Lendas recollidas en Carnota

Page 1

Contรกronme...

Lendas e contos Mostras de tradiciรณn oral recollidas polo alumnado de 2ยบ ESO

IES Lamas de Castelo, Carnota Curso 2014-2015


Contáronme...

Lendas

Lenda no dicionario da RAG substantivo feminino

1 Relato tradicional de feitos fantásticos, que poden ter un fondo histórico pero que foi deformado e esaxerado co paso dos anos. “A lenda do cabalo de Troia”.

SINÓNIMO mito


Contáronme...

A galiña e os trece pitos

Dicían que preto do lugar de Parada, un pouco máis abaixo de Cornido, había unha fonte, a fonte Mexea, e que o día de San Xoán ás doce da noite entraba nela unha galiña cos seus trece pitiños (Ollo! Sempre tiña que ser un número impar de pitos, así o comentaban as mulleres do lugar). Se as fieitas abrisen a súa flor ao mesmo tempo que a galiña entrase polo buraco da fonte, o afortunado que o vise tería un poder especial, podería pedir un desexo, o que el ou ela quixese e non tería unha duración limitada, senón que sería para toda a vida. Pero, por desgraza, ninguén puido aínda atopar a galiña, así que se pensa que é unha lenda coma calquera outra. Realmente é unha pena porque a quen non lle gustaría pedir un desexo así?

Lucía Pérez Piñeiro, 2º ESO


Contáronme...

Lenda da Lagoa de Louro

Esta lenda transcorre nas aforas dun lugar chamado Louro, cerca do mar, pero separado deste por numerosos montes de area coñecidos como dunas. Alí atopábase un pobo de xente campesiña que vivía da crianza de animais e de traballar a terra. Cóntase que un día, ás doce da noite, cando todos os habitantes do pobo durmían, o mar subiu moito máis do normal, ata o punto de atravesar as dunas e anegar o pobo completamente. Todos os seus habitantes e animais morreron. Hoxe en día dise que si vas á Lagoa o día de San Xoán podes oír os berros de xente e animais que non sabían como librarse daquela desgracia e podes oír as campás da igrexa e tamén se ve a unha moza peiteando os seus cabelos diante do espello. As construcións están sepultadas no fondo da lagoa baixo o lodo. Así remata a lenda da cidade afundida na lagoa. Raúl Veloso Lago, 2º ESO


Contáronme...

A lenda da Raíña Lupa

A lenda dicía que no monte de Parada había un laguiño pequeno chamado a Charca das Ásporas, e alí había enterrado un tesouro da raíña Lupa, unha raíña moi antiga. Para conseguir ese tesouro a xente do lugar de Parada ía a unha hora determinada da noite escavar alí, xa que se non ían a esa hora non poderían atopalo. Pero buscábano moreas e moreas de persoas e ninguén o encontraba; o que si atopaban era un cartel que dicía : “Otro tonto vendrá, que otra vuelta le dará”. Aínda despois de atoparen o cartel a xente seguía indo a aquel lugar do monte de Parada co propósito de atopar aquel misterioso tesouro. É unha pena pero aínda ninguén chegou a velo. Lara Trillo Vázquez, 2º ESO


Contáronme...

A casiña dos Mouros de Cornido

A actual casa dos de Genaro de Cornido era un antigo templo Mouro. En Cornido, a casa dun veciño meu chamado Pedro de Genaro foi antes o único templo mouro de toda a comarca. Esta lenda é verídica posto que esta persoa ensinoume probas de como alí habitaban os mouros, dos seus arcos e o seu altar para rezar ó sol. Metade deste antigo Templo Mouro xa está remodelado pero aínda quedan probas, que segundo dous arqueólogos que visitaron varias veces este lugar si era un templo Mouro. Algunhas probas que o demostran son, por exemplo, un arco (do cal só quedan restos xa que o actual dono da casa reformou parte dela) moi grande, posto que o rei Mouro ía riba do cabalo. Tamén hai unhas catro cruces nunha parede que están alí desde que os Reis Católicos expulsaron ós Mouros de España e as puxeron alí para dar fe que esa casa, antigo templo mouro e actual cuberto, era un sitio cristián. Na volta estaba circundado por un gran muro; tamén había coma un altar onde eles adoraban o sol e alí rezaban. O templo mouro non tiña ventás nin chemineas, afumaba pola tellas do país. Nerea Freire Raña, 2º ESO


Contáronme...

