LENDAS E CONTOS POPULARES

Page 1

LENDAS E CONTOS POPULARES

Escolma realizada polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, como proxecto de traballo para a materia de Lingua Galega e Literatura

Febreiro de 2013


2


3

Autores: Daniela Castellucci Vera Daniel Cid López Alexandra Ferreira Tembrás Jacobo Fiaño Salinas Cristina García Mosquera Pablo Gómez López Adrián Paz Seijo Paloma Piot Pérez-Abadín César Rega Trigo Johan Rodríguez Núñez William Steven Silva Aguilar Miguel Tenreiro González Jon Ander Tomé Vacas

IES ISAAC DÍAZ PARDO SADA, febreiro de 2013


ÍNDICE LIMIAR LENDAS A furna de Morazón. A pedra das Agullas. Orixe da Ponte de Pontedeume. A serpe de Piago. A Ponte do Porco. A lagoa de Doniños. A Loba branca. As lavandeiras do río Sil. Santo André de Teixido. A nena do azucre. A Torre de Hércules. As cen doncelas de Somozas. A Santa Compaña. A Casa da Moura. O Lobishome. A Virxe de Pastoriza. CONTOS Os consellos do corvo. O xastre e as papas. Tres caracois. As tres perras chicas. O pastor e o raposo. Nasruddin barqueiro. Betanceiros. O nome do caracol. As grallas. A morte vai de madriña. O conto de botar as tripas fóra. O galo, a gadaña e a escada.

4


LIMIAR

A definición que mellor lle acae a lenda é aquela que a define como un relato no que participan seres ou poderes sobrenaturais, e no que se dá a localización espacial e mesmo temporal. Trátase de relatos que se transmitiron por vía oral e xeralmente por sectores populares da sociedade, sectores as máis das veces “non letrados”. As lendas teñen un carácter utilitario e transcendente xa que transmiten conceptos fundamentais da cosmovisión do grupo social no que se xeran e difunden. Vicente Risco distinguiu tres tipos de lendas: 1. Etiolóxicas. As que explican a orixe dunha cousa ou feito. 2. Haxiográficas. Reflicten algún feito lendario da Virxe, dos Santos ou do mesmo Xesús Cristo. 3. Históricas. Destacan algún feito histórico reinterpretado a nivel popular. Os contos populares son tamén patrimonio cultural colectivo, transmitidos oralmente a través das xeracións, e que narran en prosa acontecementos ficticios e presentados como tales. A diferenza das lendas, os contos non teñen localización espazo-temporal e tampouco carácter transcendente. Esta pequena escolma feita polos alumnos e alumnas recolle as lendas e contos populares, sexan do tipo que sexan, máis coñecidos polas persoas de máis idade do seu entorno natural e cotiá. Sada, febreiro de 2013

5


LENDAS 6


A FURNA DE MORAZÓN A Covadanza, unha cova mariña que a paciencia milenaria do mar foi perforando na rocha do cantil que sostén os restos do castelo de Fontán, estaba considerada nada menos que unha entrada ó mesmo inferno. Do seu bandullo escuro bulían cara a fóra laios atormentados, queixumes e saloucos que escorrentaban ata ós animais que se lle achegaban. Se alguén se atrevía a investigar no seu interior era recibido por un vento repentino e xeado que lle apagaba o candil na man. Contan que nunha ocasión un mozo afouto e decidido meteuse na furna levando unha candea de cera virxe; que así que andou un pouco descubriu unha ara negra e, sobre ela, un cruceiro cun cristo que sangraba; así que pousou a vela enriba da imaxe, o cristo acougou e a cova quedou desencantada de vez.

Recollida por Adrián Paz Seijo

NOTA: Para mitólogos como A. Reigosa, X. Miranda ou X.R. Cuba, a lenda da Covadanza é unha descarada cristianización dun antigo tema pagán: o do Outro Mundo ou Mundo dos Mortos e as súas portas de acceso. O propio nome “Morazón” está emparentado cos nomes de antigas deusas neolíticas da morte como Mórrigan ou Morgana que logo herdarían os pobos celto-atlánticos.

7


A PEDRA DAS AGULLAS Na poboación de Riobao, érguese o monte de Alexandre, lugar onde ó parecer existiu unha vella mina que xa explotaban os fenicios antes de seren substituídos nese labor polos celtas, construtores estes dun pequeno castro cuxo foxo defensivo, aínda visible, dá nome ó veciño enclave da Quenlla. No curuto do monte atópase chantado un croio de seixo que recibe o nome de Pedra das Agullas, da que se dicía non se podía tocar so pena de enfermar e morrer no prazo de nove días, profecía que alguén con peito dabondo demostrou ser falsa. Non debe estrañar escoitar tan lúgubres historias dunha paraxe que foi ata ben entrado o s. XIX a elixida polas meigas de Sada para celebraren os seus parlamentos, reunión tamén coñecida como “aquelarre” e que estaba presidida por un demo ou o Demo en persoa. Segundo recolle Eugenio Carré Aldao para a obra “Xeografía Xeral de Galicia”, este demo tiña o seu acubillo no labrusco e despoboado lugar de Veloi, situado no camiño entre as aldeas de Riobao e Souto. En realidade, os ritos que a Igrexa chamaba demoníacos non eran máis que a sorprendente pervivencia no tempo, de antigos ritos pagáns.

Recollida por Adrián Paz Seijo

8


ORIXE DA PONTE DE PONTEDEUME Hai unha lenda que di que a ponte sobre o río Eume foi feita polo Demo soamente nunha noite. A historia conta que un rapaz chamado Ledán afogara no río, nunha noite de treboada, cando o atravesaba nadando para ir ver á súa moza. Ela chamábase Minla e era filla dos condes de Andrade e era tamén moi fermosa. Ó escoitar os berros de agonía de Ledán e dándose conta do que lle pasara, promete a súa alma ó diabro a cambio de que este construíse unha ponte para poder cruzar o río e dese xeito ver o corpo do seu amado morto. O Demo aparéceselle e confirma que o fará... Entón, Minla impón unha condición: que a ponte ten que estar rematada antes de que cante o galo do curral dos Andrade, pois non desexaba que as xentes coñecesen a verdade. O demo comeza a construción da ponte e cando o galo canta aínda lle falta construír un arco, pero o arco que falta non impide que Minla poida pasar á outra beira. Mais ó non cumprir exactamente o compromiso, o demo non pode posuír a alma da doncela. Hai tamén outra versión da lenda que atribúe unha orixe diferente á devandita ponte. Segundo esta, unha fermosa e rica dona de Pontedeume cruzou nunha ocasión á outra beira do río. Cando ela quixo volver, o río crecera de tal maneira que a barca e os remeiros que nela ían desapareceran. A muller blasfemou en voz alta e naquel mesmo intre apareceu o Demo na forma dun mozo garrido. Ofrécese a pasala á beira contraria, pero impondo unha condición: ela tiña que asinar co selo do seu anel un pergamiño que lle tendía. Así o fixo a dona e ó momento, apareceu a ponte construída sobre o Eume. Ambos os dous comezaron a pasar, mais ó chegaren xusto ó medio da ponte, o demo mostrou o documento que a muller asinara. Segundo este documento, ela entregaba a súa alma ó adversario, quen podería esixirlla cando lle apetecese. E naquel mesmo intre, era cando o demo llo esixía. A dona, asustada, invocou á Virxe que a acudiu, fuxindo nese mesmo momento o Demo. Cóntase que en conmemoración e agradecemento foi erguida unha capela (hoxe inexistente) no centro da ponte. Recollida por Jacobo Fiaño Salinas

