El Aedo #5/6

Page 16

El Aedo #5/6

http://narracionoral.es

Introdución (galego) Europa! Onde enceta Europa? Onde remata? Que fronteira, que pobos, que cordilleiras a limitan? Teríamos que chamala Europa como a chaman en Suecia? Ou, seica, Europe como lle din en Inglaterra? Ou Evropa como en serbocroata? É Europa un signo de separación ou máis ben unha promesa de apertura, unha abertura xeográfica, económica, política? Defínese Europa polo que nos diferenza ou polo que nos fai iguais, polos nosos desexos ou polos nosos temores? E, por que, por todos os deuses, Europa leva o nome dunha princesa fenicia? Sexan cales sexan as respostas a estas preguntas, unha cousa é certa: as historias levan viaxando desde sempre ao longo de Europa, sen precisar pasaporte nin visado, traendo consigo aquilo que necesita ser contado e compartíndoo xenerosamente con todos aqueles que quixeron escoitalo. Mais, se ben as historias non teñen fronteiras, si teñen raíces, poderosas raíces, raíces que poden ser de dous tipos: das que penetran profundamente na terra ou das que a sucan expandíndose ao longo da superficie. As raíces da narración oral comparten estas dúas características, penetrando profundamente na cultura na que naceron, pero apertan tamén outros xeitos de comprender o mundo, medran noutras terras, adaptándose á lingua local e a todo o que a arrodea. A imaxe anterior ten que ver coa terra, pero para expresar ese expandirse sen límites das historias poderiamos atopar outras metáforas:desde sempre as historias sucaron os mares da man de mariñeiros e aventureiros porque os contos son quen de fluír como a auga; tamén poden volverse aire e hálito e ser cantados dun lugar a outro; mesmo poden acender como as linguas de lume da referencia bíblica ou aquela imaxe carnavalesca dos comefogos. Por poñer máis exemplos, entre os maias, e no sistema ideográfico chinés, falar represéntase como lume cuspido pola boca. En definitiva, por mar, por aire, por terra, por lume, as historias sempre percorreron os camiños que articulan Europa. Moitos eran vías de peregrinación, outros, rutas comerciais. O certo é que por toda esa enleada de sendas correron os contos construíndo un repertorio europeo común que chegou ata os nosos días. Seica todo isto non forma tamén parte da identidade cultural que compartimos?

16


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.