Conto

—Imos a Vila Sombra! —gritaban Tomás, Ainhoa e Helena mentres daban botes de alegría enriba da cama.
Os seus pais deixáranlles escoller onde pasar as vacacións. Ao principio non se poñían de acordo. Tomás quería ir a un lugar onde puidese practicar moitos deportes, Ainhoa soñaba con bañarse no mar e Helena imaxinaba un recuncho encantado.
Ao final, decidiron elixir o destino ao azar. Tomás despregou un gran mapa enriba da cama e vendou os ollos a Helena. Pediulle a Helena que movese o dedo por riba do mapa mentres Ainhoa e el contaban ata dez. E, ao chegar a dez, o índice de Helena sinalou: Vila Sombra.
Helena estaba feliz porque Vila Sombra soaba a lugar máxico. E Ainhoa e Tomás tamén: arredor había varias praias, campos e bosques.
Chegaron a Vila Sombra ao mediodía despois dunha longa viaxe. O pobo era de postal e os habitantes, moi simpáticos e hospitalarios. Pero había algo moi curioso… Todos ían con paraugas. E xusto, ese día, facía moito sol e non había nin unha nube no ceo.
Os nenos e as nenas tamén levaban paraugas de todas as cores, con debuxos, de raias, de lunares…
—Ola, eu son Pedro. Como vos chamades? — preguntoulles un neno moi louro e de pel clara.
Tomás, Ainhoa e Helena presentáronse.
—Queredes xogar connosco?
Tomás, Ainhoa e Helena dixeron que si, felices de facer amigos enseguida.
Primeiro xogaron ao fútbol, pero os paraugas eran un problema: desviaban a dirección da pelota, facían que os nenos chocasen, o porteiro non podía parar a pelota coas dúas mans…
Despois xogaron ao baloncesto. O paraugas era aínda máis estorbo! Encestar e pasar a pelota con só unha man aínda era máis difícil. E xa vos podedes imaxinar o que pasou cando tentaron xogar ao voleibol ou ao tenis…
Ainhoa propuxo xogar ás carreiras. Parecía unha boa alternativa porque non había que empregar ningunha pelota, só as pernas. Pero os paraugas de Nicolás e Olivia, que ían os primeiros, engancháronse e acabaron todos no chan.
Ao principio, a Tomás, a Ainhoa e a Helena parecéralles moi divertido que todos os nenos e nenas xogasen co paraugas, pero agora xa non lles facía ningunha graza.
—E se xogades sen paraugas? —preguntou Helena.
—Non! —contestaron todos á vez.
Tomás, Ainhoa e Helena miráronse sorprendidos. E todos os nenos e nenas do pobo, tamén. Como podían preguntar iso?
—Os raios do sol volverían queimarnos! —dixo Pablo, asustado.
—Ides todo o día con paraugas para protexervos do sol? —exclamou Tomás. Agora entendíano todo.
Tomás, Ainhoa e Helena pediron aos seus amigos que reunisen a nenos e maiores na praza da vila. Todos estaban expectantes… Os tres irmáns comezaron a explicar o que aprenderan no colexio.
Helena contoulles que o Sol é moi importante para a vida porque nos dá enerxía en forma de luz e calor e porque axuda ás plantas a medrar e a producir osíxeno. E que, ademais, é moi beneficioso para a nosa saúde porque nos fai estar máis contentos e fortalece os ósos e os dentes.
Os seus novos amigos non parecían moi convencidos. Sabían que o Sol tamén podía ser moi perigoso. Buscaran información na internet e descubriran que algúns dos seus raios, os que se chaman ultravioleta (UVA e UVB), podían danar a pel.
—Tedes toda a razón —díxolles Tomás—, pero hai unha solución: o protector solar.
—Protector solar? —preguntaron algúns.
— O protector solar prevén os efectos nocivos dos raios UVA e UVB e así a pel está protexida —aclaroulles Tomás.
—Eu botei protector solar e queimeime igualmente —dixo Pedro.
—Que factor de protección usaches? — preguntou Ainhoa.
—Se a túa pel é clara, coma a túa, e es louro, rubio ou con ollos claros e pencas, a túa pel é máis sensible e por iso tes que empregar un factor de protección alto. Na cara de Alberto debuxouse un sorriso porque pensou que, ao ter a pel moi escura, non tiña que temer aos raios do sol, pero deuse conta decontado de que estaba equivocado.
—En cambio —continuou explicando Ainhoa—, se a túa pel é máis escura, é menos sensible pero, coidado! Tamén podes queimarte se estás moito tempo ao sol.
—Eu empreguei factor de protección 50, que é moi alto, e queimeime —dixo Tina.
—E cantas veces botaches o protector? — preguntou Helena—. Unha aplicación non te protexe todo o día. Hai que botalo varias veces.
Tina só o botara unha vez, coma Pedro, Xurxo, Eva…
—A min queimóuseme o nariz unha vez que fun á neve —dixo Irene.
—O nariz, os beizos e os pés son zonas moi sensibles e por iso precisan moita protección —lembrou Tomás. E que hai que ter especial coidado cando estamos na neve, na auga, na area ou na herba porque os raios do sol rebotan nestas superficies e o seu efecto pode ser aínda máis daniño.
—E na montaña —engadiu Helena—, onde os raios do sol son máis intensos.
A mañá seguinte os nenos e nenas de Vila Sombra atopáronse cunha sorpresa. Tomás, Ainhoa e Helena prepararan unhas olimpíadas moi especiais, As Olimpíadas de Vila Sol.
Para participar tan só había que facer dúas cousas moi importantes: botar protector solar media hora antes de saír da casa e, sobre todo, renovar a aplicación varias veces, sen deixar de lado o equipo imprescindible: unha gorra e unhas lentes de sol.
Ah! E non debemos esquecernos de coidarmos tamén o planeta! Unha vez baleiro, cómpre que o envase vaia ao contedor de reciclaxe.