A Costa da Morte e a Lenda negra

A xente da Costa da Morte non sabe a que época pertence esta lenda, pero si que naquel tempo non existían nas costas galegas faros de navegación; só un, a Torre de Hércules. Cando había fortes tormentas e néboa no litoral galego os únicos sinais marítimos eran os sons das caracolas de mar nos días de néboa e as fogueiras que acendían as mulleres dos mariñeiros para sinalar o camiño de regreso á terra aos seus homes. Desgraciadamente tamén hai unha lenda negra. Os habitantes da Costa da Morte usaban os carros das vacas para facer que os barcos chocaran contra as rochas. Facíano da seguinte maneira: colocaban farois nos cornos das vacas para semellar o balanceo dos barcos en alta mar. Entón, os barcos chocaban contra as rochas e a continuación saqueábanos. Eva Pérez Gómez, 2º ESO


Contáronme...

A ovella do demo

Un home viña da súa xornada de pesca no Ancoradoiro. De camiño á casa nun lugar chamado “O chan da Jranda” atopou unha ovelliña e decidiu collela e levala para a súa corte. Mentres a levaba ao lombo ao home parecíalle que esta pesaba cada vez máis pero aínda así levouna. Na casa, avisou de que encontrara un año e o levara para a corte e que mañá súa nai lle dera de comer pola mañá, xa que o home ía pescar. Pola mañá a nai, cando lle foi dar de comer á corte non atopaba ningunha ovelliña. Ao voltar do mar o home preguntou se lle deran de comer ao año e a nai explicoulle que non había ningunha ovella na corte e el dixo que era o demo transformado en ovella porque cada vez o año pesaba máis ao traelo no lombo. Ramón Dubert Rama, 2º ESO


Contáronme...

A lenda do náufrago

A principios do século pasado, na praia de San Mamede, había quen acostumaba a facer sinais de luz en días de temporal, cando os barcos pasaban preto da costa coa intención de facelos naufragar. Dunha daquelas veces, alcanzou a praia un náufrago que levaba consigo un cinto forrado de ouro. O home que dera os sinais aquela noite achegouse ao náufrago coa intención de matalo para roubarlle o cinto, pero este dirixiuse a el e díxolle: “Aguarda montañés y llevarás oro para ti, tus hijos, nietos y tataranietos”. Pero o home non o creu e cun sacho que levaba para andar ás crebas golpeou o náufrago na cabeza e matouno, rouboulle o ouro que levaba no cinto e marchou con el. Este home, que era moi avaro, agochou os cartos na súa casa onde ninguén os puidera atopar, pero tivo a mala sorte de poñerse enfermo e quedar sen fala, soamente repetía unha e outra vez: “Cartos, cartos, cartos…” ata o día da súa morte. Incluso, mesmo despois de morrer, os da súa casa tiraron parte das paredes a ver se atopaban o ouro, pero non apareceu nin coas paredes tiradas e, como non tiñan cartos para volver a levantalas, a casa quedou así ata moitos anos despois. Clara Vázquez Sendón, 2º ESO


O cabalo de ouro Contáronme...

Fai máis de dous séculos en Lira, na montaña do medio, existía un lugar. Cada familia tiña a súa vivenda e vivían todos medianamente ben, traballaban no campo e no mar. En Lira todo transcorría con normalidade ata que un día unhas pequenas embarcacións repletas de mouros atracaron na praia de Ardeleiro o que provocou un pouco de medo nos veciños. Entón pasou o esperado: os mouros chegaron onda os habitantes e destrozaron as casas, maltrataron fisicamente os anciáns, roubaron todo o que puideron… Fóronse asentando e cada día roubaban o que podían. Adaptáronse ao lugar ata que construíron unha mina para traballar e establecer a súa vida alí. Esta foi realizada no monte de Martiaño. Pasado un tempo uns franceses chegaron a Maceiras e dirixíronse a Lira. Tocaron moitas trompetas con un son estraño, e enseguida os mouros colleron as súas cousas e dispuxéronse a marchar. Iso para os veciños era fantástico, pero antes de irse, os mouros colleron un pequeno cabaliño de ouro, coa súa sela e freo e enterrárono. Os veciños sabían que se desenterraban o cabaliño e vendían o ouro sería para eles unha boa axuda económica. Pero ninguén se atreveu a desenterralo porque conta a lenda que, ao lado do cabalo atópase unha pota de veleno e, en canto sexa descuberta, unha epidemia de mortes correría por toda Lira. A día de hoxe o misterio do cabaliño de ouro segue na boca da xente.