9


A SERPE DE PIAGO

“Ninguén debería bañarse alí, aí sempre morreu xente, e toda a vida se dixo que había unha serpe xigante. Non vaiades aí.” É o que sempre me dicía a miña avoa para evitar que eu fose a Piago. Para a maior parte das persoas que pasean polo carón do Landro, polo paseo fluvial ou en embarcacións, Piago non é máis que outro meandro do río, descoñecendo a lenda sobre a serpe que habita alí. É probable que nin os que en verán se bañan no pozo, lanzándose dende as árbores e escaleiras que o rodean, teñan coñecemento do mito. Ou se o teñen, non senten o medo ou o respecto debido. A orixe da serpe ou da súa existencia pertence ao mundo fantástico posiblemente, ou á forma de explicar as particularidades da zona desde río. Antes da construción do paseo fluvial o acceso ao pozo era máis dificultoso e, aínda que os habitantes da zona acudían alí a bañarse, o río era menos visitado que na actualidade. Isto xa lle daba un aire de misterio a este lugar. Existe un pozo, que ten cinco metros de profundidade –que se di que non ten fondo- onde ocorreron accidentes que poden ser explicados pola acumulación de ramas no fondo do pozo, nas que os bañistas se engancharan, ou ben pola corrente que se forma alí durante a subida e baixada da marea. Aínda que neste pozo, conta a lenda, emerxe a furiosa cola escamosa de vinte metros do Dragón de Piago -unha serpe mariña-, gardián eterno da campá afundida da ermida onde dona Inés choraba a morte do seu fillo e onde se lle apareceu a figura do seu pai asasinado e a cabeza do asasino. Un día de tormenta a dita campá caeu da ermida e foi rodando ata o pozo, onde se di que segue alí protexida pola serpe xigante. A serpe só se deixa ver na mañá do día de San Xoán, día no que sucedeu o dito acontecemento. Recollida por Paloma Piot Pérez-Abadín

10


A PONTE DO PORCO Roxín Roxal era un doncel do señor de Pontedeume, Nuno Freire de Andrade; lanzal de corpo, louro ou roxiño, ledo e sorrinte, destemido e sinxelo. Don Nuno tíñao en moita estima e, abofé que o mozo o merecía. Mais aquel carácter aberto e chusqueiro do rapaz comezou a mudar. Deixou os enredos e brinquedos con outros rapaces e gustaba de se deitar no campo, baixo a sombra do arboredo e, alí, senlleiro, deixar voar a súa fantasía ou a cantar a media voz tenras cantigas saudosas. Outras veces, nunha das torres do castelo, asomábase á fiestra que abría cara á ría e fitaba o seu ollar ó lonxe, onde o mar se xuntaba co ceo como nunha aperta de dous elementos tan desemellantes. Era que nos seus vinte anos abrochara un amor. Tiña don Nuno unha fermosa filla, Tareixa, meniña inqueda, que, coma unha bolboreta buligadora, tan axiña estaba no pazo de Pontedeume como subía deica o castelo de Nogueirosa; montaba a cabalo o mesmo que unha amazona céltica e disparaba a frecha mellor que algúns arqueiros do seu pai. Algunhas veces acompañábaa, servíndolle de escolta, o doncel Roxín Roxal, respectuoso e baixado coa súa doniña, e disposto a defendela e a dar por ela a súa propia vida. Un serán que o doncel, melancólico, cantaruxaba unha cantiga de amigo que aprendera dun xograr da bisbarra, achegouse subitamente a pé del dona Tareixa, a filla do seu señor, e, ollando para el, díxolle: — Observo, Roxín Roxal, que dende hai unha temporada estás descoñecido. ¿Que fixeches co teu ledo carácter? ¿Por que andas agora decote tristeiro e saudoso? — ¡Oh, señora..! —limitouse a murmurar o doncel, corando ó se ver sorprendido pola rapariga. — ¿É que estás namorado? —seguiu demandando a doniña.

11


— ¿E se así fora? —dixo el como un suspiro que lle fuxía do peito. — Nada tería de estraño, posto que xa es un home —retrucou a nena, que aínda non atinxira os dezaoito anos. E continuou— ¿Quen é ela, de Pontedeume? Roxín Roxal fixo coa testa un aceno afirmativo. — ¿Da nosa casa? —insistiu Tareixa; e as súas faceiras puxéronse rubias, e os seus ollos adquiriron unha expresión de dozura e ansiedade. — ¡Por Deus, señora! ¡Por favor, compadecédevos de min, non preguntedes máis! Mais, dende aquela, Tareixa amiudou os paseos. Xa quería ir ás areas da ría ou camiñar polas ribeiras do Eume; chamaba por Roxín Roxal para que lle aprendera a tanxer o laúde, ou pedíalle que lle cantara aquelas cantigas de amigo ás que o mozo lles daba unha expresión tan apaixonada. Don Nuno decatouse daquela intimidade que ía medrando e unindo cada vez máis os dous rapaces, e decidiu cortala. Poida que as confidencias dalgunha das donas da súa filla contribuíran a movelo para tal actitude. Un día chamou a Roxín Roxal e díxolle: — Xa es un home, e non quero terte a pé de min como un rapaz en prexuízo do teu porvir. Vaite e que Deus te axude. O mundo é largo e tes condicións e saber para triunfar. ¡Así cho desexo! E entregoulle unha bolsa de dobras de ouro. — Estímolle máis se me deixa seguir no castelo —replicoulle o mozo sen coller a bolsa. — Ti agora era coma se estiveras ó servizo exclusivo de dona Tareixa —repuxo o señor de Andrade—; e, como dona Tareixa vai casar, xa é imposible que sigas a carón dela. — Estarei decote no castelo de Nogueirosa —suplicou Roxín Roxal—, e non virei endexamais ó pazo de Pontedeume.

12


— Sexa —concedeu don Nuno. Don Nuno falou tamén coa súa filla e anuncioulle o seu casamento con don Henrique de Osorio. — ¡Oh, meu pai! —exclamou a doncela chorando—. ¿Por que casar? ¡Aínda son moi nova! — ¡Es unha muller! E o señor de Osorio é un cabaleiro prestixioso e ricaz, de nobre familia, con alongadas terras e fartos vasalos. ¿Non quererás que por cousa túa poida morrer o pobre Roxín Roxal? — ¡Oh, non! — Entón cómpre que cases. E casou dona Tareixa con don Henrique de Osorio, mais non se sentía ditosa. Suspiraba adoito, sentábase no poio da fiestra da torre da homenaxe e, alí amorriñada, poñía o pensamento en Roxín Roxal, o bo compañeiro, o bo amigo, que soñaba á súa vez con ela. Por entón comezou a falarse en Pontedeume en como polos arredores aparecera un grandísimo porco bravo que facía moita estragueira. Algúns vasalos e labregos intentaran darlle morte, mais non o lograban, morrendo en troques máis dun derrancado pola fera. Don Nuno imaxinou unha cazada para darlle morte ó xabaril aquel, e outros máis que puideran roldar por aqueles arredores fraguentos, pois por todos aqueles montes habíaos a moreas. Don Henrique Osorio aceptou con ledicia a idea, pois era grande cazador, e alentou a dona Tareixa para lle facer compaña. Mais ela non se sentía con vontade e negouse. En baluto, don Henrique fíxolle ver que debía ir de par del, e apoiou o seu discurso dicíndolle que andaba moi morriñenta e que era ben que se esparexera. ó cabo, logrou que dona Tareixa consentise. Celebrouse a cazata e deron morte a dous xabarís, mais o grande, aquel que tiña amedrentadas ás xentes, non aparecía. Ata que á derradeira resoaron os cornos, latricaron os cans e a tropa de cazadores foron pechando o cerco ó porco bravo e acurrunchándoo cara ó mar, por onde non podería fuxir.

13


Don Henrique, a carón da súa dona, foi correndo pola ribeira do río Lambre ata chegar á ponte que, xa na foz, o atravesa. E alí descabalgaron, e na mesma ponte dispuxéronse a agardar o sinal da morte do xabaril. Oíanse os ladridos dos cans, os berros dos peóns, a catropea dos cabalos... Mais nisto viron saír da touza o animal, correndo fronte á ponte, único camiño que tiña, ó parecer, libre para fuxir da persecución. Un pouco apresuradamente pola sorpresa, don Henrique lanzoulle un venabre que se foi espetar no lombo do animal, mais este nin se detivo ni recuou, que, pola contra, acometeu alporizado cuincando de dor. Instintivamente, don Henrique, salvando o petril da ponte chimpouse no río e nadando dirixiuse para a ribeira. Mais dona Tareixa, estarrecida, indefensa e espavorecida, viu chegar á fera e sentiu as súas carnes entrilladas, esgazadas, partidas... Cando chegaron á ponte don Nuno e mais os outros cazadores, puideron recoller soamente un cadáver. Poucos días despois, na mesma ponte, apareceu, morto, cunha daga chantada na gorxa, aquel medorento e terrible porco bravo. Don Nuno recoñeceu a daga: era a mesma que el lle tiña dado a Roxín Roxal había tempo. — ¡El non tería abandonado a Tareixa! —pensou o triste pai. Disque por isto lle chaman ao lugar a "Ponte do Porco".

