ROMANCE DA LINGUA GALEGA

Page 1

Romance da HISTORIA DA LINGUA GALEGA Coñecedor profundo da nosa historia e versificador magnífico, Darío Xohán Cabana, poeta chairego, creou unha “Historia da Lingua Galega” que vén ser un canto solemne á lingua milenaria que os galegos herdamos e poderemos transmitir ós que veñan despois de nós.

I

Miñas donas e señores, nenos, vellos e medianos, esta historia verdadeira xa comeza cos romanos.

Fabricaban xoias de ouro de fina ourivesería, mais as linguas ignoramos, pois ningunha se escribía.

Era unha vez unha terra que Gallaecia era chamada, onde había moitas tribos nunha idade antepasada.

Chegaron despois de Roma xentes ben organizadas, que gañaron esta terra polas armas esforzadas.

II

Asentáronse os romanos en cidades que fixeron, os antigos poboadores dos seus castros descenderon.

Os romanos posuían unha avanzada cultura, e adiantaron moito as artes, o comercio, a agricultura.

Mesturáronse os dous pobos, vencidos e vencedores, e ó cabo dun certo tempo non quedaron máis rancores.

Falaban estes romanos a ilustre lingua latina, e ó cabo de pouco tempo, Galicia por súa a tiña.


III Media Europa e máis aínda falaba latín daquela coma Horacio e coma Ovidio, coma Plauto e Columela.

Latín vulgar era a fala na que entonces se entendía desde o Miño ata o Danubio canta xente alí vivía.

Mais é de todos sabido que a lingua que se falaba non era o latín escrito, anque moito lle imitaba.

Desfeito o Imperio Romano polas armas dos xermanos, a lingua foise rompendo, porque todo vai mudando.

IV Neste extremo de occidente xa o falar se diferencia do que falan en Italia en Romenia e en Provenza.

Toda a xente desta terra sen ningunha distinción fala nesta nova lingua que é o idioma da nación.

Xa non podemos chamarlle lingua latina a esta fala, e chamámoslle galego pra poder diferenciala.

Os clérigos inda escriben na antiga lingua romana, pero o pobo non a entende, pois xa queda ben lonxana

V Alá polo mil douscentos a lingua que hoxe falamos escomenza a ser escrita por poetas e notarios.

Unha grande poesía cántase ó son das violas polas prazas de Santiago, por Toledo e por Lisboa.

Falan en lingua galega reis, labregos e señores, e os abades dos mosteiros e os soldados e os doutores.

Agres cántigas de escarño, doces cántigas de amores resplendían coma xemas no cantar dos trobadores.

VI Rei Afonso de Castela cantaba a Santa María coas palabras máis fermosas que na nosa terra había.

Martín Codax o de Vigo, Airas Nunes e Mendiño, dicían os seus cantares nas terras que baña o Miño.

Rei Denís de Portugal, o amigo da agricultura, na nosa língua cantaba con extremos de dozura.

Pero Meogo trobaba do cervo que a auga volvía con tan belidos dicires que os sentidos suspendía.


VII A luz máis bela de Europa resplendía en Compostela como en terras de Occitania de onde viña tanta estrela.

E ordenanzas se escribían e crónicas e tratados e os acordos dos concellos en galego eran labrados.

Historias de cabaleiros e miragres de Santiago en galego se contaban, e as fazañas dos troianos.

Mais despois tempos viñeron que Galicia esmorecía, porque nobres e señores cometeron felonía.

VIII Viñeron xentes de fóra, xentes de dentro marcharon, e a lingua da nosa xente nos escritos olvidaron.

Pero as xentes desta terra, columna do noso pobo, non deixan de ser galegos nin falan idioma novo.

Galicia foi sometida polo xugo de Castela, e os que mandan en Galicia non falan na língua dela.

Artesáns e mariñeiros e burgueses e labregos levan no peito Galicia e nos labios o galego.

IX Inda que os bispos de fóra mandan rezar noutra língua, a xente fala na súa Galicia non sofre míngua.