Alberto Caamaño Sestayo, 2º ESO


Contáronme...

Lenda da Casa da Xoana

Contoume miña avoa que nos tempos de antes, nas noites de temporal oíanse estraños ruídos nas portas, entre as árbores, etc. Os vellos dicían que aqueles sons eran producidos por Miguel que saía nas noites de vento a asustar a xente. Miguel era como chamaban ao demo. Despois de asustar a xente pola noite, o diaño marchaba para o Chan das Lamas e reuníase coas bruxas do lugar nunha cova que aínda existe hoxe e que se chama a “Casa da Xoana”. Nesta cova era onde as bruxas celebraban os seus aquelarres na noite de San Xoán. Cando acababan a súa reunión as bruxas ían para o medio do Chan das Lamas e desde alí marchaban nas súas escobas cada unha para a súa casa.

Pablo Costa Beiro, 2º ESO


Contáronme...

O demo das sardiñas

Cara o ano 1930 catro mariñeiros de Lariño saían ao mar a pescar sardiñas do xeito pola zona do Ancoradoiro. Ao volver daquela xornada de pesca cada un traía un cesto cheo de peixe. De camiño á súa casa atopáronse cun cabaliño de cor branca que andaba dando voltas ao redor deles e os mariñeiros lanzábanlle unha sardiña e o cabaliño comíallas, tirábanlle outra e o cabaliño volvíalla a comer, e así sucesivamente ata chegar desde o Ancoradoiro ata Lariño que é onde tiña a casa meu pai. Cando meu pai chegou a casa, preguntáronlle se pescaran moito, pero el dixo que lle dera as sardiñas a un cabalo morto de fame. Súa nai díxolle que xa pescarán máis outro día. Ao día seguinte pola mañá cedo, volvían ao mar polo mesmo camiño do que viñeran onte e encontraron tiradas, xusto no mesmo sitio onde se atopaba o cabaliño todas as sardiñas que lle botaran ao poldro e que este comera. Os catro mariñeiros quedaron perplexos co suceso, e á volta da xornada de pesca contáronlle o ocorrido aos seus pais e aos seus avós, e eles dixéronlle que fora o demo. Ramón Dubert Rama, 2º ESO


Contáronme...

O paredón da Moa e o Olimpo Celta

Na Serra do Pindo, concretamente na Moa, existe unha parede de pedras moi grande e tamén unha pedra oca con forma de forno e que ten escritas unhas letras moi raras. Segundo contan, todo isto foi construído por uns seres que tiñan só un ollo no medio da testa, aos que chamaban “Os Xentiles”. Tamén se di que as pedras do Olimpo Celta, como tamén se coñece o monte do Pindo, foron esculpidas polos antigos celtas, crendo que era a casa dos deuses. Outras persoas din que esas pedras tiñan propiedades que favorecían a fertilidade e que nelas tumbaban as mulleres para deixalas embarazadas. Denisse Lamela Formoso, 2º ESO


Contáronme...

Contos

Conto no dicionario da RAG substantivo masculino

1 Narración de feitos fantásticos e aventuras que se contan de maneira oral, para entreter, ou por escrito, como un relato literario breve. “O avó contáballes contos aos netos polas noites”. SINÓNIMO historia


A construción do Bico do Santo Contáronme...