Recollida por Pablo Gómez López

14


A LAGOA DE DONIÑOS (FERROL)

Hai moitos anos apareceu un pobre percorrendo a cidade de Valverde, chegou a unha casa pedindo e dixéronlle: — Váiase, que eu non lle podo dar! E chegou a outra casa dunha señora con dúas criaturas xemelgas. A señora díxolle que non tiña nada para dar, pero que ía botar unhas bolas no forno e que se esperaba lle daría delas. — Ben, pois espero —dixo o pobre. Esperou, e a muller botou a bola no forno e deulle un anaco, 15

0 pobre (que era Xesucristo) díxolle: — Mire, señora. Aquí hai xente mala e van ter un desengano. Colla por ese camiño arriba e non mire para atrás e será salvada. — ¿E as miñas criaturas? —díxolle a señora. — Non se preocupe. Déixeas no camiño, que Deus, que ben as ve, xa gobernará. Entón el marchou e ela colleu por un camiño arriba pero sentiu un ruído, deulle un desmaio e quedou morta. Apareceu todo inundado, pero as dúas criaturas aboiaron no berce e salváronse. De aí vén o nome de Doniños.

Recollida por Pablo Gómez López


A LOBA BRANCA (O Courel, Lugo) Preto dunha aldeíña do Courel, na provincia de Lugo, vivía unha manada de lobos que tiñan por xefa unha enorme loba branca. Un día os lobos levaron varios tenreiros dunha corte, así que as xentes da aldea decidiron dar unha batida para cazar os lobos. Cando os cans deron coa manada de lobos, a loba branca atacounos mentres o resto da manada fuxía, e inda que conseguiu matar algúns e librarse do resto non puido librarse das escopetas. Os homes arrincáronlle a pel pensando que poderían vendela pola rara cor. Aquela noite a xente espertou asustada por mor do preto que se oían os ouveos dos lobos. Cada vez se oían máis preto ata que chegou un intre no que os lobos ouveaban nas portas das casas. Os homes saíron ás fiestras coas escopetas para matalos pero só vían sombras que desaparecían na escuridade da noite, inda que non podían velos disparaban onde momentos antes se movera unha sombra, pero non conseguiron que cesaran os ouveos. Ó saír o sol cesaron os ouveos, os homes buscaron os corpos dos lobos pero non atoparon nin rastro deles. Deron outra batida pero desta vez nin sequera viron os lobos. Pola noite volveron os lobos pero non se conformaron con ouvear ó pé da porta, subiron ata os tellados das casas e puxéronse a ouvear na cheminea. Os ouveos soaban como se os lobos estiveran dentro da casa facendo tremer a todos polo medo. Algún pensando que os lobos lle entraran na casa botouse fóra e nunca máis se soubo nada del. Ó amencer volveron cesar os ouveos e con eles pararon tamén os tiros. A xente temerosa reuniuse na praza da aldea para decidir que facer. Algúns dicían que cumpría dar outra batida, pero a maioría pensaba que non eran lobos senón demos e cos demos non valen as batidas porque non se poden matar. Andaban a discutir sen saber que facer cando unha muller con fama de meiga, berrou: — ¡¡Veñen pola loba!!... —Calaron as voces e as miradas dirixíronse cara a ela.

16


— Levade a pel ó claro que hai no medio do bosque —dixo. Logo achegouse o que matara a loba e ordenoulle: — Leva o corpo e déitao sobre pólas de teixo de maneira que lle dea o luar. O home fixo o que lle mandou a muller, mentres o resto da aldea preparábase para pasar a noite. Pola noite volvéronse oír os ouveos dos lobos, pero non soaban xa na aldea, senón no claro do bosque onde deixaran a pel da loba. Os lobos rendíanlle a derradeira homenaxe a quen fora a súa raíña. Ó raiar o sol cesaron os ouveos e os veciños non volveron ver dende aquela noite á manada de lobos... Inda que nas noites de lúa chea pódense oír os seus ouveos e algúns aseguran que nesas noites pódese ver coa luz da lúa a manada coa loba branca á cabeza.

Recollida por Cristina García Mosquera

17


AS LAVANDEIRAS DO RÍO SIL (Ribeira Sacra, Ourense)

Hai unha lenda que fala das profundas e misteriosas augas do río Sil, na Ribeira Sacra, provincia de Ourense, como un lugar de intrigantes covas e pasadizos, amores imposibles e seres mitolóxicos que moran as súas profundidades. Conta a lenda que a filla dun poderoso nobre de Quiroga gustaba de percorrer os montes dos arredores vestida con roupas vulgares, co obxecto de pasar inadvertida entre as xentes humildes. Nunha tarde de outono atopou nun dos seus paseos un cazador mozo e lanzal, que viña de cazar un corzo coa súa bésta. A doncela, cuxa fermosura era, segundo se conta a "dunha fada", deuse a coñecer como pertencente ó castelo de Quiroga, mentres que o mancebo fíxoo como vasalo do señor de Osorio, de Castro Caldelas. Así e todo, a beleza de ambos os dous mozos fixo que se namoraran nese mesmo instante o un do outro, acordando manter novos e apaixonados encontros. Aqueles encontros tiñan lugar nas beiras do Sil e ó facérense frecuentes chegaron a coñecemento do poderoso pai da rapaza. Don Pedro de Quiroga, que así era como se chamaba este nobre, consideraba ós de Castro Caldelas os seus adversarios e indignos de pretenderen a súa filla, polo que lle prohibiu a esta que volvera a ver o mozo cazador. Así e todo, os namorados atoparon axiña o xeito de se veren, pois había un pasadizo que comunicaba o castelo de Quiroga cun túnel que pasaba por baixo do Sil e ía ata o castelo de Castro Caldelas. Porén, o pai da doncela decatouse axiña do que acontecía e considerándoo unha aldraxe decidiu imporlles un castigo a ambos os dous mozos. Así pois, unha vez que os amantes penetraran dentro do pasadizo para correr un ós brazos do outro, o pai da doncela mandoulles ós seus homes pechar ambas as dúas entradas do túnel cun gran número de rochas para que estas dificilmente puidesen ser outra vez abertas. Deste xeito, ficaron, baixo das augas do Sil, os novos amantes para sempre...

18


Deles tamén conta a lenda que foron os proxenitores das lavandeiras, eses seres mitolóxicos que a crenza sitúa nas augas profundas deste río, e das que se cre lavan e pulen as pebidas de ouro que o Sil deita no seu leito.

Recollida por Cristina García Mosquera

19


SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO 0 santo apóstolo Santo André, que se atopaba naquel arredado curruncho, illado e senlleiro, andaba triste de ver as grandes peregrinacións que de toda a parte do mundo cristián ían camiño de Compostela para facer oración diante do sartego de Santiago, malia das penalidades que tiñan que sufrir; e, en troques, o seu santuario víase baleiro, malia que tamén facía milagres e sandaba enfermos que serían incurables sen a súa axuda protectora. E disque, di a lenda, o bo do Santo André percorría os camiños vagarosamente, e diriamos que un pouco amolado se non for santo; pero se non amuado, moi contento tampouco andaba. Un día, no decurso dunha das súas longas camiñadas, en que ía cavilando na súa pouca sorte, achouse supetamente ante Noso Señor, que viñera á nosa terra para ver como andaban as cousas, e ó ver a El-Señor preguntoulle: — Véxote triste, André, que é o que che acontece? E Santo André respondeulle: — Divino Mestre: ando tristeiro porque vexo que de todo o mundo veñen xentes visitar o teu discípulo Santiago, que está en boa terra e ten bos camiños para chegaren onda el; e sofren e padecen nos longos días das afastadas romaxes... —e con toda a humildanza, engadiu—. En troques ninguén vén a pé de min; o meu santuario está decote vougo, coma se eu non for tamén voso discípulo, non menos fiel e celoso do ben para todos os homes. Noso Señor, amerceado e ollándoo con agarimo, díxolle entón: — Dis ben, André, e ti non has ser menos do que Xacobe. De hoxe en diante prométoche que ninguén ha entrar no ceo sen que tiver visitado o teu santuario, polo menos unha vez na vida; e aquel que non o fixer de vivo farao despois de morto. E así foi, e por iso se di: A San André de Teixido, vai de morto o que non vai de vivo. Recollida por Jon Ander Tomé Vacas

