Issuu on Google+

REIVINDICACIÓN DO SÓCRATES DE BENITO PRIETO


SÓCRATES, RELAXADO EN ESTATUA EN TUI En 1933 a II República convocaba unhas oposicións ao ensino secundario. Nelas participaba con éxito un mozo de Ribadeo, o seu nome Benito Prieto Coussent. Este flamante profesor de debuxo renuncia a prazas en Madrid ou Barcelona para quedarse en Galicia e escolle o instituto de Tui atraido pola proximidade a Portugal ou pola beleza artística da cidade.

Benito Prieto en 1936

O centro educativo ao que chegaba Benito Prieto fora creado por Real Orde de 30 de outubro de 1845 como instituto de segunda ensinanza de terceira clase e comezou as súas actividades o 1 de decembro do mesmo ano pero esta etapa inicial non dura moitos cursos e será o goberno da II República o que refunde o instituto de Tui que na súa nova andaina converterase en pioneiro na adopción das metodoloxías e pedagoxías máis novidosas.

É aquí onde converxen os intereses do recente chegado profesor e do resucitado instituto. Como di o seu alumno Pedro Díaz a primeira lección de D. Benito foi romper con carraxe e razón as requintadas láminas de perfís clásicos e invitar aos seus alumnos a debuxar a natureza e máis adiante a modelar coa arxila de Budiño ou a traballar o granito de Pazos de Reis. As exposicións de final de curso son todo un éxito recollido nos xornais da época, choven os recoñecementos e as homenaxes. Benito Prieto goza nesta etapa da súa vida tudense e amplía de xeito altruísta a súa docencia ofertando nos locais do mesmo instituto clases nocturnas e de balde a obreiros e artesáns. Froito da colaboración de estudantes e obreiros, guiados polo infatigable Prieto, xorden entre outras obras dous bustos senlleiros: o busto de Sócrates que presidirá de xeito efémero un xardín tudense e o de Valle-Inclán ao que un inexplicable ostracismo levouno do pontevedrés xardín das Palmeiras a Proba do Caramiñal, esquecido nun almacén municipal, acabou reubicado no cumio do Curota onde foi branco de ataques vandálicos. Por que esa xenreira contra estas obras? Por que os cálidos aplausos e os fervores entusiastas das inauguracións deron paso, en moi breves xornadas, aos odios cainitas e aos miserables desprezos?


Porque eran chegados os tempos de pechar a paréntese das liberdades, porque fronte a la España del cincel y de la maza, con esa eterna juventud que se hace del pasado macizo de la raza. Una España implacable y redentora, España que alborea España de la rabia y de la idea renacía La España de charanga y pandereta, vieja y tahúr, zaragatera y triste;

Porque a mediados de xullo de 1936 unha cruenta guerra incivil comezaba a segar esperanzas e vidas, tamén en Tui. Benito Prieto é detido na súa vila natal de Ribadeo e trasladado ao cárcere de Tui acusado de simpatizar e colaborar con obreiros e anarquistas. Se el corre perigo, que dicir das obras que dirixiu? O busto de Sócrates será o primeiro chibo expiatorio. Na cadea Busto de Sócrates, nos Xardíns de Tui en 1936 Prieto é informado da fazaña que executan uns facinerosos -son as súas verbas- un deles cun carretillo no que levaba un caldeiro con chapapote. Subían pola costa que baixa ao Miño. Daba medo velos. Paran diante do busto, dan voltas ao redor, bótanlle unha corda e entre todos tiran de Sócrates que vai caer no macizo de pensamentos (que de todas cores sementara o xardineiro xunto cuns lirios) sen que as espadanas dos lirios puidesen defender ao filósofo. Pisan todo, destrozan as flores, meten o busto na carreta e cóbreno de chapapote. Querían apagar a luminaria divina do pensamento de Sócrates. Baixan pola costa e tírano ao río. Velaí xa ao Sócrates relaxado en estatua! Os tribunais da Inquisición xulgaban aos seus reos aínda que estivesen fuxidos e entregábanos en estatua ao brazo secular para que executara a sentenza. En Tui, nos inicios da última guerra incivil, sen necesidade de ser xulgado de novo (xa a temerosa


democracia ateniense o fixera no ano 399 a. C.) o busto de Sócrates foi condenado non a beber a cicuta senón a afogarse no leito do Miño. Como non ía merecer esta nova condena se no seu pedestal estaba gravado Estou sobre o pobo como o tabán sobre o cabalo para picalo e telo desperto. A mellor maneira de vivir é practicar a xustiza e a virtude? A muda pedra berraba e o seu berro era incompatible con aquel momento histórico. Acaso os novos acusadores de Sócrates, redivivos Meleto, Ánito e Licón, querían que o pobo despertara? Acaso pensaban que a mellor maneira de vivir fundaméntase na práctica da xustiza e da virtude? Tui, que segundo as lendas foi fundada polo grego Diomedes de Etolia, non pode permitir que outro grego, o gran filósofo Sócrates, permaneza por máis tempo afogado no esquecemento. Sen rencor, sen odio pero coa lembranza viva cidadáns e cidadás, alumnas e alumnos tudenses imos ser Recreación virtual do novo busto de quen para reinstalar o busto de Sócrates no xardín de onde Sócrates endexamais debera ter desaparecido. Non será o Sócrates que xace nas profundidades do Miño, será unha réplica que esperamos poder ofrecer axiña. Próximo o solpor dun día de maio, cando xa nos campos áticos a cebada está madura para a ceifa, Sócrates bebeu a cicuta. Nós pretendemos tamén un día de finais de xuño (coincidindo co aniversario dos primeiros xogos florais de Galicia, celebrados en Tui) cando as primeiras auras estivais sopran suaves sobre os vizosos campos baixomiñotos, inaugurar o novo busto de Sócrates. E para iso un grupo de alumnos, dirixidos polos seus profesores de educación plástica e coa axuda dun escultor local, xa comezaron a emular -setenta e cinco anos despois- os traballos que Benito Prieto e os seus alumnos fixeran no 1936. Se somos quen de rematar esta tarefa teremos descuberto, despois dunha longa noite de pedra, unha nova alba de gloria e poderemos repetir as palabras que, na inauguración do primeiro busto socrático, pronunciara o daquela alumno do instituto de Tui Emilio Álvarez Blázquez: Sócrates tiene ya en Tui un altar. Ved a la divinidad pagana: es un trozo de granito enxebre arrancado de la entraña de la tierra gallega y en el que las manos hábiles del maestro y las aún inquietas de los discípulos han sabido


grabar toda la expresión de un rostro y toda la inquietud de un espíritu. Esa es la divinidad y este el templo. Por cúpula un cielo azul y límpido donde las golondrinas juegan a los colores con los rayos del sol. Un surtidor que rompe día y noche su monotonía de cristal, sobre un agua de peces. Un sauce llorón que se inclina hacia el suelo ante lo bello del instante y los ojos de la divinidad, los ojos del hombre hecho piedra que se pierden por los senderos del jardín aromados de alhelíes, de clavelinas y de margaritas.

Público asistente á inauguración do monumento en 1936

Por Benito Prieto, polos seus alumnos, por Sócrates, pola intelixencia, pola liberdade!

Benito Prieto, en Tui, en 1996


SÓCRATES E TUI