No século XVIII un pescador de Canedo foi de pesca pero o mar empezouse a pór moi bravo e el púxose de xeonllos mirando para o Bico do Santo e díxolle a Deus que se sobrevivía subía ata o Bico e construía alí unha capela. O pescador sobreviviu e ao pouco tempo el e uns amigos foron construír a capela. No ano 1808 o goberno francés pediulle permiso ao rei de España para conquistar Portugal e o rei concedeullo. Os franceses invadiron España e Portugal, baixaron polo monte de Louredo e foron roubando millo nas cabaceiras. Cando chegaron á igrexa de San Mamede romperon as portas e roubaron moitos pergamiños antigos de como se construíra a Igrexa e moitas xoias valiosas. En Piñeiros viron a unha muller cun becerro e o capitán mandou collelo. Entón o soldado colleu un machete e agarrou a muller e o capitán dixo que collera o becerro sen matala e a muller co medo soltou o becerro e levouno o exército francés. Chegaron a Canedo e viron a capela no Bico do Santo, entón decidiron ir mirar, a ver se había algo de valor pero non atoparon nada, así que tiraron a capela abaixo. Moitos anos despois un familiar do pescador volveu a construír a cruz que tiña dentro da capela. Esa cruz é a que hoxe se chama o Bico do Santo.

Alba García Caamaño, 2º ESO


Contáronme...

Conto do coreano

Cando meu avó tiña uns oito anos, aló polo ano 1950 un barco coreano chegou ao Porto de Muros. O barco viña perdido e os muradáns estrañáranse de que un barco coreano atracase no seu porto. Como naquela época había unha ditadura, un dos que tiña poder, mandou botar ese barco a pique. Na ditadura non tiñas máis que facerlles caso aos que mandaban senón irías ao cárcere como mínimo. Entón os habitantes de Muros tiráronlle tantas pedras ao barco que por sobrepeso foron capaces de afundilo. Hoxe en día moita xente vai pescar á zona onde está ese barco coreano afundido xa que alí son moi abundantes as fanecas. A ese sitio chámanlle “ A posta do coreano.”

Ángel Sestayo León, 2º ESO


Contáronme...

Medo no cemiterio

Antigamente para ir de Caldebarcos ata Cee había que ir andando e no Ézaro non había ponte, polo que, quen quixese pasar, tíñalles que pagar a uns homes que os pasasen na súa chalana. Un día púxose a chover moito e un home de Caldebarcos que ía para Cee foise abrigar ao cemiterio da Ameixenda. Cando escampou, que xa case era de noite, o home quixo marchar pero sentía que alguén o agarraba pola chaqueta e asustouse moito porque pensaba que era un defunto. E dicíalle: “Sóltame, que se me soltas dígolle ao cura de San Mamede que che dea unha misa”. Pero o defunto seguía sen soltalo. Así que, pouco a pouco, foi quitando a chaqueta e escapou. Ao día seguinte volveu alí e veu a chaqueta enganchada nunha silveira. Quen sería o que o asustou: O defunto? A silveira? Juan Formoso García, 2º ESO


Contáronme...

Contos breves

O 27 de agosto dun ano da década dos 60, unha muller que acadara o primeiro posto no campionato de España de natación afogou na praia da Boca do Río, en Carnota. A campioa que veraneaba neste municipio coruñés, foi arrastrada por unha forte corrente cando estaba a practicar o seu deporte favorito. Di a lenda que todos os 27 de agosto se oen os seus berros pedindo axuda. Brais Fernández de la Iglesia, 2º ESO

Antes dicíase que se vías unha luz era a veliña e significaba que alguén ía morrer, pero non se sabía quen. Pero isto non era verdade, só que lle tiñan medo ás luces porque daquela non había moitas. Mirian Castro González, 2º ESO

Esta historia trata sobre unha famosa casa que hai en Lariño ao carón da estrada. A xente conta que houbo un tempo no que non vivía ninguén nela pero, ao pasar de noite pola estrada, víase como as contras se abrían e pechaban soas, como as luces se prendían e apagaban soas e tamén se oían ruídos dentro. Dise que esta casa, a Casa dos Medos, sempre tivo o seu misterio e aínda hoxe, vivindo xente nela, non se sabe por que pasaba iso. Naira Suárez Lamela, 2º ESO


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.