20


A NENA DO AZUCRE

Isto pasou no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), nas proximidades do encoro da Ribeira. Era un señor que acababa de comprar aquela casa e pola noite oía ruídos cando se metía na cama. Unha noite baixou á porta, abriuna e viu unha nena que lle pediu azucre. O señor díxolle que ía á cociña polo azucre pero cando regresou a nena xa non estaba. Ao seguinte día pola noite sentiu petar á porta. O señor, pensando que era a mesma nena, foi á cociña, colleu unha pedra de azucre na man e foi abrir a porta; e, efectivamente, alí estaba a mesma nena. A nena preguntoulle se lle daba o azucre e o señor deullo, mais ao intre sentiu un forte peso no pé. Mirou para abaixo e viu a pedra de azucre no chan. Cando ergueu a cabeza, a nena xa non estaba, así que pechou a porta. Ao día seguinte pola noite o señor viu na televisión unha noticia que contaba a desaparición dunha nena. E cando puxeron a foto da nena desaparecida o señor deuse conta de que falaban da nena que lle pedira o azucre a noite anterior. Nunca máis se volveu a saber da nena nin do señor.

Recollida por Daniela Castellucci Vera

21


A TORRE DE HÉRCULES

O lendario heroe grego veu en busca do xigante Xerión que reinaba sobre as terras comprendidas entre os ríos Douro e Texo, co fin de liberar o pobo do seu poder desmedido. O enfrontamento entre ambos os dous durou tres días coas súas correspondentes noites, ao cabo das cales Hércules venceu ao xigante, cortoulle a súa cabeza e enterrouna xunto ao mar. Para conmemorar a súa vitoria construíu sobre o túmulo unha torre-faro e nas proximidades deste fundou unha cidade á que lle puxo o nome de Crunia, como recordo da primeira muller que habitou este lugar e de quen o heroe se namorou. Cando Hércules marchou, Espán, o seu sobriño, foi nomeado señor de España e poboou vilas e cidades. Acabou de construír a Torre do Faro que comezara o seu tío e como era un home sabio dotouno dun candil cun lume que nunca se apagaba; ademais fixo un gran espello polo que se vían chegar as naves inimigas dende gran distancia, dando tempo así á cidade de preparar a súa defensa. 22

Recollida por William Steven Silva Aguilar


AS CEN DONCELAS DE SOMOZAS

Conta a lenda que nos primeiros anos da guerra da Reconquista contra os árabes, un desalmado cabaleiro que habitaba por estas terras fixo un pacto secreto cun xefe musulmán: en troques de poder e cartos, o cabaleiro debía entregar anualmente 100 doncelas para engrosar os haréns mouros. As rapazas eran traídas de toda a zona e pechadas nun casarío fortaleza, denominado As Enchousas, ata que xuntaban cen. Logo eran embarcadas con destino a África. Os familiares despedíanas desde o alto do monte Marbán, situado no nordeste do concello de Somozas, sobre o lugar que aínda hoxe conserva o topónimo de As Enchousas, que significa encerradas. A etimoloxía popular quere ver relacionado o nome do monte Marbán coa despedida das mozas e a frase “polo mar van”. O señor destas terras por aquel entón era un nobre de orixe francesa, fuxido do seu país e aceptado polos nosos reis. Defendendo esta terra, capitaneou un valoroso exército de cristiáns que venceu os musulmáns nunha batalla en Melide. Grazas ó valor do nobre galo quedamos liberados do vergoñoso tributo. Unha versión da lenda di que o nobre tiña o nome de Sumaça, que evolucionou ata chegar a Somozas. Outra versión asegura que o nome de Somozas vén de cando retiñan alí ás mozas (só, mozas) antes de entregalas ós árabes.

Recollida por Alexandra Ferreira Tembrás

23


A SANTA COMPAÑA

Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgraza de seguir, sen se decatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. Dándose conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, xa que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda. Pai e fillo viron arrepiados as luciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de poucas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer como o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, como o vello, tampouco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é mester para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro. 24 O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa Compaña pasou por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga bendita e mais o hisopo. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo pórse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, semellaba máis un defunto. Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode


virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por iso nunca ninguén dá razón. O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, pórlle nas mans a cruz, o caldeiro de auga bendita e o hisopo, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, é pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de pola noite perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose pouco a pouco. Recollido por Johan Rodríguez Núñez

25


A CASA DA MOURA A Casa da Moura é un monumento megalítico situado no concello de Calvos de Randín (Ourense). Cóntase que cando pasaba por alí un pobre (noutras versións dise que era unha nena) de mañá cedo para a feira do doce, saíu un mouro (noutras versións dise que lle saíu unha moura) e preguntoulle: —E logo, para onde vai? —Voulle para a feira mercar uns porquiños. —¿E ten moito diñeiro para os mercar? —Ai, señor, eu diñeiro téñolle pouquiño. —Ben, pois vas á feira e mercas dous porcos, dos mellores que haxa. E espérasme alí, ti e mais os que chos vendan. E despois vou eu e págollelos. Pasou todo segundo dixo o mouro; e o mouro quedou cun porco e o home con outro. Entón, o mouro díxolle ao home: —Mira, tráeme aquí todas as mañás cedo medio neto de leite (noutras versións dille que lle traia pan). Ti non chames por ninguén. Déixamo neste sitio que xa terás nel un peso todos os días. E así sempre. E ten tino de non dicir nada a ninguén, que estas cousas non se poden dicir. E por moito tempo o home levou o leite e colleu os cartos. Mais a súa muller (nas versións protagonizadas por unha nena é a nai a que intervén) sempre lle andaba dicindo: —¿De onde che veñen os cartos? Porque antes non tiñamos case ningún e agora temos moitos. Ti tes que ter unha amiga que chos dá. E o home contestáballe: —Non, muller, non. Ti come e bebe, e a min déixame, que eu non teño amiga ningunha. E ela volvía a porfiar: —Pois ti tesmo que dicir, que dalgún lado che veñen. E tanto porfiou, e tanto fixo, que o home rematou por llo dicir. Ao outro día de mañá foi co leite, mais ao chegar ao sitio sinalado, en vez de cartos, atopou un corno cun letreiro que dicía: “Falaches, corneaches” Recollido por Cristina García Mosquera

26


O LOBISHOME Moraba —hai xa ben tempo!— nunha aldea das montañas de Cervantes un home xoto de carácter, que se enrabechaba por calquera cousa e estocaba que poñía medo. Este home tiña un fillo que era xa un mozallón, bo rapaz, amigo das nenas e das romaxes e festas, aínda que non lle viraba as costas ó traballo. Dicía el que "cada cousa a seu tempo", e de acordo con tal dito, así facía. Mais o pai quería telo decote turrando do legón e non lle pracía que o mozo se divertira, porque as xoldas gastaban as forzas que cumprían para o traballo. Un día rifaron pai e fillo por mor de que o rapaz quería ir á festa de Pedrafita e o pai teimaba en que fose facer unha queimada. — Nun día de festa non se traballa, que é pecado —dicía o mozo—; e a queimada se non se fai un día faise outro; mais, a festa, pasado o seu día pasou a romaría, e a festa perdeuse. — O que non se fai é ir de gamberna cando hai un labor que atender. Ningún dos dous quería caudecer. Ó cabo o pai alporizouse e berrou: — Pois vaite á festa, e como vas atrás das mozas, así permita Deus que andes atrás das lobas! Nunca tal dixera! Unha noite o rapaz acordou na cama; sentíase desacougado, non tiña parada, e rematou pondo os calzóns e saíndo á eira. Unha forza estraña empurrábao cara ó monte e botouse a camiñar pola encosta arriba. Chegou a un lameiro e envorcallouse na herba humedecida polo orballo da noite. Por que facía aquilo? Non o sabía. Mais, aconteceu que cando tentou de se erguer, non puido; estaba a catro pés, e a catro pés botou a correr cara ó cume do monte, ouveando como un lobo, e atrás das lobas andou como can adoecido.

