torta DE chocolate Zackarina vivía nunha casa á beira do mar co seu pai e coa súa nai. Nos arredores da casa había dous bidueiros xeitosos, dos que penduraba unha hamaca. Aínda que, hoxe, non era exactamente unha hamaca, senón un barco pirata, e Zackarina era a capitá. E despois de saquear os sete mares e pelexar e bourar contra furacáns, empezou a ter realmente ganas dun bolo ou algo así. Zackarina abandonou o barco e correu para dentro da casa ata a cociña. Quedou parada no medio e medio e respirou profundamente. Oh! Que ben recendía! –Torta de chocolate? –preguntoulle ao seu pai–. Fixeches torta de chocolate? Aínda que en realidade non era necesario preguntar. A torta estaba efectivamente alí, no medio e medio da mesa, redonda e xeitosa, recuberta dunha capa de chocolate glaseado.
11
–Queres un anaco? –preguntoulle o pai. –Por suposto que quero –dixo Zackarina. Papá cortou un anaco grande e deixouno nun prato. Zackarina agarrou unha culler e sentou á mesa. –Quita a gorra tamén, fai favor –díxolle o seu pai. –Pero se son unha capitá dos mares. Non te deches conta? –explicou Zackarina. –Si, veña –dixo o pai–. Xa sabes o que acordamos. Zackarina quitou a gorra. Era negra e tiña unhas liñas brancas laterais. Só o capitán do barco tiña dereito a levar na cabeza unha así. Unha con liñas brancas laterais. Porque debía diferenciarse, de tal xeito que se soubese quen era quen mandaba no barco. Zackarina mirou para a gorra que tiña nas mans. Logo mirou para o seu pai e para o anaco de torta, e puxo de novo a gorra. –Pero que fas, Zacki!? –exclamou o pai–. Pero se xa dixemos que ninguén debe levar gorra cando senta á mesa. Zackarina ergueuse e apartou o prato co anaco de torta. –Xa non teño máis gana dela –dixo. E saíu dereitiña para a praia. Polo camiño había un regueiro de formigas que bulían arriba e abaixo. E entón patexou no chan, moi forte, entre as formigas.
12
–Ala! Tédelo ben merecido! –espetoulles. Pero non foron só as formigas as que sentiron patexar no camiño. Abaixo na praia, nas profundidades da area, espertou un rarísimo animal. Tiña unhas orellas flexibles coas que podía levantar o vento e un nariz espelido. E a pel, chea de area do deserto, dourada coma o ouro. Estivera durmindo profundamente e soñando o soño máis azul. Pero, cando sentiu a terra tremer, escaravellou pola area para arriba, dereitiño cara ao sol e a luz. E cando Zackarina baixou para a praia, deitouse na area e sorriu, cun sorriso longo coma un día sen pan, e os ollos coma unha constelación de estrelas. –Ei! –dixo Zackarina, que non semellaba especialmente alegre. –Bos días pola mañá! –respondeu o Lobo de Area. Zackarina colleu un pau e debuxou un círculo grande na area. Logo meteuse dentro cos brazos cruzados. –Este é o meu país –declarou–. E aquí faise o que eu diga. O Lobo de Area ergueuse coma unha chispa e deu unha volta arredor daquel círculo. –Este país parece moi acolledor, tan redondiño e cheo de area... –dixo. E, collendo impulso, deu un chimpo e entrou no círculo–. E agora, que? –preguntou. –Agora decidimos xuntos –dixo Zackarina–. E así é como imos facer Piratarinalandia.
13
–Piratarinalandia? –repetiu o Lobo, e engurrou o fociño–. Non, eu penso que debe chamarse Luparia. –Pero eu dixen o nome antes –dixo Zackarina. –Pero eu penseino antes –rosmou o Lobo–. Eu aposto de vez por Luparia. O lobo alzou unha pata, pero, por suposto, Zackarina votaba por Piratarinalandia e ergueu as dúas mans. –Eu gano! –dixo. Pero o Lobo de Area unicamente sorriu, e logo deitouse de costas e alzou as catro patas. Entón Zackarina fixo o mesmo e alzou os brazos e as pernas. Pero entón, ao final, o Lobo levantou tamén o rabo. –Cinco contra catro –dixo–. Bravo por Luparia! Pero Zackarina non podía aceptar aquilo. Ela pensaba que iso do rabo era trampa. O Lobo rañou tras da orella e dixo que o país podía chamarse das dúas maneiras… Piratarinalandia un día e Luparia o seguinte. –É chulísimo, a que si? –Non. Só é un pouquiño chulo, nada máis –respondeu Zackarina. O Lobo ladeou a cabeza e dixo que, por suposto, podían pelexar por iso. Pero Zackarina pensaba que era inxusto porque, aínda así, o lobo era o máis forte dos dous, case coma un volcán. –Non hai outro modo de decidir o nome?
15
–Sempre hai outro modo de decidir –dixo o lobo–. Podemos, por exemplo, facer o pino. E entón fixeron iso. E inmediatamente decatáronse de que o país redondo e cheo de area era un bo lugar para estar facendo o pino. Especialmente se eran dous e podían termar un do outro de cando en vez. E foi xusto mentres alí estaban, balanceándose arriba e abaixo, entre a terra e o ceo, cando se lle ocorreu. –Xa sei, xa sei! –exclamou Zackarina–. Pinolandia! –Certo! Iso mesmo estaba pensando eu: Pinolandia! –dixo o Lobo. E bautizaron o país redondo con auga do mar, e despois Zackarina foi para a casa outra vez, sen patexar entre as formigas. Cando entrou na cociña, o pai sentaba lendo, e o anaco de torta estaba aínda enriba da mesa. Zackarina sentou e comezou a comer. –Onde deixaches a gorra? –Esquecina na praia –respondeu Zackarina. Colleu un anaco de torta e meteuno na boca. –E, por certo –continuou–, aínda non rematamos de decidir nada sobre o da gorra na mesa. –Ai, non? Non me digas! E logo? –dixo o pai. –Non, só o decidistes ti e mamá. Pero eu non. O pai pensouno un pouco. Realmente fora así?
16
–Quizais poidamos falalo pola tarde –dixo o pai–, cando mamá chegue do traballo. Zackarina asentiu. –Si, pero eu preferiría facelo en Pinolandia –dixo. E púxose a relamber o prato. A torta de chocolate de papá estaba realmente boa. Boa boa. Unha torta para piratas.
17