texto de peche do 4º Congreso Nacional de Adiante

Page 1

DISCURSO DE PECHE DO 4º CONGRESO NACIONAL DE ADIANTE A letra da Internacional, escrita por Pottier nunha Comuna en rebeldía, resultou un imperativo moral, político e ético para nós, as comunistas. “Axuntémonos todas, é a loita final”. Decidimos axuntarnos, construír un novo movemento capaz de constituírse como alternativa, coa ambiciosa proposta de mudar o mundo. E non só como obxectivo, tamén como responsabilidade. Apostamos por artellar unha loita colectiva dende a base, botar abaixo os portóns dunha realidade social, laboral, cultural ou económica de ferro. Puxemos os nosos corpos, as nosas militancias, ao servizo das nosas necesidades como nación, como xénero humano, como excluídas. Non pedimos nunca permiso, esiximos. Esiximos independencia, demandamos socialismo. Puxémonos mans á obra na tarefa permanente de remover o patriarcado dende a base. 2004. Mozas e mozos que acreditabamos na necesidade de unir todas as loitas. Mozas e mozos que acreditamos nun soño, que nos puxemos a tirar con forza do fío da historia, que nos botamos a tender pontes coa nosa contorna, que apostamos pola CUT para artellar a voz unitaria das explotadas, que nos puxemos a debuxar a Frente Popular Galega como unha tarefa de todas, que bulimos por cada espazo de liberación e de emancipación, por cada movemento social ou estudantil, cunha vontade irreformábel de formarnos, de coñecelo todo. Os fíos da nosa ilusión entretecéronse nun proceso que está a madurar. Nunha ferramenta política que se vai afiando, que aos poucos se torna máis útil, madeixa. Nunca para nós como organización. Nunca polo fetichismo das siglas. Sempre para nós como conxunto, como pobo, como clase, como dominadas. Aquí está, esta é a nosa maneira de loitar pola democracia, pola nosa democracia das desherdadas. Por iso este encontro. “Aprendermos en común os camiños revolucionarios”. Nada está aprendido. A dúbida e a inseguranza son as nosas bandeiras. Ao igual que o son as certezas colectivas. As ideas de transformación que se artellan a partir das moitas voces, da pluralidade de propostas, da necesidade de afondarmos en común nunha alternativa marxista e leninista hoxe e para o agora. Prendemos nos dedos unha corda de liño que ven do pasado. Da construción colectiva, corpo a corpo, das traballadoras e traballadores que realizaron o noso presente, de loita, Quizais por iso nunca prestamos oídos aos cantos de serea, aos anuncios da fin da historia. Pero quizais tamén por iso tivemos que optar, decidirnos. Deixar de habitar as trincheiras da Guerra Fría, da queda do Muro de Berlín, do desfolgo, para comezar a deseñar, cada día con trazo máis fino, as trincheiras que nos toca erguer no século XXI. Decidímonos a non transmitir dogmas revelados, nin imaxes de marcas infalibles. Submerxirnos para emerxer nos barrios, nos movementos estudantís ou nas asembleas de traballadores e traballadoras. Dispostas a escoitar, aprender e superar conxuntamente o medo. O medo que hoxe provoca a responsabilidade de ter que derrubar o futuro que nos impoñen, de vermos removidas ao enteiro neste proceso as nosas propias vidas. Asumimos os riscos dos nosos desexos. Queremos a ruptura e a construción. Un espazo colectivo que, dende a humildade e a honestidade, continúe a ter vontade de mudar o mundo, consciente de que para o lograr cómpre mudalo todo; o persoal e íntimo e abofé, as formas de intervirmos publicamente. Puxemos por diante as palabras compromiso, coherencia, orgullo, camaradería. A xenerosidade.