Padre Sarmiento Bieito non quere de fóra un crego, nin oficial de xusticia que non fale en bo galego.

Así van pasando os anos, anos a ducias e centos, e moitos anos máis tarde fala o bo Martín Sarmiento.

Douscentos anos pasaron desque escribiu este frade, e inda todo o que el quería dista ben de ser verdade.


X Ó principio do oitocentos toda Galicia falaba na lingua dos devanceiros e ninguén se avergonzaba.

Galicia xa tiña fendas, xa o seu corpo se crebaba pola mor dos desleigados que a súa lei non lle gardaban.

Pero en seguida empezaron as xentes acomodadas a pensar que eran máis finas as palabras importadas.

Pero había peitos nobres que pensaban doutro modo, e anque en Carral os mataron nunca os mataron de todo.

XI O seu espírito altivo preludiaba o nacemento das mil flores que serían o noso Rexurdimento.

Rosalía a gran poeta recobrou a dignidade da língua que todo o pobo gardara na adversidade.

Añón, Pintos e Camino e outra xente que escribía na vella lingua galega, preludiaba a Rosalía.

Don Manuel Curros Enríquez palabra de aceiro fino, cantou a luz e o progreso neste idioma campesino.

XII Língua de ouro nos facía Pondal o bardo do pobo cantando os fastos antigos e un futuro libre e novo.

Entusiastas estudiosos a gramática estudiaban, recollían as palabras e pulían e ordenaban.

E entre tódolos poetas a historia nos descubría e fundaba o noso orgullo aquel bo Manuel Murguía.

Fundaron unha Academia e as Irmandades da Fala, que naceron na Coruña para honrala e enxalzala.


XIII E tantas altas empresas e tantos feitos honrosos que en Galicia procuraban un abrente esplendoroso.

No trinteseis o Estatuto fixo un pouco de xusticia recoñecendo o galego como lingua de Galicia.

Castelao e Vilar Ponte Bóveda, Otero Pedrayo, ¡Que gran xente aquela xente, que esplendor extraordinario!

Pero a guerra fratricida desfixo toda esperanza e a vida de moita xente de imborrable relembranza.

XIV Foron anos de silencio, de persecución e pranto: "A longa noite de pedra" enchía os peitos de espanto.

Novos poetas cantaron, contaron os narradores, e "a longa noite de pedra" clarexaba cos fulgores.

Por fin foron renacendo novas luces pequeniñas e Galicia agurgullaba nas xuntanzas clandestinas.

Galaxia, O Castro, Castrelos editaban en galego e a patria nosa xurdía e empezaba a ve-lo cego.

XV En Santiago canta o Galo, loce o Facho na Coruña e en Ourense, Vigo e Lugo dase nova testemuña.

Mozos sabios e patriotas ordenan a lingua nosa; fana culta e ordenada, fana lóxica e fermosa.

A enseña da democracia ten o brasón en galego e na fábrica e nas aulas soa a língua dos antergos.

Entra a lingua nas escolas e se inda non é señora ten dereitos proclamados, anque ten máis a de fóra.


XVI Xa se fala nos lugares onde lle era antes vedado, inda que hai quen a discute porque hai moito desleigado.

Este noso antigo idioma é unha lingua de cultura e é vergoña pra un galego non falala con soltura.

Inda hai pais que son contrarios a que a aprendan os seus fillos sexa porque non o pensan ou que os movan catro pillos.

"O galego que non fala na lingua da súa terra, nin sabe o que ten de seu, nin é merecente dela".

XVII Así falaba un poeta noutro tempo deste asunto, e agora vai sendo hora de poñerlle á historia punto. Esta historia é diferente doutros romances de cegos; non se sabe inda o remate, pois depende dos galegos. Nenos, homes e mulleres desta terra adormentada, rematouse xa o romance, e escomenza a pandeirada: ¡ARRIBA POBO GALEGO, ARRIBA LINGUA GALEGA, QUE SE MORRE A NOSA FALA NON HAI POBO NIN HAI TERRA!

Romance da HISTORIA DA LINGUA GALEGA Darío Xohán Cabana


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.