Page 1


Cando os nenos din «basta!» Agradecementos Agradézolles ás compañeiras Antonella Prisco e Antonella Rissotto que lesen e corrixisen as distintas versións deste libro. Ademais, Antonella Rissotto ocupouse das referencias bibliográficas e Antonella Prisco, do apéndice 3. Agradézolle a Reggio Children que me permitise utilizar as fermosísimas expresións dos nenos recollidas no libro Reggio Tutta.

16


INTRODUCIÓN

EU FALO E TAMÉN ME ENFADO!


Os nenos non din nunca «basta!», e aínda menos «basta xa!», saben que son expresións propias dos maiores. «Basta xa!» é a expresión típica coa que os docentes, os policías locais e os pais interrompen as actividades favoritas dos nenos, como son o seu recreo, os seus xogos ou os momentos antes de durmir, para obrigalos a experiencias menos pracenteiras e menos queridas como as clases, os deberes ou o sono. O neno sabe cales son os instrumentos que se lles conceden para expresar o seu desacordo con máis eficacia: coller unha perrencha, chorar, non falar, rexeitar a comida ou andar con remilgos ou chantaxear os pais. Pero a miúdo o neno obedece, e así gana a aprobación dos maiores. Con todo, estas actitudes nacen case sempre dun «basta xa!» reprimido, non expresado, inexpresable, que cativa o neno e que lle mete medo. Sabe que querería dicilo pero non pode. Todos os «basta!» contidos representan unha carga explosiva, perigosa, que cada neno leva dentro del, que mesmo podería producir danos, pero que pode converterse nun recurso creativo e participativo impresionante. Que sexa dun xeito ou doutro depende exclusivamente dos adultos. Os maiores son quen de poñer os nenos en situación de dicir «basta xa!», pero só o farán se entenden que paga a pena, que cómpre darlles a palabra aos nenos para comprenderen xuntos o que queren, o que precisan. Daquela sairán á luz as cousas que se están a facer mal, esa morea de cousas que os adultos esqueceron, aquilo que lles impide aos máis pequenos expresarse e medrar. O neno que di 18


«basta!» faino con urxencia, con présa, case con cobiza: é neno durante pouco tempo e neste pouco tempo precisa facer o que é necesario para o seu desenvolvemento. Por iso o seu «basta!» é sempre «basta xa!», agora, rapidiño. Para el as estrataxemas dos adultos, que son capaces de permitirse tempos dilatados mesmo fronte ás maiores urxencias e desgrazas1, non serven. Se o que o neno di é xusto, se o recoñecemos e o aceptamos, cómpre telo en conta axiña e poñer en marcha decontado os cambios necesarios. Para todos os pequenos (en idade, en forzas, en recursos, en posibilidades, en poder) o tempo é incerto. Para eles o futuro é unha posibilidade e non unha certeza, polo que intentan conseguir xa, decontado, todo o que é posible, sen ter en conta as garantías do porvir. O neno non sabe esperar, nos primeiros meses porque non coñece o tempo, e logo porque non confía nel. O tempo dos nenos é xestionado polos maiores, e dos maiores non sempre se pode un fiar. Os grandes sempre din «logo, mañá». Os nenos aprenden rápido a dicir «xa, agora». Saben que o que se colle é seguro, e o que ha de vir sempre se poderá negociar no seu momento, e quizais se consiga. É típica a estratexia dos nenos cando piden algunha cousa que queren: un programa da tele, un xeado ou un xoguete. Se o adulto pregunta «prefires a túa hora de televisión agora, ou prefires un pouquiño agora e outro pouquiño máis tarde? O xeado, quérelo xa ou dentro dunha hora?», o neno case sempre responderá «agora!», ben sexa porque é agora cando o quere, ben sexa porque sabe que logo se cadra espera rabuñar algunha outra concesión. 1

Pensemos, por exemplo, nos acordos internacionais sobre o medio ambiente, que, fronte a perigos considerados catastróficos coma os do efecto invernadoiro e o do burato da capa de ozono, que se produciron nun período breve e recente, propoñen medidas de redución (por outra banda, só parcial) do uso das substancias nocivas de aquí a dez anos.

19


Pola contra, o adulto organiza o tempo contando co futuro, pero só porque o ten garantido. Ten unha conta no banco, unha tenda debaixo da casa, comida na neveira, un seguro, un armario para a roupa e sabe que cambian as estacións. Para el o futuro é seguro. Para os nenos, os vulnerables e os pobres só existe o presente, e se se ven privados del séntense perdidos2.