Nunca aprendimos a estar soas, nunca soubemos estar soas, porque nunca quixemos estar soas. Non nos conformamos. Non quixemos poñerlles marcos á nosa parcela. Non quixemos deixar de lado os retos. Mozas e mozos, formamos parte dun continxente de loita moitísimo máis amplo, que o é case tanto como os noso soños. Camiñamos, inmiscuímonos na masa, xiramos prendidas da necesidade e a urxencia de discursos como os que estamos a construír. Acreditamos sempre no imperio da razón e no da emoción. Acreditamos sempre na comunidade política, nos espazos de transformación como lugares de avanzar. Creamos esta organización. Aberta sempre e que o ten que ser máis aínda. En constante movemento, chamando por todas as persoas inquedas, lúcidas e preparadas. Chamando pola xente do común. Chamándoas en voz alta porque non lle temos medo ao futuro. Estamos aquí para construír, para camiñar con firmeza nas diferentes frontes de masas. Para formármonos coma cadros do presente. Escollimos este camiño, o de afiar as ferramentas que nos valerán para comprender mellor como debe ser a nación galega, ese herdo que estamos a escribir nun texto sen rematar, que só será completado por cada unha das xeracións de mozas e mozos por chegar. Eleximos esta loita orientada á liberdade. Este traballo para traermos en común unha sociedade na que a clase traballadora galega viva e desenvolva a plenitude da súa vida en igualdade. A vida no centro. Vivir, vivir. Vivir sempre, xa non máis sobrevivir. Temos por diante o poñer pedra a pedra esta organización que quere ser aglutinadora da mocidade comunista galega. Que quere poder analizar en chave científica, materialismo histórico e materialismo dialéctico, as problemáticas que nos corresponde atender con celeridade, con implicación. Para traballarmos na rúa cunha análise da realidade e cunha estratexia adaptada ao agora, ás condicións vixentes, xermolando por dentro do noso pobo, por abaixo. Imos dotar á palabra Revolución de todo o seu significado. Non temos medo a arriscar, sabendo que para vencer hai que facelo. Non temos medo a perder. A Galiza do futuro, da mocidade combatente, a Galiza en transición está nas nosas mans. Hai dous camiños, o da Revolución e o da Repetición. E non imos repetir esta historia de condena, penitencia, escravitude e explotación. Apuramos o paso, fuximos de consignas, de paternalismos, de seguidismos, das e dos guías espirituais. Seremos nós mesmas, coa nosa realidade, coas nosas contradicións, coas nosa dúbidas, coas nosas ilusións. Pero non só. Queremos un espazo para nós. Un espazo onde poder madurar como militantes, onde os sentimentos de camaradería e solidariedade flúan para facernos medrar. Para podermos chimpar cara adiante. Un espazo liberado, reflexo do cambio que queremos ver. Seremos tecelás de rebeldías, obreiras da dignidade, ferreiras dun mundo mellor. Teceremos arredismo, teceremos clase, e por iso teceremos unha rede de coidados para que ningunha compañeira se sinta nunca soa, sementeiras de solidariedade. Seremos un embate contra os alicerces do establecido: alegres, insubmisas, combativas, fermosamente violentas. A barbarie é isto, compañeiras. O sistema contra o que loitamos e seguiremos loitando deica que se esgace, un sistema que nos afoga, que nos reprime, que non nos deixa vivir. Por iso nos tornamos nas insubmisas que somos e que van rachar co establecido, que han derrubar todo este circo de explotación, dominación e de opresións. Por iso imos ser nós quen poña máis unha pedra dende a base para o novo mundo no que nós sexamos as protagonistas, no que sexamos real e radicalmente libres. Loita total, lume ás agresións do sistema patriarcal, burgués e imperialista que dende hai xeracións


manteñen as elites económicas co recurso constante á represión, ao asasinato. Nós contra eles. Eles que seguen a nos atacar, a esfarelar a nosa cultura, a nosa terra. Eles contra nós. Nós con independencia organizativa, con posicions sólidas, sumando esforzos. Nós participando con toda a mocidade combativa. Nós que queremos afondar en cada posicionamento, que queremos estarmos, confundirnos, misturarnos con todo o pobo en loita na nosa nación, mais tamén cos cada nación ou pobo oprimido. Cada voz dunha desherdada é a nosa voz. Nada nós é alleo, todo nos compete. Propuxémonos esta tarefa común. Unírmonos, loitarmos por uns mesmos ideais, traballar nun mesmo camiño revolucionario. Estamos convencidas de logralo. De chegar a todos os recunchos de Galiza, a todas e cada unha das persoas que que partillen esta mesma convicción. De estender a conciencia de que existe unha clase obreira galega, e que dará existido para si. Non conciliamos, non estamos dispostas a entregarnos á historia. Manteremos a bandeira da nosa mensaxe absolutamente radical, por moito esforzo e máis traballo pedagóxico que requira contrastarmos e confundirnos co conxunto dun pobo que empeza a espertar. Construír o socialismo, practicar a independencia, realizar o feminismo radical son angueiras que requiren de alianzas, de espazos colectivos, de reforzar a idea da unidade de todas as feministas, comunistas e independentistas da Galiza. É unha responsabilidade fonda, un traballo duro. Tampouco aquí conciliamos. Tampouco aquí nos entregamos. Dixémolo antes, estamos dispostas a vivir unha Galiza ceibe, feminista e socialista. Estamos dispostas a conseguilo e vencer polo camiño os medos, as resistencias, as dúbidas, as inseguranzas. Estamos dispostas a ser xenerosas, a deixar de lado desavinzas absurdas, a recompoñérmonos como unha identidade incompleta, constante, móbil, en evolución. Por iso estamos dispostas a alentar esta práctica política deica conseguir que Adiante non exista, deica conseguir que esta ferramenta política nosa non sexa necesaria. Adiante será a nosa ferramenta para que sexa ouvido o noso berro, a fouce para segar este sistema, o martelo de loitar polo que queremos, o tinxido lilás dos nosos sorrisos. Imos remexer con alegría unha nova cor composta do vermello e do lilás. Adiante debe ser un sentimento: ilusión e rebeldía. Adiante debe ser un verbo que conxugue o amar e o loitar. Adiante debe ser un tempo: presente e futuro. Ou se queremos, a revolución dos cravos, a bolivariana, a de Outubro, a cubana.. a de todas as oprimidas do mundo. A nosa. Unha comunidade e unha ferramenta para que a mocidade galega revolucionaria poida: Organizarse, Loitar, Sorrir e Vivir, para derrubar este sistema e construír o noso futuro. Unha vaga que asulague de esperanza esta terra seca para facer florecer a igualdade e a liberdade do socialismo. Alegres, libres, rebeldes. Conscientemente incendiarias. Díxoo Otegui: sorride porque imos gañar. Esta é a nosa cartografía política, a nosa identidade. Este son os nosos soños a corpo aberto. Díxoo un noso camarada: "Velaquí os camaradas / perdendo unha batalla cada día / e gañando o futuro e fulgor". Díxoo Enma Goldman unha vez: se non podo bailar, a túa revolución non me interesa. Tede a certeza e a alegría dunha inevitábel vitora de todas nós. Tede a certeza de que o futuro e noso. Conquistémolo! Ourense, 20 de abril de 2013


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.