27


Na aldea falouse moito da desaparición do mozo. Falouse tamén dun lobo arnal que xa tiña esfolado moitos años e deixara mortos algúns carneiros. O pai do rapaz desaparecido comezou a cismar no caso; lembrouse da súa maldición e estarreceuse, E será aquel lobo o seu fillo? Entón fo¡ ver unha velliña moi vella que disque era meiga e contoulle a cousa. —Ai, home, a maldición do pai é o máis malo que poida haber para un fillo! —díxolle a vella—. Un pai non debe maldicir o seu mesmo sangue. Mais, se el é, haiche un remedio para volvelo á vida dos humanos. Non é cousa doada, pois pódeselle causar a morte, ou el mesmo pódete matar, porque como fera que é perdeu todo o sentido dos homes. —E que hei facer, daquela? — Vai se podes facerlle sangue; mais que non sexa cousa de morte, nin sequera de aleixamento ou mancadura; porque se lle fixeres moito mal, ese mal quedaríalle ó recobrar o seu ser. Saíu caviloso o vello de casa da meiga, e moito cavilou de volta para a súa casa en como había facer. Mais, aínda que se vira en perigo de morte, mellor quería morrer que saber o seu fillo perdido daquela maneira. Á noite seguinte decidiu ir en procura do lobo. Non quixo levar a carabina porque era de moito perigo. Armouse nada máis dun coitelo; mais portou consigo un rexelo, e atouno ó pé dunha toxeira onde el se agachou entre unhas uces co coitelo na man. Á media noite viu como o rexelo se estarrecía alporizado e osmou que o lobo se achegaba. Despois sentiu un lixeiro peto, como dalgunha cousa que tombaba, poida que o chouto do lobo para trabar no carneiro; un espernexar do animal... Paseniñamente, caladiñamente, achegouse... Alí estaba o lobo! Chantaba os dentes nas carnes moles do rexelo sen se decatar da súa presenza. Como temendo ferir de máis, espetoulle no lombo a punta do coitelo que ceibou axiña no chan. 0 lobo revirouse arrogañando os

28


dentes. 0 home botoulle os brazos ó pescozo, chamándolle: Fillo!, fillo! e pedíndolle perdón, salaiando. Daquela o pelexo do lobo comezouse a abrir pola ferida, e coma se for un folecho foise desprendendo do corpo. Unha sacudidela, un envorcallarse entre as uces e toxos, e o rapaz, o seu fillo!, que recobraba o ser, esmaiolado, mais tal como el era antes de maldicilo. Recollida por Daniel Cid López

29


A VIRXE DE PASTORIZA (ARTEIXO) O rei suevo de Galicia, Rechiario ou Requiario, primeiro rei cristián da Hispania, fundou a igrexa de Pastoriza na que se adoraba unha imaxe da Virxe. E di a tradición que cando aló polo ano 968 arribaron a Galicia as naves normandas que invadiron o noso territorio, ou tamén coa chegada de Almanzor, o caudillo musulmán que co seu rápido e formidable ataque causou a derrocada de Santiago e chegou deica as proximidades da Coruña e Betanzos, lugares que endexamais tiñan tripado os guerreiros ata entón, segundo din os cronistas árabes do tempo, disque o padre cura, ou algún fiel do lugar, agachou a sagrada imaxe entre unha penedía do monte para librala da posible profanación dos invasores. A pequena igrexa foi derrubada, mais a efixie librouse da desfeita ó permanecer acubillada anos e anos, quizais por ter morto a única persoa que sabía o lugar onde fora agachada. Ata que, un día, unha nena inocente que andaba cunha vaca en Pastoriza, viu unha estrela relucente riba dunha morea de penas na parte alta do monte. Aquela visión da estrela repetiuse e, daquela, a rapariguiña contou en como se lle tiña aparecido diferentes veces. Isto deu pé para que se esculcara entre todos os penedos que no monte había amoreados ata que, ó cabo descubriuse a imaxe da Virxe nun oco baixo unha grande pedra, o que dende aquela foi chamado "O berce da Virxe", e por ese oco baixo da pena pasan a rastro moitísimas persoas para se libraren de pecado ou sandaren de certas enfermidades.

Recollida por César Rega Trigo

30


CONTOS POPULARES 31


OS CONSELLOS DO CORVO Un corvo vello, antes de sacar os fillos do niño, dáballes algúns consellos, para que soubesen andar polo mundo sen perigo. Dicíalles: —Mirade, cando vexades vir un home, escapade, porque se vos colle pódevos matar. Se vedes que trae un pau furado, o que os homes chaman unha escopeta, escapade aínda que estea lonxe. Se vedes que se baixa para coller unha pedra, escapade tamén aínda que estea lonxe. Nisto falou un dos corviños e preguntoulle ó pai: —¿E se trae a pedra no peto? E contestoulle o pai: —Ti pódeste ir, que xa sabes andar só. Recollido por Eduardo Núñez Vázquez

O XASTRE E AS PAPAS O xastre tiña unha fame que alampaba, a vella da casa que era unha miserenta, dáballe unha cunquiña de papas tan rariñas que levaban máis auga que fariña; o xastre nin sabía primeiro como facer, mais, logo argallou unha maraña, e cando comezou de novo o seu traballo, púxose a coser moi de lixeiro con puntadas longas e prendendo pouco, a vella reparou en como facía, e díxolle: -E logo, hom, como é que coses tan de lixeiro; así non vai ben e como é o mandado. -Señora, -dixo daquela o xastre,- eu cósolle sempre asegundo como, e como as súas papas cocen lixeiras que mesmamente parecen o repinico dunha muiñeira, lixeiro coso eu, mais, tamén lle sei coser máis amodo, como se lle estila na miña terra onde as papas non cocen tan apresa, e son mestas, como boroa, con bo leite por riba. -E daquela como lles fan, hom, para que cozan amodo? -Bótanlle boas presas de fariña. A vella de tal oír fixo unhas papas ben mestas, botoulles leite, e o xastre comeu a fartar, entonces coseu ben de modo como é o mandado. Recollido por Jacobo Fiaño Salinas

32


TRES CARACOIS Tiñan tres caracois unha empanada; dous eran maiores e un era pequeniño, e ó máis pequeno chamábanlle Remoldiño. E marcharon a comer a empanada ó monte, e díxolle: —¡Ala, imos aquí! E levaban a empanada. —¡E esquecéusenos o viño! ¡Remoldiño, vai ti polo viño! E di Remoldiño: —Non, non vou, que comedes a empanada. E dixéronlle: —Non; que non, que non a comemos. —Si que a comedes. —Non comemos, non. Ata que mandaron a Remoldiño polo viño. E Remoldiño, en vez de marchar polo viño, quedou detrás dunha pedra escoitando a ver se lle comían a empanada. E pasaron dous días e Remoldiño non volvía co viño, e dixeron: —Ben, Remoldiño non volve co viño, imos comer a empanada. E saíu Remoldiño detrás dunha pedra e dixo: —¡Íades comer a empanada sen min, lampantíns! ¡Pois agora non vou polo viño! 33 Recollido por Cristina García Mosquera

AS TRES PERRAS CHICAS Chegou un día un ao ceo e cando chegou San Pedro díxolle: - Non, ti non podes pasar porque non fixeches ningunha boa obra. - Como que non! Deille tres perras chicas unha vez a un pobre. E San Pedro foi falar con Noso Señor a ver se o deixaba pasar. - E que fixo bo? - Deulle tres perras chicas a un pobre. - Máis nada? Pois logo devólvelle as tres perras chicas e que marche para o inferno. Recollido por Cristina García Mosquera


O PASTOR E O RAPOSO Unha vez era un pastor, e o raposo comíalle as ovellas todas. O pastor xa non sabía como había de facer, así que chamou polo raposo e díxolle: —Mira, raposo, ti e mais eu non podemos seguir así. Propóñoche un trato. —¿Que trato é? — preguntou o raposo. —A ver logo. Eu sei que a ti che gustan máis as galiñas que as ovellas, ¿non si? —Home, para que o vou negar... Pero as galiñas telas gardadiñas na casa, e as ovellas téñoas máis á man no monte. —Pois mira. Se ti non me comes máis ovellas, eu tráioche da casa un saco cheo de galiñas das máis gordas que teño. O raposo lambía o fociño moi contento, pensando nas galiñas, e dixo: —¡Trato feito! Pero mira ben que mas vaias traer, porque se non mas traes... —Non te preocupes, ho, que mañá a primeira hora xa as tes aquí. O pastor marchou para a casa. Á mañá seguinte encheu un saco de cans e volveu ó monte. O raposo xa o estaba agardando, e preguntoulle ó pastor: —¿Que? ¿Traes aí o que me prometiches? —¡Traio, ho! Aquí tes as galiñas que che prometín. E puxo no chan o saco cheo de cans. O raposo achegou o fociño ó saco para ver se lle ulía ben. E dixo: —¡ Ai, galiñas serán, pero a min cheirar... chéiranme a can! Pero o raposo tiña gana de ver as galiñas, e abriu o saco. Entón os cans botaron a correr atrás del... ¡E disque o raposo aínda está correndo hoxe!