A quen lle convén? Confiar nos nenos, pedirlles a súa axuda, non é doado. É un gran compromiso, supón un risco importante porque os nenos son esixentes e non os podemos enganar. Só poden confiar nos cativos aqueles que estean convencidos de que paga a pena facelo e de que non existen solucións mellores e máis seguras para saír das contradicións da nosa vida de hoxe. Así pois, convenlles confiar nos nenos a todos os que realmente están insatisfeitos coa situación actual: aos pais que se decatan de que non abonda co benestar económico para vivir unha boa relación cos seus propios fillos; aos docentes que non se resignan a unha escola non desexada e tantas veces rexeitada polo seu alumnado; aos representantes políticos que non poden aceptar unha cidade na que non se vexan nenos, anciáns ou persoas con discapacidade pola rúa porque pasou a ser propiedade privada dos adultos que conducen. Para todos eles traballar cos nenos supón un recurso importante e profundamente innovador que pode devolver a esperanza no futuro 2

Paradoxalmente esta reflexión fíxome lembrar o libro Se isto é un home, de Primo Levi, onde o autor relataba como os presos do campo de concentración perderan completamente a confianza no futuro, mesmo no inmediato, e preferían, por exemplo, devorar decontado o seu pan antes que reservalo unhas horas como facían, pola contra, os presos con menos experiencia.

20


e a vontade valente de operar o cambio. «Salvemos os nenos para salvar a esperanza da humanidade», dixo o papa na súa mensaxe do día de nadal de 2001. Pero paga a pena? Canto custa desviar cara aos nenos a atención e o interese da cidade? Canto custa investir na infancia? A resposta deuna Kofi Annan o 8 de maio do 2002 en Nova York na apertura da sesión extraordinaria da ONU para a infancia: «Como poderiamos fracasar, sobre todo agora que sabemos que cada dólar investido na mellora das condicións de vida da infancia redunda nun beneficio para toda a sociedade duns 7 dólares?».

A palabra para os nenos Darlles a palabra aos nenos non significa facerlles preguntas nin tampouco deixar que responda o que primeiro levanta a man. Se o facemos así recollemos case unicamente lugares comúns e estereotipos, ou sexa, o primeiro que nos vén á cabeza, e produce unha forte competitividade entre os nenos: o que sabe contesta de primeiro. Pola contra, darlles a palabra aos nenos significa crear contextos para que se expresen. Para expresárense os nenos deben poder razoar sobre as cousas que coñecen directamente, as que forman parte da súa vida. Non poden dar o seu punto de vista sobre a historia afastada ou sobre países e problemas que non coñecen, pero si que o poden facer sobre a vida do barrio, sobre a cidade onde viven, sobre as súas necesidades e os seus desexos. É importante implicalos en problemas sobre os cales teñen algo que dicir todos, e non só os máis listos da escola. Débense crear os contextos axeitados, sen présas, sen controis, sen preocupacións, para que poidan equivocarse, dicir parvadas 21


e ironizar, igual que facemos os maiores3. E que dispoñan da posibilidade de elixir o medio máis axeitado para facelo: a palabra, o debuxo, o texto escrito, o proxecto, etc. Para que os nenos poidan expresarse, e para que sintan o desexo de facelo, cómpre que os adultos saiban escoitar. Isto non significa só escoitalos, senón intentar entendelos, valorar as súas palabras e as intencións verdadeiras de quen fala. Todos os nenos falan, pero os adultos non sempre son quen de captar a mensaxe. Especialmente os nenos que falan pouco e se expresan mal teñen seguramente cousas importantes que dicir e só están á espera de que haxa adultos capaces de escoitalos tamén a eles e de entendelos. Escoitalos significa estar da parte deles, estar dispostos a defender as súas posicións e as súas demandas. Cando os nenos comprenden isto, todo se volve máis claro e máis doado. O adulto non lles pregunta para ver quen é o listo e como é de listo, senón que o fai porque está convencido de que os nenos poden axudarlle. Daquela a palabra deixa de ser unicamente un dereito polo cal paga a pena levantar a man de primeiro e reclamala como propia e convértese nun deber, e así a motivación medra e os nenos estarán do noso lado, serán os nosos aliados. Cando digan «basta!» farano no nome de todos, non só de todos os nenos, senón tamén no nome de todos os adultos que deberían dicilo pero que non teñen o valor de facelo. Como no conto, o neno segue a ser aínda hoxe, probablemente, o único que 3

Pensemos, por exemplo, na técnica da «chuvia de ideas» (brain storming), a través da cal o mundo da publicidade está disposto a investir importantes recursos económicos: consiste en sentar arredor dunha mesa persoas de alto nivel profesional, moi diferentes entre elas, para que digan o que queiran sobre un determinado tema, coa máxima liberdade posible, confiando en que desta «tempestade de cerebros» poidan nacer as ideas novas para novas frases forza e novas campañas.

