cabaleiros? –A invención e aplicación dunha lei automática, non controlada, senón autorregulada, para o goberno desas miríades de veloces e xiratorios soles e mundos! –Iso é! –dixo Satán–. Comprenderedes que se trata dunha idea abraiante. Do intelecto do Señor nunca antes saíra algo semellante. Unha lei automática, exacta e invariable sen necesidade de vixilancia, nin corrección, nin reaxuste para toda a eternidade! Dixo que eses innumerables e vastos corpos se precipitarán polo baleiro do espazo durante eras e eras, a unha velocidade inimaxinable, arredor dunhas órbitas fenomenais, pero sen colidiren xamais, e sen estender nin reducir os seus períodos orbitais por máis da centésima parte dun segundo cada dous mil anos! Velaí o novo milagre, o máis grande de todos: a lei automática. E ademais deulle un nome: a lei da

8


natureza... unha lei natural que é a lei de Deus. Dous nomes intercambiables para unha mesma cousa. –Si –dixo Miguel–, e dixo que había de establecer a lei natural, ou lei de Deus, en todos os seus dominios, e a súa autoridade había de ser máxima e inviolable. –Ademais –dixo Gabriel–, tamén dixo que logo había de crear animais, e sometelos igualmente á autoridade desa lei. –Si –dixo Satán–, iso lle escoitei, mais non o comprendín. Gabriel, que é iso dos animais? –Ai, e como o vou saber eu? Como o imos saber? É unha palabra nova. (Intervalo de tres séculos en tempo celestial, equivalente a cen millóns de anos en tempo terreal. Entra un anxo mensaxeiro.) –Meus señores, está a facer animais. Gustaríavos ir ver? E foron, viron e quedaron perplexos. Moi perplexos... tanto que o Creador se decatou e dixo: –Preguntade. Dareivos respostas. –Divindade –dixo Satán facendo unha reverencia–, para que son? –Son un experimento sobre moral e conduta. Observádeos e aprendede. Había milleiros deles. Estaban cheos de actividade. Atarefados todos, principalmente perseguíndose uns aos outros. Tras examinar un cun potente microscopio, Satán comentou: –Divindade, esta besta grande de aquí dedícase a matar outros animais máis débiles. –Si... é o tigre. Na lei da súa natureza leva a ferocidade. A lei da súa natureza é a lei de Deus. Non pode desobedecela. –Daquela, Divindade, ao obedecela non comete falta ningunha? –Non, é inocente.

9


–Divindade, estoutra criatura de aquí é asustadiza e recibe a morte sen se resistir. –Si... é o coello. Carece de coraxe. É a lei da súa natureza, a lei de Deus. Ten que obedecela. –Daquela, Divindade, non se lle pode pedir que honradamente vaia contra a súa natureza e se resista? –Non. A ningunha criatura se lle pode pedir honradamente que vaia contra a lei da súa natureza, que é a lei de Deus. Tras moito tempo e moitas preguntas, Satán dixo: –A araña mata a mosca, e cómea; a ave mata a araña e cómea; o lince mata o ganso; o... en fin, que todos se matan entre si. Non hai máis ca morte de principio a fin. Hai unha incontable multitude de criaturas e non fan máis que matar, matar e matar, son todas asasinas. E non teñen culpa, Divindade? –Non teñen culpa. É a lei da súa natureza. E a lei da natureza sempre é a lei de Deus. E agora observade... Contemplade unha nova criatura, a obra mestra: o home! Homes, mulleres e nenos apareceron en rabaños, manadas, millóns deles. –Divindade, que vai facer con eles? –Asignarlle a cada individuo, con diferentes matices e graos, as diversas calidades morais que entre os animais que non falan foron repartidas de maneira exclusiva: valor, covardía, ferocidade, mansedume, ecuanimidade, xustiza, astucia, perfidia, magnanimidade, crueldade, malicia, maldade, luxuria, clemencia, piedade, pureza, egoísmo, dozura, honor, amor, odio, vileza, nobreza, lealdade, falsidade, veracidade, deslealdade... cada ser humano albergará todas elas dentro de si, e constituirán a súa natureza. Nalgúns deles haberá características boas e elevadas que taparán as ruíns, e eses serán os homes bos; noutros

