A COMUNICACIÓN LITERARIA

Page 160

A COMUNICACIÓN LITERARIA

O fragmento seleccionado correspóndese co inicio da situación central. Resumimos a situación inicial: O protagonista e narrador é un policía da Unidade de loita contra a droga. Presume do seu bo olfacto para os casos criminais. En varias ocasións estivo a piques de coller a un importante narcotraficante, especialmente influente e escorregadizo. Agora foi separado da acción directa e relegado ó traballo burocrático da comisaría. Unha noite, ás catro da madrugada, preséntase no seu despacho unha velliña que xa era coñecida no servicio nocturno onde tiña sona de tola: - ¿En que podo servila, señora? -dígolle eu co mellor sorriso. Deixou o bastón con empuñadura de cabalo sobre o mesado e buscou un pano no bolso. Agora choraba. Os ollos recuperaron o brillo perdido. As bágoas son o mellor colirio do mundo. As longuísimas mans tremaban como esqueletos de garza baixo a chuvia. Ben, eu non son deses que din: tranquilícese, señora. Se alguén ten que estar nervioso, que mellor sitio ca unha comisaría. Unha boa chorada dálle unha certa orde ao universo, na antesala da sensatez. - Vai volverme tola, vai acabar comigo -dixo despois de secar as bágoas e peitearse cos dedos. - ¿De que se trata, señora? - Vostede parece boa persoa, inspector. - Son, señora. - Verá. Eu comprendo á mocidade. - Paréceme moi ben. - Tamén eu fun alegre, ¿sabe? -dixo cun sorriso melancólico. - Diso estou seguro, señora. - Verá. Non consigo durmir. Tomo pastillas. Valium, Tranxilium...Todo iso. Pero, ¡ouh, Deus!, teño a sensación de que el vai vir, de que forza a porta sen que eu me decate, e que entra no cuarto, e que con ese horrible coitelo de matar porcos... - ¡Veña, señora, non pasa nada! - Vostede non sabe o terrible que é el. O rematadamente malvado que é el. É, é... - ¿Quen é el, señora? -pregunto de verdade intrigado. Volvía ter a mirada esnaquizada, como un cristal despois dunha pedrada. Fixo un xesto para que me achegara e susurroume no oído: - Toni. Toni Grief. ¡Quere matarme, señor! Busquei coa mirada a Fandiño, pero xa se perdera nun encrucillado.

160


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.