22


pode dicir «o rei vai espido» e romper o muro de adulación e de silencio co que os maiores defenden as súas decisións, mesmo as máis cuestionables. Escoitar significa necesitar da colaboración do outro. Non abonda con estarmos interesados, motivados e convencidos de que sexa unha boa técnica para implicar os nenos, fai falta sentir con sinceridade e urxencia a súa necesidade. Cómpre necesitar os nenos. Esta é a primeira e verdadeira condición para que se lles poida dar a palabra: recoñecerlles a capacidade de ofrecernos opinións, ideas e propostas proveitosas para nós, os adultos, e recoñecelos capaces de axudarnos a resolver os nosos problemas. Se facemos así, a relación con eles será correcta, entre cidadáns adultos e cidadáns pequenos, pero tamén cidadáns. Se non se fai así, poderemos facerlles aos nenos agasallos, pasar con eles momentos simpáticos e divertidos (sobre todo para nós), pero quedarán sempre excluídos dos seus dereitos, porque sempre seguirán a ser «futuros cidadáns» ou, se se prefire, «menores». Once anos de experiencia Hai once anos que os nenos participan no proxecto «A cidade dos nenos»4. Desde Fano5 o proxecto pasou a ser unha rede de cidades italianas e estranxeiras. Os nenos presentaron propostas nos consellos dos nenos, nas experiencias de planificación compartida e nas súas 4

Para coñecer as características teóricas e metodolóxicas do proxecto e mais as súas primeiras experiencias pódese consultar A cidade dos nenos, de F. Tonucci (2014). Para coñecer as súas liñas xerais e o seu desenvolvemento ata hoxe pódese ver o Apéndice 1 deste libro.

5

Fano, cidade onde en 1991 arrancou o proxecto «A cidade dos nenos», do que fun director científico.

23


intervencións nos plenos municipais6. Moitas veces foron escoitados, moitas veces as súas denuncias e as súas propostas fixeron debater os adultos, fixéronos ser conscientes dos seus erros e esquecementos e promoveron novos acordos e intervencións administrativas para favorecer o cambio. Algunhas veces as propostas presentadas para a realización de proxectos dos nenos, grazas tamén á competencia dos adultos que traballaron con eles, foron realizadas coa satisfacción dos propios adultos e mais, evidentemente, coa dos pequenos autores, dos seus amigos e dos seus familiares. Con todo, non sempre se lles prestou a debida atención ás súas propostas, ou mellor dito, decote foron ben acollidas e valoradas pero, como adoita facerse coas contribucións dos nenos, non se levaron á práctica. Este é o peor comportamento, e por desgraza o máis común, na relación entre adultos e nenos. Só agora se comeza a falar do risco da decepción: pedirlles aos nenos que fagan propostas e non telas en conta produce unha decepción grave que menospreza a xenerosidade da proposta. Creo que o máis grave é que os adultos perden unha grande oportunidade. Os nenos están afeitos a que non se lles escoite ou que os admiren sen tomalos en serio, nin os sorprende nin os defrauda excesivamente o desinterese dos adultos. Con todo, se unha vez acontecese que, logo de presentar unha proposta esta se tivese en conta e se realizase, daquela produciríase o «milagre»: estes nenos sentiríanse fachendosos de seren cidadáns e devecerían por facerse grandes para seguir defendendo e mellorando a súa cidade. Se reflexionamos sobre a difícil relación que mantemos coas novas xeracións, sobre como e en que medida se senten tantas veces alleas e hostís respecto dos adultos, das súas institucións e das súas 6

Para coñecer a metodoloxía da planificación compartida cos nenos e para os consellos dos nenos pódese ver o Apéndice 1.

24


cidades, e se pensamos nas súas duras e desacougantes mensaxes de agresividade ou de evasión, desde o vandalismo ata a droga, entenderase ben o valor que poden ter estas experiencias de participación infantil e o erro que comete o adulto, o gobernante ou o educador se non cumpre as súas promesas7. Un neno do Consello dos nenos de Fano, ao facer un balance do primeiro ano de experiencia, dixo o seguinte: «Cando coñecín os problemas da cidade e entendín que podía facer algo, sentinme responsable». E un pequeno compañeiro seu dixo: «Ao comezo parecía unha experiencia aburrida, coma sempre, e non me esforzaba moito, pero logo vin que moitos dos desexos se cumpriran e daquela arrepentinme»8. Unha fermosa lección para todos os que somos adultos!