Recollido por Paloma Piot Pérez-Abadín

NASRUDDIN BARQUEIRO Cando era mozo, Nasruddin traballaba de barqueiro, pasando xente dunha beira do río para a outra. Un día o pasaxeiro resultou ser un mestre de escola, que decidiu facerlle unha proba a Nasruddin e ver canto sabía. —Dime, Nasruddin, ¿cantas son oito veces seis? —Non teño nin idea —respondeu o mozo. —¿Como escribes "hendecasílabo"? —Eu nunca escribín esa palabra —dixo Nasruddin. —¿Non aprendiches nada na escola?

34


—Non —respondeu Nasruddin. —Nese caso, a metade da túa vida está perdida. Xusto entón comezou unha feroz treboada, e a barca afundiuse. —Dime, mestre —dixo Nasruddin— ¿algunha vez aprendiches a nadar? —Non —respondeu o mestre. —Nese caso, a túa vida enteira está perdida. Recollido por Paloma Piot Pérez-Abadín

BETANCEIROS Eu tiña un amigo, betanceiro el polos catro costados, e do que presumía en todas as ocasións que se lle presentaban. Esta persoa, polo relevante posto profesional que tiña, acudía a congresos e convencións, e nunha destas ocasións en que acudiu a un Congreso, onde xa se sabe que o de menos é reunirse para falar dos asuntos e problemas que alí os levaron, e o que máis interesa é divertirse a máis e mellor os días que dure o congreso, e sentarse ós banquetes programados, a medio día e á noite; pois como dicía, a este amigo, nun deses banquetes, tocoulle de compañeiro de mesa, un colega que, ás primeiras de cambio espetoulle: - Sr. Pérez, e vostede de onde é? Ó que o meu amigo contestou, inchando o peito e empregándose con énfase como sempre que falaba da súa cidade. - Pois eu sonlle de Betanzos. Ó que o primeiro, con cara de asombro, respondeu: - E iso onde está? Ó meu amigo, aquela pregunta caeulle como unha patada na fazula, e reaccionando, non sabía se achacala á incultura do seu interlocutor ou a que lle estivese tomando o pelo; por iso, e dado o lugar e a ocasión en que se atopaban, preferiu darlle toda clase de aclaracións que viñan ó caso, para que soubese onde estaba Betanzos, e unha explicación breve sobre a súa historia e sobre os monumentos arquitectónicos que nel hai; e así que acabou o seu discurso, tamén quixo ser curioso, e mirando para a chapiña que levaba no peito co seu nome, preguntoulle: - E vostede, logo de onde é, Sr. Llopart? - Pois eu sonlle de Barcelona. - Ah!, dixo o meu amigo, xa me parecía a min ser dalgún sitio así de grande! Non é ningún mérito ser dun lugar así! De Barcelona deben ser tres ou catro millóns de persoas. O difícil é ser dun lugar como Betanzos, de onde lle é moi difícil ser; sómoslle moi poucos! Poucos e escolleitos! Recollido por Jon Ander Tomé Vacas

35


O NOME DO CARACOL Sabedes por que lle chaman caracol ó caracol? Unha vez estaban Xesús e San Pedro poñéndolles nome ós animais. Todos tiñan xa nome agás un bichiño que ía arrastrándose, con cornos e todo iso, por aí. Ía arrastrándose polo chan cando San Pedro dixo: -Xesús, e a ese como lle poñemos, que non ten nome? E Xesús queda pensando. Fíxase no bichiño e di: -E vai cara á col! Pois mira, como vai cara á col, ímoslle chamar caracol. E salta o caracol e di: -Uff, menos mal que non vou cara a un allo! Recollido por Daniela Castellucci Vera

AS GRALLAS 36 Unha vez era un soldado honrado que tiña uns cartos aforrados, porque el era home traballador e non deixaba nas tabernas o que gañaba como facían os outros. Pero tiña dous compañeiros, máis falsos có demo, que o único que pretendían era roubarlle os cartos, polo que eran moi amables con el, claro está, de dentes para fóra. Un día dixéronlle: —Non sabemos que raio imos facer nesta cidade na que nos teñen pechados coma se fósemos presos. Sobre todo, un coma ti podería gañar bos cartos na propia terra e vivir comodamente. Con estes falares, insistiron tanto no asunto que acabaron por convencelo e decidiu escapar con eles. Pero os outros dous só tiñan mentes de roubarlle o diñeiro fóra da cidade. Despois de camiñaren un pouco, dixéronlle: —Agora temos que virar alí á dereita se queremos chegar á fronteira. —¡Non! Por ese camiño regresamos de novo á cidade. Hai que virar á esquerda. —¿Que impertinencias son esas? –berraron os outros dous, e comezaron a pegarlle ata que caeu ó chan. Colléronlle os cartos do peto e, non contentos con iso, arrincáronlle os ollos, arrastrárono ata unha forca e atárono alí con cordas. Despois regresaron co diñeiro roubado á cidade. O pobre cego non sabía en que lugar malfadado o deixaran. Apalpou algo arredor e decatouse de que estaba sentado baixo dun traveseiro de madeira. El creu que se trataba dunha cruz e dixo: —Aínda foi un detalle por parte deles atarme baixo dunha cruz; así, Deus está comigo –e comezou a rezar.


Contra a noitiña, oíu que algo batía as ás. Eran tres grallas que se pousaron no traveseiro. Oíu como dicía unha delas: —Irmás, ¿ traedes novas? —Ai, se os humanos soubesen o que nós sabemos. A princesa está enferma e o vello rei prometeu dala como esposa a aquel que a cure. Pero ninguén pode, xa que o único remedio é queimar o sapo do estanque e darlle a beber a súa cinsa en auga. —Ai, se os homes soubesen o que nós sabemos –dixo a segunda–. Hoxe á noite caerá do ceo unha xeada tan marabillosa e milagreira que se os cegos untan os ollos con ela han recuperar a vista. —Ai, se os homes soubesen o que nós sabemos –dixo a terceira–. O sapo axúdalle a unha soa persoa, e a xeada a unhas cantas. Pero a cidade está en perigo, pois que secaron todas as fontes e ninguén sabe que se se retira a pedra cadrada da praza e se cava debaixo ha correr auga fresca. E tras diciren isto, oíu o cego como as grallas batían de novo as ás e marchaban. Conseguiu desfacerse das súas ataduras, anicouse, colleu un pouco de herba e pasou a xeada que tiñan polos ollos. Inmediatamente recuperou a vista, viu a lúa e as estrelas no ceo e tamén que estaba ó lado dunha forca. Buscou un recipiente e recolleu toda a máxica xeada que puido encontrar. Despois foi ó estanque e desviou a auga que había nel para poder coller o sapo. Queimouno e alá foi coa súa cinsa ó pazo real. Deulla á princesa. E cando esta sandou, reclamouna como esposa, tal e como se prometera. Mais ó rei non lle gustaba nada o soldado, xa que tiña unha roupa moi pobre. E dixo que, aquel que quixese ter a súa filla debía conseguir primeiro auga para a cidade, esperando así perdelo de vista. Pero o soldado foi á cidade e mandoulle á xente retirar a pedra cadrada e cavar alí. Aínda ben non empezaran a cavar, xa deron cun manancial do que fluía unha forte corrente de auga. O rei xa non lle podía seguir negando a princesa. Casaron e tiveron un feliz matrimonio. Unha vez que saíu de paseo ó campo, encontrou cos antigos compañeiros que se comportaran con el dunha maneira tan traizoeira. Eles non o recoñeceron, pero el a eles recoñeceunos rapidamente. Achegouse e díxolles: —Mirádeme, son o voso antigo compañeiro, aquel a quen tan desapiadadamente lle arrincastes os ollos, pero o bo Deus axudoume. Entón botáronse ós seus pés pedindo esmola. Como tiña un corazón de ouro, levounos consigo para darlles de comer e vestilos. Despois contoulles o que lle pasara e como chegara a casar coa princesa. E tras escoitar a historia, eles quixeron pasar unha noite sentados baixo da forca a ver se escoitaban tamén cousas así. Sentaron debaixo do traveseiro, e oíron algo que voaba. Volveron as tres grallas, e unha dixo: —Escoitade, irmás, alguén debeu de espiarnos, xa que a princesa sandou, o sapo desapareceu, un cego recobrou a vista e na cidade teñen un novo manancial. ¡Veña, busquemos a ver se o atopamos para castigalo! Saíron voando, e atoparon cos dous alí sentados. Nada máis velos, pousaron nas súas cabezas, arrincáronlles os ollos e peteiraron na súa cara ata que morreron. E alí quedaron baixo a forca. Ó pasar uns días, como non regresaban, pensou o soldado: "¿Onde estarán estes dous?". E saíu en busca deles. Tan só atopou os seus restos, e levounos dende a forca para darlles sepultura. Recollido por William Steven Silva Aguilar

