
7 minute read
Inmigración no Courel
TERCEIRA IDADE NO COUREL
(Pablo, Sabela e Zaira - 2º ESO)
Advertisement
Introdución
O motivo principal para a realización deste traballo foi o feito de que a maioria da poboación do Courel son anciáns. Por iso pensamos que poderia ser interesante coñecer como pasan e pasaban o día a día. O primeiro que fixemos foi investigar algúns datos concretos como os seguintes.
No Courel hai 428 anciáns dun total de 1.007 habitantes, ou sexa, practicamente metade da poboación. A persoa de máis idade, segundo a información do concello, ten 99 anos, e vive en Folgoso.A maior parte da poboación é de entre os 65 a 70 anos. Curiosamente hai máis vellos que vellas. Á parte desta información elaboramos unhas enquisas con algunhas preguntas de interese e entrevistamos algunhas persoas maiores.
Perfil das persoas entrevistadas
As persoas entrevistadas son de Vilamor, Folgoso, Piñeira e Seoane e teñen entre 67 e oitenta e oito anos. Son catro mulleres e tres homes.
Dieta alimentaria
Cando lles preguntamos que dieta asocian á lonxevidade algunhas persoas responderon que fan unha dieta sa. En cambio, outras ningunha. Algúns fan exercicio e outros non comen o que lle di a médica. Outra persoa dálle importancia a comer verduras.
O día a día
Como era a vida antes?
A maioría pasan o día entretidos limpando a casa, outros xogando ás cartas, vendo a televisión, paseando ou na horta, e unha persoa afirma que pasa o día soa.
A maioría da xente entrevistada dixo que a vida de antes non tiña nada que ver coa de agora. Tiñan que traballar dende moi novos tanto cos carros, arando, co gando, axudando na casa… Ían moi pouco á escola e cando chegaban á casa, tiñan que traballar. A vida antes era dura e de moito traballo.
Antes a escola era unitaria. Algunhas das persoas ían pola maña e outras ían pola tarde. Ao principio os nenos e as nenas estaban xuntos pero despois separáronos. Cando facían algo mal sempre os castigaban pegándolles. Por exemplo, dábanlles cunha vara nos dedos, poñíanos de xeonllos e cos brazos abertos con moitos libros enriba. Os libros eran prestados por outras familias para non ter que os comprar. A escola de antes era moitísimo máis dura.
A mocidade de hoxe segundo os nosos maiores
Canto á mocidade, as persoas entrevistadas opinan que hoxe hai moita máis liberdade que a que eles tiveron. Os mozos e mozas teñen moitos máis estudos e dispoñen de tecnoloxías. Tamén contan co apoio da familia. Ademais, segundo eles, a xente nova ten pouca gana de traballar. Tamén pensan que non conservan a mesma alegría que eles e posúen moito de todo e non o precisan…
Tradicións que se perderon
Metade das persoas que entrevistamos coñecen encoutados, ou sexa, métodos curativos tradicionais. Algúns exemplos son os seguintes. Cando o gando tiña miñocas, botábaselle unha xesta na boca. Para os escocidos aplicábaselles cinsa na zona onde tiñan a comechón. En xeral, perdéronse moitas tradicións, como o Entroido (os felos...), xogos e oficios. Hai xente que fala de festas que xa non se celebran e tipos de xogos que xogaban antes e agora non. Segundo di unha persoa, perdeuse a tradición da Coresma, que consistía en non comer carne, e cando chegaban os Reis Magos todos cantaban e ceaban.
Cualidade de vida
Todas as persoas entrevistadas afirmaron que se senten ben tratadas pola xente. Con todo, pensan que as axudas do concello son necesarias. Catro persoas queren un centro de dia e voluntarios que os acompañen no seu día a día, falando, facendo actividades ou paseando. Outras reclaman axuda para facer as tarefas domésticas. Nas aldeas mellorarían as estradas e a canalización da auga.
Conclusión
En conclusión, mudaron moitísimas cousas a respecto da vida de antes, e perdéronse tradicións. Cabe destacar, finalmente, o feito de que moita xente se sente moi soa, o que podería ser mellorado.
INMIGRACIÓN NO COUREL
(Candela, Dani, Luís, Uxía, Gema e Adrián - 3º e 4º ESO)
Que é a inmigración?