As propostas dos nenos Boa parte das propostas sobre as que está elaborado este libro chegaron a min recollidas ao longo destes once anos de traballo no proxecto «A cidade dos nenos». Moitas proceden da experiencia de Fano, na cal dinamicei o Consello dos nenos durante sete anos consecutivos e onde supervisei distintas experiencias de planificación compartida; as últimas proceden do novo Consello dos nenos que 7

Este panorama non busca representar o mundo xuvenil, que hoxe ás veces é capaz de expresar formas apaixonadas de voluntariado ou de participación en movementos ecoloxistas, antiglobalización, etc., senón só salientar a difícil relación que existe entre as distintas xeracións e a idoneidade das propostas de implicación directa da infancia e da mocidade na vida pública da súa cidade. 8

Véxase o capítulo «Sentinme responsable».

25


promovo en Roma desde finais de 2001. Pero tamén están apañadas nas distintas cidades italianas, españolas e arxentinas onde fun reclamado para promover o proxecto. Sempre que foi posible solicitei unha xuntanza co Consello dos nenos9. Así pois, son, na maior parte, frases escoitadas por min mesmo e debatidas cos nenos. Agás casos concretos, trátase de propostas de nenos de seis a once anos, que son os que participan nos consellos dos nenos e na meirande parte das experiencias de planificación compartida promovidas polo proxecto. Polo tanto, non son todas as posibles propostas que os nenos son quen de expresar. Son unha escolma persoal que, máis que ofrecer unha mostra completa das ideas infantís, quere contribuír a que os adultos comprendan os nenos, para que se enfronten ás súas palabras e propostas cunha actitude de curiosidade, interese e dispoñibilidade. Se ás veces nos parecen frases excesivamente incisivas ou contundentes para estaren pronunciadas por nenos tan pequenos, podemos pensar cando menos dúas cousas. A primeira é que, con demasiada frecuencia, os adultos pensan o que di Alicia: «Os adultos, case todos, pensan que ser neno é coma ser parvo»10, pero isto é totalmente falso e como proba abonda con afacerse a escoitar os nenos logo de ofrecerlles as mellores condicións posibles para que se expresen. A segunda é que algunhas destas frases xorden de xeito 9

En realidade sempre solicitei dúas cousas: xuntarme cos nenos e xuntarme co alcalde e mais co seu equipo de goberno. En moitas cidades italianas e estranxeiras, de Palermo a Buenos Aires, de Rosario a Cremona, de Arezzo a Roma, tiven a posibilidade de impartir «Seminarios da Xunta de Goberno Local», nos cales, durante horas, políticos e técnicos debateron comigo sobre o proxecto «A cidade dos nenos» e sobre como a cidade podería desenvolvelo con proveito.

10

Véxase o capítulo «Sentinme responsable».

26


improvisado, pero a maior parte nace en espazos participativos de longo percorrido, con motivacións fortes e apoios axeitados (os adultos escoitan de verdade e están dispostos a telas en conta) e isto produce unha forte implicación dos pequenos, que intentan dar o mellor de si mesmos (porque paga a pena). Cada lector, na súa propia familia, escola ou cidade, poderá recoller outras frases e enriquecer este abano de ideas se ten interese en preguntalas e se pon os nenos en condicións de producilas.

O «campo» dos nenos Os nenos son quen de participar, expresando opinións e realizando propostas, sobre todos os problemas da cidade, porque tamén os viven coma calquera cidadán e fano desde o seu particular punto de vista que está máis «abaixo» e é máis ignorado ca o dos outros11. Dous pequenos do Consello dos nenos de Roma dixeron o seguinte: «Nós somos nenos e vemos a cidade de forma diferente aos adultos», «Os nenos están máis preparados para falar sobre a cidade e sobre os barrios». Así e todo, seguramente os nenos serán máis exhaustivos, precisos e competentes cando falen de aspectos máis próximos ás súas necesidades e aos seus intereses e desexos. Non debemos abraiarnos se moitos capítulos deste libro están dedicados ao xogo, ás súas circunstancias e ás súas características, pois esta é a ocupación máis 11

O neno representa a diferenza e a distancia respecto do xeito de pensar, de valorar e, polo tanto, de planificar do adulto. Mesmo podemos dicir que o neno é o «máis diferente» que hai de nós, persoas adultas produtivas, e representa todas as diferenzas de sexo, idade, nivel económico, capacidade, raza e relixión. Quen aprende a comprender os nenos ábrese para todos.