37


A MORTE VAI DE MADRIÑA Había unha vez un home moi pobre que tiña doce fillos e tiña que traballar noite e día para darlles algo de pan. Pero cando naceu o décimo terceiro, xa non sabía como os ía alimentar e, desesperado, botouse ó camiño para pedirlle ó primeiro que pasase que lle apadriñase o rapaz. O primeiro con quen atopou foi co bo Deus, que xa sabía dos seus males, e díxolle: —Dásme pena, bo home; quero apadriñar o teu meniño e ocuparme del para que sexa feliz aquí na terra. —¿Quen es ti? –preguntou o home. —Son o bo Deus. —Pois a ti non te quero de padriño –díxolle o home–, porque lles dás ós ricos e deixas que os pobres pasen fame. Faloulle así porque descoñecía con que sabedoría reparte o Noso Señor riqueza e pobreza. E así, apartouse do Noso Señor e continuou o seu camiño. Un pouco máis adiante, encontrou co demo que tamén lle fixo a mesma pregunta: —¿Que buscas, home? Se me queres de compadre, o meniño terá ouro en abundancia e non lle han faltar alegría e diversión. —¿Quen es ti? –preguntou o home. —Son o demo. —Daquela non te quero de padriño –dixo o home–, xa que tentas enganar a xente. Proseguiu o seu camiño; e achegóuselle, alancando, a fraca morte. —Lévame a min de madriña do teu meniño. —¿Quen es ti? –preguntou o home. —Son a morte, e non fago distincións. —Ti es a adecuada, xa que non fas diferenzas e levas a ricos igual que a pobres; serás a miña comadre. —Farei ó teu fillo rico e famoso –comunicoulle a morte–, pois que a aquel que me ten por amiga non lle ha faltar nada. —O vindeiro domingo será o bautizo, así que preséntate alí á súa hora. A morte alí se presentou como prometera, e amadriñou ó meniño. Cando este foi maior, presentóuselle unha vez a madriña e díxolle que fose con ela. Levouno ó bosque, amosoulle unha herba que alí medraba, e díxolle: —Agora recibirás o teu regalo do bautismo. Voute facer un médico famoso. Cando te chamen onda un enfermo, hei estar eu sempre alí. Se me ves ó lado da cabeceira, di sen reparo que o vas sandar, dáslle desta herba e el curará. Mais se, pola contra, ves que espero ós seus pés, quere dicir que é meu, e ti dirás que calquera axuda sería inútil e que ningún médico do mundo o podería salvar. Pero coida ben de non usares a herba en contra dos meus desexos ou terás serias dificultades. E non pasou moito tempo ata que o rapaz se converteu nun famoso médico. "Disque lle chega con ver o enfermo, e xa sabe se vai sandar ou morrer" falaban por aí. E de todas as partes chegaba xente a levalo onda os seus enfermos, e dábanlle tanto ouro que en seguida se fixo rico. Resultou unha vez que o rei enfermou gravemente. Chamaron o médico para que ditaminase se era posible que sandase. Mais cando se achegou ó leito, viu a morte

38


ós pés do enfermo así que xa non tiña nada que facer. "Se puidese enganar a morte só por unha vez" pensou o médico. "Halle parecer mal, pero como son o seu afillado seguro que o pasa por alto. Voume atrever." Así, colleu o enfermo e virouno de xeito que a morte quedase á cabeza. Deulle a herba, e o rei sandou. Pero a morte foi onda o médico, cunha expresión na face arrepiante, e sinalouno de xeito ameazante dicindo: —Acabas de rir de min; por esta vez perdoareiche porque es o meu afillado, mais se ousas facelo outra vez, xogas a vida, rapaz, e levareite comigo. Ó pouco tempo, enfermou gravemente a filla do rei. Era a súa única descendente, e o rei choraba día e noite, tanto que cegou, e fixo público que, aquel que salvase a súa filla da morte había casar con ela e herdaría a coroa. O médico, cando se achegou ó leito da enferma, viu que a morte estaba ós seus pés. Debería lembrar entón as advertencias da súa madriña, mais a grande fermosura da rapaza e a idea de ser o seu home obcecárono de tal xeito que esqueceu todas as ameazas. Non viu como a morte lle lanzou unha ollada de ira e como alzou a man para ameazalo co seu puño escuálido. O médico ergueu a enferma e puxo a cabeza onde antes estaban os pés. Despois, deulle a herba, e xa de seguido comezou a subirlle a cor rubia ás meixelas, volvendo así a rapaza á vida. A morte, cando se viu traizoada por segunda vez, alancou cara ó médico e díxolle: —¡Abonda xa! ¡Agora chegou a túa vez! –e agarrouno coa súa xélida man, tan fortemente que el non puido defenderse, e levouno a unha cova subterránea. Alí, ordenadas en innumerables liñas, viu miles e miles de candeas ardendo, algunhas grandes, outras medianas, outras pequenas. A cada momento, extinguíanse unhas e acendíanse outras, de xeito que as chamas, con este constante cambio, parecía que brincaban dun lado a outro. —Mira –dixo a morte–, son as candeas da vida humana. As grandes son de nenos, as medianas de adultos nos seus mellores anos e as pequenas de xente vella. Por suposto, tamén nenos e mozos teñen, ás veces, unha chama pequena. —Amósame a miña candea –díxolle o médico, pensando que sería ben grande. A morte sinalou unha chispiña a piques de apagarse e dixo: —Aí a tes. —¡Ai, miña madriña! –exclamou o médico, arrepiado–, por favor, acéndame unha candea nova, fágao por min, para que poida vivir a miña vida, ser rei e casar coa fermosa princesa. —Non podo. Ten que se apagar unha primeiro, para que se acenda outra nova. —Pois cando a vella se extinga, colóquea sobre unha nova que se acenda agora – suplicoulle o médico. A morte fixo coma se fose cumprir os seus desexos, e colleu unha grande candea fresca; pero como quería vinganza, púxoa a propósito noutro sitio, e a candeíña del caeu e apagouse. Inmediatamente, caeu o médico ó chan acabando así nas mans da morte.

