RATOPINCHO NO MAGOSTO ADAPTACIÓN DA OBRA RATOPINCHO OU A VERDADEIRA HISTORIA DOS OURIZOS DE GLORIA SÁNCHEZ. PRIMEIRO ACTO. (Aparece o gato durmiñando nunha esquina do escenario. Tamén o ratiño que almorza, peitea o bigote, amaña o pelo...Canta a ritmo de rap mentres se amaña). RATOPINCHO.Hoxe hai festa no meu cole, de castañas, pan quentiño. Non hai deberes, dáme culleres, dáme quereres... (Deixa de cantar) Ponte guapo meu ratiño, acicala o bigotiño. Oi, xa me esquecía: teño que levar a landra para botar un partido de béisbol.(Cóllea). (Con voz melancólica). Ai, eu adoro a escola: nos recreos, polas festas, cando hai clase de ximnasia...Voume alá. Tan tarantán tarantán tarantiña, o que non come non ten barriguiña. Tan tarantán tarantán tarantolas, o que non come non ten barrigolas. GATO.- Rato que vai, rato que vén, Gato que te vai comer...Ahhhh! (Bótaselle enriba. Chega a agarralo polo rabo, pero este espernexa e záfase. Métese no tobo). RATOPINCHO.-Fiuu!!! Por un chisco! Oi como me bate o corazón, pompón-pompón. Pero que non pense este gato que me vai deixar sen Magosto. Vai listo! Agardarei un chisco. Hase cansar e marchará, digo eu ...(Séntase á beira do tobo e vai mirando un reloxo grande ao tempo que canta). Hoxe hai festa no meu cole de castañas, pan quentiño. Non hai deberes, dáme culleres, dáme quereres... Que tarde se me fixo! Marcho escopeteado! (Detense e pregunta ao público). Oi oi oi! Non vaia ser! Nenos!!! Ese gato fociñudo, rabudo e cachazudo, aínda anda por aí? NENOS.- Siiiiiiiiiiiii!