10


predominarán as características ruíns, e serán os homes malos. Observade... contemplade como desaparecen! –A onde marcharon, Divindade? –Á Terra... eles e mais todos os animais. –Que é a Terra? –Un pequeno planeta que fixen, hai un tempo, ou quizais hai dous tempos e medio. Vós xa o vistes, pero non reparastes nel no medio daquela explosión de mundos e soles que saíu disparada da miña man. O home é un experimento, o resto de animais son outro experimento. O tempo demostrará se pagaban a pena. Rematou o espectáculo; podedes marchar. Pasaron varios días. Isto equivale a un longo período de tempo (do noso tempo), pois no ceo un día dura mil anos. Satán dedicárase a facer comentarios de admiración sobre algúns dos brillantes traballos do Creador, uns comentarios que, lendo entre liñas, resultaban ser sarcasmos. Expresárallelos en privado aos seus amigos de confianza, os outros arcanxos, mais outros anxos inferiores escoitáranos e foran dar parte ao cuartel xeral. Foi condenado a un desterro durante un día, un día celestial. Xa estaba afeito a tales castigos por culpa daquela lingua tan lixeira que tiña. Outrora xa o deportaran ao espazo, á falta doutro sitio a onde mandalo, e alí quedara a voar tediosamente no medio da noite eterna e o frío xélido. Mais desta volta ocorréuselle ir máis aló e buscar a Terra por ver como se desenvolvía o experimento da raza humana. Non tardou en escribirlles cartas sobre o asunto (da maneira máis confidencial) aos santos Miguel e Gabriel.

11


Outros títulos da colección: 1 Cuspirei sobre as vosas tumbas BORIS VIAN 2 O señor Ibrahim e as flores do Corán ERIC-EMMANUEL SCHMITT 3 O neno do pixama a raias JOHN BOYNE 4 Lolita VLADIMIR NABOKOV 5 Obabakoak BERNARDO ATXAGA 6 A conxura dos necios JOHN KENNEDY TOOLE 7 Budapest CHICO BUARQUE 8 O corazón do negror JOSEPH CONRAD 9 Sete casas en Francia BERNARDO ATXAGA 10 Pan con xamón CHARLES BUKOWSKI 11 A estrada CORMAC McCARTHY 12 Motín na Bounty JOHN BOYNE 13 A Granxa dos animais GEORGE ORWELL 14 Mal de pedra MILENA AGUS 15 1984 GEORGE ORWELL 16 Semanas, meses REKO e TINA LUNDÁN 17 Cartas desde a Terra MARK TWAIN


CARTAS DESDE A TERRA é unha das obras de Mark Twain publicadas moito despois da morte do autor, exactamente en 1962, cando o escritor levaba máis de cincuenta anos baixo terra. O crítico e historiador Bernard de Voto editou os papeis en 1939 e deulles forma de libro, mais Clara Clemens, a filla de Mark Twain, prohibiu por máis de cincuenta anos a publicación da obra, quizais por considerala demasiado crítica co cristianismo. Deus, o Creador, condena a Satán a pasar un día celestial na Terra por mor duns comentarios irónicos sobre a súa obra que o arcanxo espallou entre os seus compañeiros. Ao chegar á Terra, Satán deseguida comeza a escribirlles cartas aos seus amigos Miguel e Gabriel. Nelas comenta os avatares da humanidade, as súas crenzas e a súa relación co Creador. Cun estilo ameno, directo e irónico, Mark Twain mostra as contradicións do home perante o feito relixioso e cuestiona ata a mesmísima figura da Divindade.