Recollido por William Steven Silva Aguilar

39


O CONTO DE BOTAR AS TRIPAS FÓRA

Era unha muller que tiña un fillo medio tolo, e o fillo xa era mozo. Un día, o mozo díxolle á nai que quería marchar polo mundo adiante. A nai non o quería deixar ir, pero tanto el insistiu e tanto el porfiou, que ó final tivo que darlle permiso. Antes de marchar, mataron un año e comérono, pero como o mozo non estaba a gusto se non facía algunha toleada, colleu as tripas do año e atounas de arredor do seu bandullo como se fosen un cinto. Despedíronse a nai e mais o fillo, e a nai deulle un consello: —Fálalle a todo o mundo con educación. Tes que dar os bos días, as boas tardes e as boas noites, e cando encontres a alguén traballando, dilles "Deus vos axude". O tolo marchou por un camiño e encontrou a dous homes pelexando. Acordouse do consello da nai e díxolles: —Boas tardes. Deus vos axude. Os que pelexaban pensaron que estaba a burlarse deles e contestáronlle: —¿Como que Deus nos axude? ¡Ímoste axudar nós a ti! Pararon de pelexar entre eles e déronlle unha malleira ó tolo. Cando cansaron, o tolo díxolles: —Eu se vos dixen "Deus vos axude" foi porque miña nai me mandou. —Pois así non se di. —¿E logo como hei dicir? —Deus vos aparte. O tolo seguiu polo camiño e chegou á porta dunha igrexa onde estaban a facer unha voda, e díxolles: —Boas tardes. Deus vos aparte. Os da voda, oíndo aquilo, fóronse a el e zoupáronlle ata quedar sen folgos. —¿Por que me pegades? —¿E aínda o preguntas? Por dicir "Deus vos aparte". —¿E logo como hei dicir? —Tes que dicir "Deus vos aumente". Botou a andar outra vez o tolo. Viu un home que estaba a curar uns furunchos que lle saíran nunha perna, e díxolle: —Boas tardes. Deus vos aumente. O que lle aumentaron foron os paus ó tolo, pois aquel home deulle unha tunda que non é para contala. O toliño comprendeu que non falara como debía, e preguntou: —¿Seica non falei ó xeito? ¿Como teño que dicir? —Tes que dicir "nin nazan nin reverdezan". De alí a un pouco viu a uns labregos que andaban a sementar o trigo e díxolles: —Boas tardes. Nin nazan nin reverdezan. Os labregos botaron a correr atrás del. Pero o tolo, que xa viña escarmentado, escapou. Como lle estorbaban as tripas do año que traía na cintura, sacou a navalla e cortounas. Unha muller que traía a comida para os labregos berrou: —Non o colledes, que sacou a navalla e botou as tripas fóra, e agora corre moito máis.

40


Os labregos pensaron que para collelo habían de facer o mesmo, sacaron as navallas, e cada un abriu o seu bandullo. E, claro, alí quedaron no sitio.

Recollido por Miguel Tenreiro González

O GALO, A GADAÑA E A ESCADA

Era unha familia moi pobre. Morreron os pais, e os tres irmáns non tiveron apenas herdanza que repartir. Ó maior deixáronlle unha escada. Ó do medio, unha gadaña. E ó pequeno, un galo. O pequeno colleu o seu galo e marchou polo mundo adiante. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde cada noite xunguían o carro coas vacas e ían buscar o día. Pensaban que, se non o ían buscar, non viña e era sempre noite. O rapaz, que quedara a durmir nunha casa, viu aquel movemento e preguntou: —¿E logo para onde van a estas horas? —Imos á procura do día que, se non imos, non vén e é sempre noite. Facemos quendas, a cada veciño tócalle unha noite e hoxe tócame a min. —Pois eu teño un aparello chamado carretamañás, que trae o día sen que haxa que xunguir as vacas nin nada. —¿Que ha traer? —Trae tal. Se quere probámolo hoxe. —Pois ímolo probar. E agardaron. Cando se achegaba o día, o galo deu en cantar, claro: —¡Cacaracá! Os paisanos colleron algo de medo, e preguntaron: —¿Que foi o que dixo o aparello ese? —O carretamañás di que logo vén o día. Halle de faltar unha horiña. De alí a pouco o galo cantou outra vez: —¡Cacaracá! —¿E agora que di? —O carretamañás non mente. Faltaralle unha media hora. E volveu cantar o galo: —¡Cacaracá! —¿Que di? —Que xa chegou o día. Abran as ventás e hano ver. Foron mirar e, claro, era día. E dixéronlle os paisanos: —¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá? —Vendo, pero o carretamañás cústalles moito. —Dámoslle os cartos todos que hai no barrio. Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa.

41


O irmán do medio, vendo que o pequeno viña rico, colleu a súa gadaña e decidiu saír el tamén polo mundo. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde segaban agarrando un as pallas e cortándoas outro unha a unha coa navalla. E, claro, así tardaban unha eternidade. Cando viu isto, díxolles: —¿E logo non saben segar doutra maneira? —Non, señor. ¿E logo haina? —Eu teño a segaaxiña, unha máquina que fai o traballo en moito menos tempo. —Pois querémolo ver. Púxose el a segar coa gadaña e, claro, acabou decontado. E dixéronlle os paisanos: —¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá? —Vendo, pero a segaaxiña cústalles moito. Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa. O maior dos irmáns, vendo que os outros dous viñeran ricos e el seguía pobre, botou a súa escada ó lombo e foise polo mundo adiante. Pero non daba feito nada. Mesmo se rían del. Unha noite, aburrido da escada, arrimouna á parede dunha casa para se desfacer dela. Xa ía marchar cando sentiu voces no andar. Picado pola curiosidade, subiu cerca da ventá para oír mellor. Dentro había un matrimonio, e a muller queixábase: —¡Ai, home, a ver se me amañas esa cociña, que a teño toda estragada! A quen ma amañase, non sei o que lle daba. —Ti, por dar, dábaslle os cartos todos que temos agachados na artesa. —Cala, home, que aínda te han oír os veciños. O da escada baixou, esperou toda a noite e, cando o marido marchou para o traballo, púxose a pregoar: —¡O amañador de cociñas! ¡Amaño cociñas, fornos e chemineas! Petou na porta e, cando a muller lle abriu, díxolle: —Señora, veño de parte do seu marido para lle amañar a cociña, que seica a ten moi estragada. Díxome que, para el, o máis importante do mundo era ter á súa muller contenta, e que me había pagar cuns cartos que tiña na artesa. A muller non desconfiou, porque as señas eran boas, e deixouno pasar. O da escada amañou a cociña e cobrou os cartos. Así que estivo ben lonxe, desfíxose da escada botándoa nunhas silveiras, onde non a vise ninguén. Nestas, o marido volveu á casa e a muller recibiuno toda contenta: —Ai, ho, des que me mandaches ese home quedei na gloria. ¡É que antes non podía facer nada! —¿Pero que home? ¿Que home che mandei? —E... chegou un home dicindo que viña de parte túa, que para ti o máis importante era ter contenta á túa muller, que me amañaba a cociña e que lle pagase cos cartos da artesa. E, como onte falamos disto, eu pensei que era verdade e pagueille. —Ai, muller, eu non mandei ninguén. Ese home roubouche os cartos. Vou ver se o collo. Montou o marido na besta e foi polo camiño preguntando se alguén vira un home cunha escada. E encontrou o amañador pero, claro, como non tiña a escada, non

42


o coñeceu. Ó amañador déralle un apuro e baixara os calzóns por tras dun valado. Vendo que viña o da besta, púxolle a boina por riba ó pastel. E así que o tivo tapado, púxose a dicir: —¡Quieto, paxariño, quieto! ¡Quieto, paxariño, quieto! Entón chegou o da besta e preguntou: —¿E non vería pasar a un home cunha escada? —Vin tal. ¡Quieto, paxariño, quieto! —¿E collereino? —¡Ca! Vostede non o colle, que o da escada leva un cabalo moi bo. ¡Quieto, paxariño, quieto! Agora, eu si que o collía, que eu fixen o servizo en cabalería e éralle dos mellores. ¡Quieto, paxariño, quieto! —Pois se me fose atrás del e mo collese, habíallo de pagar ben, que me roubou moitos cartos. —Pero, home, non podo. ¿Non ve que teño que coidar o paxariño? ¡Quieto, paxariño, quieto! Este paxariño vale moitos cartos e non se me pode escapar. —Pero cóidollo eu. —Vale, pero non lle toque ó paxariño. O amañador montou na besta e o outro quedou coa boina dicindo "Quieto, paxariño, quieto". Pero pasou o tempo, o amañador non volveu, e quixo ver o paxariño que había debaixo da boina. Meteu os dedos a modiño e sacou a man chea de merda. Como lle deu noxo, sacudiu a man e, como estaba á beira dun valado, cravou a man nun espeto. Como lle doeu, meteu a man na boca e tivo que se ir lavar ó río. E dixo: —Por falar cando non toca, perdín o diñeiro todo, e por non andar amodo, tiven que lavar a boca.

Recollido por Miguel Tenreiro González

43


44


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.