Manuel Vilaboa Cebreiro | Estudos Lusófonos III | 2017-2018
Rousseau e O Banqueiro Anarquista de Fernando Pessoa (Manuel Vilaboa Cebreiro) 1
Este breve artigo pretende mostrar que dentro do pensamento de O Banqueiro Anarquista (1922) de Fernando Pessoa, na propia personaxe do banqueiro, están presentes as ideas do prefacio do Discours sur l’inégalité et les fondements de l’inégalité parmi les hommes (Discurso sobre a desigualdade dos homes) de Jean-Jacques Rousseau, publicado en 1755. Veremos, como podemos trazar un paralelismo entre os dous textos e como é a interpretación desas ideas unha parte vital que o impulsa a ser un anarquista tan particular. O prefacio de Rousseau é a busca de como é a natureza do ser humano para poder entender como debe ser unha lei natural ‘verdadeira’. O banqueiro anarquista (o protagonista da obra) coida que é vital descifrar esa natureza do ser humano para entender por un lado como debe ser esa sociedade anarquista futura, onde está a orixe da tiranía, e por outro, máis importante, cal debe ser o seu papel para axudar a que se realice este destino. Estes dous obxectivos, paralelos, teñen un percorrido semellante para chegar ás súas conclusións, e os mesmos problemas. O principal problema para poder alcanzar esa imaxe do ser humano natural, no seu estado primitivo, é a súa propia historia. Todos os cambios na sociedade humana, o que se corresponde ás chamadas ficcións sociais no caso do banqueiro de Pessoa, fixeron tan irrecoñecible ese estado natural que resulta imposible alcanzalo dun modo certo.
1
Graduação em Ciências da Linguagem e Estudos Literários, Estudos Lusófonos III – Literatura 1890-1974.