27


importante, máis destacada e necesaria da nenez e probablemente de toda a vida do ser humano. É o que, logo de recoñecelo e protexelo co artigo 31 da Convención sobre os Dereitos do Neno12, os adultos deberían recoñecer como un deber para os nenos: os nenos que non xogan, ou que non xogan dabondo nin ben, non serán boas mulleres nin bos homes adultos, nin bos pais, nin bos mestres, nin bos traballadores, nin bos gobernantes. Nas últimas décadas as cidades foron completamente modificadas e desfiguradas ao asumir como elemento clave o traballo dos adultos. A vivenda, a circulación, a sanidade, o lecer e as actividades comerciais foron pensados á medida dunha persoa adulta que traballa. Para comprobar isto abonda con pensar no poder que ten hoxe o coche particular na vida e nas características funcionais e estruturais dunha cidade. Probablemente se lle podería restituír vida e calidade ás nosas cidades se se comezase un novo camiño na planificación que asumise como elemento clave o xogo dos nenos. Habería que pensar a vivenda, a circulación, a sanidade, o lecer e as actividades comerciais, naturalmente de todos, á medida dun meniño que ten o deber de xogar. As propostas dos nenos teñen o defecto de seren sinxelas e de pareceren obvias, triviais e mesmo tautolóxicas. Ollo: isto é un truco, unha trampa. É unha estratexia típica dos nenos o feito de pedir pouco para ir traballando o terreo e entender a actitude dos adultos, especialmente en campos pouco habituais (como o da cidade) ou que se presupoñen «de risco». Podemos tirar un exemplo interesante da educación sexual. Unha pregunta típica do neno á mamá preñada é esta: «Mamá, onde está o neno?». Trátase dunha pregunta aparentemente 12

Aprobada polas Nacións Unidas en Nova York o 20 de novembro de 1989 e ratificada polo Parlamento italiano coa Lei 176 de 1991; cítase de agora en diante como «a Convención».

28


simple e mesmo estúpida, posto que o «onde» se ve con facilidade. Como a cuestión é «delicada» e a miúdo colle os adultos desprevidos e inseguros, e como ademais é previsible que os nenos poidan preguntar parvadas, o adulto queda ben contento de pechar o arriscado asunto respondendo puntual e honestamente: «O neno está na barriga da mamá». O neno semella satisfeito, de feito obtivo a resposta que buscaba, pero obtívoa a un problema moito máis importante: ata onde están dispostos a contarlle os seus pais. Entendeu que esta dispoñibilidade non existe e gardarase ben de indagar máis incomodando aqueles adultos tan importantes para el. Buscará noutros lugares, como fixemos todos (en amigos máis maiores, nos cómics, nos libros, na televisión, ou se cadra en internet), a resposta ás verdadeiras preguntas que sempre espertaron a curiosidade dos nenos sobre esta cuestión: «Como entrou ese neno na barriga de mamá? Quen o meteu aí? Que pinta papá en todo isto? E por onde sairá para fóra?». O neno sabe que son preguntas complexas e, daquela, failles unha sinxela. Se o adulto entende o que agocha esta pregunta vaina aproveitar para contar as cousas importantes, e senón defenderase limitándose á resposta mínima. As propostas dos nenos parécennos triviais porque perdemos o sentido da realidade, das cousas sinxelas e das importantes. Un neno de Ponticelli, que é un barrio periférico de Nápoles13, dicía: «Os nenos deben xogar onde poden xogar». E un de Fano confirmaba: «Non é xusto que os nenos deban pagar para xogar». Parecen parvadas pero son conceptos fondos e comprometedores, como habemos ver nas seguintes páxinas. O problema é que o adulto debe saber descubrir que é o que se agocha debaixo das frases sinxelas dos 13

As cidades de procedencia dos nenos e das nenas de quen se tiran as frases descríbense brevemente no Apéndice 3.

29


nenos, extraer delas todas as posibles consecuencias e beneficios. É valiosa para o adulto a óptica baixa, analítica e minuciosa da infancia, pero debe saber trasladala con afouteza á gran dimensión da cidade, traducila, adaptala e transformala nunha liña programática e planificadora. Isto non lles compete nin lles interesa aos nenos, este é labor de quen ten o poder de decidir e de executar. Polo tanto enténdese ben que non se trata de deixar os nenos contentos, senón de cambiar algo nas nosas familias, na escola e na cidade enteira.

30


PARA SERMOS FELICES

«Para sermos felices fan falta dous ou tres» (Reggio Emilia)

Regaládesme un irmanciño?


Cando os nenos din basta! G - Francesco Tonucci  

Kalandraka. Biblioteca de pedagoxía Nº 2. Galego

Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you