–Sempre hai outro modo de decidir –dixo o lobo–. Podemos, por exemplo, facer o pino. E entón fixeron iso. E inmediatamente decatáronse de que o país redondo e cheo de area era un bo lugar para estar facendo o pino. Especialmente se eran dous e podían termar un do outro de cando en vez. E foi xusto mentres alí estaban, balanceándose arriba e abaixo, entre a terra e o ceo, cando se lle ocorreu. –Xa sei, xa sei! –exclamou Zackarina–. Pinolandia! –Certo! Iso mesmo estaba pensando eu: Pinolandia! –dixo o Lobo. E bautizaron o país redondo con auga do mar, e despois Zackarina foi para a casa outra vez, sen patexar entre as formigas. Cando entrou na cociña, o pai sentaba lendo, e o anaco de torta estaba aínda enriba da mesa. Zackarina sentou e comezou a comer. –Onde deixaches a gorra? –Esquecina na praia –respondeu Zackarina. Colleu un anaco de torta e meteuno na boca. –E, por certo –continuou–, aínda non rematamos de decidir nada sobre o da gorra na mesa. –Ai, non? Non me digas! E logo? –dixo o pai. –Non, só o decidistes ti e mamá. Pero eu non. O pai pensouno un pouco. Realmente fora así?
16