A inmigración é a entrada a un país ou rexión de persoas que proveñen doutro lugar. Hai inmigrantes que veñen por un período de tempo. Isto chámase inmigración temporal. Outros quédanse para sempre. Isto denomínase inmigración permanente. Tamén existen os inmigrantes que veñen por vontade propia buscando unha mellor calidade de vida. Isto considérase inmigración voluntaria. Ademais, hai inmigración dentro do país. Isto é inmigración interna. E por último, se o inmigrante vén dun país diferente, falamos de inmigración internacional.
Por que as persoas inmigrantes poden ser vulnerábeis?
As persoas inmigrantes son vulnerábeis porque lles é difícil encontrar traballo e xeralmente cobran menos. Tamén lles pode ser difícil adaptarse porque os costumes poden ser diferentes aos do seu lugar de procedencia. Outro punto negativo é que non os acepten no seu traballo, no colexio, etc. Tamén pode ser un problema cara a eles, o trato, a discriminación ou o medo a ser rexeitados. Ademais, a estas persoas, para alugar un piso poden cobrarlles máis ou non lles deixan. No que se refire aos estudos, son colocados nun nivel inferior e nalgúns casos non lles recoñecen os títulos.
Unha das persoas entrevistadas respondeu que cando está no Courel bota de menos a familia de sangue e, cando está de visita na súa terra, sente a falta da familia galega do Courel. “É o que hai cando emigras, que xa non pentences a un lugar só” - dixo -.

A inmigración no Courel
En 2020 a poboación de Folgoso do Courel era de 1.007 persoas. Nese mesmo ano, 80.64% (812) dos habitantes empadronados no concello naceran neste. 16.19% emigraron ao Courel de diferentes sitios de España; 6.06% dende outros muncipios de Lugo; 3.48% dende outras provincias de Galicia; e, por último, 3.18% dende outros países. Só arredor de 30 persoas son estranxeiras.
A maioría destes inmigrantes son maiores de 18 anos xa que estas persoas, a maioría das veces, teñen que emigrar por motivos económicos ou por traballo. Traballan en oficios que atopan ou que están á súa disposición, como por exemplo, limpando casas, sendo camareiros dalgún bar, contratados por algunha empresa, etc., ou sexa, algún traballo dispoñible e que á vez lles poda servir de axuda.
De todos os datos relativos á procedencia dos inmigrantes estranxeiros, chamáronnos a atención os seguintes. O primeiro é que de Francia había, no ano 2020, empadronadas en Folgoso 12 persoas - dúas máis que en 2019 - e do Brasil unha persoa menos que en 2019, pois marchou unha. En todos os casos, excepto no das persoas procedentes do Brasil, o número de inmigrantes estranxeiros aumentou ou non se modificou.
A NOSA PESQUISA
Entrevistamos a 3 persoas procedentes de dúas aldeas da provincia de Ourense, unha da Coruña, unha de Cataluña, 2 de Andalucía, e 2 de Marrocos. Destas persoas, dúas xa levan 1 ano no Courel, outras 3, ano e medio, outra case 3 anos, outra 5, outra 11, e a última persoa que entrevistamos leva 24 anos.
Como se senten no Courel
Segundo a nosa recollida de datos, as persoas que inmigraron ao Courel séntense ben aquí e destacan que os courelaos e as courelás son persoas moi agradables e que o clima tamén é bon. Con todo, coinciden en que botan de menos a familia e os amigos da súa terra natal, os deportes que practicaban alí, os espazos naturais e nalgúns casos botan de menos escoitar linguas africanas.
Diferenzas entre o Courel e o lugar de orixe
As diferenzas que a xente atopou entre o Courel e o lugar de orixe foron que no Courel falta xente, en concreto xente nova, xa que a maioría son anciáns. Comentan que a sociedade é máis pechada e que existe un certo rexeitamento aos de fóra. En cambio, outros enquisados din todo o contrario, que a xente é máis agradable. En xeral, a maior diferenza é a forma de socializar e comunicarse coa xente.
Todos opinan o mesmo canto á paisaxe. Pensan que é máis bonita. Pódese atopar unha grande abundancia de animais e as vistas, comparadas coas dunha cidade, son mil veces mellores, pero o clima afecta as formas de relacionarse e de vivir. Canto ao traballo, chamounos a atención - debido á situación laboral dalgúns dos entrevistados -, a opinión dunha persoa que di que aquí hai máis traballo, cóbrase mellor e hai médico gratis. Por último, segundo unha das persoas entrevistadas non se atopan case tendas e hai moita menos xente. En xeral, unha das diferenzas máis notables é o tempo de percorrido nos desprazamentos debido a que aquí tardas máis en ir dun lugar a outro. Isto fai que as opcións de ocio e traballo se limiten bastante.